LISDEXIA: «CRIÁMONOS EN GALEGO CON SESEO E CON GHEADA E NON IMOS DEIXAR DE FALALO E CANTALO»
Lisdexia é unha banda punk rock de Muros (A Coruña), composta por Fran Trillo (voz), Fran Lestón (guitarra), Antón Vara (baixo), Chema Caamaño (batería) e Javier Fernández (guitarra). O proxecto naceu «das ganas de pasalo ben» de cinco amigos, de facer música punk en galego que, ao longo dos anos, foi evolucionando, engadindo novas influencias e xogando con diferentes estilos.
Logo da publicación dun par de EPs, este ano lanzan Esclavos do Baile (2025), traballo que reflicte a súa evolución, mesturando influencias do pop e do funk, pero sempre mantendo a súa esencia garage con letras que seguen sendo tan festivas e reivindicativas como sempre, convidando á xente a deixarse levar pola música… e pola festa.

Como chegan Fran Trillo (voz), Fran Lestón (guitarra), Antón Vara (baixo), Chema Caamaño (batería) e Javier Fernández (guitarra) a converterse en Lisdexia? Como nace a banda?
Fran Trillo: «Pois realmente Lisdexia nace das ganas de pasalo ben de cinco amigos de sempre, pasar o tempo co que máis nos gusta, a música.
Os dous Frans e Javi estamos desde o principio; quedabamos os tres no faiado de Franles para pasar o tempo e facer cancións polas risas. Máis tarde uníronse JALP e Xakin e despois, co paso do tempo, por temas de curro, etc., entraron Chema e Antón, pero sempre fomos un grupo formado por amigos.
De feito, JALP aínda segue no grupo de WhatsApp e é como se aínda fose parte activa do grupo».
Que significado ten que o nome do grupo sexa, efectivamente, disléxico… por que escoller este xogo lingüístico para denominarvos?
Fran: «Pois o nome realmente é algo que non nos matamos moito en buscar, saíu así natural un día de coña entre os colegas. Si que é verdade que desde que quedabamos para tocar ata que demos o noso primeiro concerto pasaron uns cantos anos nos que realmente non tiñamos nin nome…
Queriamos algo orixinal que nos molara a nós e que lle puidera molar á peña. Un día, entre risas, alguén de nós dixo unha frase en ton de broma cunha dislexia, algo como: “teño que tomar meite con lel” e outro respondeulle algo como: “vaia lisdexia”. Ese foi o momento no que nos demos conta de que era o nombre perfecto».
Sodes de Muros, paisanos de The Rapants, 9Louro, Capital Voskov, Deleiba... veciños de Terbutalina… que ten a auga da ría de Muros e Noia para que sexa unha das comarcas máis prolíficas ultimamente?
Fran: «Penso que iso é xusto o que fai que haxa tantos grupos e que funcionen tan ben; cantos máis grupos hai, máis ganas teñen os chavales de crear a súa propia banda ou sacar traballos en solitario.
Sempre dixen que habendo tantos grupos créase unha rivalidade sana que che fai ir para arriba sin darte conta. Nós, desde logo, foi así como nos creamos, vendo grupos como Terbutalina e querendo ser como eles».
Sabemos que dous quintos do grupo —Antón Vara e Fran Trillo— conforman Cita Doble, dúo co que xa falamos ano pasado. Fran, como se complementan estes dous proxectos? Hai influencias ou dinámicas que se trasladen dun a outro?
Fran: «Case todos os do grupo tiñamos, ou temos, algún proxecto en paralelo.
Nós, en Cita Doble, é certo que lle baixamos o ritmo ao proxecto porque quixemos apostar por Lisdexia a morte e, se non, non nos daba para máis a vida. Pero bueno, sempre estará ahí para retomalo cando sexa, sen présas e facendo as cousas con cariño.
Sempre hai cousas dun proxecto a outro que se poden aproveitar. De feito, no último EP, hai algún tema ou idea que tiñamos pensados para Cita Doble».
En Lisdexia conflúen o punk rock, o garage e, en menor medida, estilos como o tradi, a cumbia ou o funk, pero, sen cinguirnos a etiquetas, como describiriades vós a vosa música? A que soa Lisdexia?
Fran: «A min, persoalmente, non me gusta encadrar á banda nun estilo en concreto. Si que é certo que a maior parte, e a esencia, de Lisdexia, é o garage, pero metémoslle a todo, sen medo.
Lisdexia soa a diversión e a querer pasalo ben, a que non teñas que pensar nas merdas que pasan no mundo ou que cada un temos nas nosas propias vidas e, polo menos, si as pensas que sexa para rirte delas».

Sobre ese fondo garage os ingredientes que achegades doutros xéneros son do máis variado, cal pensades que foi a mestura de estilos máis arriscada que fixestes ata o de agora?
Fran: «Para min, a aposta máis arriscada, que non sabíamos se iba a molarlle á xente, é “Espidifren”. É bastante popera e si que se afastaba bastante do que adoitamos facer, pero, a verdade, agora mesmo é unha das favoritas da xente.
Co tradi é como ir a tiro fixo, por dicilo dalgún xeito. Sabiamos que á peña lle iba encantar igual que nos encanta a nós. Tamén lle arriscamos algo coa cumbia no anterior EP, facendo un mix co punk para que non fose un cambio tan grande e seguir a manter a nosa esencia».
Quen diriades que son, ou foron, algúns dos artistas que máis marcan o son de Lisdexia?
Fran: «Sen ningunha duda, os que decimos sempre e que temos clarísimo que son os nosos referentes son Terbutalina. Calquera que nos escoite teno aínda máis claro que nós!
Tamén temos moitas outras bandas que nos encantan como poden ser The Hives, ou mesmo Carolina Durante a día de hoxe».

Chejar e encher (2018) foi o voso disco debut, un traballo de sete cancións no que xa comezabades a amosar as vosas inquedanzas musicais. Que significou para vós gravar este primeiro disco e como o recordades?
Fran: «Obviamente témoslle un cariño especial.
Si que é verdade que non son os nosos primeiros temas gravados, xa que hai algún por aí agochado que para encontralo hai que rebuscar moito, pero si que foi o noso primeiro traballo serio como grupo. A día de hoxe, a verdade é que ocultamos eses temas das nosas plataformas. Foi un traballo que gravamos tendo 16, 18 anos, e agora buscamos ter un sonido completamente distinto e moito máis traballado. Ademáis, tamén temos claro que a forma na que nos expresabamos nese disco sería bastante distinta a como nos gusta facelo a día de hoxe, pero sempre sen perder a mensaxe, que é o máis importante.
Pero bueno, para nós e para os máis nostálxicos, ese traballo sigue subido para poder escoitar no noso Bandcamp. Ao final témoslle moitísimo cariño e é algo que non queremos perder, sempre será moi especial ese disco».

Uns anos máis tarde chegaba Espabila as mamadas (2022), un segundo disco do que Chema dicía que era un preludio do que aínda estaba por vir. Considerades que este EP preparaba o camiño para o son e a proposta máis madura de voso novo álbum, do que falaremos agora, ou hai algo máis que se quedou no aire e que se desenvolverá no futuro?
Fran: «Espabila as mamadas foi algo así como un experimento, unha proba para ir atopándonos a nós mesmos e o estilo (ou estilos) por onde queriamos tirar. Demos un xiro de 180º a todo o que fixeramos antes e apostamos por buscar novos sons que fosen da man dos nosos gustos. Con Esclavos do Baile atopámonos definitivamente e decidimos de forma clara que este é o camiño que máis nos gusta a todos e o que queremos seguir como banda. É algo así como o final dese interludio do que falaba Chema.
A finais de 2026 sacaremos o noso primeiro traballo de longa duración, que vai a ser realmente o resultado de todo o que fixemos desde que nos unimos cinco amigos nun faiado a pasalo ben».
Entre estes dous álbums percíbese unha clara evolución cualitativa, pasando de sonoridades máis crúas a unha produción máis coidada e envolvente, algo que tamén se nota no último álbum. Era esa a idea, ir acadando un son coa mesma forza (ou mesmo máis), pero máis «puído»?
Fran: «Sí, neste último álbum é verdade que nos esforzamos moito en traballar e mellorar o son, melodías, letras… Tamén foi xa o noso segundo traballo currando con Chuko, o noso técnico de son, e el tamén sabía perfectamente por onde queriamos tirar, polo que tamén nos botou unha man nese aspecto.
A xente dinos moitas veces que sacamos traballos moi curtos e ten toda a razón. Pero, realmente, cada traballo ten moito curro detrás e nós sempre fomos moi de traballar mellor baixo presión. É algo que estamos tratando de mellorar de cara ao futuro próximo, para non andar sempre ás prisas.
De feito, xa empezamos a currar no material que verá a luz o vindeiro ano con máis dun ano de antelación. Se a xente quere temas, poden estar tranquilos que os terán, e estamos currando moito para que sexan os mellores que fixemos ata agora».
O voso último traballo discográfico, Esclavos do Baile (2025), son media ducia de «himnos incendiarios» que tecen un son propio e, á vez, amosan unha maior intensidade nas letras. Como foi o seu proceso creativo, é dicir, como pasou de ser unha idea, un puñado de letras ou acordes… ao disco que escoitamos hoxe?
Fran: «Nos últimos anos fomos cambiando bastante o xeito de compoñer. Antes quedabamos os cinco cando un tiña unha idea base máis ou menos feita, senón era casi imposible que saíse algo desde cero no momento.
Agora, todos os do grupos temos a capacidade e os medios para gravar cada un na súa casa e compartir as ideas cos demais de xeito máis constante, deste xeito todos imos achegando e mellorando desde o primeiro momento, e os temas saen máis facilmente. É un pouco a forma na que estamos a compoñer os temas do vindeiro traballo.
Eu mando unha letra cunha melodía, Javi e Franles pasan polo grupo unhas guitarras xa gravadas, Antón uns baixos e Chema unhas baterías. Deste xeito, montamos todo e temos unha boa base para ir dándolle voltas e puíndo entre todos, pero sempre é cando nos xuntamos nos ensaios cando saen as mellores ideas e rematamos os temas».
Os vosos temas semellan carne de concerto. “Jungla” parece mesmo deseñada para abrilos. Cando compoñedes tedes en mente como soarán ao vivo? É dicir, credes que pensar nos concertos determina dalgún xeito a forma final das cancións, que as moldean?
Fran: «Sen dúbida. Eu, que son quen escribe as letras a maioría das veces, cando escribo un retrouso sempre o teño que imaxinar tocando en vivo. Se vexo que o que escribín non vai a enganchar á xente e facer que o canten e o desfruten, descártoo e busco outro.
De feito, é que destes completamente no cravo. “Jungla” é o tema co que entramos ao escenario e foi feito especificamente para iso. Tamén para que a xente flipase un pouco ao escoitar a primeira canción do disco pero, sobre todo, para o directo.
Non somos un grupo de matarnos moito nas letras, non nos gusta tanto facer ese tipo de música. O que realmente nos mola, e o que máis desfrutamos, é que as letras sexan algo pegajosas e che tradeen o cerebro. Que veñas por primeira vez a vernos e te vaias durmir cun subidón e pensando no que acabaches de escoitar».
A noite e a súa «fauna» é o tema central do disco e o que lle dá unidade. Tendo en conta que comeza con “Jungla”, a penúltima é “Arrincadeira” e remata con “Espidifrén”, poderiamos mesmo falar de traballo conceptual? Ata podería describir unha única noite de troula…
Fran: «Podería dicirse así, si. Case que parece que, en conxunto, estamos a contar unha noite de festa. Non o fixemos intencionadamente a verdade, foi xurdindo aos poucos.
De feito, “Arrincadeira” ía ser a derradeira porque nos facía coña polo nombre, pero no propio estudio, gravando o EP, rematamos de compoñer “Espidifren” e vímola como un bo peche, algo así como un himno coreable que nos vai representando a todos antes ou despois».
“Esclavos do baile”, a canción que dá título ao disco, é unha boa mostra da crítica aceda e chea de ironía que se espalla por todo o álbum. Que é un «esclavo do baile»?
Fran: «Nós somos un grupo que, polo de agora, sempre nos puxeron a pechar festivais, mesmo algunha vez ata nos puxeron despois do DJ, que adoita ser o que pecha todo.
Un “esclavo do baile” é toda esa xente que se queda ata as tantas, dándoo todo ata o derradeiro concerto; esa xente que non se perde unha festa.
Realmente, nós, en certa medida, somos un pouco “esclavos do baile” pero enriba do escenario».

Ao fío, que papel ten a ironía e o humor nos vosos temas?
Fran: «Están presentes en todos os nosos temas, a verdade. Como sempre digo, a música é un altofalante moi grande para queixarte do que sexa, e nós non deixamos de facelo nunca por moito que falemos de festa, etc. Sempre nos imos a queixar de todo o que poidamos e que non nos pareza ben… e aí é onde entra a ironía. Gústanos moito facelo desde un punto de vista máis divertido, sen ser tan directos, pero indo a machete igualmente».
“Esclavos do baile” é a única canción que, polo de agora, ten videoclip. Como lembrades a súa gravación? E por curiosidade… que foi da pescada que o (co)protagoniza?
Fran: «Gravar o videoclip foron moitísimas risas, pero sempre con profesionalidade e seriedade. Ao final, gravar un videoclip implica unha chea de curro, tanto previo como posterior ao que é a rodaxe en si —pola nosa parte, máis por parte dos profesionales que o levan a cabo— polo que sempre nos gusta aproveitar para dar as gracias a todo o mundo que participou que o fixo posible; é un pracer traballar con xente tan currante e profesional que o fan todo o máis sinxelo posible.
Está gravado con profesionales, pero tamén cun lote de amigos, desfrutando todos xuntos dende primeira hora da mañá ata última hora da noite.
Temos que dicir que o videoclip case queda en intento a un par de días de ver a luz. Pensamos que non iamos poder sacalo porque nos falaron desde o arcebispado dicíndonos que non podiamos subilo polos planos que temos dentro da igrexa, pero arriscamos igual e aí está. Seguro que non chegaron nin a velo aínda!
Canto á pescada, realmente houbo dúas. Unha que usamos desde primeira hora da mañá ata mediodía, que non aguantou tantos trotes a pobre. A outra usámola durante a tarde e levárona de recordo, entendemos que para comela, algúns dos que participaron no vídeo».
Escoitamos un traballo integramente en galego, algo que, duns anos a esta parte, fan cada vez máis artistas e grupos da nosa terra. Que significa para Lisdexia cantar en galego e que importancia lle dades á lingua dentro da vosa música?
Fran: «Nós cantamos no noso idioma, no que nos sentimos máis cómodos e que usamos a diario. E si, o galego é un idioma aínda que moitos non o queiran ver.
Criámonos con seseo e con gheada e non imos deixar de falalo e cantalo. Cando comezamos a cantar e a escribir así, moita xente sempre nos dicía que así só nos escoitarían no noso pobo e, realmente, sempre nos deu igual. Agora que a escena musical galega está no seu mellor momento, moitos dos que nos dicían iso veñen aplaudindo e dicindo que non cambiemos… Que toda esa xente agora comparta as mesma forma de pensar que nós é algo que nos pon contentos e que nos fai pensar que todos estamos a facer as cousas ben.
Tamén temos que dicir, para todos os que aínda nos din ese tipo de comentarios, que se non cambiamos antes como imos cambialo agora?».

Precisamente “Ay Gayego”, unha canción que afonda nos prexuízos lingüísticos, é a única colaboración do disco, a do trío de cantareiras As Fanfurriñas. Por que elas? Que credes que achegan ao tema, ademais das súas voces?
Fran: «Javi e Chema de pequenos estaban moi metidos no mundo do tradi e cadraron con elas na mesma asociación. Son as nosas veciñas, sabiamos que cantaban moi moi guay e que se apuntarían a un bombardeo.
Ademais das voces que achegan, que tamén puxeron nos coros de “Espidifren”, transmiten un bo rollo que vai xenial na canción.
Tamén nos gustaba a idea de facelo cun grupo que non fose tan coñecido como tal, pero que se quixesen ou puidesen explotar o talento que teñen, estarían a altura de grupos que agora o están a petar. Non queremos fliparnos, pero ás veces gústanos actuar, por dicilo dalgún xeito, como unha especie de caza talentos».
O disco remata con “Espidifren”. Escoitándoo podería pensarse que xa estades pensando en pasarvos ao «tardeo». É así?
Fran: «Si. Realmente xa hai algún no grupo que desfruta máis un bo tardeo que saír pola noite… Outros comezan no tardeo do sábado e xa case o empatan co vermú do domingo. Somos un grupo bastante festeiro, gústanos pasalo ben».
Ao principio, só ensaiabades durante as fins de semana por mor do traballo e os estudos, pero, e agora? como levades o tema da loxística, vai mellor?
Fran: «Antes ensaiabamos cada fin de semana, pero de forma menos intensa, andabamos ás risas, contabamos uns contos e, se tal, ensaiabamos os temas.
Agora igual non ensaiamos todas as semanas, dependendo do momento no que esteamos por culpa dos curros e de que andamos espallados por distintas ciudades, pero cando ensaiamos o facemos de forma moi intensa; igual nos pechamos un finde enteiro e lle damos ata que os temas saian perfectos —centrándonos só niso— ou mesmo quedamos entre semana se temos que preparar algún concerto próximo».

Comentades que a conexión co público é fundamental cando estades no escenario, como ben queda reflectido neste último traballo. Como é esa interacción nos directos e que agardades que a xente leve consigo despois de ver un concerto voso?
Fran: «Os nosos concertos sempre os defino da mesma maneira, unha mestura de suor e cubatas que voan polo aire.
Antes sí que eramos máis tímidos, cando había pouca xente nos bolos e así, sempre nos custaba un pouco máis. Agora dános igual que haxa unha ou mil persoas, facemos exactamente o mesmo, intentando que todo o mundo se vaia sempre con unha boa sensación. Como comentaba antes, o que buscamos é que a xente, cando se vaia a casa, leve a cabeza tradeada cos nosos temas e que se esqueza dos problema que poidan ter nas súas vidas.
Se ves a un concerto de Lisdexia, vén sen prexuízos e a pasalo ben. Ninguén che vai dicir nada, ti só pásao ben».
Pechades a época festivaleira pasando polo escenario do Caudal Fest en setembro, como está a ser a acollida do disco ao vivo? Cando, e onde, poderemos volver desfrutar outra vez dunha actuación vosa?
Fran: «Incrible, a verdade. Desde o primeiro concerto que demos presentando o novo traballo a xente o deu todo ao longo do verán. Nós xa pensabamos que á xente lle iba a molar, pero non nos esperabamos tan boa acollida sinceramente. Cando abres o concerto cun tema novo do disco e a xente o canta ata o punto que oes máis á xente que a ti mesmo… é incrible.
En canto aos próximos concertos, o 30 de xaneiro de 2026 arrincamos a nova xira en Compostela, na sala Sónar. Xa están as entradas á venda, pero penso que non quedan moitas. Tamén imos estar noutros sitios, como Vigo, Ourense ou Melide. Temos o cartel da xira nas nosas redes; o plan é non parar hasta sacar o disco despois de verán».
Seica Lisdexia «non vén salvar o mundo, vén facelo bailar»… credes que o estades a conseguir?
Fran: «Cada día penso que conectamos con máis xente, e o feedback sempre foi dalo todo na pista de baile con nós, así que penso que estamos cumprindo a misión».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Fran: «Hai moitísimos e cada día máis, o cal está xenial, pero se tivese que recomendar a alguén sería a ULEX. Son un grupo de chavales que o están a facer moi ben e penso que teñen a nosa esencia de ser un grupo de amigos desfrutando enriba dos escenarios».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Fran: «Pois 100% sinceridade, hai absolutamente de todo. Todos escoitamos moita música e moi variada, pero podería resumirse un pouco no seguinte: se abres o de Chema vai desde Julio Iglesias ata Kid Capichi. Se entras no de Franles vaiche ir desde Leiva ata Sexy Zebras pasando por música galega, rap ou mesmo Aitana. Se entras no de Javi, sobre todo hai moito punk internacional. No de Antón vaiche desde Walls a Slipknot. Se entras no meu… son o que máis escoita grupos de por aquí, pero escoito absolutamente de todo. Este ano seguramente me saia de grupo máis escoitado ou Bratz Antifa ou nós mesmos».

