• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2024

NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2024
5 MAIO 2024

Amuleto, Grampoder

O derradeiro adianto foi, xustamente, o tema que dá nome ao disco. Grampoder remataba abril desvelando o seu novo traballo ao completo, Amuleto (2024), pouco máis de dous anos despois de lanzar PM (2022), álbum que destacaba pola contundencia das guitarras e a enerxía das percusións. O dúo compostelán presenta unha decena de temas nos que o indie pop abraza un rock intenso, facendo que, segundo o momento, as melodías bailen xuntas... ou se pelexen. Gravado con Jacobo Iglesias e Adrián Longart nos Estudios Potemkin, o terceiro LP da banda está dispoñible para a súa escoita e desfrute nas principais plataformas dixitais, ademais dunha edición física limitada a 100 unidades de 12” en vinilo de 180 gr.

 

 

 

 

Besta, BALA

Hai xa tres anos, aínda que pareza difícil de crer, que escoitabamos aquel Maleza (Century Media, 2021) por vez primeira; un traballo que marcaba un enfoque completamente novo de BALA e que lles serviu para xirar por salas, clubs e festivais practicamente sen parar. Agora, o dúo formado por Anxela e Violeta está de volta cun disco onde, de novo, lle dan un xiro ao seu son, que evoluciona cara a sonoridades máis punk e stoner, con reminiscencias grunge e mesmo ecos de goth e folk. Gravado en Ultramarinos Costa Brava baixo o mando de Santi García, Besta (2024) é reivindicativo e transparente; é unha ducia de cancións que materializan a rabia do presente, que dan un golpe sobre a mesa e poñen de manifesto a esencia dunha banda que «apunta a matar, apertan o gatillo para detonar ese disparo certeiro tras o que resultará do todo imposible ignoralas». Asfixiante por momentos, liberador noutros, o LP ofrece tamén varias colaboracións, como as de Laura Villar (GRIMA), Dani Miller (Surfbort), Ana Curra (ex Parálisis Permanente) ou as propias Tanxugueiras.

 

 

 

 

Para nunca esquecer, Xosé Constenla

O cantautor compostelán está de volta con Para nunca esquecer (2024), un EP de cinco novos cortes relacionados coa recuperación da memoria histórica. O músico, recoñecido por ser «unha das voces máis senlleiras da canción de autor galega das tres últimas décadas», presenta un repertorio no que, xuntas, melodías e palabras contan relatos «da barbarie e senrazón, hoxe memoria a recuperar dunha etapa da nosa historia que cómpre non esquecer».

 

 

 

 

É mellor matarse, Cabodano

Dous adiantos despois, Cabodano revela o seu novo disco ao completo. O 13 de abril a esperaba chegaba ao seu fin coa publicación de É mellor matarse (2024) nas principais plataformas dixitais, un traballo completamente autoxestionado. Gravado entre as súas propias casas e o seu local de ensaio, e con edición, mestura e máster de Mora (guitarra) no seu estudio caseiro, o segundo LP da banda está composto de catorce cortes de metal melódico. Rozando o cuarto de hora, o disco mantén o son potente e esgazado herdanza do anterior, cunha produción impoluta e uns riffs de guitarra fluidos e marcados que arroupan a voz gutural de Buitre.

 

 

 

 

 

Canciones para bailar, Santi Araújo

Defíneno como «o disco perfecto para a primavera» e é que xa só o título che pon de bo humor. Canciones para bailar (Ernie Records, 2024) é o novo de Santi Araújo, un segundo longo onde o artista aposta por un son renovado, fresco e libre idea para acompañar ao baile espontáneo ao que tamén nos convida. Porque este segundo traballo é un álbum alegre e desenfadado, unha proposta diferente á do seu LP anterior, Suelta Ø Muerde (Ernie Records, 2022), na que o oínte non terá que facer moito máis que darlle ao play e deixarse levar. Esa frescura e naturalidade tamén definen a produción, na que o propio Araújo adquire protagonismo, de igual xeito que fai no aspecto musical, tocando el mesmo a maioría dos instrumentos. Ademais de ser «un baile a perpetuidade», o disco é unha homenaxe á música e ao seu poder transformador, un sentimento que se reflicte na pista final onde se escoita ao cancionista NARF. Canciones para bailar é o traballo máis persoal, que non autobiográfico, de Santi Araújo ata a data, e desde o 11 de abril é noso para desfrutar, tanto na súa versión dixital como na física, cun vinilo artesán que inclúe tamén un CD.

 

 

 

 

 

Late Night Sessions (April 2024), María Mendoza

En marzo agasallábanos o Night Sessions (March 2024) (2024) e, en abril, María Mendoza semella seguir unha tradición «improvisada». A principios do mes pasado, a pianista lanzaba Late Night Sessions (April 2024) (2024); o EP recolle cinco pezas do Cancioneiro Musical de Palacio dos séculos XV e XVI que Mendoza arranxou de xeito «totalmente improvisado», salvo as súa “Tres Morillas M’enamoran”, tocando coa partitura de coro. Que nos deparará maio?

 

 

 

 

 

A primavera ten que ser nosa, O Sonoro Maxín

Publicaron o primeiro adianto o 21 de marzo, día que comezaba a primavera... e non foi casualidade. O Sonoro Maxín presenta o seu novo álbum, A primavera ten que ser nosa (2024), un EP de cinco cancións producidas polo grupo e por Nacho Muñoz (Parkour Sonoro) que gardan na memoria, e no corazón, a Jaime Mateo (Os Amigos dos Músicos), quen fora membro da banda. O Sonoro Maxín reivindica neste terceiro traballo unha loita pola primavera, ese «momento vital no que o calor do sol vence ao frío do inverno, a terra se volve louca e o campo florece, o vento axuda a que as anduriñas inicien o seu regreso...». É por iso que o grupo describe esta época como una «batalla persoal e comunitaria» e dedican o disco a quen loita pola dignidade da terra, a protección do territorio e a defensa das persoas. Ritmos alegres con raíces nas músicas populares doutras partes do mundo enchen os 26 minutos que dura o EP coa intención (e enerxía) de poñer bailar ao oínte e compartir co público momentos de emoción e boa música.

 

 

 

 

 

22820, BRUTAL

Aínda que a súa versión física estaba dispoñible desde finais de novembro, o novo de BRUTAL chegaba ás principais plataformas dixitais a principios de abril. 22820 (2024) sobe a aposta do quinteto pontevedrés cunha decena de temas máis elaborados e contundentes, melodías vocais e instrumentais levadas ata a súa máxima expresión e, en xeral, unha creatividade sonora sen límites. O longo cobrou vida xunto a Zoilo Santiago, de Unreal Studios (Marín), na gravación, produción e mestura; mentres que a masterización correu a cargo de Diego Bea Besada, de Beabesada Estudios. Cabe destacar, ademais, o dobre traballo vocal de 22820, xa que BRUTAL gravou o longo por duplicado, cunha versión en galego e outra en castelán, converténdose así na primeira banda galega en editar un disco completo en ambos idiomas.

 

 

 

 

 

Foliada no inferno, Boyanka Kostova

No seu anterior título, Os meus peidos cheira a pétalos perfumados (Ernie Records, 2023), Boyanka Kostova facía gala de puro rap clásico, un xénero do que se afastan completamente no seu novo disco, Foliada no inferno (Ernie Records, 2024). O sexto traballo do dúo compostelán preséntase como o máis longo e ecléctico ata a data, un tratado de «escarnio e maldizer» onde O Chicho do Funk (Ortiga) e Cibrán García maldín os males do seu tempo (relacións sociais, drogas, desamor...) con ese humor e retranca que os levan caracterizando desde os seus comezos. Musicalmente, os tres adiantos do longo —“Fóra da lei”, “Italofeira” e “Foliada no inferno”— xa poñían de manifesto a fusión de xéneros que podiamos agardar: reguetón, bachata romántica, corrido tombado, italotechno, electrónica francesa de club dos 2000, muiñeira e trap con instrumentos galegos tradicionais, entre outros. Para Foliada no inferno, Boyanka Kostova contou coa colaboración de varios artistas, como Camel Blando e O.G. de FØ Records, ademais do gaiteiro David Bellas, a pandeireteira Marina Vidal e o músico Manuele Pardo (AILÁ).

 

 

 

 

 

Marusía, Leria

Logo de publicar tres sinxelos, que non fixeron máis que incrementar as nosas expectativas, Leria despedía marzo co lanzamento do seu primeiro disco. Marusía (2024) é o resultado de meses de traballo a lume lento, algo que se nota tanto na composición dos temas como na súa produción. En nove temas orixinais e unha versión —“Blaidin Lights”, cover en galego da “Blinding Lights” de The Weeknd— a banda coruñesa desprega unha fusión de melodías pop clásicas con ritmos indie e retrousos pegadizos que cantan, con total naturalidade, ás sensibilidades LGTB+, achegando así «un punto novedoso ao acervo temático e mesmo estético do multiverso da nova música galega».

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2024 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2024 cos discos completos!

  noticias