• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2024

NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2024
3 MARZO 2024

 

Norteño & Reboiras, Carlos El Norteño & Reboiras

Logo dun par de adiantos publicados ao longo do ano pasado, Carlos El Norteño & Reboiras rematan febreiro, xusto o día 29, co álbum ao completo. Composto por catro temas, Norteño & Reboiras (2024) materializa un proxecto que combina o mellor do rap e da música de autor cun só obxectivo en mente: promover a cultura galega.

 

 

 

 

Ahora que llega la bala perdida, Dr. Juhh

Dr. Juhh lanza unha mensaxe de alerta, dos imprevistos que pode traer o tempo, situacións non buscadas que obrigan a actuar, enfrontándose a elas ou esquivándoas. Faino como mellor sabe, con música, con tres cortes que recompila en Ahora que llega la bala perdida (2024). O EP desenvolveuse case se querer, xa que o artista coruñés tiña pensado publicar só o segundo corte, “Llega”, pero «xogando con temas que tiña na recámara optei por acompañalo dos outros dous e modificar lixeiramente os títulos para acadar unha frase coherente entre os tres, que deu lugar a certos arreglos nas cancións para darlle un sentido a todo». A portada, cunha imaxe dun pontífice con gorra, lonxe de ser ofensiva, busca facer gracia, segundo o propio Dr. Juhh: «neste caso véxome como un sacerdote cunhas oracións que son as miñas cancións. Tamén e certo que teño constantes referencias bíblicas nas miñas letras, xa que me chaman moito a atención as diferentes relixións que existen no mundo [...] pola magnitude e enorme poder que teñen nas sociedades actuais e desde sempre».

 

 

 

 

 

Somos nós, Seitura

O novo traballo de estudio de Seitura chega catro anos despois do seu debut discográfico en plena desescalada. Somos nós (2024) recolle catro cancións cuns enérxicos riffs de guitarras e letras cargadas de punzante temática social. Neste segundo EP, a banda de punk rock do Val Miñor avanza na súa procura por un son propio, máis maduro, cheo de potencia, rabia e moita actitude. Para Somos nós, Seitura contou coas colaboracións de Gabri (Dakidarría) e Max (Skacha, Harry May).

 

 

 

 

  

Pieza Rara, Too Many Villains

Too Many Villains están de estrea! Logo de lanzar un par de sinxelos ao longo do ano pasado, o grupo vigués de pop rock publica agora Pieza Rara (2024), un EP cos tres temas «máis elaborados de Too Many Villains ata a data». Musicalmente, este disco é o resultado dunha evolución natural cara a temas máis redondos, cun maior peso nos arranxos de instrumentos e voces. Pola súa banda, o oínte notará un crecimento nas letras, que evocan as consecuencias dunha ruptura de parella, un amor especial ou unha reivindicación a non ser un máis na masa; tres temas diferentes entre si, pero complementarios ao mesmo tempo para facer deste EP unha «peza rara».

 

 

 

 

 

Monochrome, Rheia Gorecki

O segundo, e derradeiro, adianto foi “Out There”, un corte que combina texturas e recursos estilísticos diferentes cos que pretendían transmitir unha sensación de angustia e malestar; sensación que, indubidablemente, acadan nos pouco máis dos seus catro minutos de duración. O pasado 12 de febreiro, Rheia Gorecki por fin publicaba o seu novo disco ao completo, Monochrome (La Rubia Producciones, 2024), un EP de cinco cortes co que o dúo galego quixo ser «o máis honesto e directo posible». Con Iago Lorenzo de novo na produción, gravación e mestura, e Robin Schmidt na masterización, o álbum zumega vulnerabilidade, pero tamén ira, tristeza, medo ou calma. O fío condutor de Monochrome é a ansiedade, e como esta pode provocar tal caos no día a día que, ás veces, se esquece de onde vén; desde a perspectiva ansiosa nada é igual, aínda que se tenda a ver todo en tons moi semellantes... «e de aí o título».

 

 

 

 

 

I Will Destroy All My Music for You, XABGZ

O produtor e compositor galego XABGZ enfróntanse ás contradicións da sociedade contemporánea de xeito irónico, ferinte, pesimista e, ás veces, aterrecedor. Coñecido por deambular polos aires da música menos terreal, no seu novo traballo discográfico, “I Will Destroy All My Music for You” (2024), utiliza recursos do noise, ambient, minimalismo, new-age e mesmo post rock. As 13 cancións de electrónica experimental que recolle o longo son, segundo sinala o seu autor, «máis audibles» que traballos anteriores, «tanto pola curiosidade que xeran como pola claridade do son».

 

 

 

 

Crema, APHONNIC

Con máis de 20 anos de traxectoria, que se di pronto, APHONNIC apúntase outra nova victoria. A banda viguesa lanza o seu sétimo longa duración, Crema (Maldito Records, 2024), un novo traballo composto por once temas, once historias, onde letras punxentes e infinidade de metáforas se fundirán na cabeza do oínte grazas aos impoñentes acordes que recolle o álbum. Gravado entre Vigo (Planta Sónica) e Portugal (Poison Apple), con Vasco de Ramos novamente na produción, Crema é un disco dinámico, con grandes cancións que non pasarán desapercibidas, melodías para repetir unha e outra vez, en bucle, ata que o corpo aguante... ou as emocións se esgoten. A portada do LP —un oso beizudo escoitando música cuns auriculares baixo unhas letras neon— representa unha sociedade que so amosa unha vida cor de rosa en redes sociais e oculta todo tipo de traumas e miserias.

 

 

 

 

 

Horas Valle, Raposo

Corría a primavera de 2020 cando Chisme, un dos álter ego musicais de Fernando Epelde, publicaba Todo es ficción (Raso Estudio, 2020), que ben podería facer de banda sonora daquela época. Epelde esta agora de volta no mercado discográfico pero con Raposo, outro dos seus proxectos que nos deixaba El mundo persistente (2017) como última referencia. O one-man show a lombos dun looper lanzaba a finais de xaneiro Horas Valle (2024), un álbum de nove cortes de pop eléctrico mutante e contaxioso xa dispoñible nas principais plataformas dixitais; o seu single-clip adianto “Teorema de la tienda de campaña”, un dos máis recentes, está inspirado no «célebre (e tan querido) sistema de desmontaxe das tendas de campaña Quechua».

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2024 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2024 cos discos completos!

 

  noticias