NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2025

Feira, De Ninghures
Seis adiantos despois... Feira (2025) xa está fóra. De Ninghures vén de publicar o seu novo disco, e segundo da súa discografía, días despois da súa actuación en Bruxelas como parte da edición deste ano do Festival EmigraSON. O último do grupo de multiinstrumentistas galegos está composto dunha decena de temas nos que exploran a tradición galega, revitalizándoa con influencias latinas ou árabes e aproximándoa á escena actual. Baixo a produción de Juan de Dios Martín, De Ninghures experimenta coa electrónica, incorpora novos instrumentos —mesmo renova o uso da súa instrumentación habitual— e engade efectos ás súas composicións. Tal e como o propio título indica, este traballo é a banda sonora «dunha ‘feira’ do século XXI».
Máscaras, Antifrágil
O venres 21 Antifrágil lanzaba Máscaras (2025), un agardado EP que recompila os sinxelos publicados desde finais de 2023, e a versión inédita de ‘Miedo’ como extra. O cuarteto vigués fusiona rock alternativo, grunge, britpop e post-rock, creando así un son envolvente que evoca a brutalidade e emotividade dos 90. Os cinco cortes de Máscaras preséntanse «cunha máscara característica, un elemento que cobrou un novo significado dentro do universo estético e conceptual da banda». Explorando a dualidade da identidade humana a través desa máscara, Antifrágil entrega un traballo cargado de intensidade, dinamismo e texturas envolventes que xa se puido escoitar ao vivo en La Fábrica de Chocolate (Vigo), nun inicio de xira que coincidiu co propio lanzamento.
Trankimasin, Heredeiros da Crus
O novo da mítica banda de Ribeira chega logo de seis anos de silencio discográfico. Heredeiros da Crus lanza Trankimasin (2025), traballo que presenta como «unha dose revitalizante de rock en estado puro». Composto por 13 cortes, descritos como «comprimidos receitables en caso de deficiencia sanguínea de rock dos 70», o longo desprende irreverencia, retranca e unha potencia sonora que reforza a capacidade do grupo para renovarse sen traicionar as súas raíces. Gravado entre os estudios Strongroom (Londres) e os Nakra da Coruña, Trankimasin contou coa produción de Iago Lorenzo, colaborador habitual do grupo, quen acadou un equilibrio entre a crueza do directo e os coidados detalles do estudio.
Montedapena, Montedapena
Héctor Rodríguez (Lontreira) debutaba en solitario hai uns meses e, despois de tres adelantos, agora presenta o disco ao completo. Montedapena (Ernie Records, 2025) é moito máis que un traballo discográfico; é un lugar de pertenza ao que Montedapena nos convida a ritmo dunha fusión do pop das últimas décadas cun estilo contemporáneo que o fai único. A decena de cancións que compoñen o longo poñen en evidencia a versatilidade de Héctor, quen acada reinventar o pop a través do seu propio prisma artístico, mentres canta —en galego, castelán e catalán— a temas universais e emocionais que reflicten o sentir de toda unha xeración.
Súbete ao EVA, Filloas
«Sete arquivos mp3 que soa como un canón», deste xeito define Filloas o seu novo disco, Súbete ao EVA (2025), dispoñible nas principais plataformas dixitais desde o venres 14 de febreiro. O artista vigués lanza un álbum, o terceiro xa, que destaca pola súa fusión entre o hyperpop e ritmos electrónicos e letras, en galego, cargadas de referencias a animes, videoxogos e memes. Producido polo propio Filloas coa colaboración de Daiv, o longo captura o espírito dunha xeración conectada e creativa, cunha vida social nocturna de referencias comúns. Eses «sete arquivos» que comentabamos tocan temas como o existencialismo xeracional, o desamor, o sarcasmo sobre a situación lingüística do galego ou a identidade, froito de experiencias persoais. Os seus directos, onde xa tivo a oportunidade de estrear varios de estes temas, actúan como canalizadores da barafunda das sensacións e sentimentos que engloba o álbum.
Vitoria, Chicharrón
En 2024 cumpríronse dez anos do seu primeiro disco, Chicharrón (Prenom, 2014), unha década que Chicharrón celebrou no Teatro Colón (A Coruña) cun concerto onde repasaron a súa traxectoria e, ademais, estrearon ao vivo o que sería o seu vindeiro EP, Vitoria (Acuarela Records, 2025). Que a data do seu lanzamento fose o venres 14 de febreiro, Día de San Valentín, non foi casualidade, xa que as catro pezas que recolle o álbum están inspiradas en una historia real de amor entre dúas mulleres durante a ditadura franquista. Para Vitoria, traballo que marca xa a súa sétima referencia, a banda carballesa afástase un pouco da estética dixital dos seus traballos anteriores e abraza un estilo máis intenso e visceral.
Man Raíz, Darío Moreira
No seu último disco, Man Raíz (2025), Darío Moreira presenta un traballo de harmonización de cancións tradicionais galegas, que recolle nunha atmosfera íntima creada pola guitarra e a voz. Ao longo dos sete temas que conforman o álbum, a guitarra adquire unha voz e protagonismo especial ao describir as diferentes paisaxes coa súa capacidade tímbrica, rítmica e armónica. En Man Raíz, a guitarra de Moreira fai un xogo de espellos cos instrumentos de corda medievais, coa kora dos griot o coa sonoridade do arpa, recibindo influencias da música arxentina, do impresionismo clásico e do flamenco. Estas sete cancións conéctanos coa cultura, con nós mesmos como unha parte dunha colectividade que se amplifica nun espazo cada vez máis interconectado.
Coda, Seixo
Sete cortes recolle Coda (2025), o primeiro disco de Seixo. O dúo composto por Diego Salgado e Bazait entrega un traballo como resultado do uso de ferramentas de composición e produción que foron adquirindo ao longo das súas nutridas carreiras musicais. Case media hora de ritmos sincopados e complexos que se fusionan con ambientes amplos e melodías vocais, letras que falan de dilemas humanos e un estilo simbolista cheo de metáforas arrevesadas. En “Coda”, Seixo desmárcase cun son profundo, escuro e adulto, con influencias que van desde o house e o trip-hop ata o UK garage, armados ata os dentes con músicas estrañamente confortables e unha mirada curiosa e aceda.
Las cartas sobre la mesa, Álex Cassen
Logo de publicar dous poemarios, Álex Cassen decidiu afondar na disciplina que lle apaixona desde neno: a música. Las cartas sobre la mesa (2025) é o seu primeiro disco, un EP de sete temas a través dos que o artista vigués pretende pechar distintos capítulos da súa vida. Faino sobre unha mestura de xéneros como o pop, reguetón, dance, hardcore ou techno coa electrónica como fío condutor. E é que en Las cartas sobre la mesa, Cassen leva a electrónica por bandeira, aínda sen encadrarse nun só xénero, para contar as súas vivencias dun xeito tan íntimo como universal, polo que o oínte terá a oportunidade de sentirse identificado coas súas letras.
Ni el tiempo ni la distancia, Gonzalo Arca
Aínda que o máis recente que escoitabamos del data de 2022, ano no que lanzou o sinxelo en galego ‘Tan lonxe de ti’, o último disco, Alone at the Crossroad (2014), saía hai máis de dez anos. O venres pasado, Gonzalo Arca rompía esa década de silencio discográfico co lanzamento do seu novo álbum, Ni el tiempo ni la distancia (2025). Producido por Gustavo Redondo e o propio artista en Retrológico Estudio (Madrid), a decena de cancións que recolle o álbum móvense entre o pop e o rock de xeito orgánico, amosando unha sinceridade que nace das experiencias vitais do cantautor; desde vivencias persoais ata as lembranzas máis fondas, Arca emprende unha intensa viaxe cantada, por vez primeira, en castelán. En Ni el tiempo ni la distancia colaboraron artistas do talle de Pablo Pérez, Marcos Coll y José «Niño» Bruno.
Mi guerra mundial del yo contra el yo, César de Centi
En 2019 César de Centi facía vinte anos enriba dos escenarios e, para celebrar esas dúas décadas de traxectoria musical, o cantautor coruñés ofreceu un gran concierto no Teatro Colón (A Coruña), que gravou ao vivo e lanzou en César de Centi en vivo en el Teatro Colón (2023). Esta era a súa referencia máis recente ata o sábado 1 de febreiro, día escollido por César para poñer á venda Mi guerra mundial del yo contra el yo (2025), o seu novo disco. A colección de 6 cancións reflicte un amplo abano de sensacións: medo, ansiedade, resilencia, esperanza... Entre os cortes está ‘Titiritero’, colaboración con Ismael Serrano.
Ecoralia, a lambona ecolóxica, Pakolas
Un par de anos despois de que puxese banda sonora á viaxe á Lúa da pequena Ramona, Pakolas presenta non só un novo libro-disco. Ecoralia, unha pequena meiga e boa coñecedora de conxuros ancestrais, é a protagonista de Ecoralia, a lambona ecolóxica (2025), un disco de rock para que os máis pequenos coñezan a importancia de consumir alimentos ecolóxicos certificados, para coidar tanto da nosa propia saúde como da contorna que nos rodea. Editado por CRAEGA, o álbum conta a historia de Ecoralia a través de media ducia de cancións que se adentran nas entrañas da carballeira máis extensa de toda Galica, onde os oíntes descubrirán a Mistín o vagalume, Ramón o teixugo, as tías Rosa e Mónica, Don Arsenio... personaxes cos que Pakolas ensinará, ademais, a combater o cambio climático e garantir o benestar animal.
🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!
🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!