LULA MORA: «LULA MORA NACEU CO OBXECTIVO CLARO DE CREAR A TRAVÉS DA MÚSICA UNHA FORMA DE HABITAR O MUNDO»

Como unha ponte musical entre as súas dúas identidades culturais e xeográficas, Galicia e Canarias, eríxese Lula Mora. O dúo liderado por Sara Caride e Silvia Izquierdo tece música e poesía en cancións que se nutren de vivencias persoais para falar de encontro, cambio, esperanza e sororidade. Aínda que parten do xénero de canción de autora, os seus sons empápanse de sonoridades doutros xéneros como o indie, o rap, o folk ou a música de raíz.
E de raíces, amor e sororidade está cheo o seu primeiro traballo discográfico, Hogar (2025), unha historia dunha viaxe, dunha migración, que resulta dun fondo cuestionamento sobre o arraigo, a identidade, o territorio e as persoas que o habitan.
Hai tres anos que Lula Mora nace en Santa Cruz de Tenerife das voces de Sara Caride e Silvia Izquierdo. Daquela, como xurdiu o dúo... e con que obxectivo?
Sara Caride: «Lula Mora nace do impulso de compartir a música. Hai tres anos cheguei a Tenerife e nesa época escribín moitas cancións na soidade da miña casa; foi un momento moi introspectivo na miña vida, de moito traballo persoal e reflexión a raíz da miña migración a Canarias. Esas cancións acompañaron moitos procesos persoais e precisaba darlles un novo significado. Silvia foi a primeira en crer nelas, en que podían ser un traballo discográfico conxunto. Ela tamén estaba a pasar un momento vital moi semellante ao meu, experimentando o encontro co territorio e cuestionándose moito sobre o arraigo e a sensación de pertenza. Foi un momento clave para ambas».
Silvia Izquierdo: «Sara presentoume un caderno cheo de cancións, buscaba unha guitarrista con quen comezar un grupo —unha familia— musical. O primeiro día que quedamos no parque García Sanabria para facer música xuntas as dúas tivémolo claro; conectamos a nivel musical e persoal desde o primeiro momento.
Lula Mora naceu como un proxecto musical, pero co obxectivo claro de crear a través da música unha forma de habitar o mundo. Soñamos con contar historias, viaxar, descubrir, crear e compartir a través da música; e ata o de agora así foi, puidemos vivir moitas experiencias rodeadas de persoas incribles grazas a este camiño que emprendemos xuntas».
Por qué «Lula Mora»? Por que este nome propio para designar o proxecto?
Sara: «Á hora de pensar un nome, tomamos coma referencia ás cantoras que máis nos estaban influenciando nesa época: Silvana Estrada, Mercedes Sosa, Natalia Lafourcade... todas elas tiñan nome e apelidos. Remitímonos á raíz familiar para buscar un nome: Lula é o nome da miña nai e Mora remítenos a unha sonoridade moi interesante, que acompañaba moito».
Silvia: «Decidimos crear un pseudónimo que tivese nome e apelido como as cantautoras que admiramos. Agora utilizámolo tamén entre nós e coas nosas amigas como un adxectivo que representa un pouco a personalidade caótica de ambas, somos moi “lulas”».
O dúo é de recente creación, pero non así a vosa paixón pola música: Silvia estudou guitarra clásica, mentres que Sara comezou como saxofonista nunha banda local. Como foi evolucionando o voso interese por esta disciplina ata chegar ao punto no que vos atopades agora, dúo incluído?
Sara: «No meu caso (e tamén no de Silvia) a música está aí dende sempre. Lembro a miña nai tocando a pandeireta cando era nena, era profe de música no colexio onde eu estudei. Sempre trataron de inculcarme o amor pola música. Eu toquei moitos instrumentos e pasei polo conservatorio, pero sobre todo atopei lugar no canto.
Tiven a sorte de estudar cunha profesora boísima e nunha coral en Cambados na que cantabamos versións de cancións chulísimas, coma “Bohemian Rapsody” ou “Sweet Dreams (Are Made of This)”. Desde ese momento nunca deixei de cantar en diferentes agrupacións musicais alí onde viaxaba».
Silvia: «No meu caso, desde moi pequena estiven en escolas de música aprendendo guitarra, linguaxe musical e canto. Á miña irmá (Isa Izquierdo) e a min encantábanos cantar, facer música, bailar e preparar shows para a nosa familia. Lembro pasar as tardes na casa coa guitarra aprendendo cancións en YouTube para logo cantalas no colexio ou nas reunións familiares.
Na universidade, cando estudaba ADE e guitarra clásica no conservatorio, descubrín o mundo das jams e os micros abertos; foi unha época moi bonita, na que aprendín moito xunto a outros artistas do gremio. Nos escenarios das jams foi onde coñecín a Sara».
Falando diso, Silvia, que pensas que lle achega unha formación clásica regrada a un músico que non centrará a súa carreira na interpretación de música clásica?
Silvia: «A música é unha linguaxe e entender a teoría musical ou dominar a técnica dun instrumento ábreche novas posibilidades dentro desa linguaxe, dáche ferramentas para expresar artisticamente unha idea e comunicarche con outros músicos. No conservatorio creas unha base sólida neste sentido, sobre a que logo podes seguir a medrar e a aprender.
Unha formación regrada musical tamén ensina un xeito de escoitar e entender a música, constrúe unha mirada crítica e analítica, cunha apertura para escoitar algo novo desde a curiosidade. Para min isto é un das aprendizaxes máis bonitas, xa que che permite amar a música nun sentido moi amplo».
Entre as vosas influencias, lemos nomes como Silvana Estrada e Natalia Lafourcade, Ozelot ou La Chica (aos que arriscamos a engadir outros como Sílvia Pérez Cruz ou Valeria Castro)... é así? Quen diriades que ten, ou tivo, particular impacto no voso xeito de facer música?
Sara: «Hai moitísimas artistas que marcaron esta primeira etapa do noso proxecto, Valeria e Silvia tamén estiveron presentes, por suposto. Nese ano escoitaba moita música, pero a nivel de sonoridade os que máis influenciaron penso que foron tres álbums: Hortela de Maro, Marchita de Silvana Estrada e Sustancia de Club del Río. Sentinme moi identificada e removéronme profundamente. Ozelot influenciou en temas máis concretos, como “Dudas”, pero sen dúbida é outro artista cuxa pegada estivo presente pola profundidade das súas letras, que teñen moi presente esa dimensión existencial».
Silvia: «Para ambas a música de cantautoras españolas e latinoamericanas marcou unha grande influencia na nosa forma de facer música. Silvana Estrada e o seu álbum Marchita foi sen dúbida una das que máis nos inspirou no noso álbum Hogar. Tamén De todas las flores de Natalia Lafourcade, ou a música de Maro, Rita Payés e Sílvia Pérez Cruz.
Ambas comezamos a cantar acompañadas por unha guitarra, un ukelele ou un teclado, e penso que iso influíu moito tamén na forma que temos de compoñer; así como na música que escoitabamos para inspirarnos.
O ano en que gravamos o álbum retirámonos un mes a Galicia e estivemos a compoñer os arranxos dos temas na casa da familia de Sara. Todos os días escoitabamos unha canción dalgunha artista que nos inspirase para comezar a sesión de traballo. Escoitabamos a Silvia Pérez Cruz, José Gonzalez, Ella Fitzgerald, Rita Payés, Lianne A Havas, Jorge Drexler, Silvio Rodríguez, Perota Chingó, La Muchacha, Laura Murica, Bon Iver, La Otra...».
Ambas as vosas terras de orixe, Galicia (Sara) e Canarias (Silvia), teñen tradicións musicais moi ricas, inflúen estas dalgún xeito nas vosas composicións? De ser así, como?
Sara: «Sen dúbida, si; estar en contacto con ambas escenas musicais determinou as bases do noso proxecto. Temos moita sorte porque, sobre todo cando comezabamos, estabamos rodeadas de grandes artistas que eran amigos e amigas moi próximos».
Silvia: «Ambas as terras contan cunha riqueza musical impresionante. De momento incorporamos timidamente a pandeireta de Galicia e o timple de Canarias nalgunhas das nosas cancións, pero gustaríanos honrar as nosas raíces incorporando máis elementos do folclore na nosa música».
Se ben é certo que partides do xénero da canción de autora, o voso son constrúese en base a sonoridades próximas ao folk, a música raíz ou o indie. Como o definiriades? A que soa Lula Mora?
Sara: «A min gústame que este proxecto non é unha soa cousa; podemos facer rap, folk ou música de raíz e para min a esencia é a mesma. A intención que temos de contar historias profundas e persoais, que nos conectan entre nós, que mostran unha visión do mundo moi concreta, tratando de recoller, traducir e materializar emocións cun corte bastante existencial».
Silvia: «O primeiro álbum seguiu esa liña folk porque era a música que escoitabamos e que nos nacía nese momento. Son cancións que podes cantar ao redor dunha fogueira, arroupada pola calor da familia que conforma un fogar. A propia música recrea a mensaxe do álbum. Con todo, ningunha queremos aferrarnos a compoñer seguindo un único estilo, para nós o importante é poder contar historias, transmitir unha mensaxe a través da música e sentirnos libres de explorar novas sonoridades e ritmos».
Sara, fuches parte dunha das residencias artísticas de R.A.R.O. Bos Aires, programa no que puideches afondar os teus coñecementos na improvisación sonora. Como lembras a experiencia? De que xeito dirías que afectou ao teu desenvolvemento tanto persoal como profesional e como se traslada a Lula Mora?
Sara: «Marchei á Arxentina nun momento no que o grupo estaba a despegar. Volvín moi inspirada de alí. Coñecín a persoas incribles e tiven experiencias persoais e vitais que me animaron moito a seguir ese camiño. Sentir que vivo e establezo rutinas en sitios moi distintos ao meu lugar de orixe fai que teña esa sensación de “vivir moitas vidas”.
En Bos Aires, ese primeiro contacto coa experimentación sonora tamén me animou a estudar produción musical, estudos que sigo cursando actualmente en Canarias».
Ambas pertencedes a Mare Fem, un espazo interseccional onde se defende o feminismo e a solidariedade con propostas creativas (como a vosa mesmamente!). Podedes falarnos do proxecto? Como vedes a situación actual da muller na música?
Sara, Silvia: «MareFem xorde dun espazo de encontro e creación artística no seo do noso grupo de amizades. Estabamos atravesadas por vivencias machistas de diversa índole e atopamos na arte unha canle moi importante de expresión, así que tratamos de crear espazos seguros e diversos para que outras artistas e artistes emerxentes do panorama local teñan un altavoz onde poñer en valor as súas propostas. Traballamos sobre todo con proxectos inéditos, con persoas que fan música de gran calidade pero que non están nada visibles.
Cada vez son máis os proxectos artísticos liderados por mulleres, pero coidamos que aínda falta un camiño longo por visibilizar a produtoras ou instrumentistas, que son roles bastante masculinizados».
A principios do febreiro pasado publicabades Hogar (2025), o voso primeiro traballo discográfico. Cal é a idea detrás de este disco? Como fostes construíndo este «fogar»?
Sara: «Hogar é a historia dunha migración, é chegar a un sitio novo e preguntarte quen es aí e que lugar ocupas. Trata temas coma o arraigo ao territorio e o encontro coas persoas que viven nel, pasando por todos eses momentos onde se presentan a nostalxia, as dúbidas, a alegría, a tristura ou a morriña que caracterizan un cambio vital tan grande como é migrar da terra onde medraches».
Silvia: «Hogar parte da historia de migración de Sara. Cando ela chega a Canarias se forma un grupo de amigas, artistas, persoas activistas con sede de descubrir a illa e todos os movementos culturais e sociais que había nela. Persoas de Tenerife e doutros lugares que nos xuntamos e sen darnos conta fomos creando unha familia. Eramos un grupo de veinteañeros tratando de atoparnos nunha nova vida adulta, golpeándonos con realidades como o prezo desmedido do alugueiro, as condicións precarias do traballo ou as consecuencias dun turismo masivo, á vez que viviamos unha crise migratoria na que viamos a Europa dar as costas a miles de persoas que chegaban en patera.
As cancións que escribiu ela nese momento escondían unha historia de migración na que moitas outras persoas podían verse reflectidas. Parecíanos unha mensaxe potente e por iso decidimos facer este álbum».
Lemos que Hogar é un álbum conceptual no que as dez cancións se presentan enfiadas para contar unha historia. Cal é ese fío condutor que as une? Que historia queredes contar?
Sara: «Hogar ten unha narrativa moi pensada detrás, cada canción ocupa o seu lugar exacto; desde “Voar”, o anhelo dun cambio ou movemento, unha canción espida e minimalista, rematando en “El charco”, unha canción polo contrario de encontro, de sensación de raíz e pertenza no novo lugar, que se conforma con bastante instrumentación e pistas de voces. O fogar fano as persoas que o habitamos xuntas, e esa é a conclusión á que chegamos ambas. É máis un espazo emocional que un espazo físico».
Silvia: «Hogar narra a procura do que conforma un fogar, unha procura que non é lineal nin sinxela, e que está atravesada por distintas realidades, contextos e reflexións persoais. No álbum quixemos reflectir os momentos de dúbidas, o refuxio que pasa a ser a voz e o propio corpo cando todo ao redor parece mutable, o encontro co territorio e as persoas que o habitan, as historias doutras migracións que se cruzan nun mesmo punto xeográfico...
A través da música tratamos de reflectir tamén este fío condutor. O álbum comeza con “Voar”, que fala da nosa necesidade de cantar para expresar aquilo que nos é difícil facer doutro xeito, por iso comeza a capela. En “Dudas” aparecen por primeira vez a batería, o saxofón e o thunder, marcando un cambio na sonoridade con respecto ao resto de temas; e utilizamos unha linguaxe musical máis contemporáneo e disonante. “Nana para no niños” é unha nana na que nos recoñecemos nos pasos dos nosos antepasados.
A conclusión final do disco é que o fogar o conforman as persoas que o habitan, e por iso o álbum termina cun audio do noso primeiro concerto, no que cantamos rodeadas das persoas que son fogar para nós».
Que o primeiro que escoitásemos deste Hogar fose “Refuxio” non foi casualidade, non? É así como pretendiades que o oínte acollera o disco, coma un espazo seguro, confortable?
Sara: «Persoalmente non chegara a unha reflexión tan conclusiva, pero gústame moito a interpretación. “Refuxio” é a derradeira canción que escribín e fala do encontro coa propia voz cando fóra todo se move. É un bo punto de partida e unha canción á que lle puxemos especialmente moitísimo agarimo».
Silvia: «É unha moi bonita forma de interpretalo. Para nós, “Refuxio” sintetizaba moi ben a esencia do disco. Tamén a nivel sonoro é quizais una das que máis nos gusta e máis orgullosas sentimos do resultado final.
A canción partiu dunha idea que arrincou Sara un día co guitalele xunto a un charco, rodeadas de amigas. Foi collendo forma nas semanas seguintes xunto aos nosos amigos e as nosas amigas nunha viaxe a Gran Canaria, así que tamén nos trae recordos moi bonitos de cando foi creada».
Esa sensación de fogar, de ledicia cotiá, reflíctese no vídeo que acompaña o tema. Como lembrades a gravación?
Sara: «Este disco está rodeado de amigos, non podía ser doutra forma. Gaspar Gariglio e Matteo Archondis son as persoas que principalmente están detrás de todos os visuais deste primeiro traballo; son persoas moi próximas a nós que queremos moito. Foi incrible traballar con eles e segue a selo. Tamén poñen moito de si mesmos en todo o que fan».
Silvia: «Temos a sorte de estar rodeadas de amigas artistas que coas que compartir ideas creativas e proxectos. O disco materializouse grazas á colaboración de moitas delas, como é o caso do videoclip, que foi gravado por Gaspar Gariglio e Matteo Archondis, dous artistas aos que admiramos moitísimo e que ademais viviron xunto a nós a creación de Lula Mora, acompañándonos desde un principio. Nunca viviramos a rodaxe dun videoclip profesional e para ambas foi unha experiencia única. Depositamos a nosa confianza neles e durante a rodaxe encargáronse de que só nos centrásemos en desfrutar».
“Dudas” comeza sendo unha peza recitada para rematar cos versos arroupados por brillantes melodías. Como naceu esta canción en concreto? Que vos levou a compoñela dese xeito, con esa progresión tan marcada?
Sara: «“Dudas” nace dunha sensación de baleiro e soidade moi grandes, fortemente marcado pola música de Ozelot. Foi un poema que escribín nun momento bastante difícil neste proceso migratorio que vivín hai tres anos. É unha canción sobre a idea de vivir sen certezas e sobre toda a frustración que esa inestabilidade trae consigo. Silvia aplicou os seus coñecementos coma guitarrista clásica e a súa sensibilidade e desa fusión naceu o tema. Sempre tratamos que as estruturas das cancións acompañen as narrativas, e penso que neste caso quedou logrado».
Silvia: «Cando estabamos en Galicia compoñendo e terminando os arranxos das cancións, Sara ensinoume este poema e sentimos que era necesario incluílo no álbum. Quixemos romper coa estética doce do resto de temas e xerar un contraste a nivel harmónico como tímbrico (incorporando novos instrumentos), reflectindo o caos interior que sente cando estás perdida».
Sabemos que temas como “A Fuxida” ou “El mundo del racismo y el dinero” son froito das experiencias persoais de Sara nos campos de refuxiados. Como foi o proceso de trasladar esas vivencias a letra e música?
Sara: «Penso que simplemente forma parte da miña realidade e vida cotiá; vincúlaste coa xente e aparece esa empatía, ese reflexo dos outros en ti e viceversa. As historias e as persoas coas que traballo cada día conmóvenme profundamente e case sempre a miña música nace dese lugar de rebumbio emocional».
Ao fío, que papel pensades vós que xoga a arte, a música neste caso, como forma de espertar conciencias?
Sara: «Todo, simplemente. Escoitar, ler ou ver a obra de alguén é como entrar no seu espazo interior, no seu xeito de ver a vida e de interpretar as cousas. Se o artista traduce ben as súas emocións e sabe contar ben, iso atravesa ao espectador. Eu hai cousas que escoitei e que lin que me removeron moitísimo, que cambiaron a miña maneira de percibir certos temas e que foron motores potentísimos de accións tanto creativas coma persoais».
Silvia: «A arte ten a capacidade de mostrar realidades, ideas, pensamentos, dunha forma única, moi humana, universal. Ten o poder de atravesar a quen escoita e pode ser un motor moi potente de unión e de cambio.
Nos concertos puidemos sentir a capacidade que ten a arte de conectar coas persoas. Por exemplo, tivemos público de Galicia lonxe da súa terra que se emocionou ao escoitar cancións en galego, lembrando a súa raíz; sendo o galego unha lingua en perigo de extinción. Tamén persoas que han migrado e senten a historia do álbum como propia, ou canarios que sentiron a impotencia ao ver en primeira persoa a realidade de quen chega en patera. Sentir que a nosa música chega a outras persoas desta maneira é o que lle dá sentido ao que facemos».
Canto ao proceso creativo, hai reparto de tarefas entre as dúas á hora de compoñer, arranxar...?
Sara: «Cando comezamos o proxecto a maioría destas cancións xa estaban feitas e xuntas buscamos unha sonoridade grupal a través das polifonías e dos arranxos instrumentais —sobre todo nisto último foi Silvia a que tivo máis visión e recursos— pero a medida que eu vou aprendendo máis técnica e que Silvia vai compoñendo máis, ambos roles vanse balanceando. A narrativa do álbum, este concepto das cancións “fiadas”, traballámola paralelamente e en conxunto , así coma toda a parte estética».
Silvia: «Este primeiro álbum naceu por mor das cancións que tiña escritas Sara. Cando comezamos, dedicabamos cada ensaio para traballar sobre unha ou dúas cancións buscando harmonías para as voces e probando diferentes arranxos de guitarra que encaixasen cos acordes do seu ukelele. Algunhas das cancións, como “Dudas” ou “Nombrarme” foron creadas nalgún deses días que ensaiando fomos polas ramas e lle demos forma a cancións novas. Cando pensamos nos arranxos para o disco escoitabamos moita música cada unha na súa casa anotando ideas de instrumentación, ata que foi collendo forma todo o álbum.
Agora que estamos a entrar nunha nova etapa, ambas compoñemos e cando xorde unha idea nova ensinámonola a unha á outra e comezamos buscarlle harmonías e arranxos xuntas».
Aínda que, obviamente, non nos estraña escoitar cancións en galego e castelán no voso repertorio, non podemos deixar de preguntar como é a escolla do idioma? É dicir, vén predeterminado, pídeo o tema conforme vai medrando...?
Sara: «Penso que, neste caso, as dúas cancións introdutorias veñen do momento no que eu aínda teño un pé en Galicia, que estou “aterrando” en Canarias. No caso de “A fuxida”, tamén conecta a historia das persoas que chegan a Canarias coa nosa propia historia coma pobo migrante. Con todo, penso sobre todo é o tema o que pide.
En “A fuxida”, por exemplo, démonos de conta de que perdía moitísima calidade a tradución pola sonoridade máis doce que aporta ter máis vogais. Tamén trato de poñer en valor o galego sempre que podo a pesar de levar moitos anos fóra, e estamos a preparar novos temas nesta liña de reivindicación da lingua e da cultura propias».
De que xeito acadades que a maioría das cancións do longo, por exemplo “Voar” ou “Primavera”, creen esa atmosfera única, case como unha viaxe sensorial para quen escoite?
Sara: «É unha pregunta complicada de responder [risos]. Prefiro que sexa a xente a que nolo diga a nós, deixar aberto isto para que cada quen leve a nosa música a onde queira levala. Pero penso que as cancións son moi honestas coas propias emocións, e iso supoño que se nota en como soan.
Silvia: «Son cancións moi honestas, creadas desde un sentimento moi xenuíno. Isto quixemos que se traducise nun son moi orgánico e natural. Gravamos sen un clic que marcase un tempo estable, eliximos instrumentos na súa maioría acústicos, e tratamos de non perdernos nunha superprodución que puidese quitarlle a esencia que teñen as cancións ao cantalas en vivo».
Parte destas sensacións veñen dadas, cremos, por ese matiz acústico, íntimo, que ademais das melodías, tamén achega a voz de Sara, con esa modulación tan característica. Como traballas esa expresividade vocal para que encaixe coa atmosfera emocional da música? E como a arroupades coas harmonizacións a dúas voces?
Sara: «Foi un proceso orgánico, de moito encontro e convivencia entre nós, de errar moito e de atopar camiños a través da improvisación, de arranxar outros temas propios e covers... Cada unha encontrou un sitio complementario a nivel sonoro e xa coñecemos como funcionan ben as nosas voces xuntas.
No meu caso, estudei un par de anos de canto lírico e cantar é algo que me conecta moito comigo mesma, polo que trato de facelo a miúdo e a base de repetir e coñecer a túa voz en moitos temas vas modelando una forma persoal na que che agrada escoitarte».
Antes comentabamos como partides da canción de autora coa intención de explorar, abrirvos a outros xéneros. Hai algunha peza deste álbum na que derades renda solta á experimentación, xa sexa na produción, uso de instrumentos menos convencionais...?
Silvia: «“Dudas” é o tema máis experimental, deixámonos levar moito pola intuición. Neste tema incluímos un instrumento de percusión moi particular que se chama thunder, que consiste nun tubo de madeira cunha membrana nun dos extremos da que sae un resorte».
“Nana para no niños” destaca pola súa parte de spoken word, que tamén podiamos escoitar máis extensamente en “Dudas”. Con que intención incluídes estas performances poéticas nas vosas composicións? O do diálogo entre música e poesía e marca da casa, non?
Sara, Silvia: «Damos moito peso ás palabras e por iso todas as letras teñen gran carga simbólica e poética. Este híbrido entre recitar poesía e rapear a min gústame moito e formou parte dende que comezamos en moitas das cancións e recentemente na proposta escénica teatralizada/performática coa que estamos presentando o disco nos directos».
En “Nana para no niños” escoitamos tamén a voz do cantautor canario Alberto de Armas, a única colaboración do disco. Por que el? Que diriades que achega ao tema?
Sara, Silvia: «Coñecemos a Alberto cando comezamos a tocar xuntas e el marcou moito esa etapa. Viámonos moito nun bar chamado Vértice, onde presentabamos as novas cancións que iamos arranxando para ver como as recibía a xente, fixémonos amigos. Admiramos moitísimo o seu traballo, para nós é dos mellores cantautores de Canarias; é tremendo e ten un estilo moi persoal.
Presentounos este tema seu un día para cantar xuntos e soaba tan bonito que non puidemos deixar de incluílo no álbum. Nós creamos as nosas estrofas e ese poema do medio, pero os arranxos e a canción son de Alberto, é preciosa».
Como son os directos de Lula Mora? Porque enriba do escenario, ademais do dúo, descubrimos que tamén vos presentades en formato trío con contrabaixista, como banda con percusión e mesmo con outras propostas nas que combinades a música con outras disciplinas como o teatro.
Sara, Silvia: «Tratamos de que os concertos non sexan só música, senón unha experiencia. Recreamos unha atmosfera a través de escenografía e un guión que explica e une as cancións unha a unha, xerando esa sensación de intimidade e incluíndo ao público durante todo o espectáculo. Temos a sorte de contar cuns musicazos, que fan todo isto posible e cos que nos sentimos parte dun gran equipo».
E, xa que falamos de escenarios... cando, e onde, poderemos volver a escoitarvos?
Sara, Silvia: «Polo de agora soltamos dúas datas en Galiza: venres 5 de outubro na sala Krazzy Kray (Cambados) e o domingo 7 de outubro na Arca da Noe (Vilar de Santos). Estaremos anunciando máis proximamente nas redes sociais!».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Sara: «Mondra, De Ninghures, Aliboria, Mercedes Peón, Carlangas, Carlos Ares, Tanxugueiras, Gala i Ovidio, Caamaño&Ameixeiras, Leilía, Fillas de Cassandra... hai tantos que non remataría. Temos unha sorte de terra, talento e cultura».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Sara: «Desde que estudio produción musical abrín moitísimo o espectro e ultimamente estou a tope con Fred Again, alt-J, tahjii, Çantamarta, Paco Pecado, Tame Impala... e sobre todo Juana Aguirre, que foi dos últimos descubrimentos e non paro de escoitala. Bastante diverso en estilos e estéticas, e sinto que vai condicionar todo o seguinte que vaiamos facendo».
Silvia: «A miña conta de Spotify é unha ensalada de moitos estilos diferentes. Por mostrar un pouco o que escoitei as dúas últimas semanas mencionarei a Fajardo, Anhelo, Kali Uchis, Ted Lucas, Tiken Jah Fakoly, Abocajarro, Hermanos Gutiérrez...».