KALTE SONNE: «SEGUIMOS A SER HOMES FRONTE AO INCONMENSURABLE COSMOS»
En 2013, baixo o «frío sol» de Lugo nace Kalte Sonne froito da unión de antigos compoñentes de distintas bandas metal lucenses. Coa mente aberta e a idea de non centrarse nun estilo en concreto, o power trio actualmente formado por Ángel Cobas (guitarra), Víctor Mouronte (batería) e Miguel Fernández (bajo) asina pezas nas que se distinguen elementos que van desde o stoner ao death-black metal, pasando polo sludge ou o post-rock. Na súa discografía, composta por media ducia de títulos polo de agora, a banda experimenta, afondando, sen perderse nin afastarse, da súa forma de facer música.
O seu lanzamento máis recente, Laniakea Communique (2024), rompía en marzo un silencio discográfico de cinco anos. Neste novo longo, composto de catro pezas definidas como posmetal, Kalte Sonne propón unha trepidante viaxe instrumental polo espazo exterior.
Kalte Sonne leva máis dunha década compartindo o seu post-rock por escenarios estatais e internacionais. Rebobinando ao 2013, como xorde a banda?
Ángel Cobas: «Alá polo 2013 xurdiu en Lugo a banda con Miguel, Víctor e Javi Miranda (metido en proxectos variados como Art of Lament, Bristol, Crazy Breed, Dead Flag, Digital Quail, Experipecies, Pressences, TFL, Einar Død...). Nos seus primeiros pasos, sumeime eu, que xa coincidira noutras bandas con Miguel e Víctor. Coa formación completa, sacouse o disco The Hum (2014).
En 2014, Javi deixou a banda e, cunha breve incorporación de Hadrián (The Last Twilight, Black Goat, HÆC, Pulsations...), gravouse Terra Incognita (Searching The New World Part 1) (2015). Despois da súa marcha, a formación quedou como un power trio e afianzouse a actual orientación musical».
«Kalte Sonne», ben «kälte Sonne», é «sol frío» en alemán. Por que escollelo para nomear a vosa banda? E por que en alemán?
Ángel: «Cando tiñamos xa uns cantos temas barallamos varios nomes e, por aquel entón, Kalte Sonne gustounos. Pensamos que o nome pegaba coa dirección que tomaban os temas que estabamos a compoñer. Agora,10 anos despois, que é o que cre a xente?».
Logo de varios cambios no banco, a formación actual confórmana Miguel (baixo), Víctor (batería) e Ángel (guitarra), os tres procedentes de grupos metal lucenses. De que xeito influíu a vosa experiencia previa noutras bandas no novo proxecto?
Ángel: «Os tres pasamos nalgún momento por Skullkrusher, grupo a medio camiño do thrash metal e o death metal melódico; Miguel e máis eu estivemos tamén xuntos no grupo de stoner metal Sunset Riders; Miguel, ademais, formou parte de Frosthorn (black metal), Godtrip (grindcore) ou Undead Skulls (death metal). Eu estiven na banda de heavy metal Estrella Negra, TNR ou Sen Berce (thrashcore), e Víctor forma parte do grupo de blues rock Conducto Coloquio, co que continúa na actualidade.
De que xeito nos influíu? Pois a mellor maneira de definilo é a través dos traballos que temos presentado, que son a condensación de toda esa experiencia; desde un punto de vista musical ata un punto de vista da xestión loxística... E o que nos queda por aprender!».
Ao fío, como diriades que afectaron eses cambios de formación que comentabamos á evolución do voso son?
Ángel: «Sen dúbida, desde que pasamos a ser un power trio, para poder encher máis o ambiente, o uso de loops caracteriza moito o xeito de compoñer e tocar».
Falando de son, e aínda que somos conscientes dos diferentes xéneros nos que podería caer o voso, como describirades o son de Kalte Sonne?
Ángel: «Desde que fixemos “The Hutchison Effect” e “The Fermi Paradox”, temas que aparecen en Searching The New World Part 2 (2016), o grupo orientouse cara a un estilo a medio camiño do post-rock e o sludge metal, pero sen renunciar a introducir pasaxes doutros estilos como o stoner, metal progresivo ou black metal. Pero, por simplificar, adoitamos dicir que tocamos post-metal».
Canto ás influencias, quen en particular vos inspiran, ou inspiraron, especialmente na vosa carreira musical?
Ángel: «Para min a inspiración máis grande que podo destacar (100%) foi o grupo grego Tuber. Eles foron os que axudaron a concibir o que hoxe soa na guitarra».
Víctor Mouronte: «No meu caso, probablemente, póidanse condensar as principais influencias nun triángulo formado por rock progresivo, hard rock e metal en xeral, pero tendo un elevado peso na ecuación outros sons chegados do jazz, funk, blues, soul, hardcore punk, folk ou música académica occidental. Xa máis centrado no propio instrumento é complicado reducilo a un artista, pero algúns nomes que poderían mencionarse son: David Garibaldi (Tower of Power), Mike Portnoy (Dream Theater, Flying Colors, Transatlantic...), John Bonham (Led Zeppelin), Blake Richardson (Between the Buried and Me), Vinnie Colaiuta, Dennis Chambers, Marco Minnemann... Pena non poder tocar como ningún deles!».
Miguel Fernández: «Cult of Luna, Envy e Godspeed You Black Emperor sería o meu trío de cabeceira».
Logo do voso aclamado debut discográfico, publicades Terra Incognita (Searching The New World Part 1) (2015), un traballo no que, alén de buscar o novo mundo, engadides elementos doutros estilos ás pasaxes post-rock e blackgaze que caracterizaban o voso primeiro disco. Que propiciou esta pequena viraxe no voso son?
Ángel:«The Hum estaba máis orientado ao blackgaze e en Terra Incoognita, mantendo esa esencia, o son mergúllase en atmosferas máis post-roqueiras. A gravación coincidiu co cambio de formación e iso dalgún xeito acabouse reflectindo na música».
A segunda parte, Searching The New World Part 2 (2016), foi publicada nun split coa banda galega Octawitch. É curioso que, logo dun primeiro volume en solitario, o segundo o lancedes compartido, non? Por que e por que con eles?
Ángel: «Cando os temas estaban listos dubidabamos entre varias posibilidades e pareceunos que un split cunha banda afín era a mellor opción. Daquela aínda non coñeciamos a Octawitch; sorprendeunos atopar unha banda con ese son en Ourense e que podía encaixar coa nosa idea. Contactamos con eles e foi todo para adiante».
O voso anterior traballo, Ekumen (2018), e primeiro longa duración, está composto sobre unha idea simbólica baseada no Ekumen, unha federación galáctica de mundos habitados por seres humanos que aparece na serie de novelas de ciencia ficción El Ciclo Hainish de Ursula K. Le Guin. Por que escoller esta idea para unir os temas do disco?
Ángel: «Despois de sentir o zunido (The Hum), e da procura dun novo lugar, o ser humano atópase fronte á impoñente inmensidade do universo; este é o concepto do disco Ekumen. O universo de Ursula K. Le Guin encaixaba perfectamente para darlle soporte a idea».
En 2019 saía Mareira (2019) como parte dun split coa banda chinesa ALPACA. Como xurdiu iso de facer un split cun grupo nada menos que de Shangai?
Ángel: «Foi un pouco froito da casualidade. Javi de ALPACA contactou con Iván Ferro de Kollapse Stvdios para tentar organizar unha xira pola península; Iván preguntounos se nos interesaría axudar a montala e compartir furgo e datas. Daquela estabamos a gravar “Mareira” coa intención de publicalo nun futuro e coincidiu que ALPACA ían entrar a gravar tamén nesa época. Pensamos que estaría ben publicalo ambos grupos nun split e presentalo na xira que se estaba a cocer.
Finalmente non puidemos facer a xira completa con eles, pero compartimos unhas cantas datas; a primeira delas en Madrid, onde nos coñecemos persoalmente».
“Mareira” é un tema de máis de dez minutos no que deixades de mirar ás estrelas para volver a vista ao mar e titular un tema, por primeira vez, en galego. A que se debeu ese cambio de perspectiva?
Ángel: «Este tema compúxose para unha actuación en marzo de 2018 no Mareira Fest da Coruña. Para o día do concerto non era posible contar con batería e, desde a organización, propuxéronnos tocar nun escenario paralelo con bandas con sets acústicos ou experimentais; pretendíase dar un enfoque especial para tal ocasión. Máis tarde Víctor fixo os arranxos de batería para deixar o tema tal e como se gravou».
Estades a presentar o voso novo disco, Laniakea Communique (2024), despois de cinco anos de «silencio discográfico». Obviando os tempos pandémicos, por que a demora na súa publicación?
Ángel: «O disco gravouse en 2021, pero tras pasar polo estudio estivemos unha temporada coa actividade pausada. Agora que nos estamos reactivando é o mellor momento para publicalo e defendelo».
Parte do título procede do termo hawaiano «laniakea», ou «ceos inconmensurables» en galego, que é como se coñece ao supercúmulo de galaxias que alberga a Vía Láctea. De que xeito fía este concepto as catro cancións que recolle o disco?
Ángel: «Como en Ekumen, seguimos a ser homes fronte ao inconmensurable cosmos. Por moito que cambien as cousas iso non cambia; seguimos á procura de paraxes exóticos. Con “Mareira” espazos de auga e con “Anarres” paraxes áridos de terra, pedra e area. Que máis atoparemos no percorrido? Iso xa o dirá o tempo».
Musicalmente, como describirades a viaxe galáctica cara a Laniakea? En que se distingue, ou asemella, dos anteriores?
Ángel: «En 2019 quedamos mergullados nas augas de “Mareira”. Para poder deixar esas paraxes, os motores kaltesonnianos tiveron que poñerse a BPM nunca vistos ata agora para poder vencer a forza de Poseidón. Despois da saída e o paso por “Anarres” volvemos coller velocidades de cruceiro para poder desfrutar de novo da inmensidade.
Cabe mencionar que en certas partes do álbum o son adquire máis contundencia e o tempo é máis elevado que en gravacións anteriores, pero mantendo coherencia co que o grupo xa mostraba en Ekumen».
Como foi o proceso creativo de Laniakea Communique? Como foron medrando os temas? Lembrades algunha anécdota (algunha improvisación que se fose das mans...) durante a creación do disco? Por certo, que papel xoga a improvisación á hora de crear as vosas pezas?
Ángel: «Os temas normalmente compoñémolos sen basearnos en ningunha idea establecida; preferimos explorar e ver a onde nos levan. Tentamos non poñernos límites e neste senso a improvisación xoga un papel importante, sendo isto algo que se queda na parte compositiva e que non trasladamos ó directo onde somos máis sistemáticos.
Como en todas as cousas sempre hai excepcións; este é por exemplo o caso de “Symetriady”, un experimento de tema feito intencionadamente simétrico (non só na estrutura) no que se inverten os riffs a partir da metade e a percusión tamén sufre unha inversión parcial».
Laniakea Communique foi gravado, mesturado e masterizado por Iván Ferro... e xa van uns cantos! Como é traballar con Iván? Que achega ao voso son?
Ángel:«Searching The New World Part 2 gravámolo cando el aínda tiña o estudio en Madrid. Desde entón, e xa co estudio na nosa cidade desde hai uns anos é todo moito máis cómodo e non contemplamos outra opción. Coñecémonos dende hai moitos anos e é quen mellor sabe o que buscamos. Iván é moi meticuloso e mira ó detalle todo o que grava; sempre vai sacar o máximo que a banda poida dar.
Neste disco deixou un pouco máis do seu toque persoal colaborando no tema “P3X-7763”, no cal fixo os arranxos de guitarra do interludio».
Ademais da colaboración de Iván Ferro na guitarra de “P3X-7763”, escoitamos a Abraham Cupeiro en “Anarres” tocando a Kawala exipcia e o zurna, instrumentos de vento pouco utilizados no metal ou no rock. Como naceu esta sorprendente colaboración? De que xeito traballastes os seus instrumentos ata acadar unha ensamblaxe, musicalmente, tan coherente?
Ángel: «Contactamos con el a través de Iván Mouronte, que se encargou do deseño gráfico tanto de discos nosos (Ekumen e Laniakea Communique) como de Abraham Cupeiro (Pangea e Mythos). Abraham animouse a compartir o seu talento con nós e estamos moi agradecidos.
“Anarres” é un tema que pola súa harmonía leva a pensar en sons do deserto e incorporarlle dous instrumentos de Oriente Medio foi poñerlle a guinda ao pastel. Criamos que na segunda parte do tema, onde todo respiraba máis logo do parón, era a parte máis adecuada para a incorporación doutro(s) instrumentos. Pasámoslle unha gravación preliminar do tema a Abraham e probou que instrumento se adaptaba máis; de primeiras el tiña en mente o duduk pero finalmente escolleu Kawala e zurna por ser os que mellor encaixaban.
Quedamos unha tarde en Kollapse Stvdio e, en aproximadamente unha hora, Abraham fixo varias probas entre as que escollemos as mellores tomas para deixar o resultado que finalmente se publicou».
Anarres é a lúa de Urras, planeta pertencente ao Ekumen que comentabamos antes... Se tiramos máis do fío (condutor) atoparemos algunha outra conexión —ademais da gráfica da que falaremos máis adiante— entre estes dous traballos?
Ángel: «Como xa comentabamos, a inmensidade do universo é un concepto recorrente na nosa obra. Ás veces traído cunha visión máis antropolóxica da man de Ursula K. Le Guin e outras desde unha perspectiva máis cosmolóxica.
Entre os dous discos hai unha conexión tanto musical como conceptual, de feito o último tema de Ekumen titúlase “Ansible”. Este termo, acuñado por U.K. Le Guin en O mundo de Rocannon (1966), fai referencia a un aparello ficticio capaz de realizar a comunicación instantánea. Na novela Os desposuídos (1974), que cumpre 50 anos neste 2024, a mesma autora narra a vida do físico orixinario de Anarres, Shevek, que desenvolve a Teoría Xeral do Tempo que daría lugar a este dispositivo».
“Twory-F” pecha o disco cunha duración de 18:18 minutos —a vosa peza máis longa polo de agora— e, aínda que somos conscientes de que no rock progresivo a duración dos temas se afasta do común, como foi compoñer esta canción en concreto?
Ángel: «É o tema que fixemos despois de “Mareira” en 2019, prepandemia. Como comentabamos antes, á hora de compoñer adoitamos improvisar e non usar ideas preconcibidas..., e foi así como saíu».
Como xa ven sendo costume, I. Mouronte B. asina a portada do disco. Que significado agocha? Porque vemos as dúas figuras (tres, se contamos a que só se reflicte) que tamén aparecen na portada de Ekumen, os dous planetas... Estades tamén a crear un universo gráfico que acompañe ao voso universo sonoro?
Ángel:«Ekumen e Laniakea Communique están conceptualmente enlazados e queriamos que isto se trasladase tamén ao aspecto gráfico. I.Mouronte B. era o que mellor podía desempeñar esta tarefa.
No reflexo atopamos un desprazamento intencional, un xogo coa noción de que a nosa percepción dos reflexos non é máis que unha imaxe distorcida da realidade. O que consideramos real podería ser un mero eco alterado dunha realidade máis profunda e inalcanzable. Esta realidade, oculta tras o veo das nosas percepcións subxectivas, desafíanos a cuestionar a autenticidade da nosa existencia que aceptamos sen dubidar.
En canto aos tres corpos celestes que aparecen na imaxe fan alusión aos referenciados nos temas: Anarres (“Anarres”), Tollan (“P3X-7763”) e Solaris (“Symetriady” e “Twory-F”).
Tentamos que haxa unha coherencia entre a parte sonora e gráfica pois forman un todo. Aínda que ás veces maquinamos un pouco con outras alusións..., cousa que poderán descubrir aqueles que se fixen atentamente na contraportada».
Ao entrar no voso Bandcamp é curioso descubrir a cantidade de apoio e críticas positivas —a maioría de fóra— que teñen os vosos traballos. Como adoita ser a acollida da vosa música alén das nosas fronteiras?
Ángel: «Adoita ser unha acollida positiva aínda que minoritaria. Somos conscientes de que o plano no que nos movemos (e nos queremos mover) é underground».
Alén do formato dixital, o LP está dispoñible en vinilo de 12’... luminescente! De onde veu esta idea de sacar un vinilo que brillase na escuridade?
Ángel: «Tiñamos intención de facer unha edición un pouco diferente, vimos a opción e finalmente non nos resistimos a ter este antollo».
Cando, e onde, poderemos mergullarnos ao vivo na vosa Laniakea? Que pode agardar o público dun concerto de Kalte Sonne?
Ángel: «Nestes momentos estamos a organizar as primeiras datas e iremos informando nas nosas redes. O público atoparase nun espazo e un tempo que verá distorcidos por pasaxes musicais que o axudarán a transportarse a dimensións etéreas».
Por curiosidade, que pedais compoñen o voso live set?
Ángel: «Para a guitarra o looper RC-30, que é o sustento de todo. Logo o típico: uns delays, flanger e phaser, un overdrive e, o máis importante de todos, un afinador... [risos]».
Miguel: «Para o baixo, overdrive (TS-9 e Fulltone Full Drive 3), phaser (Electro Harmonix Small Stone), delay, chorus e afinador, os clásicos de Boss. Sinxelo».
Víctor: «Para a batería un Millenium PD-222 Pro Series cun eixo Trick Drums P1V6DW... 😉».
Como resumiriades estes máis de dez anos enriba dos escenarios? Que agardades para os vindeiros dez?
Ángel: «Durante unha década, destilamos a natureza do noso tempo en 120 ciclos lunares. E agora, coa mirada posta no futuro, agardamos polo menos outros 120 ciclos máis, como se en cada fase lunar atopásemos a promesa do que está por vir. Somos testemuñas e partícipes nesta danza cósmica, atrapados entre a fuxidía noite e a eternidade dos nosos soños».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Ángel: «Por citar algúns artistas recentes que publicaran disco nos últimos anos: Lost Minnow (math rock), Zålomon Grass (rock psicodélico), MOURA (rock psicodélico con influencias folk), EME-SX (synthwave), Demo Rumudo (jazz fusión), Wealman (jazz-funk), LaMontagne & PicoAmperio (electrónica e art pop fusionado con cantigas medievais)...».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Ángel: «Ben, aquí é onde se ve un pouco o eclecticismo dos compoñentes da banda. A continuación deixo os meus últimos álbums: New World (2023) de Pettra, Manifestation (2019) de Oxidaksi, Activa Land (2015) de Land Switcher, Inspectral (2019) de MantisMash e Gateways of Consciousness (2012) de Kaminanda. Ultimamente móvome noutras vibracións».
Víctor: «Desde detrás do bombo e os pratos confeso que son máis de usar Bandcamp ou Youtube Music que Spotify..., pero por sorte puntúo case todos os discos que escoito e así non quedan perdidos; aí van os últimos trinta escoitados este ano, sen filtros:
Catch Without Arms (2005) de dredg, GRiT (2024) de Beach Avenue, Monochrome (2024) de Rheia Gorecki, Eroded Corridors of Unbeing (2017) de Spectral Voice, Act IV: Rebirth in Reprise (2015) de The Dear Hunter, Odious Descent Into Decay (2019) de Cerebral Rot, El cielo (2002) de dredg, 冀西南林路行 (Inside the Cable Temple) (2020) de万能青年旅店 [Omnipotent Youth Society], IEI (2023) de ZØRZA, Stare Into Death and Be Still (2020) de Ulcerate, Pawn Hearts (1971) de Van der Graaf Generator, Yetchalal (2012) de Ukandanz, How It Ends (2023) de Primordial, Farmhouse (2000) de Phish, Victory Mixture (1990) de Willy DeVille, Guts of a Virgin (1991) de PainKiller, It's Understood (2000) de Estradasphere, Mythos (2024) de Abraham Cupeiro & Royal Philharmonic Orchestra, American Gothic (2023) de Wayfarer, Montrose (1973) de Montrose, Black Royal Spiritism – I - O sino da Igreja (2023) de RUÏM, Jazz på svenska (1964) de Jan Johansson, Reaching Beyond Assiah (2023) de Outlaw, The Rime of Memory (2023) de Panopticon, Flora é M.P.M. (1964) de Flora Purim, There's a Riot Goin' On (1971) de Sly & The Family Stone, Sweeney Todd: The Demon Barber of Fleet Street [Original Broadway Cast] (1979) de VVAA, Your Time to Shine (2021) de Monolord, The Key (1990) de Nocturnus, Some Other Stuff (1965) de Grachan Moncur III... e ,a modo de curiosidade, Taylor Swift era quen me saía de primeira no Spotify Wrapped 2023».
Miguel: «No tocante á escoita dixital son máis de Bandcamp ou Youtube. Aí van uns cantos do último mes entre descubrimentos e reencontros: Circle Takes the Square, Fosco, Oscuro Culto, Level Spaces, Perturbator, Macroblank...».