EXERIA: «SOMOS AS CANCIÓNS QUE ESTAMOS TOCANDO HOXE, MAÑÁ PODEMOS CAMBIAR»
Diego, Martín, Mateo e Miguel son uns namorados dos sons analóxicos, amantes da distorsión, románticos coa súa sutileza. Desde Ponteareas (Pontevedra), os catro músicos conforman Exeria, banda que constrúe un rock alternativo sobre piares de grunge, stoner, rock dos 90 ou mesmo britpop; letras en galego envoltas en potentes riffs de guitarra pódense escoitar nun par de singles, unha sesión en acústico e un álbum.
Sobre a independencia (2024) é o seu traballo máis recente e primeiro EP; cinco cancións nas que o cuarteto se abre a novas influencias, facendo súas músicas que, nun primeiro momento, estaban fóra do seu radar estilístico.
Xa vai para dous anos que decidistes unirvos para formar Exeria, como xurdiu a idea de crear a banda? Como foron os seus inicios, tendo en conta que naceu en pospandemia coas limitacións que iso supoñía?
Exeria: «Os nosos comezos foron complicados, pois cando comezamos a ensaiar aínda tiñamos épocas nas que había restricións territoriais e horarias. Ensaiamos varias veces con máscara por temor a contaxiar familiares ou ter que faltar no traballo, así que toda unha faena.
A nosa sorte foi tamén que como Martín é o compositor e letrista, el podía pasarnos unha demo crúa e nós ir familiarizándonos co tema; poderiamos dicir que somos pioneiros do teletraballo».
Exeria foi unha figura hispanorromana do século IV, considerada a primeira peregrina por viaxar, e documentar, o seu percorrido desde Gallaecia ata Terra Santa. Existe algunha relación entre esta figura e o nome da banda?
Exeria: «Por suposto. Buscabamos un nome curto e orixinal e, se ben non podemos dicir que sexa unha relación moi directa, podemos dicir (con moitas pinzas) que Exeria foi a primeira escritora en galego. Ela era oriúnda do Bierzo e a verdade é que nos impactou a súa aventura, que debeu ser algo inaudito para aquela época.
Unha das cousas máis divertidas do nome é que case ninguén é capaz de pronuncialo correctamente: Eseria, Ecxeria, Enseira...».
O voso logo é a xoaniña, un insecto ao que tradicionalmente se lle relaciona coa boa sorte. Hai algún outro simbolismo agochado detrás deste pequeno coleóptero como para utilizalo como aceno de identidade?
Exeria: «O logo é obra da artista e deseñadora Iria Alonso, estamos moi satisfeitos co seu traballo.
A idea da xoaniña xurdiu porque é un animal que trae sorte, como ben dis, e ademais queremos afastarnos desa estética “macho” da que tantos e tantos grupos fan gala. A quen non lle pode gustar unha xoaniña?».
Aínda que o grupo é de recente formación, xa viñades, como quen di, coas táboas feitas en grupos como O Caimán do Río Tea, Cool Funeral, Circular ou Met. De que xeito conflúe a vosa bagaxe á hora de conformar este novo proxecto?
Exeria: «A metade do grupo leva case vinte anos cun instrumento nas mans e moitos concertos ás súas costas, xa non só en Galiza, senón tamén en Portugal ou fóra do ‘Telón de Grelos’. Non podemos darlle a dedicación que nos gustaría á banda, intentamos ser adultos case funcionais, pero temos claro que esta é a nosa paixón.
Aínda así, temos moitas metas por cumprir e ilusión por todo o que está por chegar, que non é pouco!».
Definides o voso son como o punto de encontro entre o grunge, o stoner, o rock dos noventa e mesmo o britpop. Que hai de cada un destes estilos na música de Exeria? Con que vos quedades de cada un deles ao definir o son da banda?
Exeria: «As etiquetas musicais ou xéneros poderíamos definilos como un mal menor. Se temos un tema metade punk, metade pop, pode non ser punk-pop; alguén podería chamarlle grunge ou garage. Nós cremos que é máis importante sacar un bo tema sen pensar tanto no xénero.
Lémbrome dunha entrevista que lle facían a Nirvana na que Dave Grohl falaba de Kyuss como a banda que ía continuar o legado do grunge... Se eles non o teñen claro, quen somos nós para sentar cátedra?!
Para facelo máis fácil, eu diría que facemos rock alternativo, máis que nada porque non significa nada concreto».
Canto ás influencias, quen diriades que ten, ou tivo, especial impacto á hora de tocar ou compoñer?
Exeria: «Poderíamos falar de tres grupos principais como son Radiohead, Nirvana e Oasis, pero tendo temas que van desde o rock de baile dos 2000 como Bloc Party ata cancións acústicas de estilo folk...
Non gustamos de acoutarnos, en ningún sentido; somos as cancións que estamos tocando hoxe, mañá podemos cambiar».
Ao longo do ano pasado publicastes un par de sinxelos soltos, “Un novo nome” e “Ata que sexamos reis”, que finalmente non formarían parte do voso primeiro EP, do que falaremos máis adiante. Foron estes temas lanzados para tentear o terreo, agocha unha estratexia de márketing...? Por que non incluílos no álbum?
Exeria: «Hoxe en día o formato de álbum ou LP está cada vez máis en desuso por moitos motivos, pero, sobre todo, porque a cantidade de novidades lanzadas a diario é tal que se non se lanza música con certa regularidade quedas nun limbo. Volvemos a esa fórmula na que os DJ dos 60 podían pinchar o teu tema ou non na radio e os sinxelos eran moi importantes.
Aínda así temos a ambición de sacar un traballo na súa maior expresión; un disco de toda a vida, pero como para todo, fan falla moitas cousas que aos poucos imos acadando: mellorar a organización, aforrar para pagar o estudio, planear todo o referente aos lanzamentos... De nada vale sacar material hoxe en día porque si.
Non foron incluídos no álbum por varias cuestións, pero a principal é que teñen un son e unha produción diferente. Foron os cinco gravados no mesmo estudio e nas mesmas sesións, así que agrupar temas porque si non ten moito sentido para nós».
En 2023 tamén fostes gañadores da Batalla de Bandas do Trece Roeis Fest, recibindo como premio gravar un videoclip en exteriores, tocar no festival nesta edición, realizar unha minixira por salas... Como lembrades esta experiencia?
Exeria: «O adxectivo sería caótico. Ese mesmo día tiñamos un bolo no Porriño, a hora e media de distancia, así que estivemos a punto de non presentarnos. Para dificultalo aínda máis, o tempo era inestable e tivemos que tocar dentro dun pavillón onde a sonoridade non era a mellor. Finalmente presentámonos; tocamos en ambos sitios coa axuda do noso técnico e a comprensión pola demora do dono do local do Porriño. Cando xa estabamos no local rematando de recoller todo, chamounos Clara e José de Toxo Verde, que recolleron o premio no noso lugar, para contarnos que finalmente fomos declarados gañadores.
Estamos moi agradecidos tanto á organización como ao xurado. Xa non é soamente o tema dos premios, que claramente nos axudan un montón, senón o feito de que alguén lle dea ese aprecio ao noso proxecto é algo moi positivo a todos os niveis».
Fostes parte da primeira entrega de ‘Sesións de Sobremesa’, unha serie de temas en formato íntimo producidos por Toxo Verde, onde interpretastes “Proletario” e “Xa está mal” recompilados en Sesións de Sobremesa (2024). Como foi explorar esta versión en acústico de Exeria?
Exeria: «Desde logo moi interesante. Moitos dos temas comezan como pouco menos que unha demo acústica e, neste caso, en vez de convertelos nun tema eléctrico, preparamos a percusión e os arranxos do baixo para traballar o formato acústico. Incluímos o arranxo con alalás e pandeiretas en “Proletario”, que foi unha experiencia moi diferente para nós.
O máis curioso do tema é que actualmente estamos a traballar para levalos a formato eléctrico, co apoio dunha acústica a maiores.
Algo que queremos apuntar foi a presentación e defensa que fixemos destes temas no seu formato puramente acústico en Discos Elepé (Vigo); queremos agradecer a Suso pola súa confianza e a todas as persoas que acudiron. Gustounos moito traballar ese directo».
E de novo dous temas que non formarían parte do EP… por que?
Exeria: «Polo mesmo que os sinxelos; son traballos diferentes e non pensamos que sexa importante aglutinar temas sen razón.
Decidimos sacar un formato físico en forma de USB que contén toda a nosa discografía ata o momento. Fixémolo por varios motivos, pero un deles foi a sustentabilidade; pensamos que á parte do uso evidente, cada un pode usalo para gardar dentro o que queira. Eu sempre preciso dun USB nalgún momento [risos]».
Sobre a independencia (2024) é o voso primeiro EP, como foi o seu proceso de creación? A composición é un traballo conxunto ou hai reparto de tarefas?
Exeria: «Martín entréganos os temas pouco menos que rematados. Cámbianse as liñas de baixo e batería para crear un groove conxunto que funcione no tema, vemos se temos algunha parte que arranxar... pero basicamente trae os temas bastante avanzados. Mesmo as melodías e os coros tratamos de respectalos».
Respecto á inspiración, en que, ou quen están inspiradas as cancións? Sodes dos que pensan que hai que agardar a que veña a Musa ou adoitades saír a procurala?
Exeria: «Se ben cada un dos temas ten unha temática diferente, e nada concreta, podemos enfialos nun estado no que fuximos da toxicidade e escollemos ser independentes; decidimos facer as cousas ao noso xeito e asumindo as consecuencias.
Talvez se trate dunha reflexión sobre a nosa propia música? As guitarras e a distorsión non son precisamente a tendencia dominante nestes momentos!».
De que xeito escolledes a temática das cancións? Ten este disco un fío condutor?
Exeria: «A escolla dos temas foi máis por parte do produtor, Carlos, que pola nosa.
Simplemente eliximos entre os que máis nos gustaba e el fixo unha segunda escolla. O fío condutor non é intencionado, pero os temas falan sobre a nosa relación cos demais e viceversa».
Presentabádelo co sinxelo “A Costa de Frades” cun videoclip realizado por Trece Amarillo, como parte do premio do Trece Roeis Fest que comentabamos antes. Como lembrades a gravación? Case un mes despois da estrea, que pensades do resultado?
Exeria: «Estamos moi ledos pola acollida. Notamos como cada vez máis xente se interesa polo noso traballo e este é un paso máis na nosa aventura. O guión foi escrito por Martín, que é a alma creativa do grupo como xa vos teredes dado conta.
Traballar con Trece Amarillo foi moi sinxelo e divertido. Foron moi profesionais (máis que as nosas dotes actorais) en todo momento e pensamos que iso se nota no resultado final».
“Crendo só en min” comeza coa voz dunha muller recitando uns versos que introducen o tema, ao noso parecer, máis diferente do EP. Quen é ela? Como naceu, e se desenvolveu, esta canción en concreto?
Exeria: «A voz pertence a Sonia Melón, poetisa de Ponteareas. Cremos no potencial de traballar cos medios que temos máis a man; quedounos claro unha vez máis que non fai falla ir a buscar o talento moi lonxe de nós.
Pasámoslle o tema e nese in crescendo que nos propuxo o noso produtor Carlos Gil (que o ano pasado gravou un disco en Abbey Road con ISIUS) a súa voz quedou moi ben. O tema é “Papa’s Got a Brand New Bag” de James Brown e, se ben a mestura pode parecer do máis aleatoria, encantounos o resultado».
A portada deste disco asínaa Adrián Rodríguez, désteslle algunha indicación ou tivo total liberdade?
Exeria: «Con Adrián xa tiñamos traballado na portada de “Ata que sexamos reis” e nunca defrauda. Pasámoslle os temas e o título do EP e a partir de aí tivo liberdade; cremos que acertou totalmente».
Botando unha ollada a esa colaxe, que significado agochan os diferentes «recortes»? Están, dalgún xeito, conectados coas letras ou a idea creativa do EP?
Exeria: «Gústanos non explicar demasiado as cousas; ás veces estás a ver unha película ou serie e fan moi evidente algo que dun xeito sutil quedaría moito mellor. De todas formas, esta sería unha pregunta para o propio Adrián».
O voso proxecto está a despegar, que plans tedes a medio prazo?
Exeria: «O noso plan máis inminente é seguir coa xira de presentación do noso EP. Xa tocamos varios concertos, de momento próximos á nosa base de operacións, pero aos poucos imos marcando datas máis afastadas. Temos máis de dez datas anunciadas e aínda queda bastante máis por pechar!
A maiores pretendemos seguir a traballar en máis música nova; gravar para tocar, tocar para gravar».
Xa vos subistes aos escenarios en varias ocasións, de feito, vides de tocar no Liceum Bar do Porriño. Tedes máis datas programadas que poidades compartir? Esperades algunha delas con especial ilusión?
Exeria: «O concerto no Liceum foi simplemente fantástico. Achegáronse case cen persoas a desfrutar da nosa música e da dos nosos compañeiros Electric Läger, que deron un concerto superpotente; son unha banda a ter en conta.
Temos máis de dez concertos anunciados nas nosas redes e xa vos podemos anunciar que imos tocar nas catro provincias por segundo ano consecutivo, pero por primeira vez tamén algunha data en festivais, que vai ser unha experiencia nova como banda».
Ao fío, que pode agardar o público dun concerto de Exeria?
Exeria: «Preferimos que o noso público non vaia cunha idea moi fixa do que vai a presenciar. Desde logo imos tocar os nosos temas con moita paixón, pero tratamos de adaptar os nosos repertorios ao local onde imos tocar e ao mood. Dous concertos de Exeria poden ser moi diferentes entre si».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Miguel Ángel Martínez: «BALA, Mano de Piedra».
Martín Alfaya: «Hugo GZ».
Diego Lage: «Momboi, Zålomon Grass».
Mateo González: «The Rapants».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Exeria: «De todo! Desde pachanga ata metal. Cada situación pide unha canción diferente e non é o mesmo ir conducindo, que ir de festa, que poñer algo ambiental».