• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

A MÚSICA GALEGA PRESÉNTASE ESTA SEMANA NO WOMEX 2015 EN BUDAPEST

A música galega preséntase esta semana no Womex 2015 en Budapest
20 OUTUBRO 2015

A industria musical galega enfronta unha intensa semana de actividade promocional e comercial na procura de consolidar e ampliar a súa proxección exterior a través da súa presenza no WOMEX Budapest 2015, que se celebra do 21 ao 25 de outubro.

Para isto contarase cun pavillón promocional específico desde o que operarán seis compañías: Budiño/Lospregos, Jau, Mada Producións, Mare, Musicarte, Nordesía e Sons Galiza. Neste espazo compartirán protagonismo as transaccións realizadas baixo a marca promocional exterior común GalicianTunes.

Así mesmo, en Budapest levaranse a cabo tamén unha presentación do avance da programación do Womex 2016 que se celebrará en Santiago de Compostela e un acto protocolario de transmisión de testemuño entre Hungría e Galicia.

A considerada maior feira mundial da música tradicional e de raíz regresará a Galicia tras a experiencia exitosa da edición 2014 na que obtivo un récord de participación ao congregar a 2.400 delegados e 1.470 empresas de 90 países, así como unha feira de 668 exhibidores de 47 nacionalidades, ademais de 280 stands. Tamén, contou coa participación de seis artistas galegos e 21 empresas dentro do espazo GalicianTunes.

A Cidade vella de Santiago de Compostela (Patrimonio da Humanidade desde 1985) e a Cidade da Cultura de Galicia serán de novo os privilexiados espazos onde se desenvolva a vixésimo segunda edición de Womex, que terá lugar do 19 ao 23 de outubro do vindeiro ano.

Womex 16 estruturará a súa programación en dúas partes. Por un lado, DayWOMEX, que abarca a feira profesional e outras actividades complementarias celebraranse no Museo Centro Gaiás e no CINC da Cidade da Cultura. Ao seu abeiro ofreceranse conferencias, haberá sesións de ‘networking’, ‘mentoring’ ou proxeccións de cinema, entre outras actividades, que terán lugar no cumio do Monte Gaiás.

Por outro, NightWOMEX, que incluirá máis de 60 ‘showcases’ (concertos en pequeno formato) que se celebrarán en distintos espazos da Cidade Vella: na Praza da Quintana, no Auditorio de Galicia, no Auditorio Abanca, no Teatro Principal, no Salón Teatro e na Sala Capitol.

ETIQUETAS

  noticias