GONZALO ARCA: «TODOS SOMOS MONTAÑAS RUSAS EMOCIONAIS. E SE ATOPAS ALGUÉN QUE NON O SEXA, NON TE FÍES»

De neno facía versións de Juan Pardo e cantaba rancheiras no coche xunto ao seu pai, así que non sorprendeu a ninguén cando, sendo de adolescente, pasou a ser vocalista da banda Vado Permanente. Daquela pasaron xa máis de vintetantos anos; dúas décadas nas que Gonzalo Arca (Vilagarcía de Arousa, 1983) formou parte de bandas como The Preachers ou Sugar Mountain ata conformar o seu proxecto en solitario; el, a súa guitarra, as súas cancións.
Logo de publicar o seu primeiro traballo, Alone at the Crossroad (2014), co que xirou polas principais cidades galegas cunha grande acollida, o cantautor regresa con Ni el tiempo ni la distancia (2025), un longo —o primeiro— no que aborda unha intensa viaxe mergullándose ata o máis fondo da súa memoria.
Foto © Jennifer Espiñeira
A Gonzalo Arca escoitábamolo por vez primeira militando como vocalista en grupos como Vado Permanente, The Preachers ou Sugar Mountain... pero antes? Como lembras, e cal foi, o teu primeiro contacto coa música?
Gonzalo Arca: «O meu primeiro contacto coa música, supoño que, como calquera persoa, foi na miña casa. Os meus pais cantaban cancións a dúas voces os domingos pola mañá mentres facían a comida [risos].
Lembro atopar no tocadiscos vinilos como Let It Be de The Beatles, Bad de Michael Jackson, Rock & Roll de Adriano Celentano, Un sorbito de champagne de Juan Pardo, Ahí ven o maio (1975) de Luis Emilio Batallán... e tamén recordo con moito agarimo ir no coche co meu pai cantando rancheiras, por exemplo».
Hai máis dunha década —en 2012— desde que te presentas só coa túa guitarra enriba do escenario. Que che empurrou a tomar esta decisión?
Gonzalo: «A necesidade. Lembro perfectamente que foi no Bar Palos, en Vilagarcía. Por aquel entón, tres membros de Sugar Mountain faciamos algún acústico e tiñamos pechada esa data. Ao deixar o grupo, loxicamente, non quixeron facela. Así que decidín facela eu só porque me viña moi ben o diñeiro».
Dirías que a túa experiencia previa sendo parte dun grupo moldeou a túa carreira en solitario?
Gonzalo: «Non o sei. A min sempre me gustou o que me gusta e sempre executei o meu traballo do mesmo xeito, obviamente puíndome polo camiño. Supoño que todo o que está ao teu ao redor che influencia dalgún xeito e pode verse reflectido en momentos determinados, pero penso que o groso vén do que comentamos nunha pregunta anterior; diría que foi ese primeiro contacto coa música o que destapou a miña personalidade e marcou o meu camiño».
Partindo do rock, pasando polo country, o soul ou o blues, e mesmo con tinguiduras de pop, aí podería encaixar a túa música, pero, sen etiquetas, como a describirías ti? A que soa Gonzalo Arca?
Gonzalo: «É difícil escaparse das etiquetas, todo soa a algo sempre. A min téñenme dito cousas moi dispares en canto á miña voz ou á miña forma de cantar, por exemplo. Que recordo a “fulano” ou a “citrano”, que non teñen nada que ver entre eles, e nalgunha ocasión a un “fulano” ou a un “citrano” que eu non coñezo e non escoitei na miña vida [risos]. Tamén hai quen opina que a miña voz é moi recoñecible e que saberían que son eu aínda que aparecese colaborando nunha canción doutro músico... Todo o mundo ten unha opinión.
O que eu intento é facer música sen pensar en etiquetas; facer o que me apetece no momento de compoñer e priorizar a canción sobre o estilo. A miña música e as miñas letras son sinxelas. A que soa Gonzalo Arca penso que é unha pregunta que prefiro que contestedes os demais».
Canto ás túas influencias, quen dirías que ten, ou tivo, un particular impacto no teu xeito de entender a música?
Gonzalo: «The Beatles. Creo que deles vénme o que che acabo de comentar de priorizar a canción sobre o estilo. Nun mesmo disco podías atoparche “Helter Skelter”, “Ob deina, Ob dáa” ou “Cry, baby, cry”. E iso encántame».
Logo dunha morea de concertos lanzas Alone at the Crossroad (2014), un EP de seis cancións sinceras e honestas. Como xorde a idea deste primeiro disco?
Gonzalo: «Como ben dis, levaba xa moitos concertos en solitario, acompañándome só da miña guitarra, e fora escribindo unas cantas cancións. Tiña ganas de dar un pequeno paso cara a adiante, así que decidín gravalas, publicalas e recuperar o formato banda para presentalas nunha xira».
O videoclip de “Waiting for the Sun” foi rodado integramente en Nova York, cidade que «descobres» ao espectador de norte a sur e de leste a oeste. Como lembras a gravación, algunha anécdota que recordes especialmente? Porque non debeu ser tarefa fácil!
Gonzalo: «Entendo que a todo o mundo lle pareza unha tarefa complicadísima [risos]. A historia, anécdota en si mesma, é a seguinte:
Á irmá do meu amigo Goomer, o meu manager por aquel entón, tocáronlle dous billetes a Nova York nunha rifa da Escola de Gaitas de Ortigueira, cuxos alumnos ían participar no desfile de San Patricio. Ela non podía ir e regaloullos ao seu irmán, quen mo comentou. E como eu teño familia alí, díxenlle que, se me daba un billete, eu dáballe aloxamento. Así que nos fomos de viaxe unha semana, completamente gratis, e aterramos no JFK a ritmo de muiñeira, con varios membros da expedición tocando a gaita dentro do avión.
Unha vez alí, gravamos imaxes cunha cámara GoPro do tamaño dun chisqueiro e á volta fixo a montaxe Mikel Fuentes, a quen aproveito para agradecerlle novamente desde aquí, porque o fixo tamén desinteresadamente.
E así foi».
“Waiting for the Sun” (e “I Like Your Face”!) foi unha das cancións que formou parte da banda sonora de El desconocido (Dani de la Torre, 2015), protagonizada polo tamén galego Luis Tosar. Toda unha honra, non?! Como chegaron as cancións ao filme?
Gonzalo: «Esa foi outra carambola do destino. Chamoume Manuel Riveiro, o músico encargado da banda sonora, porque había anos, a través doutro amigo e produtor de Alone at the Crossroad, Iago Lorenzo, xa traballara con el para a película peruana Mañana te cuento (2005), na que tiven que cantar dúas cancións da súa autoría. É curioso porque a película foi todo un éxito en Perú e, aínda a día de hoxe, a xente segue a tentar pescudar quen é o cantante en foros da internet [risos].
Si, desde logo foi unha honra que elixise “Waiting for the Sun” e “I Like Your Face” para incluílas en El desconocido».
Uns anos despois de lanzar o EP, fuches concursante de La voz como parte do equipo de Pablo López. Que levas no peto da experiencia?
Gonzalo: «Como vos poderedes imaxinar, é o menos relevante que fixen na miña vida, aínda que para a maioría da xente sexa o máis destacable ao falar sobre min [risos].
Un domingo, resacoso, recibín un WhatsApp do mesmo amigo co que viaxei a Nova York —que como podedes ver é unha constante na miña vida— no que me anexaba unha ligazón e dicíame literalmente: “Apúntate, burro”. E nun “suxéitame o cubalibre” antolóxico, apunteime. Só había que mandar un vídeo e, se che seleccionaban, ir a un casting nun centro comercial de Vigo, onde me elixiron entre 265 persoas, e xa me mandaron directamente ao último casting en Madrid.
É un programa de televisión e, como tal, está guionizado. Búscase, en primeiro lugar, promocionar aos coaches e, en segundo, entreter á audiencia contando historias de superación. Pero pensei que saír unha ou dúas veces en televisión ante tres millóns de persoas era unha boa forma de visibilizarme. Paseino ben e coñecín xente. Ademais, de todo se aprende».
En 2021, e coincidindo co Día das Letras Galegas, lanzabas “Tan lonxe de ti”, o teu primeiro tema en galego que canta á morriña, lembrando a Galicia como nai que acolle como agarimo. Como xurdiu este tema en concreto? E por que o repentino cambio de idioma?
Gonzalo: «Estaba unha mañá en casa, tocando a introdución de “Take It Easy” de The Eagles, sen prestar atención ao que facía e pensando nas miñas cousas. Supoño que lle fun cambiando o ritmo inintencionadamente, gustoume algo que fixen, a cantaruxei por enriba e sooume a muiñeira. Souben que tiña que escribila en galego e iso fixen; nun momento tiña a letra. Logo subinlle un ton para que me quedase un pouco máis alta.
Non foi algo premeditado. Como che digo, as cousas van xurdindo e sempre fago caso aos meus presentimentos».
A principios de febreiro rompías catro anos de silencio discográfico coa publicación de Ni el tiempo ni la distancia (2025), o teu novo disco, e primeiro longo! Como nace este álbum?
Gonzalo: «Pareceume un bo momento para publicar algo novo. Así que me puxen a compoñer. Tiña outras cancións escritas en inglés, pero quería facelo en castelán. Así que empecei de cero».
Foto © Jennifer Espiñeira
Centrándonos na primeira parte do título, e sen esquecernos de “Tan lonxe de ti”, por que dilatar tanto no tempo (once anos) o lanzamento dun novo traballo?
Gonzalo: «Realmente son dez anos, xa que Alone at the Crossroad saíu en decembro de 2014 e Ni el tiempo ni la distancia en febreiro de 2025.
Non se como funcionan os demais músicos independentes, pero, polo menos no meu caso, isto vai por tempadas. Á marxe de que este tempo estiven inmerso noutros proxectos —dos que algúns callaron e outros non— gravar un disco supón un esforzo a todos os niveis que non sempre teño posibilidade ou, simplemente, ganas de facer. Porque o resultado tampouco vai moito máis alá do desfrutar e a satisfacción persoal de deixar algo propio neste mundo, cousas que tamén me achegan tocar en directo, en bares ou salas ou, o meu último descubrimento, facelo nas rúas. Así que vou alternando para non queimarme.
Como te imaxinarás, se publicas un novo álbum e apenas ten repercusión, que é o que sucede, sóbeche o baixón e pensas: “na miña puta vida”. Entón te recreas un pouco no teu propio afundimento, refúxiasche na música, segues a facer o teu e, tarde ou cedo, volve apetecerche.
De todos os xeitos, non tardarei outros dez anos en sacar o seguinte; a madurez está a sentarme ben e xa case non teño distraccións, podedes estar tranquilos [risos]».
Retomando primeiras veces, neste disco ábreste en canal e falo en castelán. Desta volta, a que se debe estoutro xiro no idioma? Que fixo que, logo de tantos anos cantando e compoñendo en inglés, pasases ao castelán?
Gonzalo: «O primeiro disco que gravei na miña vida foi Debo más de lo que puedo, con Vado Permanente, e penso que me iría moito mellor se non me movese dese camiño [risos].
Foi con The Preachers cando comezamos a compoñer en inglés e, despois, cando entrei en Sugar Mountain, toda a súa discografía estaba escrita en inglés; supoño que Alone at the Crossroad tivo lugar porque viña con esa inercia. Ademais, desenvolvera unha crenza ou, máis ben, o prexuízo de que o rock soa mellor na súa lingua materna. Hai xa tempo que entendín que non é así e que non ten sentido que o teu público non entenda as letras das túas cancións».
De todas, a letra de “Misa de réquiem” é lancinante, algo que xa era de supoñer polo «réquiem» do título. En quen está inspirada?
Gonzalo: «No meu pai».
Ao fío, non é a única canción que zumega saudade, como tamén o propio título do LP; de feito, é unha das moitas emocións que o oínte poderá sentir ao longo do disco. Dirías que os sentimentos na súa versión máis crúa son o fío condutor do disco?
Gonzalo: «Absolutamente. Este álbum non deixa de ser unha viaxe a través da miña memoria na que falo de persoas, lugares, vivencias, pensamentos... cousas que levo gravadas a lume, que están estreitamente relacionadas entre si, que amo profundamente e que, en ocasións, tamén me fan sufrir».
Foto © Jennifer Espiñeira
Aínda así, hai espazo para a esperanza (“Todo irá bien”, “Desnudos en la inmensidad”), para seguir adiante (“Dispara”)... convertendo o disco, no seu conxunto, nunha especie de montaña rusa de emocións. Son estes temas reflexo das túas vivencias?
Gonzalo: «“Todo irá ben” si é un canto á esperanza. “Desnudos en la inmensidad” xa non tanto, máis ben o contrario; trata, ou pretende facelo, sobre a capacidade do ser humano para cometer os mesmos erros xeración tras xeración ao longo da historia, aínda crendo sempre que a súa é mellor que a anterior —ou precisamente por iso— e augurando que así seguirá sendo eternamente.
“Dispara” é un contrapunto; unha mostra de actitude. Vén dicir que, aínda que a vida non sexa perfecta e as túas decisións non fosen sempre as correctas, te rebeles e actúes. Hai que seguir disparando.
Canto á túa pregunta, si, como xa che comentei son as miñas vivencias, os meus recordos, os meus pensamentos... a miña experiencia vital, resumindo. E si, é como unha montaña rusa. Todos somos montañas rusas emocionais. E se atopas alguén que non o sexa, non te fíes; ese cabrón esconde algo [risas]».
Como foi proceso creativo de Ni el tiempo ni la distancia? Como traballastes os temas?
Gonzalo: «Pois hei de dicir que para este disco non seguín, en xeral, con algunha excepción, o meu proceso habitual, no que primeiro fago a música e melodía de voz e despois a letra.
Adoito coller a guitarra e tocar algo, cando o que toco gústame, canto por encima e se tamén me gusta, fago a letra. En moitas cancións deste disco, sentado nun bar ou na terraza de casa, fixen primeiro a letra partindo dalgunha frase que me gustaba ou dalgún pensamento matutino, que para min son os mellores, recentemente chegado do outro mundo. Pero a melodía xa soaba na miña cabeza, xa podía cantala mentres a escribía. Logo collía a guitarra, tocábaa e gravábaa para deixala maquetada».
Neste traballo seguimos a escoitar americana pero, para nós, en menor medida que no teu primeiro EP, onde tinguías as túas letras de sons clásicos americanos. Que propiciou este «pequeno» xiro no teu son?
Gonzalo: «Bueno, traballei cun produtor distinto e hai algún tema que, por concepto, se pode afastar un pouco pero, en xeral, eu non percibo ese cambio de son. Quizá máis limpo, menos cargado.
Pode ser que o idioma sexa o que che suxire tamén ese cambio. Seguro que se escoitases Alone at the Crossroad en castelán soaríache menos americano [risas]».
Seguindo a «tradición», neste álbum, como no primeiro, tamén escoitamos varias colaboracións musicais, como a de Pablo Pérez, Marcos Coll e José «Niño» Bruno. Por que eles? Ademais do obvio (os seus instrumentos), que dirías que achegan aos temas?
Gonzalo: «Trátase de tres súper-clase curtidos en mil batallas con diferentes artistas de talle internacional, como The Bellrays, Lisa & The Lips, Irma Thomas, Mick Taylor, Buddy Miles, Loquillo, Miguel Ríos, Calamaro, Leiva etc. O que achegan é o seu inmenso talento, a súa personalidade, o seu gusto e a súa experiencia. Algo que podes percibir tanto no que tocan como no que non tocan».
Este longo foi producido xunto a Gustavo Redondo en Retrológico Estudio (Madrid), produtor co que traballaches, segundo el conta, «máis en buscar obsesivamente un bo son que na innovación». Como foi esa procura, de que xeito definistes, pois, este son?
Gonzalo: «Non queriamos apartarnos demasiado do concepto de raíz no que adoitan moverse as miñas cancións e traballamos en que o son fose o mellor posible. Aínda que é certo que nalgunhas cancións tentamos non caer nos tópicos, ou polo menos non en todos, co uso de técnicas e instrumentos diferentes para desmarcalo un pouco do puramente clásico».
Foto © Jennifer Espiñeira
Ni el tiempo ni la distancia chegou completo, sen ningún single que servise de adianto, algo que se desmarca do que é un lanzamento habitual. Por que facelo así?
Gonzalo: «Aínda que son plenamente consciente diso, ao ser eu o que se encarga de todo, e ter xa demasiadas cousas que facer e nas que pensar, dábame moita preguiza sumarme unha tarefa máis.
Estar pendente de sacar dixitalmente un single e logo outro, e outro, para ao final, cando sae o disco completo, ter que incluír eses singles dentro do lanzamento xeral do disco... buf! Pareceume un coñazo tecnolóxico de moito coidado. Preferín publicalo de golpe e que sexades vós os que escoitedes as cancións dunha nunha. Non as poñades todas á vez, facede o favor! [risos]».
Pouco máis de dez anos separan o teu primeiro álbum deste último disco, que diferencias, ou similitudes, atopas entre ambos? Botando a vista atrás, cambiarías algo daquel debut?
Gonzalo: «A diferenza principal é o idioma. A similitude principal é o protagonista. En esencia, en ambos os discos, son eu facendo as miñas cancións. Seguro que ten máis similitudes que diferenzas.
E non, non cambiaría nada. Posiblemente podería facelo mellor, desde logo, pero cada paso que dás forma parte do teu camiño; o que conta é aprender para o seguinte, non borrar ou renegar do anterior».
Ultimamente, algúns afortunados poden escoitarte polas rúas de Ourense, ao pé da Ponte Vella ou na Praza Maior da Cidade das Burgas. Que dirías que te achega tocar na rúa?
Gonzalo: «Precisamente en Ourense, tráeme moitas conversacións coa policía local grazas ao seu Más Ilustre Veciño, que cada vez que me ve, pégalles un telefonazo para que comparezan no lugar do crime para “poñer orde”. Supoño que o meu non lle gusta tanto como a Panorama ou Omar Montes. Aínda non me convidou a cear ou a ir con el ás termas, pero non perdo a esperanza [risas].
E despois deste inciso cómico-reivindicativo, dígoche que o que me achega é felicidade, fundamentalmente. Estar a facer o teu traballo, nun contexto a priori desfavorable ou inesperado, e ver as caras dos nenos sorríndoche e saudándoche; ver que persoas que non teñen un bo día ou non están a pasar por un momento fácil achéganse a agradecerche que lles alegraras un momento; que che tiren notas desde as xanelas das oficinas nas que, lonxe de queixarse porque están a traballar, pídenche cancións que queren que toques... Para min non ten prezo. Ademais, xérame seguidores e promociono os meus concertos. É algo que empecei a facer durante a pandemia e que aínda manteño».
Como tes pensado levar o disco aos escenarios? Cando, e onde, poderemos desfrutar de Ni el tiempo ni la distancia ao vivo?
Gonzalo: «Pois o primeiro concerto vai ser o venres 4 de abril no Salón García, en Vilagarcía, con toda a banda. A partir de aí, espero poder facer unha xira, como mínimo, por Galicia para presentalo».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Gonzalo: «Pois, xa que estamos, Marcos Coll e o seu disco NÒMADE (2023), por exemplo. Bueno, todos os seus discos. Tamén o de Pablo Pérez con Lisa & The Lips, discazo! Hai moitos máis, por suposto, pero por mencionarte os traballos de dous amigos que tiveron a ben prestarme os seus servizos neste álbum».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Gonzalo: «Supoño que todos os clásicos que me gustan a min, The Beatles, Stones, Bob Dylan, Van Morrison, Roy Orbison, Marvin Gaye, Otis Redding, Bill Withers, Sam Cooke, etc., e descubrimentos relativamente recentes como Chris Stapleton, por exemplo.
Para preparar concertos con bandas de versións, como o reencontro de The Preachers hai dous meses, podes atopar a Bryan Adams e o seu “When You’re Gone”, John Mayer, The Black Crowes... Ultimamente pode aparecer Frankie Valli... E, por suposto, Juan Pardo aparece 100% seguro».