NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2023
Branca vela, Budiño
«O disco nace da exploración de levar os instrumentos típicos da nosa música a novos espazos. A gaita segue na base, pero mestúrase tamén con outros elementos». Xusto un día despois de lanzar o último sinxelo, Budiño publicaba Branca Vela ao completo. O músico e compositor moañés sorprende cun traballo no que, por vez primeira, combina gaita e voz en todos os seus temas; un repertorio de pouco máis de trinta minutos no que —excepto dous, “Tren hotel” (Antía Otero) e “O tolo de abril” (Manuel Rivas)— Budiño se encargou da súa composición. O disco conta, ademais, coa colaboración vocal e instrumental doutros artistas galegos como Leilía, Guadi Galego e De Vacas. O título é unha chiscadela ao seu principal instrumento, que adoita ser unha gaita branca, e tamén ao lume dos cirios que aparecen no tema principal.
The Other Side of Fear, Ghost Beast
Oito novos cortes conforman o último de Ghost Beast, The Other Side of Fear (2023), un longo que o trío xa viña adiantando desde había uns meses. Esta segunda entrega presenta un repertorio baseado na electrónica e o art pop nas súas versións máis solemnes e profundas, e un son tan definido que roza a perfección. Sintetizadores comparten protagonismo con guitarras e ritmos programados entrelazados con baterías; pezas amplas, minimalistas, evocadoras e envolventes foxen de fórmulas predominantes e efectos coloristas para materializar, unha vez máis, unha proposta orgánica e espontánea.
Cápsula de Evasión, Los Marcianos
Máis de corenta minutos de pop sen concesións, sucio con delicadeza, altivo e elegante fan de banda sonora ideal para evadirse dos problemas cotiáns. É Cápsula de evasión (Clifford Records, 2023), terceiro e novo disco de Los Marcianos co que soben un chanzo máis na súa carreira, tanto en son como en recoñecemento. Baixo a produción de Carlos Hernández (Los Planetas, Triángulo de Amor Bizarro, Carolina Durante), o LP mantén a esencia da fusión de ruído e melodía, dos seus retrousos apegadizos e da súa tormenta de distorsións; características de dream pop e shoegaze que os vigueses trasladan a cancións aínda máis directas e abertas a novas fórmulas. Para a súa gravación, Los Marcianos contaron con colaboracións excepcionais como Apartamentos Acapulco, Malamute, Claudia Zuazo e a banda mexicana Los Mundos.
Carlangas, Carlangas
Volvía con “Se acabó la broma”. E si, aquel primeiro sinxelo adianto era toda unha declaración de intencións porque, o que fora líder de Novedades Carminha, presenta agora o seu álbum debut en soltirario. Carlangas ía totalmente en serio. A ese primeiro adianto seguíronlle “Cae la noche”, “Paseítos por Madrid” e “Los Dineros”; cortes que construían un imaxinario artístico e musical que ía alén de ideas preestablecidas. O 20 de abril, o artista compostelán lanzaba Carlangas (Ernie Records, 2023), un disco que serve como manifesto e mostra das súas sensibilidades e inquietudes musicais. En apenas media hora, escoitamos un imaxinario sonoro absolutamente transversal con algunhas das súas mellores letras ata a data; cancións románticas que actualizan o discurso da canción melódica, onde sarcasmo e enxeño articulan un novo xeito de cantar ao amor. Escoitamos a Manu Chao, Grande Amore e Mundo Prestigio, quen asinan os tres featurings do álbum, pero en estudio, Carlangas tamén contou coa colaboración de artistas como Dellafuente, Ortiga, Bronquio e Adrián Costa, entre outros.
Cabalgata, Ataque Escampe
Por fin podémolo desfrutar ao completo, algo que levamos agardando, expectantes, desde o pasado novembro. Ataque Escampe descubre Cabalgata (2023), un longo que significa un punto e seguido para a formación compostelá: «sen saber moi ben cara a onde, porque que outra cousa imos facer». Ao longo da decena de cortes esfúmase a tenrura do que deixan atrás, tomando o pasado como espazo inesgotable de inspiración e non como obxecto de nostalxia. De aí nace ese intento por explorar o potencial de estilos que, na actualidade, semellan soterrados baixo tendencias musicais; deste xeito, escoitamos hi-NRG, synth funk, rap old school, no wave, electro posapocalíptico ou pop da era espacial. Cabalgata é un tributo á súa propia vulnerabilidade, pero quizais tamén á de calquera; á infancia, ás amizades e amores do presente e do pasado, á solidez do que aínda resiste logo dos últimos vendavais do inverno. Ao que foron e ao que, seguramente, xa non sexan.
A Ramona Pequena vai á Lúa, Pakolas
Hai case tres anos que Pakolas nos presentaba a Ramona Órbita; unha muller labrega da Serra do Courel, dona dunha horta cibernética e unha máquina do tempo coa que, a través dunha decena de cancións, viaxaba ao pasado e ao futuro. Agora, o músico e compositor séguelle a dar vida en A Ramona Pequena vai á Lua (Colección Sonárbore-Ed. Galaxia, 2023), unha nova entrega das historias da súa inventora favorita e, desta volta, a máquina do tempo lévanos á súa infancia. O libro recolle o conto da pequena Ramona e as letras coa decena de cancións que articulan toda a historia: desde os seus pensamentos ata a Lúa, desde as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e desde o seu maxín ata onde queiras chegar. Ilustrado por Laura Romero (Zënzar), o libro inclúe tamén unha ligazón para baixar as unidades didácticas e un código QR para a descarga e escoita das cancións; aínda que algunhas delas se poden escoitar en Spotify, Deezer e SoundCloud.
Atractiva jugada perdedora, Holgado
O 14 de abril, Holgado sorprendía cun traballo do máis especial. O músico galego —«barcalés, aínda que nado en Santiago»— residente en Madrid lanzaba Atractiva jugada perdedora (2023), unha referencia que acompañaba a publicación do libro homónimo, escrito por Ainhoa Rebolledo. Composta por tres pistas, o oínte ten a oportunidade de escoitar a Holgado lendo e musicando o primeiro capítulo da novela... e mais outro inédito!
O vento que lambe as miñas feridas, Sangre de Muérdago
No seu novo traballo discográfico, Sangre de Muérdago retoma o camiño que deixara co seu anterior álbum, Xuntas (2020). A banda de forest folk presenta O vento que lambe as miñas feridas (2023), o que probablemente sexa o seu disco máis persoal; nove cancións que chaman ás nosas lembranzas de melodías antigas e revisitan o folk galego de finais dos 70 e principios dos 80. Gravado a trío por Tobias Häussler durante a primavera de 2022 e masterizado por Efrén López, o longo amosa o lado máis delicado e harmónico do grupo; resultado de xiros extra, melodías aínda máis progresivas e emocións esgazadas.
Acoustic Collection, RUMIA
Desde o verán pasado, Rumia foi, aos poucos, compartindo os seus medos pasados en forma de canción, plasmando os seus sentimentos en papel e partitura. Agora recólleos en Acoustic Collection (2023), un traballo no que a artista galega residente en Berlín reinventa seis temas en clave acústica e unha canción inédita: “He Is My Number One”. Producido por Manuel Colmenero de Sonobox, o EP preséntase con artwork de Lotti sobre fotografía de Denis Granan.
Quiet Euphoria, Amoeba Split
Tras un longo camiño de gravación e mestura, confirmado por eles mesmos, o novo de Amoeba Split xa está dispoñible, tanto en plataformas dixitais como en formato físico. Quiet Euphoria (áMarxe, 2023) marca o terceiro longo do grupo coruñés, gravado en Santa Cruz Recording por Alberto Castro e Miguel Bretal, e unha nova entrega persoal e orixinal do seu jazz progresivo. Composto por media ducia de cortes enérxicos, o LP retoma a historia que deixaran naquel Second Split (2020) sen perder o ritmo, aínda que si é certo que desta volta a banda subiu un pouco os tempos, facendo que este álbum soe algo máis rock. En Quiet Euphoria cabe de todo: experimentación, delicadeza e potencia coexisten nun exercicio máis de fusión no que Amoeba aborda unha ampla variedade de sons do jazz rock progresivo mantendo, ao mesmo tempo, a calidez do prog clásico de Canterbury. Apenas un mes despois do seu lanzamento, Quiet Euphoria alzouse co segundo posto na lista dos 250 mellores discos dos últimos 25 anos do rock progresivo internacional, de acordo ca prestixiosa web especializada Progarchives.
Todo sanará, Robert Pier
A súa curiosidade pola música de raíz fixo que Robert Pier se aproximase á guitarra flamenca e ao jazz manouche; ambos estilos, xunto á rumba, son as súas maiores influencias á hora de compoñer. Logo de liderar un sexteto e un trío, o músico coruñés envorca toda a súa experiencia gañada sobre o escenario no seu proxecto en solitario. As súas cancións enchen xa tres referencias, a máis recente, Todo sanará (2023), estreábase o 1 de abril; un longo que aposta pola transformación persoal a ritmo de cadencias latinas e flamencas. Ao longo dos seus 13 cortes, Pier ábrese ao mundo sen agochar os seus sentimentos para combater o pesimismo, contar historias de cambio en primeira persoa e trasladar unha mensaxe sandable, tanto para el como para o oínte.
O mesmo animal, Martelo
O ano pasado despedíano sobre o escenario da Krazzy Kray (Cambados); o verán do anterior anunciaban que estaban a traballar nun segundo disco, «aos poucos», pero que niso estaban... Logo dun tempo deixando faragullas dixitais, creando expectación, Martelo rompía dez anos de silencio discográfico o primeiro de abril co lanzamento de O mesmo animal (2023). Composto por nove cortes, o novo do power rock trío mantén a mesma dose enérxica de hai unha década cun puñado de cancións orixinais, combativas e poderosas, con letras acedas e en galego que pronto se poderán desfrutar ao vivo. Xa o adiantaban eles: «dez anos despois, seguimos a ser ‘o mesmo animal’».
🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2023 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!
🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2023 cos discos completos!