• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2021

NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2021
1 MAIO 2021

 

 

7 visiónsSumrrá

Vinte e un anos xuntos, centos de concertos polo mundo, media ducia de discos publicados… Sumrrá, considerados o trío galego de jazz máis internacional, presenta o seu sétimo disco, 7 visións (2021). A colección de sete pezas, «lúcidas, arrolladoras, xeniais», supón a consolidación de como Sumrrá entende a música ao vivo, unha visión única que reflexiona sobre o momento no que vivimos, para explicar de onde vimos, onde estamos e cara onde imos. 7 visións é poético e heteroxéno, é un exercicio inspirador que convida a coller perspectiva e reformular, a través da súa música, a nosa propia existencia.

 

 

 

 

Let Me StandThe Soul Jacket

Tres (longos) anos desde aquela marabillosa Plastic Jail (2018), tres anos nos que The Soul Jacket encheu salas de concertos e festivales coa súa combinación gañadora de R&B, soul, rock, country e funk. A grupo vigués entrega agora Let Me Stand (2021), un longo que recolle capas e capas de pracer sonoro e sinérxico, connotacións e influencias variadas sobre unhas composicións que destacan pola súa harmonía vocal e as diferentes tesituras na voz de Toño López. Gravado en Radar Estudios (Vigo), con mestura e master de Pablo Iglesias, o álbum amosa un denso e coidado traballo de teclas, solos de guitarra espaciais, sintes e multitude de «cacharros fantásticos» que fan de Let Me Stand o seu mellor disco ata a data. Groove e southern rock imprescindibles, psicodelia, blues e soul tan fundamentais como necesarios,The Soul Jacket reflicte nos nove cortes que o compoñen o seu compromiso en constante evolución, «conservando os seus vellos criterios, emprendendo novos camiños».

 

 

 

 

CarreiroPeña

Sorprendían en xullo do ano pasado con aquel Fórmula (2020), un EP composto por dous cortes antigos e un inédito, que daba nome ao disco. Peña presenta agora Carreiro (Repetidor, 2021), o seu primeiro longa duración, e primeiro de estudio, onde o trío de músicos traballa sobre as bases folk e pop ás que nos ten acostumados, ás que engade novas referencias. Composto por nove cortes exquisitos que casan a sinxeleza coa idiosincrasia e valentía formal, o álbum ofrece unha pulsión subconsciente da música popular representada de xeito ampliado, híbrido e mutante, entre o folk de aquí e de alá, pop naíf e música sinfónica. Envolto nun minimalista e exclusivo deseño firmado por Miryam Pato, Carreiro está dispoñible en cedé, vinilo 12” e casete,  ademais de nas principais plataformas dixitais.

 

 

 

 

Redención - Gravesen

Case sen querer, así como quen non quere a cousa, Grogu adiantáballe ao Mandaloriano o que estaba por soar na radio da nave… e no Spotify, Bandcamp e YouTube. En febreiro, Gravesen lanzaba “A Cova”, o primeiro dos tres singles que compoñen o seu último EP, Redención (2021); tres cañonazos contundentes de stoner grunge en galego gravados por Carlos Gil durante o pasado outono, e presentados con deseño de David Fernández Bueno.

 

 

 

 

CERNADAS - crnds

Un par de semanas despois do primeiro, e único, adianto, crnds remata por descubrir o seu primeiro álbum, CERNADAS (2021). Ao longo dos nove temas que compoñen o LP, o compositor e produtor galego dialoga coa electrónica máis experimental e a música tradicional galega, desde a descontextualización e a incorporación da linguaxe rítmica ata o sampleo de material sonoro de arquivo. Deste xeito, crnds arranxa e reinterpreta varias pezas tradicionais, recollidas por Faustino Santalices, Miro Regueira e Fransy González, todas elas tinguidas por unha electrónica hipnótica, que atrapa ao oínte sen sequera darse conta.

 

 

 

 

 

Mundo inciertoFábrica de Espejos

Despois de dous EPs que xa asentaban as súas bases, e dous anos enriba das táboas, Fábrica de Espejos lanza agora o seu primeiro longo, Mundo incierto (Ferror Records, 2021). A banda de Chantada, coñecida por ese pop con base electrónica tan próximo ao shoegaze ou o dream pop, sorprende cun traballo ambicioso, gravado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios (Friol), que sube un chanzo realmente importante na súa traxectoria. Os 11 cortes que compoñen o LP constrúen un espello emocional que, como un calidoscopio, reflicte imaxes entre luminescencias de distintas intensidades. Atmosferas oníricas que desbordan melancolía abrazan, suaves, o abandono urxente das melodías, letras que se ispen entre a distorsión ata descubrir cancións que falan sobre o paso do tempo, a perda… Significativo e sincero, Mundo incierto é a posta de longo coa que os chantadinos se plantan hoxe en primeira liña; hoxe, porque «pensar en mañá será moi mala idea».

 

 

 

 

Hasme oírA banda da Loba

O Día das Letras Galegas 2021 está dedicado á escritora, poeta e tradutora Xela Arias e, elas, como admiradoras que son de Xela, homenaxéana en Hasme oír (2021), EP de edición limitada a 400 copias, que recolle catro cancións con poemas de Arias e tres interludios musicais con recitados. Gravado e masterizado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudos (Friol), o disco vén envolto nun deseño do máis orgánico, obra de Raquel Senra (Árbore Azul), e as primeiras 50 copias vendidas inclúen un agasallo igual de especial: unha chapa feita polos nenos e nenas do Centro de Atención Integral Princesa Letizia, da asociación AMENCER-ASPACE.

 

 

 

 

Levaino!Xurxo Fernandes

Logo de dúas décadas de traballo de campo, e cunha fonda cosmovisión da tradición oral galega e sefardí, Xurxo Fernandes lanza Levaino! (2021), o seu primeiro traballo en solitario; unha colección de doce pezas que representan esa dualidade, unha ducia de cancións que conforman un revelador xogo de espellos no que Galicia e Oriente se reflicten. Coa pandeireta como base e punto de encontro, o disco é unha proposta musical exquisita que percorre paisaxes sonoras, desde Coristanco ata Tel Aviv pasando por por Samakov, Salihli, Tordoia ou Larache, que explicitan e manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais.

 

 

 

 

Unha fogueira intactaChicharrón

Chicharrón, o trío carballés formado por Alberto, Rubén e Mara, estreaban abril co lanzamento do seu novo, e agardado, longo. Gravado por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (O Hío), Unha fogueira intacta (Ferror Records, 2021) recolle once pezas, entre as que atopamos unha versión musicada do poema de Yolanda Castaño “Highway to Heaven”, interpretado por Kike J. Díaz no seu cómic poético, homónimo. Entre os sintetizadores, escóitanse acordeóns e saxos, voces hipnóticas que cantan letras en galego, que empapan como o roce das gotas de chuvia ao caer sobre nós, incesantes e íntimas. E é que a melancolía e escuridade, o desacougo que caracterizaba aquelas pasadas Cancións Clínicas (Prenom, 2018), segue a arder nesta fogueira cal monólogo interior.

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de novidades en Spotify!

 

 

 

  noticias