• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

XA’LUM: «CON ‘TELLUS MATER’ QUERÍA PROBAR O POSIBLE DO IMPOSIBLE»

XA’LUM: «CON ‘TELLUS MATER’ QUERÍA PROBAR O POSIBLE DO IMPOSIBLE»
20 MAIO 2024

Artista versátil onde as haxa, XA’LUM encarna os roles de cantante, produtora e compositora. Detrás dela está Iria Vilas, moza con orixes franco-galegas e unha historia familiar marcada polo exilio en Francia durante a guerra, quen medrou en España antes de mudarse a Île-de-France. A súa viaxe musical comezou desde nena, explorando o piano e teclados dixitais, ata que descubriu a Pink Floyd na súa adolescencia; de aí naceu a súa paixón polos sintetizadores. Deste xeito, asina composicións que combinan deseños de sons únicos, sintes harmónicos e ritmos latinos downtempo para crear unha música atmosférica e emocional.

Tellus Mater (2024) é o seu traballo máis recente, un EP que xorde «coa idea de ser un manifesto de ruptura co abuso de poder que se produce en diversas situacións cotiás» a través de cinco cortes eclécticos onde o impresionismo clásico se fusiona coa música urbana contemporánea.

 

Foto © Saraf Dicoh @sarahstrophe

 

Detrás de XA’LUM, «meiga do equinoccio», está Iria Vilas. Como nace este proxecto artístico hai xa dez anos?

XA’LUM: «O proxecto nace das ganas de experimentar e de crear novos sonidos. XA’LUM naceu como un tipo de bedroom music experimental no que tentaba crear a miña propia biblioteca de deseños sonoros no meu home studio.

Nun principio era unha exploración musical íntima e introspectiva que buscaba os recursos estilísticos musicais cos que poder identificarme».

 

O teu nome artístico vén de «sal» (xal) e «lume» (‘lum) «procurando un símil de vapor nos poros no que sentes que te afogas, pero á vez cun lume interno que achega unha parte positiva». Como nace esta idea que, aparentemente, se contradí e complementa á vez? Que procurabas con esta dualidade?

XA’LUM: «Esta idea nace da miña paixón por estes dous elementos. A auga do mar sempre foi algo moi importante na miña vida, e o San Xoán é unha das miñas festas favoritas polo lume. Esta dualidade funciona nos dous sentidos, a auga calma e apaga o lume, pero tamén como un só elemento: o lume quenta a auga e evapóraa».

 

A música leva presente na túa vida desde moi nova, formando parte de diferentes agrupacións que van desde o rock progresivo, pasando polo jazz ata chegar ao R&B característico de XA’LUM. Que dirías que achegaron esas experiencias previas á hora de conformar o teu proxecto persoal?

XA’LUM: «Estas experiencias axudáronme a coñecerme mellor e a ter unha “biblioteca interna” de estilos musicais máis ampla. O rock progresivo está moi presente nos meus riffs e nos meus deseños sonoros e o jazz influencia moito as miñas harmonías e improvisacións».

 

 

Descubrimos que a túa personalidade cambia (artisticamente falando) cando creas música; es máis tímida, péchaste. Cal é a razón desa «transformación»?

XA’LUM: «Sinto que a música que puiden facer ata agora é moito máis sensible, doce e seria do que son eu no día a día (o do que podo aparentar). A música axúdame a conectar con partes da miña personalidade que non adoito mostrar».

 

Ao fío, canto hai de Iria en XA’LUM? E de XA’LUM en Iria? Que pensas que tedes en común e que vos diferencia?

XA’LUM: «Penso que cada vez hai máis Iria en XA’LUM e máis XA’LUM en Iria. Nunca decidín crear unha personaxe nin traballei as súas características, é algo espontáneo que nace da creación e que para min representa unha separación coa miña arte; esta separación pode ser positiva para protexerme e distanciarme. Gustaríame poder engadir máis Iria a XA’LUM, porque no día a día eu son unha persoa moito máis espontánea, irónica e graciosa».

 

Foto © Saraf Dicoh @sarahstrophe

 

FKA Twigs, Sevdaliza, James Blake, Nai Palm ou Björk poden ser algúns artistas que se nos veñan á cabeza á hora de escoitar a XA’LUM. A quen consideras ti como referente?

XA’LUM: «Pois penso que o meu referente principal pode que sexa Pink Floyd, que é tamén unha das miñas bandas favoritas. Nai Palm e o seu grupo Hiatus Kaiyote tamén están moi presentes; considérome moi fan e o disco en solitario de Nai Palm debe ser o que más escoitei nestes últimos anos. Moitas das miñas transicións e harmonías inspíranse do seu traballo».

 

XA’LUM preséntase como unha expresión artística onde a improvisación ten bastante protagonismo, pero á vez o concepto creativo do proxecto está moi claro, sendo capaz de transmitilo, tanto a nivel compositivo como estético, dun xeito moi coherente. Como acadas darlle esa cohesión ao proxecto sen deixar de lado a improvisación?

XA’LUM: «Penso que a improvisación é algo moi natural para min; o difícil é poder manter, repetir e recordar unha estrutura concreta. Cando era pequena, estudaba piano e poucas veces conseguía aprenderme as partituras ou seguir correctamente todo o que estaba escrito. Penso que unha das claves para acadar esta cohesión é o minimalismo musical que adoito utilizar, que xoga moito co cambio nas sonoridades e texturas».

 

 

 

A primeira referencia discográfica que atopamos de XA’LUM é NADA (2018), un single de dúas caras onde o trip-hop se presenta bastante espido, en comparación coas túas composicións actuais. Como describirías a evolución do teu son?

XA’LUM: «Nesta etapa, XA’LUM aínda estaba en fase de incubación, simplemente lle daba vida desde a miña habitación ás cousas que tiña na cabeza. A experimentación vocal sempre foi algo que estivo moi presente pero que non me atrevín a explorar por completo en NADA».

 

En 2021 lanzas Hvergerlmir (2021) un tema en colaboración co produtor estadounidense Mike Frey, proxecto co que acadas o segundo premio do Xuventude Crea 2022. Como xurdiu este traballo conxunto?

XA’LUM: «Todo xurdiu a través de SoundCloud. Eu descubrín o seu traballo con Dua Saleh “First Take” na canle de YouTube Crystal Sounds Uploaded e encantoume. Escribinlle ao SoundCloud, a el tamén lle encantou a miña música e decidimos comezar a colaborar xuntos».

 

 

 

 

“Hvergerlmir” é un dos cortes incluídos en ISA (2021), un EP de tres pistas que, en conxunto, conforman un poema sonoro influenciado polo impresionismo clásico e o jazz avant-garde. A nós fainos pensar en Sigur Rós (a glosolalia, as harmonías vocais…), é así? Por que facer que todo xire arredor da voz?

XA’LUM: «Pois o EP está máis inspirado na música de Debussy que no traballo de Sigur Ros.

Compuxen o EP no piano e logo regravei todo coa miña voz e improvisei varias veces por encima. Estaba nunha época na que non sabía moi ben que dicir; tiña un conflito na escritura entre o castelán e o galego e un conflito para identificarme como cantante, música, produtora ou pianista, polo que facer un EP utilizando só as miñas voces parecíame unha boa solución».

 

E o de titular as cancións en islandés... de onde vén?

XA’LUM: «Gústame moito a mitoloxía nórdica e as runas. Fixen unha tirada de runas para inspirarme para o EP e saíu ISA, que é a runa que dá nome ao EP. O nome das cancións son diferentes formacións de auga e van desde a máis grande ata a máis pequena: hvergelmir é a fonte de auga da que emana elivagar, un conxunto de ríos no que se atopa gjoll».

 

 

 

O ano pasado lanzabas “Lemuria”, un tema que supuña un novo punto de inflexión cara a un son, que aínda que mantén e redefine elementos de ISA, retoma cunha perspectiva diferente ás músicas urbanas presentes en NADA. Que propiciou ese xiro?

XA’LUM: «ISA sempre foi máis unha creación de recursos estilísticos propios que me servirían logo para utilizar na música pop. Despois da súa saída, eu estaba máis centrada en compoñer e producir R&B, pero o produtor El Speaker escoitou o álbum e encantoulle o universo musical. Propúxome colaborar xuntos nunha canción que mesturase este universo co seu estilo musical (reguetón, salsa, trap)».

 

 

 

 

Tellus Mater (2024) é o teu traballo máis recente, un EP que presentas como «unha viaxe cara á liberación a través da dor, a rabia e a tristura». Por que definilo deste xeito?

XA’LUM: «Tellus Mater creouse coa idea de ser un manifesto de ruptura co abuso de poder que se produce en diversas situacións cotiás. Celebra o sector non normalizado da sociedade e explora a identidade e sexualidade, pasando por diferentes etapas neste proceso».

 

Como se foi materializando esa «viaxe» en son? Como foi o seu proceso creativo?

XA’LUM: «O proceso creativo deste EP foi longo; a primeira canción que compuxen foi “Opiunte” hai máis de catro anos. Foi a canción na que se basearan os sons deste EP, moi inspirados na néboa, os cactos e nas pandeiretas tradicionais da música galega».

 

Foto © Saraf Dicoh @sarahstrophe

 

Na mitoloxía romana, Tellus, ás veces Tellus Mater, era a deusa que personificaba á Terra, por que escollela a ela para titular o EP? Ademais dos títulos das cancións, en latín, esténdese esta referencia dalgún outro xeito ao resto do disco?

XA’LUM: «A verdade é que a idea do nome foi do meu amigo Marcos; xurdiu un día que estabamos falando e paseando polo parque de Oza no momento no que eu aínda estaba no proceso de composición. Con este EP quería probar o posible do imposible: o nacemento dun cacto nas montañas frías do norte atlántico da península ibérica, a supervivencia despois do abuso...

A deusa Cibeles e o culto dos Gallus inspiraron a canción de “Dies Sanguinis”, que xira arredor do sacrificio».

 

Tellus Mater recolle tres cortes, cunha intro e un outro, en que, ou quen, están inspirados?

XA’LUM: «En xeral están inspirados na miña vida, e filtrados por metáforas mitolóxicas e alegorías á natureza. Aproveito o poder protector da natureza para facer xurdir a tradición galega, os sons e as letras».

 

 

Que fixo que “Dies Sanguinis”, corte no que te aproximas á neopsicodelia, fose o sinxelo adianto do EP? Como lembras a gravación do videoclip?

XA’LUM: «“Dies Sanguinis” representa un momento de perda e desorientación. É a miña canción preferida e a que se diferencia máis do meu traballo: está composta por tres partes con variacións tonais e harmónicas nas que a voz fai posible a transición. A gravación do clip foi un momento moi divertido e inspirador».

 

En “Opiunte’’ escoitamos ritmos experimentais de trip-hop e vibras de trap; bases rítmicas e efectos sonoros que contrastan coa letra, unha oda nostálxica ao desamor, á morte e a soidade. Como foi dar vida a esta canción en particular?

XA’LUM: «“Opiunte” é unha das cancións máis agresivas dentro do meu estilo musical, con ritmos marcados e cambiantes nos que os efectos da voz agrávanse ao dicir “si te vas, márchate”. É unha canción que ameaza coa desaparición e na que o son da néboa está moi presente».

 

 

“Chumbera” é o terceiro corte, por que esta súbita aproximación ao reguetón?

XA’LUM: «Na miña vida diaria escoito moito reguetón e música coa que poida bailar, sobre todo mentres cociño ou limpo. O meu soño sempre foi facer unha canción alegre e “Chumbera” aproxímase máis a quen son eu de verdade, a Iria, cunha declaración de amor irónica. Pronto sairá un clip no que teño moita confianza e co que desfrutei moitísimo».

 

 

Inspíraste nas técnicas vocais da música tradicional galega, algo que aprendiches da túa avoa. O de mesturar a música tradicional con ritmos e melodías máis contemporáneos é unha tendencia en alza. Por que cres que se está a producir este incremento? No teu caso en particular, como xurdiu o de conectar, ou reconectar, coa tradición?

XA’LUM: «Penso que é algo natural e, no meu caso, esta aproximación axudoume a aceptarme máis coma artista. Como dixen antes, estudando o piano clásico custábame moito seguir as estruturas fixadas pola partitura, e a música tradicional é moito máis aberta e social; permíteche comunicarte máis facilmente cos demais».

 

Foto © Saraf Dicoh @sarahstrophe

 

O autotune está presente nalgunhas das túas composicións, aínda que non utilizado do xeito ao que estamos acostumados a oílo na música actual. Que cres que achega esta ferramenta ás túas composicións? Cal é a túa opinión sobre o seu uso (ou abuso) na actualidade?

XA’LUM: «Non lle dou o autotune as etiquetas que adoita ter hoxe en día. É como todo, depende como se use pode axudar o ser contraproducente na composición e nos directos. Para min é un recurso como outro calquera, como a distorsión dos amplis das guitarras ou os pedais de efectos».

 

Nalgunhas das túas actuacións subes ao escenario a Amara Rey, quen acompaña a túa música cun espectáculo de danza. Como complementa esta disciplina artística a experiencia inmersiva da túa música ao vivo?

XA’LUM: «A miña música conéctase moito coa danza porque, aínda que sexa de xeito interno, a miña música é unha música corporal. A utilización excesiva da voz axuda a darlle ese toque humano e vivo. Unha das persoas que máis me fixo avanzar no mundo da música foi a bailarina Estefanía, que me convidou a participar no seu espectáculo ‘Fugaces’».

 

 

E, xa que estamos enriba do escenario, de que se compón o teu live set?

XA’LUM: «Normalmente componse dunha loopeadora, un sintetizador é unha caixa de efectos».

 

Cando, e onde, poderemos desfrutar dun concerto de XA’LUM? Que poderá agardar o público?

XA’LUM: «Pois as vindeiras datas son en Francia, dous concertos en París a finais de maio e un en Valence en xuño. Despois do verán volverei a tocar por España acompañada doutros artistas».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

XA’LUM: «Carabela e Måi».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

XA’LUM: «YEAH HUSS!, Euskoprincess e Maureen».

 

  noticias