• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

CRISTIAN SILVA: «ˈUN HOME TRANQUILOˈ É CONTENCIÓN, PROFUNDIDADE, REFLEXIÓN, MADUREZ, PERO TAMÉN IRONÍA, FUROR E EQUILIBRIO»

CRISTIAN SILVA: «ˈUn home tranquiloˈ é contención, profundidade, reflexión, madurez, pero tamén ironía, furor e equilibrio»
18 AGOSTO 2025

Cunha gaita baixo o brazo e unha mente inqueda chea de samplers, loops e melodías que beben da tradición e da modernidade, Cristian Silva consolídase como un dos nomes dentro da escena musical galega. Natural de Carril (Pontevedra), a súa traxectoria combina o fondo coñecemento da tradición cunha clara vocación experimental, levando a música de raíz a territorios onde conviven o rock, o indie pop, a electrónica e mesmo o flamenco.

Unha década despois daquel EGO (Inquedanzas Sonoras, 2015), Silva publica Un home tranquilo (2025), un puñado de cancións que naceron entre a néboa atlántica e o pulso eléctrico da cidade, conformando así unha obra completa onde a gaita é a gran protagonista.

 

Foto © Álvaro Barreiro

 

Con varias décadas de experiencia —chegando mesmo a ser declarado mellor gaiteiro de Galicia na XXXII Festa do Gaiteiro (Lalín) entre outros galardóns— como lembra Cristian Silva o seu primeiro contacto coa música? Algunha lembranza da infancia especialmente ligada ao noso folclore?

Cristian Silva: «A primeira experiencia coa música que recordo é na casa, cantando cancións populares e escoitando casetes e discos de Amancio Prada, Julio Iglesias, Los Brincos, Los Tamara ou Luis Emilio Batallán, que era amigo da familia. Na miña familia Silva sempre se cantou nas festas, como na maioría das casas en Carril. Os meus primos tocan case todos a guitarra e era inevitable non acabar tocando. Tamén tiven a sorte de ter dende pequeno na casa un órgano Hammond do 79, que era dun dos meus avós, e que aínda conservo e emprego con frecuencia.

Pero o primeiro e decisivo contacto coa música tradicional foi da man do meu amigo Joaquín “Quinillo”, que me convidou a ir con el en Carril a clases de música cando tiñamos sobre 8 anos, e eles xa levaban uns anos. Eu foi ir a ese ensaio e quedar totalmente engaiolado da música das gaitas e da percusión. O meu primeiro instrumento foi o tambor, logo o bombo e despois a pandeireta, xa que para facerme cun oco na formación tiña que tocar algo que os demais non tocaran, de aí que pasei moitos anos facendo pasarrúas coa pandeireta, tocando coa técnica do tambor.

Logo xa foi o acordeón, pero a gaita sempre foi por dentro, xa que de escoitar aos meus compañeiros tocar, os temas xa ían quedando; e eu na casa coa frauta ía practicando pola miña conta ata que conseguín unha gaita do mestre Antón Corral. Visitalo no taller foi a chispa definitiva para incendiar a miña cabeza e marchar para Vigo en 1999 a dedicarme por completo á gaita. Alí entrei no obradoiro escola da Universidade Popular, no Conservatorio e o resto xa é historia».

 

Fuches parte de bandas e grupos de diversos estilos (Xarabal, O Chupacabras, Flip-Flop Five, Turboláser, por nomear algúns). Que che fixo, pois, a arriscarte con este proxecto en solitario? Como dirías que afectou esta experiencia previa á hora de presentarte como solista?

Cristian: «Penso que todos os que tocamos desde pequenos sempre soñamos con defender o noso propio proxecto. Eu desde pequeno xa formaba parte de grupos de música tradicional e coa adolescencia comecei a tocar en formacións folk e xa facía temas para os grupos nos que tocaba, ata formei unha banda folk onde xa arranxabamos e tocábamos temas propios (Santa Compaña).

Logo comecei a colaborar con moitas bandas e artistas do panorama galego e estatal, de moitos e variados estilos, e tocando moitos instrumentos diferentes, pero sempre pensando en que algún día lideraría o meu propio proxecto, e isto chegou sobre o ano 2010. Unha vez que logrei algo de estabilidade en canto a repercusión, estudos, colaboracións... decidinme a gravar o meu primeiro disco, EGO, en 2013, aínda que non veu a luz ata finais de 2015.

Sen dúbida, ter pasado toda a miña infancia e adolescencia en grupos tradicionais e logo en grupos folk, medievais, pop, así como na televisión ou en producións grandes como o ballet Rey de Viana foi esencial para marcar o camiño a seguir coa miña carreira musical».

 

Foi sempre a gaita o teu instrumento de referencia? Porque comparte protagonismo coa zanfona, a frauta...

Cristian: «Aínda que o vehículo principal sempre é a gaita, xa que penso que é onde conseguín unha linguaxe propia, como dixen anteriormente son moitos os instrumentos que me levan acompañando toda a vida.

A percusión foi esencial para fixar as bases, logo os teclados, piano e sintetizadores tamén foron decisivos para coñecer as harmonías, compoñer. E as cordas, sobre todo a técnica de guitarra eléctrica, foi esencial para desenvolver a miña técnica coa gaita e a zanfona e crear os meus propios instrumentos. Por iso creo que que se leve todo o protagonismo a gaita non sería xusto de todo».

 

 

Como comentabamos, a gaita é a túa constante, a túa ferramenta de expresión. Como a describirías, técnica e emocionalmente?

Cristian: «Si, a gaita é a miña constante, o meu día a día, non me imaxino un día sen tela presente. Un instrumento quente e case vivo, que pide ser abrazado, o que dá un extra de expresividade. Pero tamén é un instrumento esixente se de verdade queres facer as cousas ben tecnicamente.

Como digo sempre, a gaita é o instrumento máis coñecido e máis descoñecido á vez, máis querido e máis desprezado tamén. Como símbolo todo o mundo o coñece, pero como instrumento nin os propios instrumentistas son conscientes de todos os recursos que ten. A miña teima vai ser sempre divulgar a técnica da gaita e pelexar por que estea presente en todos os centros de ensino de Galicia, penso que vai sendo hora de que estea presente no Conservatorio de Santiago de Compostela por exemplo, é algo de lei».

 

Sen etiquetas! Como definirías a túa identidade musical? A que soa a música de Cristian Silva?

Cristian: «Pois xusto acabas de dicilo, sen etiquetas, a Cristian Silva. Hai quen di folk pola presenza de instrumentos tradicionais e por ser a gaita o eixo principal; hai quen di pop polas letras; rock polas guitarras e sonoridades, progresivo polas rítmicas e estruturas, jazz polo emprego dos modos e das improvisacións... A miña música é unha alquimia mental, unha converxencia de todas as músicas que pasaron pola miña vida metidas nun batedor e aderezadas cunha boa dose de gaita».

 

Que artistas ou referentes dirías que marcan, ou marcaron, a túa carreira musical?

Cristian: «Moi difícil dar unha lista reducida, xa que non somos realmente conscientes dos causantes de que unha persoa acade unha identidade. Non sei se me marcaron ou non, pero pódovos dicir que Michael Jackson foi dos artistas que máis escoitei e imitei na infancia... e non tan infancia.

Logo hai multitude de artistas que pasaron pola miña galería: Amancio Prada, Jethro Tull, David Bowie, Lenny Kravitz, Enrique Bunbury e en Galicia Milladoiro, Berrogüetto, Carlos Núñez, Budiño e Mercedes Peón como non, penso que foron referentes para todos os que nos dedicamos a isto».

 

 

 

Tradiphonias (2012) é o teu primeiro traballo discográfico, cal foi o punto de partida deste álbum? Houbo unha peza, unha idea, que desencadease o proxecto?

Cristian: «Tradiphonías non foi o meu primeiro traballo, foi o disco do cuarteto O Chupacabras, sen dúbida unha produción que me marcou moito, xa que só cos instrumentos da música tradicional, como son gaitas tambor e bombo, fixemos unha deconstrución de músicas tradicionais ata levalas a unha linguaxe máis contemporánea. Foi a primeira vez tamén que vivía unha autoprodución en primeira persoa, xa que viña de colaborar en discos de outra xente, pero nunca implicado na produción, polo que foi un moi bo paso para coñecer a industria.

Imos considerar EGO o meu primeiro disco, un traballo onde en 10 temas tiña moito que dicir para presentarme en solitario, e así quedou de ecléctico. Eu tiña moitas músicas compostas para ese disco, pero penso que o detonador de todo foi “A insignificante historia do home astronómico”, unha historia musical que pode ser considerada autobiográfica, e que acompañamos cun videoclip en stop motion cocido a lume lento».

 

O título xa suxire unha fusión entre tradición e innovación, unha característica propia da túa música desde os teus comezos. Que retos e posibilidades atopas á hora de innovar co son da gaita dentro de linguaxes máis contemporáneas?

Cristian: «Eu, se me permites, sempre que leo iso de “fusión entre tradición e innovación” para referirse a unha banda ou artista creo que non é correcto. Os nosos devanceiros xa innovaron moito máis que nós. É certo que non temos porque coñecer todo o que aconteceu na historia da música, pero levo escoitando esa frase dende hai 30 anos ou máis, polo que dicir en pleno 2025 que alguén innova na tradición é sobre todo incorrecto e ignorante e debemos deixar de dicilo por moi atractivo que sexa.

Eu podo divulgar un estilo ou unha técnica á hora de tocar a gaita ou á hora de producila, pero non significa que estea innovando, xa o fixeron outros antes ca min con total seguridade. O mesmo acontece coa tradición. En Tradiphonias co Chupacabras, o que facíamos era alta cociña, deconstruír as receitas con materia prima galega, que diso temos cousa boa. O que fago eu nos meus discos, salvo excepcións nas que emprego cédulas de temas tradicionais, é música de autor, polo que o único que hai de tradicional son os instrumentos, e en certa medida, xa que en moitas ocasións creo híbridos de instrumentos collendo o que máis me interesa da tradición, polo que non sei se poden ser considerados tradicionais.

O que si que está claro é que a gaita é un instrumento que ten unha serie de recursos que encaixan perfectamente na linguaxe da música clásica contemporánea. Se tocas obras de Stockhausen, Cage, estudos de Frans Brüggen... todo parece estar escrito para gaita».

 

 

 

 

En EGO (Inquedanzas Sonoras, 2015) apostas por seguir levando a gaita galega a territorios pouco habituais, como o indie-pop, o rock ou o flamenco. Que che motivou a afondar na exploración da fusión de estilos?

Cristian: «Penso que é algo natural, cando ves que todos os cantos frixio galegos están en consonancia cos cantos do sur, ou cos cantos doutras rexións do mundo, ves que todos compartimos unha mesma cultura. Polo tanto, non creo que sexan territorios pouco habituais, senón máis ben o contrario.

Tanto o rock como o pop empregan estruturas e modos presentes na nosa música tradicional e nas escalas dos nosos instrumentos. Creo que hai modos que van no noso ADN. O canto popular e os instrumentos tradicionais xa facían esa linguaxe moito antes da explosión de xéneros e etiquetas de comezos do século XX».

 

Canto a este tema de mesturar tradición e modernidade, tan en alza desde hai uns anos, como entendes ti o equilibrio entre o respecto pola tradición e a liberdade creativa?

Cristian: «Creo que a tradición xa é modernidade, e moitas veces o que vendemos como modernidade é máis ben todo o contrario. Todo forma parte dun todo, non son capaz de definir o que é moderno, porque creo que xa leva moitos anos todo feito e non debemos dar a medalla a ninguén.

O que para nós hoxe é tradición, para os gaiteiros de finais do XIX era modernidade, e o que é moderno para os nacidos no século XXI é tradición para os que naceron no último cuarto do século XX; todo depende coas gafas que mires. Eu cando toco músicas de museo, por así dicilo, intento ser totalmente fiel á fonte orixinal, pero iso non significa que sexa incorrecto facer versións ou tocar baixo un prisma diferente».

 

 

Neste longo tocas arredor de media centena de instrumentos, que papel tivo esa diversidade instrumental no son final de EGO?

Cristian: «EGO, ao ser o meu primeiro disco, sentía que tiña moito que amosar ao mundo, por iso decidín gravar eu todos os instrumentos, para que o espectador notase a miña personalidade en absolutamente todos os aspectos da escoita. Creo que agora xa non necesito iso, si ben é certo que é algo que me gusta, o de experimentar a clonación nun proxecto musical, acompañarte a ti mesmo».

 

Foto © Álvaro Barreiro

 

O corte “A insignificante historia do home astronómico” presentábase acompañado por unha curtametraxe de animación realizada en stop motion por Nuria Bouzas. Esta obra foi finalista en varios certames audiovisuais, como os Mestre Mateo, o Festival de Cine de Zaragoza... Como lembras o proceso creativo do vídeo? Agardabas o recoñecemento que acadou?

Cristian: «Sei que esa curta foi unha obra mestra para nós, sabiamos que era unha moi boa idea e un moi bo traballo, pero para ser sincero non contabamos con ningún recoñecemento, xa que para unha compañía pequena, apenas formada por dúas persoas, con todo o traballo de stop motion feito por Nuria Bouzas, sen axuda económica de ninguén, sen ningunha produtora potente por diante... Que saíse nomeada en algún certame xa foi todo un éxito.

Lémbroo como un esforzo enorme; case un ano de traballo coas figuras, ao final a historia si que tornou autobiográfica, e aí está para quen a queira ver».

 

 

Hai uns anos escoitámosche en “Cortegada” e “Conxuro”, temas de Baiuca incluídos nun dos seus discos máis recentes, Embruxo (Raso Estudio, 2021). Como xurdiu esta colaboración co (case veciño!) artista, produtor e outro recoñecido amante de mesturar tradición con electrónica?

Cristian: «Álex e eu compartimos mestre de gaita na infancia, por iso a relación viña de alá, non só de ser veciños. Cando me mandou a maqueta do primeiro disco que facía baixo o nome Baiuca, despois do seu proxecto como Alex Casanova fun o primeiro en compartilo e en darllo a Gayoso ou Xosé Manuel Piñeiro, pareceume moi interesante o tratamento dos samplers das recollidas. Para o seguinte disco propúxome gravar unhas frautas, gaitas e zanfonas para samplear e probar e eu encantadísimo. Así xurdiu o tema “Cortegada”, por exemplo».

 

 

 

 

Estás a presentar Un home tranquilo (2025), o teu novo —e agardado— disco que chega despois de... dez anos! Pandemia á parte, por que tanta dilación entre ambos traballos?

Cristian: «Xusto despois de EGO púxenme a traballar no libro-CD Manual ególatra básico, que saíu en 2017, e en outros proxectos bibliográficos. Tamén tiven a sorte de que Fran Sieira pensara en min para compoñer a música do seu espectáculo ‘Demente en 2020, polo que aínda que moitos dos temas para o novo disco foron creados antes do 2019, non se materializaron ata o lustro que vai do 2019 ao 2024, cando tiña tempo entre outros proxectos.

Ao principio tiña seleccionados como 15-20 temas para este último disco, pero finalmente quedaron en 10 de xeito natural. É un proceso severo e duro a nivel psicolóxico, xa que normalmente gravo eu todo o que se escoita nas miñas gravacións, e vou facendo capas como se de un cadro se tratase. As xeniais colaboracións que teño a sorte de ter no disco fixeron que visualizase moito antes os temas tal e como os tiña na cabeza. É imposible representar todo o que ti es e todo o que tes dentro en tres minutos e medio de música, pero hai que intentalo mediante a recombinación creativa que experimentamos a diario.

Cada vez que fago un disco sinto que deixo unha parte de min, creo un novo horrocrux, polo que centrei as enerxías en facer unha historia redonda, que quen a escoite chegue a entender o que eu penso neste momento. Todo ten sentido, ata as duracións de cada tema, ou a duración de cada cara do vinilo, que duran exactamente os mesmos minutos e segundos. Todo leva un código numerolóxico, mesmo os tons e modos empregados.

E todo isto é un proceso que non se fai en sete días, e como teño a sorte de marcar eu os meus propios tempos, espero a que o disco decida que está listo para saír».

 

De feito, o primeiro que escoitabamos (e aínda non o sabiamos!) de Un home tranquilo foi “Lobo Estepario” en 2019 e “Estado de Fuga” en 2020... este último cunha marabilla de videoclip gravado na Ilha do Sal (Cabo Verde). Foron estes dous sinxelos pensados para ser publicados soltos ou xa concibidos como parte dun todo (o disco)?

Cristian: «A idea era que eses sinxelos fosen un preámbulo do disco, que nun principio íase chamar Quásar. A pandemia e as miñas circunstancias persoais fixeron que aprazase a saída ata este 2025, tal e como dixen antes, e que sufrise un cambio de nome para Un home tranquilo, penso que moi simbólico e moi acorde ao paso do tempo.

O da gravación de “Estado de Fuga” en Sal foi totalmente simbólico. Os de Carril temos o alcume de “afoghacristos (esta é outra historia), e en Sal teñen un Cristo afoghado, polo que non podía pasar por alí sen facerlle unha visita e facer unhas tomas».

 

 

Que fixo de “Ovelha Neghra” o sinxelo presentación (oficial) deste longo?

Cristian: «Eu concibo un disco como un todo, cada estación é esencial para ter a historia completa. O concepto é un disco principalmente de gaita, xa que levan gaita todos os temas menos un, casualmente o último sinxelo que adiantou o lanzamento “Ovelha Neghra”, que aínda que non leva gaita leva zanfona, tamén chamada gaita noutros escenarios, pero pareceume moi simbólico sacalo como adianto, xa que pode ser o tema máis distinto do disco.

E cunha letra tamén moi crítica coa sociedade actual e co mundo da música. A dicotomía “Ovelha Neghra”/“Lobo Estepario” tamén foi decisiva á hora da escolla dos temas, e se te fixas no deseño do tracklist e das caras do vinilo... son temas enfrontados».

 

 

Defines a decena de cancións do LP como «unha viaxe sonora chea de reflexión e madurez». De que xeito se reflicten estes dous conceptos na atmosfera ou na estrutura do disco?

Cristian: «O disco está pensado para ser escoitado do principio ao final na orde proposta, de xeito que vaiamos coñecendo aos poucos ao que nos enfrontamos, coas diversas sonoridades da mente calidoscópica mesturada cos músicos que participan.

Así temos obras de corte pop como “E-La”, que era un tema vocal máis longo pero converteuse na introdución dos concertos, onde tocaba a banda soa sen min; ou “Tobogán”, que era unha obra que xa tiña feita para outra formación uns anos antes de comezar con este proxecto e nesta ocasión gravei cos amigos Igloo, con quen levo colaborando varios anos. As outras obras cantadas, como “Ovelha Neghra” ou “Lobo Estepario”, deambulan entre o folk e o rock. Creo que nas letras dos tres temas cantados pode quedar se cabe máis clara esa rabia, ironía e dualidade da vida dun artista.

Logo temos outras obras como “Quásar”, “Alquimia cósmica”, onde xa van saíndo esas pinceladas de funk ou jazz potenciadas polas guitarras de Pablo Pérez ou os metais, representados polo saxo tenor de Xosé Miguélez ou o trombón e bombardino de Antonio Rodríguez Iborra.

Logo hai temas máis puramente gaitísticos como “Estado de Fuga” ou “Sardinha Biva”, onde o peso cae na percusión e os diversos instrumentos tradicionais como as gaitas e a zanfona.

“Baño co leviatán” é o derradeiro tema do disco, un lugar moi especial sempre dentro dun disco; nesta ocasión conéctanos co acontecido en “Encélado de sal”, o derradeiro tema do meu disco EGO, onde finalmente repousaba nas augas dunha das lúas de Saturno, ata hoxe... Nesta ocasión pasamos das augas tranquilas aos cantos de serea representados pola voz de Ana Fernández para logo rematar loitando co noso leviatán interior, representado polo saxo de Xosé Miguélez. Así, das profundidades emerxemos buscando a calma da superficie, como un peixe abisal buscando un lugar quente.

Todo ten sentido no disco, por iso considero que é esencial escoitalo de comezo a fin para mergullarse comigo e comprender de verdade todo o que quero dicir».

 

Foto © Álvaro Barreiro

 

O título, Un home tranquilo, evoca un momento de introspección, canto ten de autobiográfico? Canta desa «tranquilidade» serviu de inspiración para a composición das cancións?

Cristian: «É inevitable que un disco con temas propios non teña algo de autobiográfico, porque todo o é. Con todo, só “Baño co leviatán”, que foi o derradeiro tema que entrou no disco, foi concibido baixo ese concepto de tranquilidade, o resto de temas foron creados baixo o prisma da primeira idea do disco, baixo o nome Quásar, unha nova enerxía.

Pero en realidade, todos entran dentro dese concepto, de aí o cambio do nome. Penso que houbo un cambio en min que me fai tomar todo con máis calma, aínda que para min o concepto de calma segue sendo moi distinto ao que aparece no dicionario».

 

 

Canto a este tema, resúltanos curiosa esa serenidade á que fai referencia o título cando a música... é de todo menos tranquila! Foi este contraste intencionado?

Cristian: «Un home tranquilo é contención, profundidade, reflexión, madurez, pero tamén ironía, furor e equilibrio. Se me coñeces ben, sabes que son de todo menos tranquilo.

Hai unha frase que sempre me gustou moito: calma na superficie, pero batendo coma o demo por debaixo. A xente non ten por que saber todo o que hai nas profundidades mariñas».

 

Instrumentos como zanfonas eléctricas fusiónanse con guitarras, sintes e seccións rítmicas que bailan entre funk, indie e jazz conformando así un diálogo entre tradición e modernidade. Desta volta, como foi o proceso de integrar instrumentos tradicionalmente ligados ao folclore galego con outros que non o están tanto?

Cristian: «Eu non fago distinción entre uns instrumentos e outros, todos serven para o mesmo: facer música. Algúns levan máis tempo entre nós e outros menos, e entendo que a carga simbólica é maior, pero na práctica é o mesmo. É certo que empregar instrumentos orgánicos precisamente achega iso, unha carga simbólica moi potente, aínda que logo os procese como unha guitarra ou un sintetizador.

Baixo o meu punto de vista, creo que non necesitamos integrar nada na música, está todo nas cabezas da xente».

 

 

En Un home tranquilo segues a reivindicar a gaita como un instrumento universal, non só un símbolo cultural. Como é utilizar a gaita do mesmo xeito que un sintetizador ou unha guitarra eléctrica?

Cristian: «Nisto remito ao que dixen nunha das primeiras preguntas, a gaita é moi coñecida pero tamén moi descoñecida. Temos moitos recursos para todo tipo de músicas, eu collín os recursos que máis me interesaban de cada momento histórico e logo incorporeille recursos que xa empregaba na guitarra ou nos sintetizadores, como os trémolos, bending, tapping...

Así, neste disco podedes escoitar creo que uns sete tipos de gaitas distintas, desde unha gaita medieval a unha gaita con chaves, pasando por unha gaita irlandesa ou outros tipos de gaitas galegas en diversas tonalidades, como re, dó, si, la ou sol, e empregando diversas técnicas».

 

En “Tobogán” contas con IGLOO, banda de Caldas de Reis recoñecida polo seu exquisito indie-pop. Como foi traballar xunto a eles? Porque sabemos que aínda estades a argallar un videoclip para este tema... para o que estades a pedir xoguetes vellos!

Cristian: «Con Igloo comecei a ter unha relación máis próxima desde que estivemos nomeados xuntos nos premios Mestre Mateo. A raíz de aí comezamos a colaborar xuntos e cando aceptaron formar parte de “Tobogán” foi unha alegría inmensa para min.

A idea do tema era falar sobre os xoguetes rotos no mundo da música, o funcionamento da propia industria musical. Ao principio eu tiña unha versión moito máis disco, pero acabei asimilando como miña a primeira versión que me mandaron de proba, e ao final, penso que quedou cunha atmosfera na que atopamos representadas as nosas personalidades musicais.

Respecto ao videoclip, en canto teña un momento editarei todo o material que recibimos, que hai cousas moi moi chulas, xoguetes do século pasado ou da nosa nenez que a xente tivo a ben de compartir».

 

 

As fotografías que serviron como base para o deseño do disco foron tomadas por Álvaro Barreiro «no solpor dun 23 de decembro» (a 9 grados!). Sendo de Carril, —«se vas a Carril, ao mesmo chegar, verás Cortegada, deitada no mar»— precisamos saber por que escoller un día de pleno inverno para a sesión fotográfica e non outro momento máis... termicamente confortable?

Cristian: «Era indispensable para a filosofía do disco. Facer esas fotos en verán non tería nin sentido nin significado. Un home tranquilo bañándose na súa casa e tomando o sol dun solpor do inverno; se iso non é tranquilidade... O home de xeo impasible ante o entorno, unha declaración de intencións.

Hai que mollarse sen pensar nas consecuencias, e non hai mellor sitio para facelo que ao carón de Cortegada, cun espectacular solpor. A tranquilidade non ten por que estar no confortable».

 

Foto © Álvaro Barreiro

 

Falando da portada, na que apareces mergullado na auga, dicías que neste álbum «acepto que estou nas augas profundas e asumo que ese é o meu lugar», aludindo ao contido simbólico da fotografía. A que te referías exactamente con esa expresión?

Cristian: «Penso que a foto de Álvaro L. Barreiro da portada no medio das augas do Carril capta por completo o que significa este disco. Unha paisaxe sonora onde cada tema conta unha historia, un volcán nas profundidades dun mar en calma. Un home tranquilo é a vida mesma dun músico a diario. A palabra “home” significa madurez, pero tamén é casa, son eu.

Creo que as carreiras musicais son carreiras de fondo se de verdade queres durar, sobre todo coa gaita, se andas moito pola superficie acaban coméndote as gaivotas. Eu entendo que non fago música comercial, ou iso creo, polo que estou destinado a ser un peixe de fondo, como un rodaballo, e saír de vez en cando, non moito, á superficie a ver o que pasa. Mirade o que pasou co pez diaño negro... mellor quedar nas profundidades aínda que a superficie sexa atractiva».

 

 

Ademais de músico, es docente de gaita, percusión e acordeón en varias escolas e conservatorios de Galicia. Como vés ás novas xeracións?

Cristian: «Hoxe en día só imparto aulas no Conservatorio de Vigo, onde está a miña praza. Alí imparto gaita sobre todo, pero tamén jazz e produción musical.

Se ben é certo que a gaita non está de moda, e é certo que hai menos rapazada que a toque, as novas xeracións non deixan de sorprenderme. Cousas que para min eran difíciles con 18 anos, agora son sinxelas para os nenos e nenas de 10 anos. Imos por bo camiño, pero necesitamos máis presenza de gaita nos centros regrados e tomar o instrumento en serio. É impensable non ter a especialidade de gaita en conservatorios como o de Santiago ou o de Pontevedra. Aínda que pareza mentira, hai moito complexo e moito detractor dos instrumentos tradicionais nos conservatorios.

Eu seguirei loitando porque a nosa gaita acade o lugar que lle corresponde, e que a zanfona tamén forme parte do ensino de grado».

 

Ao fío, a finais do ano pasado publicábase O Pilindrín, un libro que recompilaba xogos e cancións infantís recollidas polo folcloristavilagarcián Carlos Rey Cebral hai máis de 30 anos, e no que ti achegas a análise musical e Serxio Cobos as ilustracións. Na túa opinión, como pensas que este tipo de iniciativas contribúe a que os nenos xeren unha conexión natural coa nosa música desde pequenos?

Cristian: «É moi importante dotar de recursos en galego aos docentes, xa que estamos perdendo a fala totalmente. No meu centro, de 700 alumnos só temos un galegofalante. E no profesorado mellor xa non digo nada, hai moito auto-odio. Debería potenciarse máis a creación destes recursos en galego, xa que, na maioría dos casos como o noso, son autofinanciados e sen ánimo de lucro. Eu seguirei divulgando contidos sempre que estea na miña man».

 

Foto © Álvaro Barreiro

 

Vés de presentar Un home tranquilo en Vilagarcía de Arousa, de que xeito trasladas a enerxía do disco ao espectáculo en directo? Cando, e onde, poderemos volver desfrutar dun concerto teu?

Cristian: «Na posta en escena teño a sorte de contar coa miña banda habitual, a que me leva acompañando dez anos xa, desde EGO: Miguel Anxo López na batería, Suso Iglesias no acordeón, Xosé Piñeiro nas guitarras. Tamén se suman as incorporacións de Iria Iglesias nos teclados, Efrén Novoa no baixo e Ana Fernández na percusión galega e voz. E contarei con algunhas colaboracións da xente que participa no disco, como Antonio R. Iborra nos metais e algunhas sorpresas máis. Gústanme as bandas grandes, polo que haberá moita carga de potencia con guitarreo e sintetizadores, gaitas e frautas procesadas por pedais e apoio de vídeo.

En canto a concertos, con toda a banda presentamos o 17 de agosto en Vilagarcía, e logo faremos producións propias, como a do 12 de outubro na Sala Capitol en Santiago de Compostela, cos convidados do disco».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Cristian: «Se ben é certo que non escoito moita música actual en galego, gústame moito o último disco de Pauliña, Galego Is Not Dead (2024), entre outros. Penso que as novas xeracións deberían escoitar os discos folk que se facían en Galicia nos 80 ou 90, e xa non só en Galicia, porque creo que ás veces parece que estamos inventando a pólvora».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Cristian: «Pois teño en aberto varias listaxes, polo que é fácil ver o que escoito. Vai por épocas, pero ultimamente máis rock, pop, jazz, Bowie e Lenny sempre, Guilhem Desq...

En realidade intento sempre escoitar en CD ou en vinilo, polo que Spotify só o emprego para discos que non teño dixitalizados ou en formato físico, por iso non che digo Bunbury, Iván Ferreiro ou Maga, porque penso que teño toda a discografía en formato físico. Emprego as plataformas de música sobre todo para escoitar moitas recomendacións e grupos novos que me mandan colegas, xa que é a maneira de estar actualizado».

 

izq noticias