• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

LONTRAS: «LONTRAS SON OS NOSOS PENSAMENTOS MUSICAIS OBSESIVOS POSTOS A FERVER NA MESMA POTA»

LONTRAS: «LONTRAS SON OS NOSOS PENSAMENTOS MUSICAIS OBSESIVOS POSTOS A FERVER NA MESMA POTA»
13 OUTUBRO 2025

Lontras é un trío vigués formado por Juan Arca, Zalo Rodríguez e Sunil López, cuxa proposta sonora mestura jazz, canción ibérica, indietrónica, música clásica contemporánea e pop alternativo nun estilo tan delicado como persoal. Este 2025 veñen de publicar Caras no lume (Raso Estudio, 2025), un álbum co que definen a súa identidade artística a través de letras evocadoras, harmonías sofisticadas e unha produción minuciosa que se complementa cun forte compoñente improvisatorio nos directos.

 

Foto © Miguel Méndez e Marta Ferrer

 

Lontras nace «dun soño de Juan Arca e dos seus compañeiros, Sunil López e Zalo Rodríguez» que irrompía como «unha nova nota nunha xeración [...] que fai da tradición un trampolín para novas cancións». Cal foi ese soño e como convertestes o soño en realidade?

Juan Arca: «O soño trátase simplemente da nosa visión estética, que tratamos de plasmar fielmente neste disco».

 

As lontras son animais que, segundo lemos, simbolizan intelixencia, alegría, adaptabilidade... Por que escoller este animal como nome do grupo? Diriades que compartides características ou é moito supoñer?

Juan: «O nome xurdiu ao fío da canción “as lontras”. Pareceunos un bo nome por ser unha palabra curta, directa, evocadora en certa medida...».

Zalo Rodríguez: «Penso que o importante nun nome é que refira a algo agradable ou que a sonoridade da palabra sexa bonita e sinxela, fácil de recordar e pronunciar. Doutra banda, as lontras parecen bastante sociables e rebuldeiras, diría que polo menos nese sentido encaixan bastante ben con nós».

 

Foto © Miguel Méndez e Marta Ferrer

 

Indietrónica, canción ibérica, música clásica contemporánea, jazz e pop alternativo son algúns dos estilos nos que caerían as cancións de Lontras, pero, sen etiquetas, como as definiriades vós? A que soa Lontras?

Sunil López: «Supoño que a nosa música ten elementos de todos eses xéneros... pero tamén temos algo único, que xorde da unión dos tres, cada un coa súa bagaxe concreta».

Juan: «Lontras son os nosos pensamentos musicais obsesivos postos a ferver na mesma pota».

 

As vosas composicións desprenden ecos diversos que van desde Radiohead a Caetano Veloso, pasando por Pink Floyd, Devendra Banhart ou Chico Buarque. Se tiverades que sinalar algún referente (máis) que ten, ou tivera, particular impacto nas vosas composicións, ou no voso xeito de entender a música, quen sería?

Juan: «Citaría a Leo Brouwer, Wilco e Boards of Canada».

Zalo: «Eu non teño moi presentes as referencias ou influencias ao crear música, pero por similitude co proxecto e gusto persoal diría Néboa, Mocho Gris ou James Blake».

 

 

 

Estades a presentar Caras no lume (Raso Estudio, 2025), o voso disco debut, logo de meses de adiantos. Cal é a idea detrás deste traballo? Parte dun concepto central do que xurdiron os temas, é unha recompilación de temas «soltos» xa escritos...?

Juan: «Son unha compilación de temas compostos desde finais de 2020, de cando data “O principio de incerteza”.

Aínda que non están escritos en torno a un mesmo concepto central, si que se compuxeron dunha maneira moi similar, a partir da voz, a guitarra e a harmonía, e comparten un carácter melancólico e tamén irónico».

 

 

Musicalmente, experimentación e tradición van da man en Caras no lume, de que xeito explorades ambos extremos para manter ese equilibrio entre respectar elementos propios da nosa música e incorporar innovacións?

Zalo: «Non penso que o equilibrio sexa un obxectivo como tal, diría que o que facemos é mergullarnos e interesarnos xenuinamente pola música. Inevitablemente a música que provén da tradición ten unha pegada importante a nivel emocional e colectivo, pero buscar e experimentar sonoridades novas tamén é un impulso natural e continuo para nós.

Non son dúas cousas que sexa necesario “equilibrar”, están aí e punto».

 

Metidos xa neste proceso creativo, como traballades os temas? Como medra a música arredor da letra... ou é ao revés?

Juan: «Nas cancións deste disco, o xermolo case sempre foi unha progresión harmónica na guitarra sobre a cal cantaba un fragmento melódico que moitas veces levaba xa palabras. A partir de aí compoño o resto da melodía e busco frases que encaixen tanto coas frases iniciais como coa melodía».

 

Foto © Miguel Méndez e Marta Ferrer

 

Juan e Zalo, vós tedes formación clásica, mentres que Sunil se orientou máis cara ao jazz, de feito lidera o seu propio trío. Como inflúe a vosa formación e experiencia previa nestes estilos en Lontras?

Juan: «No meu caso, sobre todo na pretensión de que as cancións teñan redondez formal e un arco dramático longo desde a súa propia xénese».

Zalo: «Para min, que estou especializado na música académica do século XX, o que máis rescato de dita formación é a reflexión sobre o son e o que nos provoca. Gústache un son, un acorde, unha melodía, un ritmo... Por que? Escarvar nesa pregunta, cada vez máis ao fondo, pode chegar a ser unha cousa moi complexa e interesante. A formación clásica achega algunhas claves para ir afondando nesa cuestión, aínda que non todas obviamente».

Sunil: «Eu vexo unha continuidade en toda a música que fago, quero dicir, tampouco estou a tratar a música de Lontras como algo diferente ao que fago co meu trío, por exemplo. Si que diría que o jazz me axudou a crear a miña propia linguaxe e preferencias á hora de tocar o piano».

 

Ao fío, que papel xoga a improvisación á hora de darlle forma aos temas?

Sunil: «Ás veces, aínda que o arranxo dunha canción xa estea pechado, obrígome a intentar tocar doutra maneira, a buscar alternativas que me pareza que poidan funcionar en cada momento. Así é realmente como máis desfruto tocar e tamén penso que a espontaneidade e o risco crean unha atmosfera diferente para quen escoita».

 

 

 

Que fixo que, de entre os nove cortes que compoñen o LP, fose Peixe no millo” o escollido como sinxelo presentación?

Juan: «Foi un mulo de cousas. A idea de lanzar “Peixe no millo” como sinxelo vén da propia portada: a ilustración xa estaba feita e vina no Instagram da súa creadora, Marina (@petitdibuix). Pareceume que encaixaba perfectamente co título da canción e da miña idea sobre a letra. Ademais ten fondo amarelo, que é a miña cor favorita (aínda que para a ilustradora é verde).

Por outro lado, o arranxo é dos primeiros nos que empezamos a traballar como trío e dos que son máis fieis ao que facemos no directo, polo que nos pareceu bastante a xeito que fose a nosa carta de presentación».

 

 

Navegando entre xéneros, e ofrecendo unha sensación de fluidez ao oínte, esta canción xoga co absurdo e o surrealista. Cal foi a inspiración detrás desta peza tan singular?

Juan: «As primeiras liñas da canción xurdíronme de golpe, xunto coa melodía e os acordes. A partir de aí fun escribindo frases ao chou nun papel, escollendo as que mellor encaixaban co concepto que os primeiros versos me suxerían.

De todas formas, sempre intento ser máis suxestivo que concreto, tratando de crear unha atmosfera. Hai letras que quedan máis ambiguas ca outras, pero de calquera xeito o máis interesante é o que cada quen poida imaxinar a partir do que escribo».

 

Juan Arca. Foto © Miguel Méndez e Marta Ferrer

 

Neve e luz” marcaba o segundo adianto, un tema que explora a dualidade e os contrastes de xeito evocador, con melodías que medran conforme avanzan os segundos. Que pretendiades transmitir con esa combinación de elementos fríos e luminosos tanto na letra como na música?

Juan: «Supoño que ten que ver co ton agridoce da letra. Eu son un tipo con tendencia á melancolía, pero tamén desfruto disto. Ocórreseme que este atopar beleza na melancolía, este sentimento de nostalxia, ten dúas caras que conectan con esta idea de dualidade».

 

 

A canción ten un ritmo hipnótico, case como un mantra. Foi unha decisión consciente facela tan repetitiva ou o «bucle» sonoro xurdiu dun xeito máis orgánico?

Juan: «Ese ritmo estivo aí dende o principio, xunto co inicio da melodía. É o motor da canción».

 

Zalo Rodríguez. Foto © Miguel Méndez e Marta Ferrer

 

Sangue no canal” ten un ton máis sombrío, melancólico, cun enfoque mesmo visceral. Como construístes esa atmosfera tan densa? Tivo algo que ver o peso que teñen as cordas nesta pista en comparación coas demais?

Juan: «É das cancións para min is pop, e as cordas teñen que ver con iso, tratando dalgún xeito de emular o pop psicodélico dos 60 (The Zombies, Chrysalis, The Beach Boys) e as orquestracións setenteiras da música de Chico Buarque ou o “Mediterráneo” de Serrat, que diría que é a grande inspiración conceptual detrás deste tema.

O arranxo da estrofa final é a nosa particular homenaxe a Eleanor Rigby».

 

 

Estes tres primeiros adiantos viñan acompañados de cadanseu videoclip, o que non é de estrañar, xa que Juan confirma: «tento darlle á música certo carácter audiovisual, como unha especie de espazo para imaxinar». Como decidides que elementos visuais ou narrativos utilizar nos vídeos para que axuden a construír ese «imaxinario» do que Juan fala?

Juan: «O videoclip de “Neve e luz” foi algo absolutamente improvisado. Comprara había pouco unha videocámara dousmileira e un par de semanas antes de sacar o sinxelo pensei que era unha pena que a canción non tivese un soporte visual. A idea inicial era sinxela: simplemente planos longos dos trebellos de parque infantil que aparecen ó longo do vídeo conectando coa letra, narrada por un neno namorado dunha amiga. A medida que o montaba, comecei a incluír material que gravara nas miñas primeiras excursións coa cámara sen ningunha pretensión, ata que se acabou convertendo en algo máis ambicioso.

Para o de “Sangue no canal”, o concepto central era o de aventura, exploración, xa que para min a canción narra unha especie de road trip tipo Bonnie & Clyde. A nosa amiga Marta quixo participar e imaxinei unha busca de obxectos máxicos. A montaxe final inspirouse en Mulholland Drive, de David Lynch».

 

Sunil López. Foto © Miguel Méndez e Marta Ferrer

 

“A terrible historia de Afonso Amoedo” é unha arrepiante «nana» envolta en néboa psicodélica. Existiu Afonso Amoedo? Baséanse nun personaxe real? Como se xestou este tema?

Juan: «É absolutamente ficticio. A letra xurdiu de xeito semialeatorio, como todas as que fago. A partir dun par de frases metinme nun ambiente ó que ía engadindo elementos afíns e construíndo o universo a partir de aí. Si que pode verse como unha homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo en toda Galiza.

O apelido Amoedo é unha referencia a unha páxina de memes viguesa, La Página Asquerosa».

 

 

Chegados a este punto podemos afirmar que as letras do disco teñen un ton poético con metáforas que, xunto coas harmonías sofisticadas, conforman paisaxes sonoras nas que mergullarse desde a primeira escoita. Nas letras, que temas son os máis recorrentes no álbum e que vos motivou a explorar esas ideas?

Juan: «Algunhas das cancións exploran relacións en momentos de cambio, de incerteza, pero de persoas que aínda teñen todo por descubrir. Hai unha certa melancolía que percorre todo o álbum, e tamén un distanciamento irónico da realidade... trato de non ser de todo serio ou solemne cando escribo.

De todos os xeitos, en case ningún caso houbo unha escolla consciente da temática, máis ben deixábame levar polo que escribía».

 

Foto © Miguel Méndez e Marta Ferrer

 

Todas as letras de Caras no lume son de composición propia agás a de Cinco Fiestras”, na que Juan comparte composición con, nada menos que, Álvaro Cunqueiro. Parte da letra son as estrofas iniciais de “Cinco fiestras colgadas”, poema de Cunqueiro incluído en Mar ao norde (1932). Que significado ten para ti este poema e por que utilizalo como punto de partida nesta canción?

Juan: «Compúxena para un concurso de cancións baseadas en poemas. Non son un gran lector de poesía, pero adoro os relatos curtos de Cunqueiro e tamén lera algo de Mar ao norde anos atrás e cativárame pola elusividade da súa escritura, o seu poder evocador... e porque o mar me atrae moito, tamén».

 

 

Aínda que Juan encargouse da produción, da mestura de Caras no lume encargouse o produtor e compositor galego Alberto Cernadas (crnds), recoñecido polo seu diálogo entre a música tradicional galega e a electrónica máis experimental. Canta «culpa» ten crnds do son final deste disco?

Juan: «Ten moita culpa, partindo de que a microfonía e cacharrada usada no proceso de gravación foi unha suxestión del. A nosa idea inicial era traballar con el tamén durante a produción, e aínda que finalmente se encargou só da mestura, implicouse creativamente no deseño sonoro e en certos efectos en voces ou guitarras».

 

Tanto as portadas dos singles como a do propio disco foron asinadas por Marina Pascual Guasch, con ilustracións que exploran a natureza, a poesía, a maxia, o enigmático... de xeito artesanal. Seguiu algún criterio e, de ser así, cal foi ou tivo total liberdade creativa?

Juan: «A premisa era facer referencia ás cancións pero dun xeito oblicuo e que achegase algo novo ao discurso, e total liberdade a partir de aí. O traballo con Marina foi un gustazo e estamos contentísimos e agradecidísimos de todo o que saíu».

 

Neste disco traballastes con Raso Estudio, selo no que atopamos a outros galegos como Baiuca ou ORTIGA, entre outros. Como está a ser a experiencia xunto a eles?

Juan: «Foi unha alegría tremenda que se interesasen por nós, compartir selo con eles e outros artistazos galegos é unha honra.

Tamén nos facilitan moito a vida en cuestións prácticas menos relacionadas coa propia música, e grazas a eles e a través das playlists estamos chegando a certas latitudes doutro xeito impensables».

 

Foto © Miguel Méndez e Marta Ferrer

 

O panorama musical galego está a vivir un momento de moita efervescencia. Que opinades sobre a escena musical actual de Galicia e como vos vedes dentro dela?

Zalo: «A escena é fantástica a nivel musical. Existen moitas bandas e moita xente interesante e interesada na música, un blico atento e cariñoso, unha atención pola tradición e tamén polas novas tendencias, etc. O único perigo é deixarnos levar polo discurso da industria musical que provén das lóxicas capitalistas máis depredadoras.

Por exemplo, poñerse como obxectivo encher estadios, petalo na radio ou nas listas, participar en macrofestivais con ética moi cuestionable... En resumo, emociona pensar nas persoas que fan música na nosa terra, nas técnicas de son, nos festivais feitos desde o cariño coa participación da veciñanza das vilas, do tecido asociativo... Penso que é iso polo que debemos apostar, e non polos macrofestivais nos que só vexo volume, alcohol, lixo e moito diñeiro para algúns».

 

Vides de presentar Caras no lume en Garaxeland (Santiago de Compostela) e no Liceo Mutante de Pontevedra. Como está a ser a acollida do disco ao vivo?

Juan: «Diría que bastante boa. Penso que o máis estimulante do noso directo é o enfoque case camerístico, a interacción entre os tres e os riscos que asumimos».

Zalo: «É moi emocionante porque somos conscientes do distinta que resulta a proposta en directo respecto do disco, e iso penso que é algo que mola e que sempre sorprende a quen asiste aos concertos. Cada canción cambia un pouco cada vez que a tocamos, non é unha reprodución do que está gravado, e penso que está funcionando moi ben».

 

Rematamos voltando a vista atrás! Cando escoitabamos a Lontras por vez primeira, hai un par de anos, era con “Dúas lontras”, unha peza a guitarra e voz nunha versión do tema diferente á do disco, que remata cun «que fai feliz a unha lontra?». Pois iso, que fai feliz a Lontras?

Juan: «Conectar a través da música coas nosas amizades, que lles guste o que facemos, se non que sentido tería? Por outro lado, sería fantástico ter moitos bolos e que nos escoite cada vez máis xente, xa que axudaría a facer viable este proxecto».

Zalo: «Concordo moito co que di Juan, facer comunidade a través da música é algo que achega felicidade, que axuda a saír da rutina e a manter o interese polo mundo, mesmo en épocas tan escuras coma as actuais».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Juan: «Sinto especial debilidade pola música de Xan Campos, coa que me sentín moi identificado desde o primeiro momento en que a escoitei. Nun rexistro parecido ó noso gústanme moito Mocho Gris e Carabela, e no tradi as amiguis de ABRIL e CALDO».

Zalo: «Juan adiantouse e mencionou xa a case todas as que nos encantan. Eu engadiría o quinteto de Diego Alonso que publicou o ano pasado un vinilo moi chulo chamado Nihil, e a Fergi».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Sunil: «Ten, de Jason Moran e Oh Snap, de Cécile McLorin Salvant».

Juan: «Hei de dicir que xa non uso Spotify, pero diría Peasant de Richard Dawson, as Metamorfoses de Richard Strauss, e o Lost and Safe de The Books».

Zalo: «Hai anos que non abro Spotify, pero noutras plataformas aparecería Doechii, o novo disco de Milo J e os últimos vídeos no estudio de Brad Mehldau».

 

 

 

izq noticias