LERIA: «A MÚSICA É TOCAR O QUE CHE APETECE CONTAR NESE MOMENTO»
Da Mariña da Coruña a escenarios de salas e festivais nun par de anos, de ser un dúo que se xuntaba para tocar na rúa «por pasalo ben» a unha banda de catro... Leria son Mayra Vila (voz, guitarra), Helena Barreiro (batería, coros), Itzi de Blas (baixo, coros) e Andrea López (teclas, coros), banda coruñesa de indie pop en galego que se caracteriza polas boas vibracións que transmite; elas, as súas cancións e os seus directos.
Despois de lanzar tres sinxelos ao mercado, Leria publica o seu primeiro disco, Marusía (2024), un longo que conta, a través dunha decena de temas, a súa historia. E é que, como ben di o seu nome, Leria ten «moito que contar e que reivindicar».
Foto © Nora Galván
Como chegan May (guitarra, voz), Hele (batería, coros), Itzi (baixo, coros) e Andre (teclado, coros) a ser Leria?
Leria: «A idea inicial tivérona Hele e máis May, quen sentían moito feeling entre elas cando cantaban xuntas e se animaron a ir tocar á rúa por pasalo ben (sendo a primeira vez que Hele collía un caixón na súa vida!). Logo uniuse Itzi despois dun evento no que actuaron e, para o primeiro bolo na Mardi Gras, Andre pechou a formación... E ata o día de hoxe!».
A Mariña da Coruña foi testemuña dos primeiros pasos da banda, cal diriades que foi o momento no que decidides pasar de tocar na rúa a apostar por unha maior profesionalización do proxecto?
Leria: «O momento no que Dani, de Sons de Breogán, nos ofrece tocar na Mardi Gras. Daquela só estabamos May, Hele e Itzi no grupo e, entón, uniuse Andre para completar a banda. A partir desa noite na Mardi, damos un par máis de concis con caixón e comezamos coa formación que hoxe en día coñecedes con batería».
Sendo galegas, o de escoller unha palabra mítica do noso vocabulario para nomear a banda non é de estrañar, pero por que «leria»?
Leria: «No momento non tiña tanto significado como pasado un tempo. Hoxe en día consideramos que Leria é o nome máis axeitado da banda, xa que cremos que temos moito que contar e reivindicar».
Entre «leria» e «leira» hai só unha posición de diferencia, pero infinidade de oportunidades de confundirse. Algunha confusión deste tipo que lembredes especialmente?
Leria: «Algunha? Desde o primeiro momento non pararon de chamarnos de todos os xeitos menos Leria. Temos unha canción que se chama “Moita Leria” e coa que en directo sempre recordamos o noso nome con ela.
É gracioso, non nos parece mal nin moito menos. Ao final, sempre queda como anécdota».
Lemos que Hele non tocara antes un instrumento ata coller un caixón... e agora manexa as baquetas con mestría. Cal foi, e como lembrades cada unha de vós, o voso primeiro contacto coa música?
Leria: «Si, a verdade é que Leria foi a maneira de comezar a sentir a música dun xeito diferente. Penso que todas evolucionamos moitísimo musicalmente e o seguimos a facer cada día.
É a mostra de que con traballo, se pode; e de que non tes que ser un prodixio para facer o que che gusta. Hai que atreverse e traballar».
Levades o indie con orgullo pero, sen etiquetas, como describiriades a música de Leria?
Leria: «Música que sae do corazón. Xeralmente hai moitas cancións de ledicia, mais tamén falamos de cousas máis intensas. O importante de todas elas é que contan a nosa historia. Hai cancións que representan o comezo, como “Queres ir a bailar?”, cancións que explican como nos sentimos cando tocamos, como “Nómadas”... En resumo, facemos un pouco o que nos sae de dentro; non temos problemas con facer música de diferentes estilos. Ao final, a música é iso, tocar o que che apetece contar nese momento».
Atopades referentes en grupos como Love of Lesbian ou nas Ginebras, que diriades que bebedes de cada un deles? Canto ás influencias, a quen máis sinalariades? Quen ten, ou tivo, un particular impacto no voso xeito de entender a música?
Leria: «É certo que temos algunha canción moi Love of Lesbian, como “Ao final”; hai algún tema novo que diría que ten influencias das Ginebras e poderiamos dicir que buscamos delas esas boas vibracións que transmiten. Pero non pensamos que escoitar a nosa música lembre a un grupo en concreto, xa que cada unha de nós conta con influencias bastante variadas dentro dun mesmo marco.
Hele sempre tivo a Dani Martín moi presente; a maneira que sinte a súa música é moi especial para ela».
Foto © Nora Galván
O voso primeiro bolo na Mardi Gras marcou un antes e un despois na vosa traxectoria, como lembrades ese momento, tendo en conta que estabades a dar os vosos primeiros pasos?
Leria: «Saímos con moitos nervios, pero a acollida foi brutal. A sensación de estar no escenario é indescritible, mais o que si podemos afirmar é que ese día saímos dicindo “queremos facer isto sempre”».
Pouco tempo despois de comezar, e logo de xirar por salas e mesmo festivais, publicades os vosos primeiros temas (“Queres ir a bailar?” e “Ao final”), incluídos no voso debut discográfico do que falaremos agora. Daquela, eran estas as primeiras ondas da vosa marusía ou foron concibidas para testar a auga?
Leria: «Foron sen dúbida os piares que deron un pouco a forma. Non as fixemos para ver que quería o noso público, simplemente foron os primeiros temas que compuxemos e tiñamos moitísimas ganas de poder compartir coa xente a ilusión que nos fai tocar xuntas».
Estades a presentar o voso primeiro disco, Marusía (2024), un longo de dez cancións de melodías pop, retrousos pegadizos e letras en galego. Como nace este traballo? É dicir, como materializades a idea inicial nesa decena de cancións?
Leria: «O álbum levaba xa un ano ou algo máis pensado. De feito, todas a cancións tocámolas en directo antes de que saíse o disco xa que, aínda que sempre tivemos claro que queriamos sacalo, é verdade que non queríamos facelo de calquera xeito. Así que maduramos as cancións tocándoas en directo».
Como foi o proceso de creación do álbum? Como adoita ser a composición dos temas, hai repartición de tarefas?
Leria: «Xeralmente tráese unha base, melodía e guitarra e despois cambiamos cousas... Ou non, e dámoslle forma cos demais instrumentos».
Ao fío, “Brétema” fai gala dunha parte instrumental onde as cordas da guitarra toman protagonismo. Con respecto a este eido, especialmente coidado, quen se encargou da produción?
Leria: «En canto á produción, Yago Corral, o noso técnico, axudounos moito. Mais é verdade que como estivemos a tocar durante case dous anos estas cancións, hai moitas que xa tiñamos claro como as queriamos exactamente».
Que fixo que “Chulita ben” fose escollido como sinxelo de presentación de Marusía? Como lembrades a gravación do videoclip?
Leria: «Pois é unha canción bastante diferente do resto, en canto á letra sobre todo, e por ese son máis chulito. É unha canción para desfrutar, estar de risas e de festa.
A gravación foi xenial, contamos cun equipo marabilloso que estivo traballando durísimo e agradecemos infinito o traballo».
En conxunto, as vibes do disco son enérxicas e divertidas, para «ir a bailar», pero tamén deixades oco para outras emocións e sentimentos, como se pode apreciar en “Lume”, que semella falar sobre a ansiedade. De que xeito navegades estas emocións, aparentemente opostas, sen perder a coherencia do álbum?
Leria: «Gústanos moito o traballo que fixemos porque, aínda que sexan cancións moi diferentes, soubemos darlle ao disco o son que precisaba para que, falando de cousas tan distintas, soasen dunha forma tan redonda.
E si, pode que esas emocións soen opostas, contraditorias mesmo, pero realmente é así como as vivimos día a día; coidamos que ese é o fío condutor. Simplemente que unha persoa pode vivir mil emocións diferentes simultaneamente sen que se anulen as unhas coas outras. E en parte tamén é o marabilloso da música, o poder xuntar todas nunha canción e que che faga vibrar por dentro».
Ao fío, as vosas letras —“Ao final” é un bo exemplo—e a vosa estética, reivindican con naturalidade o colectivo LGTB+. Na vosa opinión, que papel pensades que ten a música á hora de espertar conciencia social e, sobre todo, neste tema?
Leria: «É certo que a música ensina moito, e quen escoita música que fai máis referencia ao colectivo adoita pertencer a el.
Non sei se é tanto reivindicar como ser nós; non hai mellor maneira de reivindicar que sendo unha mesma, a naturalidade de ser como es. Ao final, xulgar xúlganche polo que sexa... así que hai que ser feliz».
Seguindo coa temática, que, ou quen, inspira os vosos temas? Canto de autobiográfico e canto de ficción diriades que teñen?
Leria: «Inspíranos o noso día a día, a xente que nos rodea e as propias vivencias. Practicamente todas as letras son de May, e hai cancións cuxa composición implicou sentarnos todas a pensar que queriamos transmitir, e outras que simplemente son unha onda de emoción sen unha intención específica».
Foto © Nora Galván
“Blaidin Lais” é unha cover de “Blinding Lights”, orixinal de The Weeknd. Que ten de especial este tema non só para versionalo, senón para incluír esa versión no disco?
Leria: «É unha canción de cuxa letra fixo May unha versión e que, como dixo nalgunha ocasión, non é fiel á orixinal, mais está súper coidada en que eses finais de frase teñan a sonoridade vogal da orixinal.
Sobre a historia que fai especial ao tema para nós, non é nada estraña; simplemente era unha canción que saía recorrentemente nos ensaios porque a cantaba algunha de nós!».
No longo escoitamos un par de featurings: Sara Superglú en “Queres ir a bailar” e Sophie Simmonds en “Nómadas”. Como xurdiron estas colaboracións?
Leria: «Son dúas artistas ás que admiramos moito. De Sara namoramos desde que a coñecemos e non había persoa mellor para cantar a canción; e Sophie veu tocar ao noso primeiro aniversario e simplemente puxéronsenos os pelos de punta cando comezou a tocar... Aí soubemos que tiña que estar dentro».
Marusía vén envolto nunha colorida portada, asinada por bleedsai (Laura), cunha serea atrapada nunha botella como protagonista, enmarcada en ondas de cores. Que significado agocha?
Leria: «Os mares que se enfrontan na marusía, que é como un mar revolto de sentimentos e de carreiras constantes na vida. É un disco no que, como diciades, hai un estilo variado de cancións con significados diferentes; e é un pouco ese estar no medio do desastre, do vaivén da vida, das subidas e baixadas. Un mundo no que ás veces sae a luz, que desta vez é Leria, que está atrapada nunha botella querendo saír e demostrar o que vale e o válida que é.
Para todas nós Leria é unha vía de escape da vida».
O pasado mércores 24 de abril celebrouse a Festa dos Nomeados dos XI Premios Martín Códax da Música, da que saístes finalistas na categoría de Artista Emerxente. Parabéns á parte, como estades a vivir o nomeamento?
Leria: «A verdade é que non nolo cremos, é una especie de simulación constante o que está a suceder. Non pensamos xamais en estar nomeadas, a verdade. É un afago estar nomeadas xunto a artistas tan talentosas como o noso compañeiro Mondra ou Gloria Pavía».
Foto © Nora Galván
A vosa carreira está, como quen di, a despegar meteoricamente, que expectativas tedes nun futuro non moi afastado?
Leria: «O mellor é ser conscientes de que hai que seguir traballando e ter os pés na terra. En ningún momento pensamos noutra cousa que non sexa mellorar».
Desde a vosa perspectiva, como banda emerxente formada por catro mulleres novas, como vedes o panorama musical actual? E a escena local coruñesa?
Leria: «Afortunadamente, o galego comeza a conquistar a península cada vez máis; e iso é grazas a grupos de toda a vida como Luar na Lubre ou máis novos como Tanxugueiras, que están a facer un labor indescritible. E respecto ao feito de ser mulleres novas, aínda que cada vez se ven máis nos escenarios e podemos contar con referentes incribles, nese sentido aínda queda moito camiño que percorrer.
Na Coruña hai moitísimo talento, xa non soamente de grupos e solistas dun montón de xéneros diferentes, senón desa xente que se involucra para que saian concertos adiante e por darlle un espazo a todas esas artistas emerxentes que non posuímos dos medios como para facer grandes eventos ou promocións a media/gran escala».
Vides de presentar Marusía na Garufa e na Sónar (e o verán aínda non chegou...). Como está a ser a acollida do disco ao vivo?
Leria: «Non podemos queixarnos diso, a verdade. Case toda a xente que nos escoita está a dicir que o disco é unha pasada e que en directo mesmo mellora. Despois de cada bolo adóitasenos achegar xentiña para falar con nós e parabenizarnos polo bo ambiente que transmitimos e polo son, así que iso nos fai sentir moi orgullosas».
Cando, e onde, teremos a oportunidade de vervos de novo enriba dun escenario?
Leria: «Temos varias datas xa, aínda que algunhas aínda non se poden dicir! As que si vos podemos adiantar (por orde): en maio o día 4 na sala Hermo (Lugo) na Galega Fest; o día 11 de no Contrabajo (Vigo), o 13 de maio no CoruFest (A Coruña), e o 7 de xuño no festival Aquí Tamén Se Fala (A Coruña). Hai pechadas algunhas máis que iremos anunciando nas nosas redes».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Leria: «Hai moitísimos e temos moitos amigos entre eles. O noso compañeiro Mondra está a facer directos incribles; Lontreira ou Ash, así en galego. Da propia Coruña, os nosos compañeiros de Amoebo e Eris Mackenzie teñen propostas súper interesantes.
E despois hai moitas bandas que non fan música en galego, como Wetsocks ou Virginia Red, que cremos que merecen máis recoñecemento do que están a recibir; son todos músicos incribles».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Hele: «Mira eu non vou mentir, a miña lista é moito moito indie como Vetusta Morla, Miss Cafeína, Ginebras... e máis. Hai pouco escoitei a La Plazuela en directo e namorei. Pero tamén escoito outras cousas como Arctic Monkeys, Red Hot Chili Peppers ou The Main Squeeze... pero sempre no meu corazón haberá oco para Dani Martín».
Itzi: «Comigo temos a broma interna de que son a metaleira do grupo, en parte polo meu estilo de vestir e porque realmente si que escoitei moito deste xénero. Son bastante ecléctica, os artistas que escoito van desde Pain of Salvation ou Caligula’s Horse, pasando por Agoraphobia ou APHONNIC, ata o rap de Eminem, Hard GZ, Reality... e de volta ao indie con Ginebras, MARLENA, Ede, Vetusta Morla, Valeria Castro, ou artistas máis “independentes” en inglés como Hozier ou Sam Smith.
En galego escoito un pouco de todo tamén, pero Fillas de Cassandra, Lontreira, Rebeliom do Inframundo e Capital Voskov son os que máis!».
May: «Eu escoito todo indie basicamente, todos os subxéneros que pode abarcar este estilo musical. O meu grupo favorito (e que nos une a toda Leria) é Love of Lesbian, enchéronme de sentimentos que nin eu coñecía escoitando as súas cancións. Outros grupos parecidos en impacto poden ser Rufus T. Firefly ou Vetusta Morla. Sempre presentes as Ginebras que son inspiración constante. Tiro tamén por algo máis novo como poden ser os últimos discos de Shinova e Viva Suecia, e ando escaravellando no legado de Supersubmarina, que foron unha banda icona. Outra variedade que adoito escoitar moito é o indie de cantautor como pode ser Pedro Pastor, Valeria Castro, Mr Kilombo, Ede e un longo etcétera.
Por último, todo o panorama galego actual está ao 100% na miña playlist. The Rapants, Mondra, Lontreira, Grande Amore, Boyanka Kostova, Fillas de Cassandra, Tanxugueiras...».
Andre: «Sen ningunha dúbida Miley Cyrus e Måneskin levan o top. A miña personalidade está completamente influenciada polas grandes divas do pop e os grupos de rock que escoitei toda a vida na casa.
Mais como di Mayra, o indie español de Love of Lesbian ou Vetusta Morla é o punto de encontro entre as catro. Tamén moitos grupos emerxentes da Coruña como poden ser Wetsocks, Superglú ou Virginia Red están presentes na miña playlist día si e día tamén. E por suposto SÉS, Fillas de Cassandra, Tanxugueiras, Xabier Díaz, A Banda da Loba ou The Rapants, que están a formar parte dun marabilloso auxe da música do noso país».