• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

BRUTAL: «‘22820’ ESTÁ FEITO DESDE “AS TRIPAS”»

BRUTAL: «‘22820’ ESTÁ FEITO DESDE “AS TRIPAS”»
13 MAIO 2024

Das cinzas de Brutal Distracción rexurdía, anos despois, Brutal. Desde que retoman a súa actividade en 2012, a banda pasou do hardcore thrash a un metalcore melódico que, máis dunha década despois, é xa un dos seus acenos de identidade. Jose Antúnez (batería), José Antonio Rodríguez e Isidro Otero (guitarras), Adrián Martínez (voz) e Charly C. Fernández (baixo) son os responsables de temas elaborados e contundentes, melodías vocais e instrumentais que, polo de agora, enchen xa tres referencias discográficas.

Lanzaron o seu último álbum, 22820 (2024), a principios de abril... e por partida dobre; 22820 foi publicado en galego e castelán, convertendo a Brutal na primeira banda de Galicia que edita un mesmo traballo en dous idiomas distintos.

 

 

Foto © Carlos Meira @cmeiraph 

 

Brutal renace das cinzas de Brutal Distracción, mítica banda pontevedresa xurdida a finais dos oitenta. Por que continuar o legado desa banda en lugar de comezar de cero?

Isidro Otero: «Brutal, como ben dis, nace a partir de dous dos membros de Brutal Distracción, que foron os que retomaron a nova banda baixo o nome de Brutal, facendo temas novos pero mantendo temas clásicos da banda. Agora, aínda que dos membros orixinais xa non queda ningún, a nova banda segue a manter vivo o nome de Brutal Distracción».

 

Jose Antúnez (batería) é o enlace entre a banda inicial e a actual, composta por José Antonio Rodríguez e Isidro Otero nas guitarras, Adrián Martínez na voz e Charly C. Fernández ao baixo. De primeiras, como xurdiu a xuntanza e como rematou por ser un novo proxecto?

Jose Antúnez: «A finais dos 90 Brutal Distracción para a súa actividade e, en 2012, xuntan a banda de novo para tocar nunha festa privada. De aí, Javi (guitarra) e Lute (baixo), xunto comigo, deciden remontar o proxecto. Ao ser só dous dos membros orixinais deciden continuar pero só co nome de Brutal; continúan tocando os temas de Brutal Distracción pero dándolles un toque máis actual.

Co paso dos anos, Lute decide deixar a banda e, en 2020, xusto cando comezaba a pandemia, Javi púxose moi enfermo, ata o punto de ter que deixar a primeira liña na banda, aínda que segue a traballar con nós e nos axuda en todo o que pode —con nova música e tamén aconsellándonos e dándonos novas ideas desde a súa longa experiencia— polo que na nova banda xa non tiñamos ningún dos compoñentes orixinais. Aínda así decidimos seguir adiante co proxecto, pero mantendo o legado de Brutal Distracción e tocando os seus temas para que a banda non se esqueza».

 

Do hardcore thrash de Brutal Distracción ao metalcore de BRUTAL, de que xeito evolucionou o voso son? Sen utilizar etiquetas, como o definiriades?

Isidro: «A verdade é que a resposta é sinxela. A nosa banda tivo distintos membros ao longo da súa historia, polo que á hora de compoñer nova música, sempre se notan as influencias de cada un.

Na primeira etapa os gustos musicais de Javi, Lute, etc. ían cara ese hardcore trash, xa que eran fans de ese tipo de música. Co paso do tempo, e ao entrar xente nova, os gustos foron variando ata o metalcore que facemos agora (aínda que a nós gústanos máis dicir que facemos metal moderno). Ao final, isto das etiquetas é inevitable, a min persoalmente gústame dicir que este novo disco, 22820, está feito dende as “tripas”; hai moito sentimento e rabia na nova música e iso creo que se fai notar en todas as cancións».

 

 

Pasando de estilos a influencias, a quen sinalariades como referente? Quen ten, ou tivo, un particular impacto no voso xeito de entender a música?

Isidro: «Algo no que traballamos moito en Brutal é o feito de que os cinco acheguemos á nova música. Se ben todos compoñemos, nunca escoitarás unha canción composta só por unha persoa; traballamos xuntos en todo o proceso para que cada canción teña algo de cada un de nós, por iso non podo dicir un referente.

Penso que máis ben é unha mestura dos gustos dos cinco. Eu veño do thrash metal dos oitenta (Metallica, Slayer, etc.) , pero encántame o nu metal dos noventa ou o metal máis extremo. Agora estou escoitando moito Parkway Drive, Architects e bandas dese estilo. Charly é un pouco coma min, temos a mesma idade e practicamente medramos xuntos; a Adrián, que é o máis novo do grupo, vaille máis o metalcore; e os dous Joses son de gustos máis extremos, Antúnez por exemplo é moi fan de Death».

 

 

 

Pouco despois de (re)fundar a banda, publicades o voso primeiro álbum, Amnesia (2014), un EP de cinco cortes nos que escoitabamos unha versión actualizada de “Crisis”, recollida orixinalmente no disco debut de Brutal Distracción 7 Sueños (1994). Que ten de especial este tema para incluílo na carta de presentación do novo proxecto?

Jose Antúnez: «Ten de especial que foi un tema composto por Brutal Distracción e actualizado no seu momento (na xuntanza de 2012) conforme ás novas tendencias daquel momento.

Tristemente, case 30 anos despois da súa primeira composición, segue vixente a súa temática. Vese que, como dicía Machine Head, “canto máis cambian as cousas, máis permanecen igual”».

 

 

 

 

Grita más fuerte (2019) foi o voso segundo traballo, e a vosa posta de longo, eloxiado por un metalcore moi persoal e definido. O de «gritar máis forte» vai por iso de facelo (aínda) máis tronante que o anterior?

Jose Antúnez: «En Amnesia nótase moito a man de Javi, e con Grita traballamos moito con riffs e temas de Adrián Costal, que nese momento tocaba a guitarra con nós; por iso nótase esa gran diferencia entre os dous discos. Si é certo que se nota unha evolución na música, eu diría que é máis bestial que Amnesia (si é que se pode ser máis besta que con Amnesia [risos])».

 

 

 

 

 

Estades a presentar o voso novo disco, 22820 (2024)... logo de cinco anos de silencio discográfico. Por que a demora? Afectou a crise sanitaria ao desenvolvemento do álbum?

Isidro: «Vaia si nos sacudiu... Grita más fuerte saíu a finais de 2019; fixemos soamente dous concertos presentándoo. O segundo foi o 7 de marzo de 2020, xusto unha semana antes da famosa corentena na que o mundo parou por completo, co que o disco quedou nun caixón e nós sen poder tocar. Coa volta á normalidade volvemos tocar en directo e seguimos coa xira do disco.

Foi en 2022 cando comezamos a compoñer cancións de cara ao novo disco; a finais dese ano fixemos a selección das cancións e comezamos a gravar o disco. Durante 2023 rematamos de gravar, mesturar e masterizar, e xa en novembro fixemos o concerto de presentación no TronkoBar (Pontevedra), a nosa segunda casa (un saúdo grande para Miguel!).

O disco sacámolo só en formato físico o día da presentación e de cara ao mundo, en plataformas dixitais, saíu en abril de 2024».

 

Así de primeiras o «22820» podería ser unha data, un código postal (de Huesca!), un número de lotería... que agochan eses cinco números?

Jose Antúnez: «[Risos] Non sabía que era o código postal de Huesca, apúntome esa!

Pois o título vén tamén un pouco polo que falamos antes de manter o legado de Brutal Distracción. Como xa comentamos, en 2020 Javi estivo moi moi delicado de saúde (estivo cun pé no outro barrio) e o 22 do 8 do 2020 foi a data na que por fin saíu da UCI; foi a data na que podemos dicir que estivo fóra de perigo.

Este disco vai dedicado a el, pola súa loita e por ser parte da familia Brutal. E agora, aínda que non se lle mire moito, segue con nós, sempre achegando e axudando. Ademais, no novo disco escribiu a letra de “Plan de salvación”, canción na que conta todo o que lle pasou, e gravou as voces en “Novo comezo”».

 

 

Lanzades 22820 en castelán e en galego, converténdoos así na primeira banda de Galicia en editar o mesmo traballo en dous idiomas distintos. Como xorde esta idea?

Isidro: «A idea veu un pouco sen querer, o que si tivemos claro foi que non quixemos poñer ningún tipo de límites no disco. Calquera idea que aparecía, probabámola e, a medida que iamos gravando o disco, fóronsenos ocorrendo ideas e máis ideas: que se gravar un videoclip para cada canción, que se engadir samples, que se engadir pianos, cellos, etc...

O de gravar en galego xa era algo que Adri e mais eu tiñamos falado, entón probamos a gravar un tema en galego e ao noso produtor (Zoilo Santiago, de Unreal Studios) gustoulle o resultado e propúxonos gravar o disco enteiro nos dous idiomas... e dixemos “pois pa’ diante”».

 

Foto © Carlos Meira @cmeiraph 

 

Ao fío, é a primeira vez que vos escoitamos cantar en galego. Por que agora?

Jose Antúnez: «Si ben era algo que xa tiñamos falado, a banda comezou a súa historia cantando en castelán. Todos sabemos o tremendamente complicado que é gravar un disco, canto máis facelo en dous idiomas, neste disco dixemos.... por que non?

É un disco con moito sentimento, rabia e paixón, xa o título avanza do que fala, era o candidato perfecto para facer esta aventura. Ademais, investigando un pouco, vimos que seriamos o primeiro grupo de Galiza en facelo, así que como dixen antes, por que non?».

 

Son dúas linguas semellantes, pero con moitas diferencias o que debeu afectar á métrica (lonxitude de versos, acentuación…). Do castelán ao galego ou do galego ao castelán, tivestes algunha dificultade especial á hora de adaptar as letras das cancións?

Jose Antúnez: «Foi máis divertido que difícil. Tivemos que adaptar letras do castelán ao galego, pero tamén ao revés; letras que tiñamos en galego pasalas ao castelán. O proceso foi que nos xuntamos os cinco, collemos papel e lapis... e a escribir.

Por exemplo, como ben sabemos, as palabras que en castelán rematan en “-dad”, en galego fano en “-dade”; só iso xa te desmontaba un tema enteiro [risos]. Aínda así, pódoche dicir que foi divertido».

 

 

Como foi o proceso creativo de 22820? Sendo cinco, hai reparto de tarefas á hora de materializar as ideas ata convertelas en cancións?

Isidro: «Hai un pouco de todo; ás veces alguén trae un tema enteiro, outras traballamos sobre un riff no ensaio... O que si mantemos sempre é o de traballar todos na canción; temos claro que todas as cancións deben levan un pouco de cada un de nós, tanto na música como nas letras».

 

“Bendición” semella unha oda ao amor dun pai ao seu fillo, un tema que, nun primeiro momento podería parecer un pouco «sentimental» para presentarse envolto en melodías potentes e esgazadas. De que xeito traballastes este contraste entre letra e instrumentación?

Isidro: «Ese tema tócame de moi preto; Adri pediume a min que escribise a letra desta canción e despois dun par de voltas tíveno claro. Aínda que se ben é das máis cañeiras do disco, por esa parte central co piano fai que sexa moi melódica. O contraste da temática da letra coa contundencia da música fai que sexa un dos meus favoritos do disco.

Logo engadímoslle eses coros na parte do piano para que ademais fose coreable».

 

 

Xa metidos en letras, que ou quen as inspira? Contan experiencias propias, son froito da vosa imaxinación, unha combinación de ambas...?

Isidro: «Pois de todo un pouco! Adri é o principal letrista do grupo, pero tamén hai letras dos demais. As letras falan de todo tipo de cousas; desde letras que falan de temas moi persoais, a letras reivindicativas, de dor por unha perdida, etc.

É un disco moi persoal e con moito sentimento e rabia, como xa dixen antes. Gústame dicir que está feito desde “as tripas”; é agresivo e contundente pero tamén é un grito de liberdade, de saír adiante e seguir loitando».

 

Foto © Alberto Ladero @alberto.lalo

 

Non só gravastes as cancións dúas veces, senón que cada unha delas veu acompañada do seu videoclip, tamén con versión en castelán e galego... Supoñemos que foi un esforzo de produción moi grande, non? Como o afrontastes?

Jose Antúnez: «O que vimos falando... Un pouco foron cousas que foron xurdindo a medida que o disco ía avanzando, non quixemos poñer límites. Nunha de esas tardes de estudio e ensaio sacamos o tema de gravar algún videoclip: queriamos darlle a todas as cancións do disco a importancia que se merecen, e a mellor maneira foi darlle un vídeo a todas e cada unha e publicalos paulatinamente ata telos todos. Foi despois diso cando lanzamos definitivamente o disco.

Foi un gran esforzo de todos poder facelos, pero tamén estamos moi orgullosos do resultado».

 

 

Como os dous anteriores, o longo foi gravado e producido por Zoilo Santiago nos Unreal Estudios (Marín). Como é traballar con el? Que pensades que achega ao son do disco?

Jose Antúnez: «Todos os nosos discos foron producidos e gravados por el, tenos a medida tomada e coñécenos á perfección, pero neste disco reunímonos con el antes de comezar para escoller as cancións, e ademais démoslle total liberdade na produción. Todas as ideas que el nos daba probabámolas: arranxos musicais, introducir novos instrumentos..., todo iso foi idea de Zoilo, como o de gravar o disco enteiro en galego e castelán».

 

Na vosa opinión, como debería ser a relación artista-produtor para que as cousas flúan dentro do estudio e rematar un traballo con éxito?

Isidro: «Esta pregunta dá para debater moito [risos]. Para min o principal é que o produtor coñeza o estilo, por un lado obviamente, pero tamén que coñeza á banda. E canto máis próxima sexa esa relación, máis facilidade ten a banda para deixarse aconsellar ou producir, e máis sinxelo para o produtor achegar e axudar.

Outro dirache todo o contrario! [Risos]. Ao final cada un fai o que mellor lle vai para a súa banda».

 

Con 22820, primeiro veu a luz o formato físico o pasado novembro e, a principios de abril, lanzástelo nas plataformas dixitais. Por que seguir a apostar por editar en físico?

Jose Antúnez: «Este disco é moi persoal, vai de persoas, e quixemos dar prioridade a toda esa xente que nos segue, que sempre está aí. A mellor maneira foi sacar o disco só en formato físico para todos eles, para que puidesen desfrutalo antes que “o resto do mundo”».

 

Foto © Alberto Ladero @alberto.lalo

 

22820 xa se subiu a escenarios de Vigo, Palencia, Sarria, Astorga... como está a ser a súa acollida ao vivo?

Isidro: «Polo de agora a verdade é que non temos queixa, está a gustar e a xente que se nos acerca para falar un rato cóntanos que lles chega dentro. Ao final diso se trata, de remover cousas “aí dentro”.

Hai xente á que lle gusta uns temas e a outra outros, pero todos nos din que o disco lles mola e que nos directos soamos “brutal” [risos]. Dinnos moito iso, “soades coma o nome do grupo”, e nós eternamente agradecidos».

 

Adrián, a túa voz é un instrumento máis, como a traballas para acadar esas modulacións tan características? Por cantas bolsas de caramelos de mel e limón pasas logo dun ensaio, concerto...?

Adrián Martínez: «En xeral, a miña voz mantense en bo estado xa que, co paso dos anos e como poderedes ver en discos anteriores, cambiei a postura e proxección da voz para atopar o punto de comodidade. Logo de varios ensaios e concertos consecutivos podo notar que a miña voz pode resentirse un pouco debido á sequidade e ao estrés, pero non supón ningún problema, xa que durante e despois de cada actuación procuro manterme hidratado».

 

 

Que pode agardar o público dun concerto de Brutal? Cando, e onde, teremos a oportunidade de vervos de novo?

Adrián: «Contundencia, leña, rabia, pero tamén van ver a cinco tolos que o viven en cada concerto e que o dan todo cada vez que se suben a un escenario. As datas que temos pechadas por agora, aínda que temos algunhas máis pendentes son: 15 xuño no Pub Yggdrasil (Ferrol); 6 xullo no Alén Metal Fest (Vilagarcía de Arousa); 28 setembro na Sala Moon (Santiago de Compostela); 26 outubro na Sala Barracudas (Madrid) e 30 novembro no Bar Krawill (Pamplona)».

 

Foto © Alberto Ladero @alberto.lalo

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Jose Antúnez: «Uf, é moi difícil dicir unha soa banda. Temos que dar grazas de que aquí en Galiza hai moitísimas bandas de todos os estilos, e todas facendo un traballo incrible; temos un montón de bandas amigas e non podemos dicir só unha.

Se temos que dicir nomes diríache Kuna de Odio, APHONNIC, Suevia, Ícaro, Ardora, Quarzum, No One Alive, Zonazero, Calle del Ruido, The Reymous, 2 Sisters, Nazca, Terader, Lapsus Mentis, Skirl, Iron Hunter, Unreal Overflows, AnecoiD, In-farto, Her Anxiety, Northslave, Dismal, Arson Tides, Salavelatoria, CabodanoFrojánEnki, Urko, Mano de Piedra... E isto só nomeando bandas, digamos, “do noso xeito”, e mil máis que seguramente esquecín; poderíamos estar horas dicindo bandas, que ninguén se enfade por non aparecer».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Charly C. Fernández: «Brutal e Arquitects así en bucle... [Risos]».

Jose Rodríguez: Silent Planet, Currents, Periphery, Polalis, Sylosis, Invent Animate, Sleep Token, Thornhill».

Isidro: «Desde Pink ata música clásica [risos]. Ultimamente os que nunca faltan son Architects, Parkway Drive, Sleep Token, Inflames... o mestre Devin Townsend, entre moitos máis».

Jose Antúnez: «Agora mesmo 22820 de Brutal, Plini, Pantera, Damm Yankees, Soilwork, Ghost e, por culpa do nene, Mika e varios do pop actual (Shakira e cousas así)».

Adrián: «Killswitch Engage, Parway Drive, August Burns Red, Demon Hunter, Currents, Architects, The Ghost Inside, Adept, Any Given Day, Bury Tomorrow, Tesseract, The Contorsionist, Unprocessed, Caliban, Ill Niño, SOEN, S.O.A.D, Hamlet, Sober, Skunk DF...».

 

  noticias