• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2024

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2024
7 ABRIL 2024

 

Moloch, David Vázquez

Hai un par de anos entregaba o primeiro volume de Concept City Pt 1 (2022) e, mentres agardamos polo segundo, David Vázquez ameniza a agarda cun novo álbum. Logo de dous adiantos, o compositor e produtor coruñés publicaba Moloch (2024) a finais de marzo, un disco que afonda no ambient, dark, tension e metal, a diferencia do anterior que soaba escuro en xeral, pero onde tamén escoitabamos rock electrónico ou pop. Os sete cortes, catro con letra e voz e o resto instrumentais, preséntanse unidos conceptualmente polo «sacrificio interno mediante un enfoque ritualístico».

 

 

 

 

 

Humano, Demasiado Humano, Manuel Seixas

O novo, terceiro na súa discografía, está dedicado a toda esa xente que loita contra a crueldade da dor mental. Collendo prestado o título dun libro de Nietzsche, Humano, Demasiado Humano (Ferror Records, 2024) son oito cortes nos que o músico e escritor anima, seica desde un punto autobiográfico, ao oínte a saír «desa pedra eterna de Sísifo». Faino a ritmo de electrónica, punk-pop, new-wave e a colaboración de Víctor Karallada (guitarra) en tres cancións.

 

 

 

 

Galego Is Not Dead, Pauliña

Un día despois de protagonizar as Miudiño Sessions #27 da Regueifa Plataforma 2.0, Pauliña lanzaba Galego Is Not Dead (2024), o seu novo disco. Gravado en Xonix Records, o cuarto traballo de estudio da cambadesa presenta oito cortes con letras en lingua galega —co título en inglés «procuraba, a modo de anacronismo, comparar a situación sociolingüística do galego coa contestación que deron The Exploited» con aquel Punk Is Not Dead (1981)— e mestura de xéneros. Pauliña, coa súa guitarra e o seu punk de sempre, aproxímase neste LP ao ska, rockabilly ou ao reggae, conformando así un abano de estilos que se abre ao rock, blues ou raggamuffin. Cheo de actitude e retranca, Galego Is Not Dead ofrece máis de vinte minutos para «bailar, saltar, berrar e tolear como se non houbese un mañá».

 

 

 

 

 

Azul Vindeiro, DEVALO

Logo dun puñado de adiantos, DEVALO descubría o seu traballo ao completo. “Azul Vindeiro” (Ferror Records, 2024) marca o terceiro disco do proxecto en solitario de David Miranda; un onde o artista ispe as cancións en comparación con aquelas, cheas de capas e texturas, dos seus dous álbums anteriores. Cunha menor superposición de elementos, escóitanse melodías levadas por distintos instrumentos que dialogan entre si, pero deixando «aire» entre eles en vez de formar capas de son. A decena de temas que recompila Azul Vindeiro non seguen nin unha cronoloxía nin unha liña narrativa, pero comparten algunhas temáticas como, por exemplo, a idea de recuperar a capacidade de pensar no futuro; ese futuro que, ademais, inspirou a o azul do título, que DEVALO identifica como un ceo ou mar aberto, e da portada pintada pola artista bretoa Dominique Rolland.

 

 

 

 

 

Monstro Delicado, Roberto Sobrado Grupo

Roberto Sobrado volve ao mercado discográfico con Monstro Delicado (2024), un disco que el mesmo define como «amálgama de ideas e voces de poetas». Gravado no seu local de ensaio de Viceso, en Lestrobe e en Santiago de Compostela, para este longo Sobrado rodeouse de Eugenio Mota (guitarra, midi, baixo), Nuno Pico (baixo digital, sintetizadores) e as voces poetas de Vítor Viñal, Poldo Canizo, quico e Rochi Nóvoa. Blues, rock, pop ou electrónica tinguen musicalizan os versos de poetas amigos nun regreso tan sorprendente como agardado.

 

 

 

 

 

Aprender a bailar, Anxo Araújo

Se o optimismo fose álbum... ben podería selo Aprender a bailar (2024), o último de Anxo Araújo. O músico pontevedrés publica un traballo «que disipa tormentas e convida a celebrar a vida e a vivir o presente»; faino a través de nove cancións de pop melódico que manteñen as reminiscencias do folk e a música tradicional galega. Gravado entre tres estudios galegos, mesturado polo propio artista xunto a Ibán Pérez (Estudio Terraforma) e con masterización de Víctor García (Ultramarinos), o longo presenta ritmos bailables, percusións latinas, ventos e sintetizadores que marcan esa optimista paisaxe sonora.

 

 

 

 

 

La máquina del buen rollo, The Rapants

Recentemente chegados de participar na segunda edición do Festival EmigraSon (Bruselas), The Rapants lanzaba La máquina del buen rollo (2024) ás principais plataformas dixitais, aínda que tamén está dispoñible en formato físico. O terceiro traballo da banda muradana, «máis tranqui pero máis cañeiro que os anteriores», destaca pola calidade da súa produción e do seu son, «moi próximo ao que o público pode escoitar en directo”. E esta era precisamente a intención do grupo ao entrar nos estudios de Paco Loco no Porto de Santa María (Cádiz): plasmar a enerxía que The Rapants desprende sobre o escenario e que, a estas alturas, é xa o seu aceno de identidade. Nos nove cortes que recolle o longo conviven letras e retrousos «rapantes» cunha variedade estilística ao servizo da música disco, do baile e do bo rollo. Ademais de Paco Loco na gravación e Mario G. Alberni (Kadizfornia Mastering) no master, caben destacan as colaboracións de Sara Faro (Fillas de Cassandra) na letra de ‘Rue Franklin’ e de Grande Amore, autor do tema ‘Cando pensa en min’.

 

 

 

 

Tiempo Extra, Ben Richards Jr

Ben Richards Jr non deixou de producir e, a mediados de marzo, chegaba o (primeiro?) capítulo anual da súa visión da sociedade actual. Tiempo Extra (2024) son trece novas cancións de disparos a quemarroupa no peito infame do capitalismo occidental. Un verdadeiro axuste de contas a ritmo de baterías electrónicas, caixas de ritmos dos oitenta, baixos e sintes, que se mesturan con letras comprometidas, controvertidas e desbordantes de ironía en máis dunha hora onde, unha vez máis, o artista non deixa monicreque con cabeza.

 

 

 

 

 

Sobre a Independencia, Exeria

EXERIA: «SOMOS AS CANCIÓNS QUE ESTAMOS TOCANDO HOXE, MAÑÁ PODEMOS CAMBIAR» [1/4/24]

Logo dun ano de adiantos, Exeria lanzaba o seu primeiro disco, Sobre a Independencia (2024). O EP recolle cinco cortes nos que a banda segue a abrirse a novas influencias, explorándoas sobre as súas bases de rock alternativo, grunge e britpop, asimilando melodías que, en principio, poderían semellar afastadas do que normalmente nos teñen acostumados. Sobre a Independencia son pouco máis de 20 minutos de sons analóxicos e crus, letras en galego e unha coidada e sutil produción; así escóitase en ‘A Costa de Frades’, sinxelo que acompañaba o lanzamento do disco. O videoclip, rodado en exteriores e que segue unha historia do máis peculiar, foi realizado por Trece Amarillo como parte do premio por gañar o concurso de bandas na última edición do Trece Roeis Fest.

 

 

 

 

 

Eterna Constanza, Mundo Prestigio

Con cada adianto que publicaban, xeraban unhas expectativas que, ás veces, semellaban imposibles de saciar. O primeiro xoves de marzo, xusto un mes despois de sacar o derradeiro, Mundo Prestigio publicaba o seu primeiro álbum, Eterna Constanza (Ernie Records, 2024); un traballo que recolle anos de traxectoria, que culmina o esforzo do cuarteto por acadar unha obra identitaria e representativa do que é a banda. Producido por Hevi (Malandrómeda), o LP presenta trece cancións, pasaxes a modo de interludio e colaboracións con seis dos seus artistas favoritos do panorama musical nacional: Carlangas, Antía Van Weill, Kimberley Tell, Cibrán García (Boyanka Kostova), Erik Urano e Kiliki Frexko. Estas colaboracións e as diversas influencias e referencias que durante estes anos acompañaron a Mundo Prestigio conflúen ata crear un son ecléctico, unhas melodías que poñen banda sonora ao que lles trouxo ata aquí, a constancia. Ademais de nas principais plataformas dixitais, Eterna Constanza pódese desfrutar tamén en vinilo, algo que era realmente importante para o grupo: «queriamos que cobrase sentido a través do formato físico e que fose así unha homenaxe ao modo en que nos gusta escoitar música».

 

 

 

 

 

Dauphine St Blues, Néstor Pardo

Máis de 500 quilómetros separan o último traballo que escoitabamos de Néstor Pardo, The Clarksdale Sessions – Live at Auberge Hostel (2023), do máis recente, Dauphine St Blues (2024). O músico e cantautor coruñés «viaja» de Misisipi a Nova Orleáns para ofrecernos un longo que, como o anterior, atravesa tempo e espazo. Gravado en xaneiro do ano pasado na cidade estadounidense, o longo é unha oda ao blues e á música de raíz norteamericana interpretada maxistralmente con paixón e dedicación, como só Pardo sabe facer logo de dúas décadas enriba do escenario. Dauphine St Blues é autenticidade e crueza a partes iguais, é unha forte conexión entre notas, acordes e «a esencia mesma da experiencia humana». A versatilidade de Néstor Pardo síntese ao longo de todo o disco en interpretacións de clásicos, como ‘A Change Is Gonna Come’, ‘House of the Rising’ ou ‘Gentle on My Mind’, e pezas orixinais como este ‘Rory My Favorite Bird’.

 

 

 

 

 

Axúdame a sentir, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

O último que escoitabamos del, Levantarse e caer (2022) era en solitario; un disco de canción de autor no que reflexionaba sobre a necesidade de cambiar o paradigma do éxito e a construción dunha sociedade individual e colectivamente máis xusta e solitaria. No seu novo traballo discográfico, Xabier Díaz volve rodearse das Adufeiras de Salitre para entregar unha obra construída, como xa é costume, sobre os instrumentos de percusión de man e a música tradicional galega. Axúdame a sentir (2024) presenta once cortes entre os que destacan maneos, alalás, muiñeiras ou pasodobres; todos eles nacen de pezas do noso folclore, recollidas polo artista coruñés, traballadas e interpretadas xunto ás Adufeiras, Roberto Grandal (acordeón), Iván Costa (zanfona) e Cibrán Seixo (violín). Como as cancións que recolle, o título do disco tamén ten a súa historia: «Axúdame a sentir, Xabier» era o que a súa avoa Obdulia dicía ao cantautor, «e dicíao con máis frecuencia ante a adversidade que na celebración». «Axúdame a sentir», unha frase que Xabier Díaz gardou con cariño na súa memoria agardando o momento preciso para transformala... de copla, a canción, a título.

 

 

 

 

 

Laniakea Communique, Kalte Sonne

Logo de cinco anos, Kalte Sonne volve servir un post-rock que vai alén do espacio exterior. A banda lucense estreaba marzo co lanzamento de Laniakea Communique (2024), un novo longo de catro temas gravado en Kollapse Stvdio por Iván Ferro, quen tamén colabora nas guitarras de ‘P3X-7763’. Ademais, o power trio tamén contou coa participación de Abraham Cupeiro en ‘Anarres’ tocando dous instrumentos orixinarios de Oriente Medio, a Kawala e o zurna, que achegan á peza sonoridades exóticas.

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2024 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2024 cos discos completos!

 

  noticias