• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MONTEDAPENA: «ESTE PROXECTO É UN NOVO COMEZO»

MONTEDAPENA: «ESTE PROXECTO É UN NOVO COMEZO»
12 MAIO 2025

Definido como o seu proxecto artístico máis persoal, Montedapena é a proposta musical en solitario de Héctor Rodríguez; alén das etiquetas, nela conflúen desde os sons pop das últimas décadas á música electrónica. Desde a experimentación e sen límites na fronte, o cantante e produtor convida o oínte a sumarse ao movemento con ritmos bailables y letras traballadas que reflicten o sentir de toda unha xeración.

O seu debut, Montedapena (Ernie Records, 2025), evidencia a versatilidade do músico e produtor, quen acada reinventar o pop a través do seu propio prisma artístico.

 

Foto © Raquel Diz Rosendo

 

Detrás de Montedapena está Héctor Rodríguez tamén coñecido como Rotce cantante e produtor de Moaña (Pontevedra) a quen xa coñeciamos por ser unha lontra en Lontreira. Como nace, pois, este proxecto en solitario?

Montedapena: «Pois son varias cousas que se xuntan; unha foi descubrir a miña voz e escoitar que soa ben como para cantar en solitario, outra foi que Lontreira querían parar un pouco o ritmo que levabamos estes dous anos, non tocar tanto en directo e non tomarse isto como un traballo... E para min é superimportante poder dedicarse a música e vivir disto, por iso o de formar este novo proxecto en solitario».

 

Sendo parte dun proxecto consolidado como Lontreira, arrincar en solitario supón, en certo xeito, volver empezar. Como estás a vivir esta especie de «novo comezo»?

Montedapena: «Con moita ilusión! É un novo comezo, pero xa teño algo de camiño andado... Por unha banda é difícil porque non todo o mundo que coñecía Lontreira é capaz de descubrir este novo proxecto ou de asociarte con esta nova etapa pero, pola outra, o de non comezar totalmente de cero axuda. Ademais, vou repetir un par de festivais nos que xa estiven con Lontreira e iso me fai moita ilusión».

 

 

Musicalmente falando, hai algo de Lontreira en Montedapena?

Montedapena: «Claro que si; hai desde algunha referencia, ata cancións que partiron da mesma idea.

Que “Raposo” e “q fas?” teñan a mesma harmonía e ritmo parecido non é coincidencia... Lembro cando fixen a primeira idea, no que era ese “nanananana” que escoitamos en “q fas?”, que Adri cando escoitou lle molou moito a base, pero a melodía non a representaba tanto, entón lle fixo outra melodía... Dous anos máis tarde, cando estaba a facer o disco de Montedapena, lembrei aquela melodía que quedara por aí perdida e tiña que facer algo con iso, e de aí saíu o tema».

 

 

En Lontreira encárgaste dos teclados, das producións, composicións…, pero é que aquí, ademais... cantas! Como enfrontas agora esta nova faceta?

Montedapena: «Pois a verdade que estou moi cómodo, pero foi un proceso longo de ensaio e erro, facendo moitas probas gravando as maquetas de como soaba mellor. Tamén comecei en clases de canto, con Lucía Lago, a verdade que todo isto axudou moito».

 

Xa que estamos... en que punto se atopa Lontreira actualmente?

Montedapena: «Pois estamos tomándonos todo de chill, ou así é como dicimos. Xa o comentaba un pouco antes, que a idea era case non facer concertos, e así está a ser.

Grazas a iso tamén estamos volvendo facer o que máis nos gusta facer xuntos, que é o feito polo que se formou Lontreira: quedar para facer música, sen pretensións, máis que para pasalo ben.

Pode ser que nalgún momento haxa un novo disco de Lontreira, pero iso, non temos nin rumbo nin nada, cando podemos quedamos para facer música e xa está».

 

 

Monte da Pena é un monte situado na túa vila natal, Moaña, por que escoller este topónimo para designar non só o proxecto, senón tamén o teu primeiro disco (do que falaremos máis adiante)? Que significado ten para ti este lugar?

Montedapena: «Teño moitos recordos de cando era pequeno alí. En concreto, un dunha festa de aniversario do meu tío; eu era un neno, había unha foliada e xunto con máis rapaces gravamos unha curta moi cutre. Foi moi divertido e é curioso que foi a miña primeira peza audiovisual, por moi cutre que fose, eu o vexo como o xerme de todo o que veu despois na miña vida».

 

 

En Montedapena conflúen desde os sons pop das últimas décadas ata a música electrónica, pero, sen nomear ningún estilo, a que soa Montedapena?

Montedapena: «O máis fácil penso que é denominalo pop e xa está, creo que engloba ben todo».

 

Canto ás influencias, a quen sinalarías como principal referente na túa música? Quen inspira a Héctor?

Montedapena: «É difícil quedarme só cun grupo ou artista, pero no meu top teño desde Evanescence, Ólafur Arnalds, Dua Lipa ou Epica».

 

«Síntome vulnerable con este proxecto musical e gústame», contabas nunha entrevista na TVG. Nunha época na que o superficial gaña terreo ao transcendente, non che dá vertixe abrirte en canal a través da túa música?

Montedapena: «Ao principio un pouco si, pero unha vez que o fixen, esa vertixe desapareceu case totalmente».

 

 

 

Montedapena (Ernie Records, 2025) é o teu primeiro traballo discográfico, un longo de dez temas que se presentaba, no seu conxunto, como un convite a conectar e compartir, experiencias, sentimentos... É ese o obxectivo principal do disco?

Montedapena: «Non sei se ten un obxectivo principal, cando o estaba a facer polo menos non pensaba niso, pero si que pode ser que faga ese efecto».

 

 

A decena de cancións que recolle Montedapena tentan conectar co sentir da túa xeración, pero hai un fío conector entre elas? De ser así, cal é?

Montedapena: «Hai moitos fíos conectores penso eu. A voz, a produción, o tipo de ideas e de a maneira de facer os temas... e moitas outras cousas».

 

 

O primeiro sinxelo foi “Voltei caer na merda”, un corte no que reflictes o constante vaivén emocional que supón vivir os tempos que nos están a tocar. Que fixo que fose xusto este tema, entre os dez que compoñen o LP, o elixido como single presentación?

Montedapena: «Desde o momento que o fixen, sabía que tiña que ser o single. Houbo momentos de dúbidas con “CPU”, pero non sei dicirte moi ben por que, sentino así».

 

 

A ritmo de reguetón triste, “Rutina sen fin” fala de estar atrapado, de entrar nun bucle do que non se pode (ou non se quere) saír... Hai algo de autobiográfico neste tema?

Montedapena: «Si, pero quen non se sentiu nun bucle rutineiro algunha vez na súa vida? Tiven os meus momentos, pero como todo o mundo. Agora xa hai tempo que non me sinto así».

 

 

Comentabas que «as cancións con máis carga sentimental foron as que menos me custou escribir», algo que semella ser bastante recorrente nos artistas. Por que pensas que pasa isto, que é máis doado compoñer un tema canto máis peso emocional ten?

Montedapena: «Pois o fas moi rápido porque o sintes tanto que non tes nin que pensar, a letra vai saíndo soa».

 

 

Coa experiencia que tes como artista e como produtor, de que xeito arrincou o proceso creativo deste traballo? Partiches dunha idea melódica, dunha emoción concreta, dunha historia...? E como se foi desenvolvendo ata conformarse o disco?

Montedapena: «Non partiu só dunha cousa, foron moitas historias, cancións e cousas que foron tomando sentido a medida que o proxecto ía facéndose».

 

Cantado en galego e en catalán, “T’estimo molt” naceu como unha bachata para ir evolucionando ata chegar a ser o tema que escoitamos no disco. Como xorde esta canción en particular? Porque seica foi un agasallo para a túa parella!

Montedapena: «Efectivamente, xurdiu como un agasallo para o meu mozo, e acabou sendo un dos singles do disco».

 

 

Pero, ademais de galego e catalán, tamén cantas en castelán! Escolles o idioma segundo o que pide a canción ou é algo máis emocional?

Montedapena: «Un pouco de ambas, cando sinto que ten que ser nun idioma é nun, e cando sinto que ten que ser en outro, pois así é».

 

Gravaches os pianos do disco en Portugal, as guitarras en Vigo, os sintes en Pontevedra... Por que decidiches espallar o proceso de gravación por diferentes lugares?

Montedapena: «O de gravar en sitios diferentes foi polas necesidades de cada cousa. O do piano en Porto era por ser o estudio de gravación con piano que tiñamos máis a man; ademais teñen un Fazioli, que é un piano máis orixinal do que poden ter outros estudios, e penso que pagou a pena. Os sintes en Pontevedra un pouco o mesmo; Iván Blanco, que foi con quen traballei os sintes, vive alí e ten o seu equipo alí, por iso foi así.

Aínda que a maior parte da gravación foi en Planta Sónica con Pancho Suárez en Vigo, e a maior parte da produción no meu homestudio no Morrazo».

 

 

 

A portada leva a sinatura de Celia Arcos. Por que contar con ela para esta parte do proxecto? Que papel xoga a estética visual no conxunto da túa proposta artística?

Montedapena: «Foi bastante casual, ela traballa moito en Ernie Records, e era unha opción moi a man. En canto vin a idea que tivo das curvas de nivel pareceume incrible e non houbo que darlle moitas máis voltas».

 

Que lle dirías a alguén que aínda non escoitou Montedapena para que lle dea unha oportunidade?

Montedapena: «Que é música fácil de escoitar, que pode acompañarte en calquera momento do día, e que hai un pouco de todo: desde temas máis emocionais ata outros para animarse de festa ou no gym [risos]».

 

 

Recentemente escoitabámoste en “CARMELA”, tema incluído no último disco de remixes de Mondra, traballo no que tamén participas como produtor en “PUNHETA!”. Como xurdiu esta colaboración?

Montedapena: «Martín escribiume para participar no disco, en principio era para colaborar só con Rotce, pero probei a gravarlle unhas voces a “Carmela”, gustoulle e así quedou».

 

 

Ao fío, con que artista ou grupo galego che gustaría colaborar nun futuro non moi afastado, xa sexa como artista ou como produtor?

Montedapena: «Xa o teño dito, pero coas Tanxugueiras sería incrible. Agora mesmo, creo que aínda teño que seguir dando uns cantos pasiños máis e, de darse o caso algún día, gustaríame ter o tema perfecto para iso, non facer algo por facer a colabo e xa está. Se algún día teño a idea en cuestión, gardareina ben por se algún día pode darse o caso».

 

Vés de actuar en La Fábrica de Chocolate, logo de facer paradas en Santiago, Lugo e Ourense. Como está a ser a acollida do disco ao vivo?

Montedapena: «En concreto o da Fábrica do outro día tivo unha acollida moi boa; a xente saltou, bailou e cantou moito, eu paseino superbén»

 

Foto © Raquel Diz Rosendo

 

Como son os concertos de Montedapena? Cando, e onde, poderemos volver verte enriba dun escenario?

Montedapena: «Con moita enerxía e festa, pero tamén con algún momento máis emocional.

Estarei en festivais (algúns que xa pisei con Lontreira); polo de agora non hai nada anunciado, pero en breves estou seguro de que xa se fará algo público, pode mesmo que cando se publique esta entrevista xa saibamos algo máis!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Montedapena: «Pois eu varro para casa, pero a Quinkillada en directo son moi potentes e son festa asegurada».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Montedapena: «Quitando artistas favoritos que dixen antes, podes encontrar temas de artistas totalmente diferentes, desde a cumbia ao metal, á música electrónica, a cousas comerciais de hoxe en día a frikadas varias».

 

 

  noticias