• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

BRAIS MORÁN & NASAUFUNK: «‘REVOLUCIÓN CHIC’ É UNHA VOLTA AOS CIMENTOS COS QUE MEDREI, AO QUE SEMPRE ME INSPIROU»

BRAIS MORÁN & NASAUFUNK: «‘REVOLUCIÓN CHIC’ É UNHA VOLTA AOS CIMENTOS COS QUE MEDREI, AO QUE SEMPRE ME INSPIROU»
26 FEBREIRO 2024

Brais Morán medrou rodeado dunha familia de músicos, así que non é de estrañar que o ritmo lle encandease desde ben neno. Do punk rock da súa primeira banda, Zumbido, ao funk contaxioso —banda coa que publicou tres discos— a presentarse en solitario hai uns anos, Morán construíu unha carreira musical baseada no ritmo; un ritmo que pode vir do noso tradi, de melodías africanas, harmonías brasileiras ou, tirando cara ao norte do continente americano, da música disco negra dos setenta.

Logo de publicar un par de álbums como Brais Morán, agora o artista galego preséntase acompañado de Fran Castro (teclados, coros), Antón Torroncho (baixo), Xabi Cid (batería) e Manu Seoane (guitarra, coros); eles son Nasaufunk, a banda coa que gravou o seu novo traballo, Revolución Chic (2024), un longo co que volve «ao que sempre me inspirou e me fixo moverme», á vez que abre «outra etapa distinta á anterior».

 

Foto © Roi Vázquez Morandeira

 

Hai case tres décadas que comezaches a túa carreira musical —detrás dunha guitarra eléctrica coa banda de punk rock Zumbido —segundo puidemos saber— pero cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa música?

Brais Morán: «Veño dunha familia de músicos e de moito contacto coa cultura, o teatro, os libros... Por tanto, desde moi novo respiraba música e sons cos que crecía ao meu arredor. Supoño que quería imitar todo o que eles facían, desde coller un tambor e comezar a darlle golpes ou poñer os dedos en calquera instrumento; penso que o primeiro que toquei foi unha batería feita con caixas de deterxente [risos]... e despois unha de xoguete. O ritmo era o que me conmovía, ata que o meu pai me ensinou algunhas cousas no piano e lanzábame a cantar.

O da guitarra veu algo máis tarde; cando a empecei a coller en serio debeu de ser aos 12 anos, e aí gustábame sacar cancións dos Beatles e de Nirvana. Este último foi o grupo que nos inspirou a formar Zumbido en 1998, co meu curmán maior e con dous amigos máis. A nosa grande referencia eran as bandas de Seattle e o movemento grunge, así que xa nos iniciabamos con forza e con ganas na miña adolescencia».

 

Non podemos falar de Brais Morán sen nomear a Loretta Martin, banda de funk que fundaches en 2005 e coa que editaches tres discos. Que gardas daqueles anos?

Brais: «Si. Fundouse en 2002, pero o noso primeiro disco editouse en 2005.

Loretta Martin xa foi a banda coa que comecei a escribir as miñas cancións máis persoais e tiraba moito cara ao rock nroll e country nos inicios. Inspirábannos os temas de Steve Miller Band, Creedence, Sheryl Crow e os Rolling Stones. Formeina co meu amigo Fran Sanz, que empezara aí co baixo, e fomos unindo a máis integrantes. Despois collémoslle o punto ao funk escoitando moito a Jamiroquai e a Fundación Tony Manero, así como outras bandas internacionais que tiraban cara a esa onda.

O noso momento máis alto foi cando gravamos o disco Paraíso Distante (2006), que se lanzou nunha situación onde a música galega non tiña practicamente referentes fóra da música tradi e o folk. Por iso penso que naquel momento emerxemos e fomos novidade ao lado de The Homens, Safari Orquestra, Lamatumbá ou Ruxe Ruxe.

A día de hoxe preguntan moito por Loretta Martin e eu sempre digo que o que fago no presente sería a súa evolución».

 

Foto © Roi Vázquez Morandeira

 

Daquela, o funk, ese xénero nado en Estados Unidos da fusión do soul, jazz e R&B, non tiña demasiada representación aquí en Galicia. Que chamou a túa atención para que decidises construír un proxecto arredor del?

Brais: «Pois penso que o ritmo non entende de modas e foi o que máis nos conmovía para construílo. Tamén sabiamos que non había unha banda que fixese este estilo en galego e creo que iso mesmo foi o que nos fixo interesantes e nos desmarcou do resto.

A música de Brasil dábanos moitas ás, mesmo máis que desde Estados Unidos, escoitando a grupos como Zuco 103, Lenine, Seu Jorge, O Clube do Balanço e Funk Como Le Gusta, que tamén tiñan unha liña moi funk mesturada coa samba. Tamén levabamos con nós dentro a música brasileira como referencia pola proximidade da lingua e iso reflectiuse tanto en Paraíso Distante como no seguinte álbum, Despois da Mandinga (2012)».

 

 

Xa que estamos a falar de estilos, se tiveses que describir, sen etiquetas!, a túa música... como o farías?

Brais: «Eu nunca me propuxen facer un estilo ou outro. Penso que se me consideran un músico de funk é polo tremendo empeño que lle poño a que as cancións teñan esa paixón e ganas de bailar e moverse, que imaxino que ten que ver co inquedo e impulsivo que son cando manifesto os meus estados de ánimo.

Diría que simplemente fago cancións que se aproximan a un mundo moi rítmico e nunca é de xeito purista”. Gústame a música dos Balcáns, as raíces africanas, a electrónica e o beat soul; o timbre do funk quizais sexa o que máis predomine en todo iso.

Por dar unha descrición, identifícome moito con certo músico que a definiu como música silvestre”, e penso que pertenzo a esa rama».

 

Musicalmente falando, a quen sinalarías como as túas principais influencias?

Brais: «Penso que iso depende moito do momento xeracional por onde vas camiñando, pero é evidente que a música disco negra dos anos 70 é actualmente o referente que máis me inspirou con bandas clásicas como Kool & The Gang, Chic, os Jackson Five, ou Earth Wind & Fire, pasando polos mismísimos Bowie e Prince; e tamén bandas máis modernas como Jamiroquai ou Moloko. Actualmente fixeime moito nas producións de artistas actuais como Daft Punk, Justin Timberlake, Bruno Mars e Dua Lipa».

 

Logo de varios anos sendo parte dunha banda, que che empurrou a comezar a túa carreira en solitario?

Brais: «Loretta Martin xa estaba nun punto no que non tiñamos moi claro cara a onde ir. Comezamos a pensar en cal sería o seu concepto, a súa identidade real presente, e tamén os anos ensínanche a madurar e buscar outros horizontes cando perdes o rumbo. Criamos que debíamos parar, polo menos unha temporada, e despois os integrantes estabamos metidos noutras ocupacións e proxectos. Nunca pensabamos en que fose definitivo pero, co paso do tempo, xa non tiña continuidade e separámonos.

Máis tarde sentín a necesidade de continuar cun proxecto máis persoal, que non se englobase tampouco na categoría do que se entende por “cantautor”, e seguir buscándome a vida porque non sei deixar de compoñer cancións. Por tanto, decido seguir a miña carreira musical como Brais Morán».

 

 

 

O teu debut discográfico deste novo proxecto era Cruzando o eclipse (2015), un longo cargado de rock de guitarras dos setenta con algún toque funk. Segundo dicías, reflectía o teu paso da xuventude á madurez, en que sentido?

Brais: «Sentíao así nese momento. Dar un paso á madurez levando o meu nome propio na banda e sendo unha persoa máis sólida arrancando a década dos meus 30. Cruzando o eclipse era unha altura onde non vou negar que tiña as miñas inseguridades ao sentirme só e depender practicamente de min mesmo, aínda que seguise acompañado dos músicos da miña banda.

Retomei e rescatei cancións que tiña feitas de varios anos atrás e compuxen outras novas que supuñan unha ruptura co anterior. Volveume unha garra moi roqueira como nos inicios, onde collía unha guitarra e metíalle a distorsión mesturada con nostalxia, desenfado e pinceladas doces de guitarras acústicas. Ao ser o meu primeiro disco en solitario, quería facer algo distinto ao que levaba facendo con Loretta. Debía pasar páxina e cruzar ese paréntese eclipsado sen ofrecer nada musicalmente nese tempo de tránsito».

 

Neste álbum contaches con varias colaboracións entre as que destacamos a de NARF, co que, ademais, coproduciches o tema Destino”. Como recordas eses momentos de traballo (e amizade) xuntos?

Brais: «“Destino” foi o título que lle puxen á canción, pero o retrouso de “vamos procurar na nossa memoria a imaxe real do nosso pasado...” é de Fran Pérez NARF.

Tiven a sorte de poder tocar e cantar con el xa en 2009, cando coincidiu que eu vivía en Portugal e el viña todos os anos a traballar nun espectáculo de Semana Santa que se chama Queima e Rebentamento do Judas onde el dirixía a músicos e cantores portugueses na ACERT de Tondela. De aí veu toda a idea; comecei a darlle guitarrazos agresivos e construín a primeira frase tamén con palabras ditas por el: “Somos duma tribu que acredita no futuro...”.

Era evidente que debiamos facer unha coprodución xuntos para Cruzando o eclipse onde el tamén tocase e cantase, e o orgullo de telo feito é moi grande, aínda máis sabendo que, infelizmente, NARF, xa non está fisicamente con nós».

 

 

Ao fío, que significou NARF para ti?

Brais: «Para min foi o mellor músico e artista que ten a música galega e dos menos valorados. Ninguén construíu un universo musical tan persoal xuntando culturas distintas e abrindo fronteiras musicais. O seu son é inconfundible e aprendemos del en todos os sentidos; o que contaba antes da definición de “música silvestre” vén del.

É o que mellor, ao meu ver, creou unha marca musical propia e un estilo único de abordar as cancións que se leva facendo en toda a música galega con toque de aquí e de alá.

Sen dúbida, un gran referente e compañeiro co que me sigo identificando. E, por suposto, foi un grande amigo».

 

 

 

No teu seguinte traballo, No Mato do desespero (Seispés Producións Creativas, 2018), homenaxeas tanto ao cantor galego como ao poeta mozambiqueño José Craveirinha. Como abordaches á súa creación?

Brais: «“No Mato do desespero” é un verso do poeta de Mozambique José Craveirinha que forma parte do poema Quero ser tambor, ao que NARF lle puxo música para a súa canción.

Eu leveino ao meu terreo; compuxen unha canción co título “No Mato do desespero”, que deu nome ao disco e na miña canción fágolle unha homenaxe aos dous.

Dáse a curiosidade de que o meu segundo apelido é Mato, e gustoume a idea do significado: Matar o desespero...?” “Quizais ese desespero musical...?” Pois queda aberto para que a xente o poida interpretar como queira».

 

Se no primeiro disco tirabas polo rock de guitarras, neste afondas na música tradicional galega e no folk, sen esquecernos das músicas do mundo, sobre todo das que veñen da costa brasileira e africana. Como foi a evolución do teu son durante estes anos?

Brais: «No Mato do desespero é un disco totalmente ecléctico e para escoitar e ver como un conto. Están todas as cancións relacionadas e conectadas entre si; iso fai que se poida concibir como un disco de músicas do mundo, ademais de ter moito da música tradi de aquí que se pode considerar case étnica. África e Brasil están moi presentes e interrelacionadas culturalmente con Galiza nestas cancións e o son evolucionou cara a iso. Por exemplo, a canción “Cando imos para ese lugar” ten un aire africano cun ritmo de muiñeira detrás.

E así foron saíndo as cancións sen perder o funk, o soul ou o rock, que seguen presentes en todo o disco».

 

 

 

 

Estás a presentar Revolución Chic (2024), o teu traballo máis recente, no que semellas volver ás túas orixes máis funk. «Eu só sei que preciso volver ao paraíso que me fixo crecer», dis no tema que dá título ao álbum. É unha volta «nostálxica» para dar un paso adiante no desenvolvemento do teu estilo?

Brais: «Máis que nostálxica eu diría que futura; hai moitísima carga positiva e ganas de ver a luz despois de estar pechados na escuridade da pandemia. “Volver ao paraíso que me fixo crecer” para min é unha volta aos cimentos cos que medrei, ao que sempre me inspirou e me fixo moverme.

É outra etapa distinta á anterior e levaba anos querendo producir un álbum como este, pero ata agora non encontrara a maneira de facelo».

 

Escoitamos ritmo disco a cachón, dese que arrastra ao oínte á pista de baile, como xa nos adianta a propia portada con esa bóla de espellos na túa man. Foi este o obxectivo da creación deste disco?

Brais: «É un disco con son disco no que se reencarnan as sementes da música negra, que lembra á música dos 70 nas discotecas do futuro. A revolución chic é unha revolución imaxinaria e social e, por suposto, unha revolución musical; un impulso a bailar, a revolucionar a pista de baile.

O das bólas de espellos e a estética foise adaptando e saíndo aos poucos, pero a idea do álbum estaba moi clara desde hai tempo».

 

Foto © Roi Vázquez Morandeira

 

Respecto ás letras, notamos que son máis desenfadadas, lixeiras e positivas se as comparamos coas de traballos anteriores. Por que compoñelas desde esta perspectiva máis optimista?

Brais: «A maioría das letras foron escritas en pandemia, co cal había unha necesidade existencial de saír dela máis fortes en saúde. A imaxinación de como iamos volver a verlle a cor á vida e como íamos saír desta situación levou a ese optimismo á hora de compoñer; a ver o mundo con ese enfoque de liberación e ganas de desafogar con ledicia cos novos tempos futuros».

 

 

Metidos en temática, por que escoller «Revolución Chic» como título?

Brais: «Pois “Revolución Chic” xa era unha canción que tiña feita desde hai uns anos e tocámola sempre nos directos. Non estaba gravada en ningún disco e tiña claro que debía estar neste polo tipo de álbum que é. En canto ao título, non era nun principio o que ía escoller, pero despois de darlle unhas cantas voltas dinme conta que lle viña como auga de maio.

Ao final construímos esa revolución musical con ese toque de brillo e elegancia chic que conmove a bailar e penso que foi un acerto, porque soa ben e representa totalmente o concepto e a coherencia entre todas as cancións».

 

Canto á inspiración, houbo alguén, ou algo, que empuxase a túa creatividade de maneira destacada?

Brais: «Non foi nada concreto, foise creando co tempo. Despois de lanzar No Mato do desespero sabía que o próximo disco ía levar unha onda distinta.

Fomos sacando singles como Disque ao Soul”, Euforia” ou Funk Salvaxe”, que xa pertencían a unha etapa marcada polo predominio dos bombos a negras, os baixos máis gordos, e os riffs de guitarra repetitivos. Estaba todo preparándose para facer un disco máis moderno; era o momento de facer aquel disco que tanto desexaba desde épocas atrás.

É certo que cando compartes vida e sentimentos cunha persoa nova por eses tempos tamén a motivación é moito maior, axuda a compoñer cancións tan alegres, desenfadadas e optimistas...[risos]».

 

 

Fran Castro (teclados, coros), Antón Torroncho (baixo), Sergio Blanco (batería) e Manu Seoane (guitarra, coros) son Nasaufunk, a banda de músicos que che acompaña desta volta. Como xorde a xuntanza? Ademais dos seus instrumentos, que dirías que achega cada un dos compoñentes ao proxecto?

Brais: «Sergio Blanco fixo unha substitución puntual nun par de concertos e foi marabilloso. Pero o batería oficial da banda é agora Xabi Cid, que substitúe a Marcos Pazo. Fran Castro incorpórase xusto en 2020, cumpríndose o soño de ter un teclista fixo na banda que leve o peso da harmonía dos temas.

Antón Torroncho xa era un músico co que tiña boa sintonía e entrou tamén ese ano na banda achegando unha dedicación e un groove de graves maxistral. Manu Seoane leva na banda comigo desde os comezos e é o guitarrista co que mellor me entendín sempre, liberándome de varias funcións que me permiten centrarme máis en cantar. Así vaise formando a Nasaufunk».

 

Foto © Roi Vázquez Morandeira

 

«Nasaufunk»: o «funk» polo xénero, pero, e o «Nasau» (capital das Bahamas...)?

Brais: «Nasaufunk é o nome que lle quixen dar ao proxecto, ademais de levar o meu propio. O de “Nasau” gustábame como soaba; á parte de ser a capital das Bahamas, con aire tropical, tamén me gustou o sentido que pode ter como tribu” ou nación”, como se fósemos parte de algo. Tamén me soaba a algo africano, como Bisáu ou algo así... e gustoume moito».

 

 

Como curiosidade, nos teus traballos anteriores tamén te acompañabas dunha banda, cambiante na súa maior parte dun disco a outro. Vén agora Nasaufunk para quedarse?

Brais: «Iso nunca o sabes. Os músicos que te acompañan están tamén noutros proxectos a maioría porque non dá para vivir da música cun só, ás veces teñen que compatibilizalo moito e priorizar... Isto é traballo e hai que ir a onde hai máis oportunidades. Eu entendo cando un músico que toca comigo non pode continuar se ten unha oferta mellor.

O que si che podo asegurar é que na Nasaufunk actual temos un clima de dez e a implicación e compromiso de cada un é un orgullo».

 

Respecto ao proceso creativo, como van medrando as cancións desde a súa orixe ata o produto final?

Brais: «No meu caso, case sempre aparece a música antes que a letra, polo xeral; é dicir, é a melodía ou acordes base o que che inspira a facer a letra. Outras veces ocórreseme unha frase, un retrouso ou algo que che dá o punto de idea para crear o resto en función diso.

É un proceso que cambia dependendo do tipo de canción que sae. Non hai un momento concreto para compoñer ou, polo menos, a min nunca me pasou o de “vou escribir a letra dunha canción”, ou “vou compoñer esta serie de acordes”. Vén no momento que vén e ás veces non te atopas nin na casa nin no local e non tes o instrumento a man...[risos]».

 

 

Hai uns días Tito Lesende interviña na Radio Galega e recomendaba Revolución Chic, definíndoo como un torpedo de funk salvaxe, de música rítmica e orgánica. Como che sentaron esas palabras dun «melómano profesional e vocacional» como Lesende?

Brais: «Si! A verdade é que me gustou moito a súa intervención na Radio Galega e a súa reflexión sobre a música actual influída pola potencia das redes sociais.

En canto á súa recomendación, agradézollo moito pola súa profesionalidade e honestidade. Identifícome totalmente co seu discurso cando nos pon de exemplo de música rítmica e orgánica porque entendo o que quere dicir. Penso que se refire á moda que hai agora de levar a música gravada en playback relacionada cos estilos que o petan no momento actual e comercial, poñéndonos como referencia de grupo orgánico e rítmico que non ten a mesma visibilidade industrial, pero que podería estar igualmente na mesma liña de reproducións e visualizacións para as novas xeracións do TikTok, facendo coreografías das nosas cancións.

Así que moitas grazas a Tito Lesende pola súa recomendación».

 

Para Revolución Chic volviches contar con Arturo Vaquero na produción, como é traballar con el, recoñecido profesional na escena musical galega?

Brais: «Arturo Vaquero é a persoa que mellor me coñece para saber como quero producir un disco desde hai anos, e cada vez nos entendemos máis. Xa son bastantes anos traballando xuntos, para min é o técnico perfecto e ademais é o meu amigo. Axúdame en todo porque confía moito en min.

O seu estudio na natureza de Abrigueiro é o lugar idóneo para gravar e producir, desconectado do resto e centrado só en saúde musical. É lóxico que tanta xente vaia alí se quere sacar un resultado de son con calidade sendo un [sitio] top profesional na escena musical galega. Se levo catro discos (un de Loretta) consecutivos gravando en Abrigueiro non é por casualidade!».

 

Foto © Roi Vázquez Morandeira

 

Aínda que Revolución Chic foi «mini-presentado» en acústico, à la Tiny Desk, na librería Moito Conto (A Coruña), este 1 de marzo levaralo ao escenario do Garufa Club. Que podes adiantar dos concertos desta xira que vén? Que pode agardar o público dunha actuación de Brais Morán & Nasaufunk?

Brais: «Despois do marabilloso petisco do Tiny Desk de Moito Conto, queremos ofrecer un espectáculo moi bailón e enérxico de disco funk este vindeiro 1 de marzo na Sala Garufa Club da Coruña arrancando a xira. O público é consciente de que non hai ningunha banda deste estilo en Galicia.

Contaremos coas colaboracións de Fer Román, X.L Miranda e Brais López como sección de ventos para abrir esta primeira presentación de Revolución Chic e repasaremos varios clásicos de discos anteriores. Obviamente tocaremos todas as cancións deste último álbum, por suposto!

Tamén haberá algunha que outra sorpresa e cancións de Loretta Martin que recuperaremos para esta nova etapa. Xa temos pechadas algunha artista convidada para cada concerto da xira. Estade atentas!».

 

Pechando o círculo que abriamos coa primeira pregunta, onde te ves, profesionalmente, nun futuro non moi afastado... digamos na seguinte década?

Brais: «Eu sempre dixen que me gusta ser un artista recoñecido, máis que famoso; poder traballar no que máis me gusta dun xeito profesional. O de ser unha rock star penso que xa é un paraíso distante, un soño de adolescente, ou algo que te colle por sorpresa.

Soñar é gratis, pero penso que o máis importante é sentirte ben co que fas e ser honesto e fiel ca música que ofreces. Non teño expectativas tan altas porque penso que o mellor sempre está por chegar, así que se algún día tocamos o ceo... que nos colla no escenario».

 

Foto © Roi Vázquez Morandeira

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Brais: «Na actualidade, diría que Nastasia Zürcher é a artista con máis calidade do país e penso que das menos valoradas. Claro que A banda da Loba, Udra, A Pedreira... son grupazos e boas amigas, pero quizá sexa Catuxa Salom un dos grupos máis interesantes do momento que espertaron o meu interese. Aínda non puiden vela en directo!».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Brais: «[Risos!] Non teño ningunha vergoña en ensinar o que escoito, porque atopariades moita diversidade e seguro que lle chocaría máis á xente que a min mesmo dicindo que non me pegaría nada.

Pois desde as Spice Girls, David El Gnomo, Raphael... Bandas sonoras a moreas como Falcon Crest, a saber. E poderían estar perfectamente Chanel e Ricky Martin, por que non? Tería que mirar as listas de reproducións dalgunha festa! [Risos].

Teño practicamente todos meus discos en Spotify, pero a verdade é que non paro tanto en escoitar aí. Uso máis YouTube e sigo sendo de poñer discos na casa e no coche cando podo».

 

  noticias