GalicianTunes
Qué é GalicianTunes?
GalicianTunes é a marca da promoción internacional da música galega, ideada como plataforma conxunta das institucións, empresas e asociacións profesionais do sector musical en Galicia. Baixo este selo, a nosa música viaxa e está presente nas principais feiras e mercados musicais, en festivais internacionais e en xiras e concertos dos nosos artistas fóra de Galicia. Con esta mesma finalidade, edítanse periodicamente recompilacións musicais de carácter promocional, que reúnen para o público unha escolma das últimas novidades discográficas galegas.
A Xunta de Galicia –a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración coa AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e a asociación Músicos ao Vivo– promove GalicianTunes como unha das liñas fundamentais do seu apoio aos profesionais da música na procura de tres obxectivos principais: contribuír ao fortalecemento da industria musical galega, lograr unha maior visibilidade social do sector e favorecer a súa proxección internacional.
A potenciación da presenza exterior da música galega a través dunha marca de calidade e con identidade propia dá idea do indispensable papel que este ámbito desempeña dentro da estratexia de internacionalización da nosa cultura. GalicianTunes é a expresión da creatividade dos nosos artistas actuais e do bo facer das nosas empresas. GalicianTunes é a música de Galicia.
Galicia e a música
A música galega atópase nun momento de gran vitalidade, que ten o seu reflexo inmediato na contrastada calidade e variedade da súa oferta artística, ademais de no dinamismo dun sector profesional (salas, empresas de management, promotoras, selos discográficos, festivais…) que traballa con entusiasmo para situar Galicia nun lugar destacado dentro do panorama internacional.
Aínda que a música de raíz continúa a ser a principal embaixadora da nosa escena musical, o certo é que contamos con nomes consolidados e recoñecidos en todos os xéneros contemporáneos, así como con numerosas bandas emerxentes que nos permiten ser optimistas sobre o futuro da música que se fai no noso país.
A historia de Galicia non se pode entender sen a música. Ao longo dos séculos, as sucesivas migracións e invasións trouxeron consigo influencias musicais de toda Europa; a propia gaita probablemente chegase no século V coa migración sueva. O Camiño de Santiago, que conduce á Catedral de Santiago de Compostela desde calquera punto de Europa, leva sendo unha excelente vía de intercambio cultural desde a Idade Media. O propio símbolo dos peregrinos, unha cuncha de vieira, constitúe o máis básico dos instrumentos da música galega.
A música tradicional foi sempre un elemento clave na construción da nosa identidade cultural. Instrumentos e cancións transmitíanse de pais a fillos para manter intacto o legado. A día de hoxe, a música de raíz conserva a súa condición de alicerce do sector, aínda que non é o único: Galicia enténdese en clave de folk, pero tamén de pop, rock, hip-hop, soul, jazz, canción de autor, música sinfónica, contemporánea, electrónica, DJs, dance, bandas sonoras... Non queda terreo por aboar.
Coñecer Galicia
Situada no noroeste da Península Ibérica, no extremo occidental de Europa, Galicia posúe unha superficie de 29.574 quilómetros cadrados e una poboación próxima aos 2,8 millóns de habitantes. Convidámoste desde aquí a que visites a web de Turgalicia para comezar a descubrir Galicia tanto a través da súa música como das súas praias e ríos, cidades e verdes montes, industria e artesanía, cultura e idioma, riqueza gastronómica e patrimonio milenario.