ULLAH: «INTENTAMOS RECOLLER A ENERXÍA QUE NOS MANDA O UNIVERSO E MOSTRALA EN FORMA DE CANCIÓNS»
Por «coincidencias da vida», David «Peter» Giner, Jesús «Suso» Otero e Xabier Mailán coñécense, conectan na súa filosofía e xeitos de entender a vida... e, cando se dan de conta, se atopan mergullados na comarca nebulosa que separa as terras do ruído e da música. De aí nace ULLAh, un colectivo de aventuras impuras que anhela a expresión total e libre dos orgónicos, seres «partícipes de claves ocultas, misteriosas, non tan simples de apreciar; digamos que intuídas pero non menos importantes e presentes». Toda esa información proveniente da contorna que os rodea, e da enerxía orgónica na que están envoltos, recóllese en máis de vinte singles —ata a data— de música experimental.
Como chegan David «Peter» Giner, Jesús «Suso» Otero e Xabier Mailán a conformar ULLAh?
Peter: «Buscando un camelo na cola do camelo».
Suso: «Coincidencias da vida! Coñécense dúas almas “empresariais” con inquietudes artísticas, que se dan de conta que conectan nas súas filosofías e xeitos de entender a vida e deciden emprender no mundo musical. Peter entra no equipo xa que era colaborador asiduo de Xabier e compartía tamén filosofía, co que a creación do proxecto xorde de xeito case natural».
Xabier: «De xeito natural e lóxico porque os tres falamos un mesmo idioma: a música».
Peter é produtor, músico e compositor; Suso «deseñador sonoro» ademais de informático; e Xabier, cineasta, produtor audiovisual e compositor musical. De que xeito conflúen as vosas facetas profesionais á hora de crear este proxecto?
Xabier: «No meu caso, a música abrangue gran parte do meu día a día, xa sexa como creador, investigador, ou simplemente oínte. Sinto que para os dous outros partners de Ullah sucede algo semellante.
A partir de aí, decidir camiñar xuntos un novo camiño con xente afín é un dos alicientes e oportunidades que nos dá a vida e o estar vivos durante os mesmos períodos de tempo lineal: Ullah sería máis difícil, non imposible, con Peter vivindo no século III a.C. ou Suso en 2457, aínda que sexan feitos que tamén ocorren».
Peter: «O Peter déitase e érguese con música; está constantemente con ela».
Suso: «No meu caso, penso en achegar unha visión “enxeñeril” o proxecto, un tanto pegada o mundo actual dos algoritmos e a dixitalización do mundo musical, así como unha achega desde o traballo co son como medio interpretativo en si mesmo».
Foto © Xabier Mailán
O de ULLAh é por facerlle unha chiscadela a Antas de Ulla (Lugo), municipio onde reside actualmente Xabier, polo río Ulla que nace nese mesmo territorio, polo nome musulmán... (será por opcións!)?
Xabier: «O noso centro de unión sitúase na comarca da Ulloa (chamada así por acoller o nacemento do río Ulla), curiosamente centro xeográfico da rexión galega. A nosa forza centrífuga musical orixínase aquí, en profunda conexión e concordancia co territorio natural.
Ulla provén da raíz etimolóxica *wul- que significa ‘facer xirar’; parécenos un poético —á vez que arraigado— xeito de nomear un proxecto como o noso, tan centrado na música e, por tanto, no bailar. A -h final expande as suxestións e, non existindo na voz sónica, imprime visualmente un carácter exhortativo, de ánimo e incitación ao movemento».
Peter: «Totalmente de acordo con Xabier».
Suso: «Tal cal. Buscabamos un nome que reflectira o rural e a proximidade da nosa terra, e Ullah pareceunos unha boa opción».
Definides o grupo como un «colectivo de aventuras impuras que anhela a expresión total e libre dos seus orgónicos». Quen son, exactamente, estes orgónicos dos que falades?
Xabier: «Cambiar unha soa letra a unha palabra pode abrir vías de significación e exhibición novas e diferentes. Como organismos, onde a raíz org- define instrumentos/ferramentas, xa somos ou podemos ser unha chea de cousas. Como orgónicos, ademais, facémonos partícipes de claves ocultas, misteriosas, non tan simples de apreciar, digamos que intuídas pero non menos importantes e presentes. Xogar coas palabras, explorar e dar a coñecer a cosmogonía persoal, experimentar...».
Suso: «Os orgónicos somos nós como seres, como xente, como sentires; e non só como individuais, senón como entes que están conectados entre si, e co que os rodea».
Por que escoller o concepto do orgón, ou a enerxía orgónica, como unha dos piares sobre os que construír ULLAh?
Xabier: «Como creadores debemos tratar de buscar a voz propia; loitar contra o evidente e estándar, por asumido e por ser motor, se cabe, xerminal. Pero ata aí. A enerxía orgónica pode ser unha das miles de maneiras de nomear o magma vital que todo o impregna, e do que extraemos por destilación e filtrado singular as obras creadas, neste caso en forma de cancións. E é tan rico e variado como nós sexamos capaces de introducirnos nel».
Peter: «Porque o orgón é a enerxía e como tal, todo parte dela; mesmo as nosas cancións».
Suso: «Porque nos temas de Ullah non nos poñemos límites, simplemente nos dedicamos a sentir o momento e o que xurda. Tentamos recoller a enerxía que nos manda o universo e mostrala en forma de cancións».
Foto © Xabier Mailán
Sen tirar de etiquetas, como describiriades a música de ULLAh?
Xabier: «Na música de Ullah conflúen todas as músicas que nos foron nutrindo ao longo das nosas vidas. Como seres orgónicos, é dicir, instrumentos a favor da vida e as súas manifestacións primarias: o amor, a intelixencia, a liberdade... Tratamos de expresar todo isto —desde as nosas humildes capacidades, limitados medios e despreocupadas perspectivas— a través da música. Tanta confluencia é difícil de clasificar, pero algunhas coordeNadas son: contemporaneidade, ritmo, melodía, concepto, delirio, suavidade, ímpeto, permanencia, inconformismo...».
Peter: «Unha manifestación do momento, sen máis».
Suso: «Unha música para escoitar sen etiquetarse, só para sentila».
Canto as vosas influencias musicais, a quen sinalariades como referentes principais?
Xabier: «Como orgónicos puros, o das influencias, segundo meu punto de vista, atende a tantos factores e é tan inabarcable que me vexo obrigado a delimitalas temporalmente. Durante a última semana identifiquei como valiosas, e investiguei sobre o seu efecto na miña creación: O novo ruidiño sincopado e metálico (tamén preocupante) no motor do coche; o cómico, xogador e soberbio trilar dun paxaro nun piñeiral próximo; a melodía de marca do PP (nun futuro, esperemos que próximo, no que bailaremos sobre as cinzas da política será das poucas cousas que se salvarán da queima [risos].
Dito isto, eu, á famosa illa deserta, levaría un disco de Frank Zappa. E se me apremas, diría que o Roxy & Elsewhere (1974) por aquilo de ‘en vivo’».
Peter: «Buf... estaría tres horas dicindo algo para comezar e situarte, e despois xa estaría canso e non respondería. Polo tanto, desde a primeira pedra que golpeou un pé e fixo que alguén cantase... ese! Ese primeiro berro que aínda resoa nas cabezas da miña mente choca, pero non esférica».
Suso: «A mente cadrada de informático lévame a pensar en xente como Wordtraveller ou Blank & Jones. Quizais non tanto polo tema sónico, senón pola inspiración da súa aproximación o traballo sistemático coa música».
Foto © Xabier Mailán
Tanto os títulos como as portadas dos vosos primeiros temas —“Folhas”, “Trees”, “Mussgo”, “Roccas”...— fan referencia á natureza dun xeito máis que evidente. Tendo en conta que unha das vosas intencións é «colaborar cos urbanitas no seu regreso desde o exilio condenatorio»... foron estas pezas pensadas como gancho sonoro para aproximar á xente ao rural?
Xabier: «Se a propia natureza, que sería o mellor dos ganchos, non o consegue...
Temos tan presentes esas e outras referencias puras do magnífico, directo e sinxelo de ‘o existente natural’, que sentímonos honrados nomeándoo e outorgándolle esa magnitude e importancia. Para cando as rotondas de homenaxe ás galiñas, ou o aeroporto acelga ou o monumento aos arroios?».
Peter: «Eu non podo falar que non fixen a letra...».
Suso: «A frase de Xabier é brutal; se a propia natureza non consigue a chamada, que imos facer nós, pobres músicos montando barullo? Canto menos intentar crear atención sobre ese aspecto: menos urbanita e máis rural».
Seguindo coa natureza, de que modo diriades que vos inflúe a vosa contorna á hora de crear novos temas?
Xabier: «Eu diría que de igual modo que o mar ao peixe, ou o deserto ao cacto».
Peter: «Porque coexistimos in situ, entón sacamos a enerxía do que nos atopamos no sitio no que nos atopamos: a escolopendra; a escolopendra é a clave».
Suso: «Somos parte do que nos rodea. Construímos e destruímos. Os temas xorden do entorno no que estamos e do que vivimos nel».
Ademais, todos eses títulos dos que falabamos veñen acompañados dun subtítulo; por exemplo, o de “Arcca” é ‘One Existence’, a de “Tempannos” ‘Find Out What I Means’. Traballan como intro conceptual ao tema ou teñen outro sentido?
Xabier: «No proceso de xestación calquera disparador ou seixo de guía é benvido. Eses subtítulos o eran, e tiveron suficiente peso como para chegar a ser exhibidos e compartidos. Entendemos que a cada oínte achegaralles o seu persoal e único apoio conceptual».
Peter: «É unha axuda gramatical para mentes cortas que non poden discernir unha palabra tan concisa».
Suso: «Para min é como aportar unha visión diferente ao “espectador”. Como cando coñeces o título dunha fotografía e de repente esa fotografía cambia de significado, aínda que segue a ser a mesma foto».
Outra característica común que teñen este puñado de pezas é o idioma, todas están cantadas en inglés, a diferencia dos vosos temas máis actuais, compostos en castelán. Que propiciou o cambio de lingua?
Xabier: «O compromiso fiel e infinito de fluír e xogar —dinámico, libre e persoal— dos orgónicos. O próximo grupo de cancións será en galego e parte do concepto ‘Ópera en 3 Actos da Metamorfose do Durminte’».
Peter: «A falta de vocabulario».
Suso: «A vida sería moi aburrida nun só idioma, non?».
Escoitando o voso amplo e variado repertorio, observamos como a experimentación e a fusión de melodías é algo a destacar nas vosas cancións. Canto de experimentación e canto de improvisación tomades á hora de compoñer?
Xabier: «Improvisar, experimentar, buscar, probar, rebuldar... acaso non todo o que se crea empeza así?».
Peter: «A todo o que di Xabier 100%: improvisar e probar. O que vén é o que solto; pode quedar mellor ou peor, pero é o que é».
Suso: «Fluír. Sentir. O que saia e sen premeditación dun resultado determinado. Deixar que a propia obra vaia cara onde queira ir, sendo nós instrumentos, nada máis».
Foto © Xabier Mailán
Ao fío, experimentades cos sons sen ningún tipo de límite pero, existe algunha liña que, en principio e musicalmente falando, non cruzariades?
Xabier: «Que asome por calquera lado unha liña ou un límite provócanos unha tremenda necesidade de atravesalo».
Peter: «Non. O reguetón. Pero vamos facer un... así que esa tampouco».
Suso: «Límites? Pa’ que?».
Como adoita ser o voso proceso creativo? É dicir, como nacen e medran as vosas cancións?
Xabier: «Cantar, tocar, fantasiar, escribir, cavilar, elucubrar... todo iso ocupa a maior parte do día cando se vive para iso. Se de cando en vez dáslle ao botonciño de REC pois aí xa comeza a sedimentar algo que vai medrando e de súpeto di: ola, aquí estou, son unha nova canción, termínasme?».
Peter: «Espontaneamente da nada».
Suso: «Normalmente Xabier crea un primeiro bosquexo do tema, que recolle Peter e elabora un pouco conceptualmente no seu estudio vestíndoo e dándolle corpo. Despois engadímoslle as voces e rematamos o tema. Eu entro con orellas frescas ao tema case coa mestura final para darlle os últimos toques».
Nese desenvolvemento creativo, hai reparto de tarefas ou, digamos, é un traballo conxunto?
Xabier: «Tendo cada un os nosos proxectos particulares, fomos creando en Ullah unha dinámica que, polo de agora, funciona e coa que sentimos cómodos.
Eu establezo as bases formais sobre as que se asentará o tema; aí xa hai bastante de creación. Ese material primario pasa a Peter e, tras un intercambio de visións específicas do tema, pégalle un novo repaso creativo. Ademais, e por último, mestura e masteriza dándolle presenza final, proceso en el que tamén participa Suso.
De cando en vez resúltame moi divertido asomarme aos diferentes estratos creativos polos que foi transitando unha canción e comprobar todo o que evolucionaron no proceso. É algo así como deixar de ver a un bebé cun ano e volver atopar a esa persoa crecida e tratando de deixar de fumar. Moi divertido e estraño á vez».
Peter: «É un traballo en conxunto, senón non tería sentido ningún».
Suso: «Remítome á resposta dada na anterior pregunta».
Á hora de compoñer, onde procurades a inspiración? Que, ou quen, inspira os vosos temas?
Xabier: «Hai tanta información blowing in the air, my friend! A cada paso xorde unha idea ou unha situación digna de ser cantada ou susceptible de asimilala en forma de música. Ter a punto a anteniña, os sentidos no seu sitio e respirar a fondo xa che conecta con tanto!».
Peter: «En todo lo que se menea. En todo o que se ten oído, escoitado... ou como se queira escribir».
Suso: «A escoita. Escoitar, escoitar e escoitar. Ter as orelliñas abertas a todo para recoller aquilo que nos gusta».
Unha das vosas publicacións máis recentes, “Altrimondi non é possibile”, comeza cunha narración sacada de Total (José Luis Cuerda, 1983), película española ambientada en 2548 sobre a fin do mundo. Por que escoller esta película, e este monólogo en particular, para introducir a canción? De que xeito se relaciona coa canción?
Xabier: «O ‘Joseph White’ protagonista deu unha charla que recolleron os xornais. Como triunfador empedernido veu dicirnos que cousas hai que facer e como hai que facelas. O emperador espido de corpo repoludo e nariz alongado sendo aplaudido por todos os que queren levar o mesmo traxe falso que el. Os que precisamente se encamiñan a golpe de tambor e corneta cara á fin do mundo, tan cegados e ousados, alá eles.
Para aproximarse a esa nociva realidade protexémonos facéndoo desde a surrealidade. Os bos entendedores hoxe en día son poucos e moitos están do noso lado. Todo coñecemento implica un esforzo por parte do que o pretende; esa é a única maneira de coñecer apropiadamente: desde o activo. As nosas mensaxes transmiten a nosa verdade, e claro, hai moito oculto. Pero tamén Beyoncé transmite mensaxes ocultas, aínda que coidado, as súas verdades son moi perigosas».
Peter: «Facer notar o sen sentido desta parvada de mundo».
Suso: «Unha forma de amosar a loucura na que o ser humano pode chegar a autoinflixirse».
No reportorio de ULLAh tamén hai espazo para a crítica social e a autoreflexión, como por exemplo “Encadenad asperezas” ou “Añiles Espumas”. Na vosa opinión, que papel pensades que xoga a música á hora de espertar conciencias?
Xabier: «A música chega a todos e todas, en calquera das súas formas, xeitos, estilos... é unha vía de comunicación esencial e suprema. Ten ese poder e como todo poder pode ser usado (e úsase) de múltiples maneiras. Sendo músico, e por tanto sentindo tanto amor e admiración pola música e o seu sustento sacro, que é o son, respecto profundamente a miña relación con esta e a miña interacción con ese xeito de crear. Ata aí.
Logo, as conciencias e todo o que sucede con elas son propiedade de cada individuo, e ata que punto cada un a traballe e a poña a punto. Ardua tarefa que non todo o mundo está disposto a acometer».
Peter: «Unha vía máis accesible as mentes chás».
Suso: «Outra máis. A cada persoa chegaralle o que precise en cada momento para a súa conciencia; se a nosa música contribúe a iso, xenial».
Se as vosas primeiras publicacións, como comentabamos, presentábanse ligadas á natureza; estes últimos semellan compartir títulos compostos por dúas palabras, xeralmente un adxectivo e un substantivo: “Memorables olvidos”, “Prisas encaladas”, “Encadenadas esperanzas”, “Dulces cabriolas”... que significado agochan estes xogos de palabras?
Xabier: «De portas para fóra son aproximacións poéticas que pretenden suxerir e crear coherencia conceptual. A nivel máis persoal posúen significados máis específicos e forman parte da relación artista-obra; unha relación que transcende, nutre, descobre...».
Peter: «Non podo dicir nada que nin pincho nin corto».
Suso: «O que lle queira dar cada quen».
Foto © Xabier Mailán
Ademais destas sutís conexións, existe algún fío condutor entre todos os vosos temas? Algún concepto no que se poidan englobar?
Xabier: «Intúo que si, pero supoño que serán uns receptores externos e alleos os que dean conta desas ligazóns».
Peter: «A verdade é que non o sei».
Suso: «Pois aquí coincidimos os tres. Boa pregunta! Eu tampouco me sinto con capacidade de dicir se hai conceptos que os engloben».
Con máis dunha vintena de sinxelos publicados ata a data, pódese dicir que a vosa carreira é curta, pero intensa. Que diriades que facilita a vosa prolífica composición?
Xabier: «O noso decálogo segredo, que seguimos a machada, e que cando nos deixe de gustar cambiaremos sen que nos trema o pulso».
Peter: «O aburrimento ou a hiperactividade».
Suso: «Unha planificación coidada e a autoesixencia de manter un ritmo de publicación determinado».
Foto © Xabier Mailán
Ao fío, publicades un tema cada 15 días, é unha cuestión de autodisciplina? Por que publicalos como sinxelos e non ir recolléndoos en álbums?
Xabier: «Esa resposta correspóndelle ao noso xefe de publicacións e operacións expansivas».
Peter: «A culpa tena o Suso».
Suso: «Teño que recoñecer que si. Que iso foi cousa miña. É unha tendencia nos cambios do modelo de negocio musical onde, coa aparición dos algoritmos das plataformas, o vello modelo de LP, singles e EP dá paso a un sistema de publicación máis directo. Ademais, o feito de estar autoeditados, sen que medie unha gran discográfica, permite sacar os mellores rendementos dos royalties de reprodución (ou polo menos iso intentamos).
De aí o noso ritmo de publicación, máis acorde cunha filosofía de inmediatez ao estilo orgánico das novas plataformas dixitais, que o vello modelo da industria discográfica clásica baseado en sinxelos, traballo de promoción, e LPs».
Nun futuro non moi afastado, teremos a oportunidade de desfrutar dun concerto voso? Que podería agardar o público dunha actuación ao vivo de ULLAh?
Xabier: «Actualmente imos dando forma con tranquilidade a un primeiro espectáculo en vivo do que crearemos un primeiro vídeo de mostra nunha localización impactante. De entrada, queremos estar seguros de desfrutar nós de interpretar os temas seleccionados (a propia selección xa está a ser unha coidadosa tarefa). Axustalos á presenza directa tratando de transmitir todo o seu potencial e esencia, acomodalos ao que pode dar de si un trío de músicos de partida... Queremos ofrecer unha experiencia sensitiva relacionada coa nosa música, onde tanto espectadores como músicos desfruten a través dos seus corpos/sentidos e enriquezan os seus espíritos. Case nada!».
Peter: «Moitas sorpresas sonoras e quen sabe... haberá que esperar ó concerto».
Suso: «Calquera cousa é posible nun directo de Ullah... pero por poñerlle unha verba: fluír; fluír grazas á música».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Xabier: «Nas miñas escoitas adoitan aparecer Grande Amore, Boyanka Kostova, Catuxa Salom, Blanco Palamera, Verter GZ, Xabier Díaz, Abraham Cupeiro, Zoelas, Emilio José...».
Peter: Sumrrá».
Suso: «Eu son máis clásico: Pili Pampín. Aínda que ultimamente teño que recoñecer que gracias a vós se me colou nas miñas playlists xente como Lontreira».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Xabier: «Spotify non é o meu principal medio para escoitar música; non o uso moito. En liña prefiro Bandcamp e, sobre todo, sígueme picando a música escoitando a radio a lume de biqueira. Pero para responder con fidelidade abro a miña conta de Spotify e na sección ‘Os teus artistas favoritos’: Peter Brodeick, Lhasa de Sela, Sufjan Stevens, HVOB, Faye Webster, José Gonzalez, Bernarda y Fernanda de Utrera, Cosmo Sheldrake, Niña de los Peines, Rafael Riqueni, Dani de Morón, Natalia Lafourcade, Dire Straits, Ernest Hood, Nils Frahm, José Menese, Son de la Frontera...».
Peter: «Eu só uso Spotify para escoitar a playlist de GalicianTunes».
Suso: «Buf... flipariades co ecléctico da selección: Hans Zimmer, Tennessee, Funambulista, Fito & Fitipaldis, Shinova, Pili Pampín, Ortiga, Lontreira, José Padilla, Mondra, Norman Brown, Berto, Tomas Skyldeberg, TERRAE, Tiësto, Natasia Zürcher, Carlos Jean, Verter GZ, Kitarō, Fillas de Cassandra, Enya, Galician Army, Romeo Santos, BAIUCA, Michael Jackson, Xosé Lois Romero, Laura Pausini, Aliboria, Los Ángeles Azules, Eladio y Los Seres Queridos, Calum Scott, Novedades Carminha, Mon Laferte, Leilía, Kenny G, Carlangas, Karol G, El Búho, DJ Drez, Antía Muíño, La Yegros... E, por suposto, os grandes clásicos: Ana Kiro, Los Satélites, Los Tamara, Gardel, Rubén Blades, Tito Puente, Pedro Infante, Julio Jaramillo, Os Diplomáticos...».