SANNY: «EXPRESARME A TRAVÉS DA MÚSICA É UN XEITO DE CANALIZAR COMO ME SINTO»
Medrou escoitando música e, logo de coñecer o piano na súa nenez, rematou por apostar pola guitarra na súa adolescencia; detrás desa guitarra coa que tantas horas se pelexou para aprender a tocala está Sandra Gómez, Sanny, cantautora viguesa recoñecida pola carga emocional das súas cancións e un son que bebe do folk-rock norteamericano. Deste xeito, a súa música baila entre referentes clásicos, como os primeiros anos de Bob Dylan e Bruce Springsteen, e contemporáneos, da man de Phoebe Bridgers, Adrianne Lenken, Julia Jacklin ou Angie McMahon. As súas letras, escritas case a corazón aberto, debuxan experiencias que, desde hai máis de dez anos comparte en directos íntimos e honestos.
Catro anos despois do seu debut discográfico, Sanny agasallábanos Bedroom Folk (2023), un EP de tres pistas «que capturan a esencia máis íntima dos temas» nese ton acústico tan característico... e tan seu.
Foto © Álex Balea
Detrás de Sanny está Sandra Gómez, cantautora viguesa (moody songwriter para os amigos) quen, xa no colexio, dicía que «quería ser cantante». Como lembras, pois, o teu primeiro contacto coa música e como se foi desenvolvendo conforme ías medrando?
Sanny: «Non sería capaz de fixar un momento concreto do que sería o meu primeiro contacto, a verdade. Sei que na miña casa meu pai sempre puña música e medrei con ela, sempre me gustou cantaruxar, pero sen ningunha pretensión. Cando tiña 8 anos, foi miña nai a que decidiu que probase a ir a clases de piano onde tamén aprendín algo de solfexo, mais a verdade é que non foi un instrumento co que conectase moito ou que me inspirase a compoñer e probar cousas pola miña conta.
Penso que para min o detonante foi ver a Avril Lavigne na televisión, con 11 ou 12 anos. Coñecer a unha rapaza nova que escribía as súas cancións sobre como se sentía fixo que eu tamén quixera facer o mesmo. Dende entón fun escribindo cousas en libretas e comecei a pedirlle a meus pais unha guitarra. Lémbrome que me mercaron a guitarra española máis barata que puidemos atopar, por se acaso isto era algo pasaxeiro, e tamén de pelexarme horas e horas con ela para aprender a tocala. E así foi un pouco como empezou todo».
Formaches parte doutros pequenos proxectos musicais antes de arriscarte en solitario, cal dirías que foi o momento no que decidiches lanzar este proxecto? E por que bautizalo como «Sanny»?
Sanny: «A verdade é que tampouco foron tantos... sempre tiven moi claro que eu quería facer as miñas cancións. O único grupo co que estiven foi na adolescencia, con 15 anos ou así, no que basicamente nos xuntabamos catro amigos para tocar nun local de ensaio. Fixémonos chamar No Busking; no repertorio tiñamos temas propios, algúns meus, outros con música deles aos que eu lles puña letra e un par de versións dos Strokes e dos Arctic Monkeys. Demos un único concerto nos Castroconcertos no que tamén tocou Stoyka. Despois cada un quería tocar estilos distintos e aí quedou. Eu continuei traballando no meu repertorio ata que no 2012 máis ou menos decidinme a dar o meu primeiro concerto soa.
O tema do nome non ten nada de especial... simplemente é como me chamaban os meus amigos e comecei a empregalo como nome artístico tamén; supoño que podería ter procurado algo mellor, pero non é algo que se me dea ben».
Foto © Alberto Peláez
A música de Sanny mestura sons do folk norteamericano dos primeiros anos de Bob Dylan e Bruce Springsteen con letras vistas desde a sensibilidade de compositoras modernas, como Phoebe Bridgers ou Sharon Van Etten. Ademais destas influencias, quen dirías que ten, ou tivo, un particular impacto a túa hora de entender, e crear, a música?
Sanny: «Ademais dos que mencionades, sen dúbida, pensando neses primeiros anos, Paramore e Green Day foron dous grupos que escoitei moitísimo cando comezaba a compoñer. Do primeiro destacaría a influencia de ver a Hayley Williams como frontwoman do proxecto, o cal foi moi inspirador para min. E de Green Day, sobre todo o álbum American Idiot (2004)polo seu contido político e social.
A día de hoxe, estoume a nutrir moito de compositoras contemporáneas entre as que si destacaría Phoebe Bridgers ademais do seu proxecto boygenius, pero tamén Adrianne Lenker, Julia Jacklin ou Angie McMahon, por mencionar algunhas. Comparto con elas, penso, ese interese por poñer o foco na mensaxe das cancións e empregalas para conectar co público falando dende a experiencia persoal».
Nomeabamos o folk norteamericano, pero en Sanny tamén escoitamos indie, country, Americana... deixando de lado as etiquetas, como definirías ti a túa música?
Sanny: «Cústame sempre moito definir o que fago, pero síntome cómoda en todos os estilos que mencionades, sempre tentando aportar algo distintivo. Coido que o que define a miña música é ese ton íntimo das cancións acompañado dunha sonoridade que vén de canalizar as miñas distintas influencias».
Es graduada en Lingua e Literatura Inglesas, de feito, realizaches unha estancia en Preston (Reino Unido), onde de día investigabas sobre a música e a sociedade nos EE. UU. e de noite percorrías micros abertos dos pubs locais. Que levaches no peto desta experiencia? Trasladouse dalgún xeito ás túas composicións?
Sanny: «Foron tres meses nos que aprendín moito. Por unha banda, tiven a oportunidade de traballar co profesor Will Kaufman, que é experto na obra de Woody Guthrie, e me permitiu chegar a autores e música do folk americano aos que podería non ter tido acceso. El nese momento estaba a traballar no uso que Guthrie fai dos espazos xeográficos e eu na paisaxe en Springsteen, polo que foi de moita axuda para a miña investigación académica tamén.
A nivel musical, ademais de terme nutrido de toda esta investigación, o meu paso polos micros abertos serviume para curtirme no escenario, xa que o público inglés nos pubs era bastante difícil... pero gañei moita confianza, a verdade».
Foto © Álex Balea
Esa investigación que comentamos estaba centrada na análise de «como as distintas representacións da paisaxe e os espazos na obra de Springsteen reflicten a súa (re)visión da identidade americana». Poderías contarnos algo máis sobre ela?
Sanny: «Na investigación analizaba de xeito comparado como as representacións que facía Springsteen de espazos e paisaxes se asemellaban á feita por outros autores e autoras con anterioridade e que atendían a correntes ideolóxicas e estéticas vencelladas a resaltar unha serie de valores. Por poñer un exemplo, a representación da estrada como unha vía de escape da rutina e das ataduras sociais atende a unha visión romántica que tamén facía, por exemplo, o poeta Walt Whitman.
Falaba de “(re)visión” da identidade porque traslada moitas destas imaxes ao seu contexto e tenta ampliar e facer máis inclusivo o concepto do que se entende como identidade americana».
No teu caso, afecta a túa contorna á construción da túa identidade como artista? E se é así, como?
Sanny: «Si, sen dúbida. Bueno, supoño que todas as persoas estamos atravesadas polos espazos e as redes nas que nos movemos, non? Pero pode que tendo en conta o compoñente emocional e ás veces confesional das miñas cancións, isto sexa aínda máis evidente».
Debutas con Loners Downtown (2019), un EP gravado en Estudios Mans (A Coruña) que entrega unha impecable mestura de Americana e indie. Como lembras a gravación?
Sanny: «Lembro que foron dous días intensos, pero nos que me sentín moi arroupada e cómoda traballando con Jorge Cromo. A miña idea era gravar os temas con voz, guitarra e harmónica, e finalmente fomos engadindo detalles de percusión e voces. Jorge implicouse moito en todo o proceso e a día de hoxe sigo a estar moi contenta co proceso.
Se ben é certo que hai detalles que agora cambiaría, téñolle moito cariño ás cancións e penso son un bo recordo deses primeiros pasos».
Os cinco cortes do álbum exploran a soidade desde distintos puntos de vista, por que escoller este concepto como protagonista?
Sanny: «No EP recollín cancións de etapas moi distintas, dende “We are Dust” que compuxera con 15 anos ata “Comin’ Home” con 23. Ao velos todos xuntos, deime conta de que o tema da soidade, tratado dende distintas perspectivas, estaba presente en todas as cancións, así que semellaba o máis lóxico».
Foto © Álex Balea
Resulta curioso como pouco despois de publicar este traballo, centrado na soidade, vivimos un illamento autoimposto por mor da pandemia. Como o afrontaches ti? De que xeito afectou ao teu proceso creativo?
Sanny: «Para min foi un punto de inflexión importante. A semana que comezou o confinamento empezara a ir a terapia e continuei durante eses meses de forma online. Traballei cuestións que levaban enquistadas moito tempo e me estaban comezando a afectar emocionalmente. De súpeto, o bloqueo creativo que levaba arrastrando meses cesou e comecei a escribir de novo.
Penso que foi tamén o momento no que comecei a apostar máis polo proxecto».
Compós e interpretas en inglés desde sempre (ou desde que nós saibamos!), por que?
Sanny: «Pois un pouco debido á música que sempre escoitei. Como xa falabamos, na miña casa escoitábanse Bruce Springsteen, os Creedence, os Beatles... música sempre en inglés. Tiña interese por saber de que falaban as cancións e sentábame a traducilas cun dicionario antiquísimo que tiñamos na casa —seguramente de non ter sido pola música, non me tería decidido por estudar filoloxía—. Así que cando comecei a escribir as miñas cancións, non o pensei demasiado e fíxeno en inglés. Era un reto tamén porque me permitía ir mellorando no idioma, e así fun pouco a pouco.
Agora mesmo penso que xa cheguei a atopar o meu sitio “estilo” e a miña linguaxe propia dentro do inglés, é dicir, as imaxes e palabras que quero empregar para segundo o que quero transmitir. Resultaríame moi complicado facelo doutro xeito».
A finais de 2022 publicas “25”, un sinxelo gravado por Pablo Iglesias en Radar Estudios no que cantas abertamente sobre a túa experiencia loitando contra o estrés e a ansiedade. Na túa opinión, canta importancia pensas que ten (ou que se lle dá) a música á hora de concienciar sobre temas como a saúde mental?
Sanny: «Creo que é moi importante falar de saúde mental e penso que xa se está a facer, non só na música. O que penso que hai que traballar é nesa romantización na que parece que se cae ás veces do artista atormentado.
No meu caso, son consciente de que fago bromas co ton triste das miñas cancións, pero para min tratar cuestións ligadas á saúde mental é parte do proceso e se son capaz de falar delas é porque quero superalas».
Co lanzamento de “25” estreabas banda: Denis Carballás (guitarra), Bruno Costas (baixo) e Anxo Paz (batería). Por que eles? Que dirías que achegan, ademais do obvio, aos teus directos?
Sanny: «A verdade é que tardei moito en decidirme a buscar xente por cuestión de inseguridades e experiencias pasadas, pero creo que non puiden tomar mellor decisión.
No caso de Anxo, que é a miña parella, xa tocaramos xuntos antes e tanto no EP de Loners Downtown como nos concertos de presentación acompañoume á percusión. Con Denis contactei porque sabía que xa tocara en varios grupos e gustábame moito que non tivese moitos prexuízos á hora de explorar distintos estilos, ademais compartiamos gustos musicais semellantes. Como el tocaba con Bruno en The Riggos, chamouno para que viñera tamén.
Axudáronme moito a traballar os temas e tiveron moita paciencia comigo, que levaba moitos anos (mal)acostumada a facer as cousas ao meu xeito ao tocar en solitario...».
Meses despois escoitabámoste en “Bird in a Cage”, unha peza que descubrimos te acompañaba desde había tempo... pero que ata ese momento non a gravaras. Por que?
Sanny: «Compuxen “Bird in a Cage” máis ou menos o ano no que gravei Loners Downtown e como aínda estaba moi recente e, por outra banda, non me encaixaba demasiado coa temática do resto dos temas, decidín gardala para máis adiante».
O título está inspirado en The Awakening (Kate Chopin, 1899), novela onde a súa autora compara a situación das mulleres da época vitoriana con paxaros engaiolados. E a letra? Que, ou quen, a inspirou?
Sanny: «A letra naceu tras coñecer o caso de Juana Rivas, pero non se basea na súa historia. Simplemente lémbrome de escoitar o caso nas noticias e foi o detonante que fixo que soltase moitas frustracións que tiña dentro sobre situacións vividas por min e por compañeiras e amigas da miña contorna. É unha desas cancións que se escriben en poucas horas, supoño que porque foi froito de algo que estaba desexando contar e non sabía como».
Despedías 2023 con Bedroom Folk (2023), un álbum que ben poderíamos describilo como «proxecto-convertido-en-EP». Como naceu, e se desenvolveu, a idea?
Sanny: «Foi algo moi pouco premeditado. Un día comenteille a idea a Denis de gravar as cancións a modo de “maqueta”, aceptou ao momento e á semana seguinte gravámolas na súa casa. Quería tratar de capturar a esencia máis íntima dos temas, que quedasen recollidas tal e como as compuxen inicialmente antes de traballalas coa banda».
As tres cancións que recolle o EP foron gravadas en acústico por Denis Carballás (The Riggos) na súa habitación —literalmente— tal e como vemos nos vídeos que as acompañan, onde observamos como o Homegrown (2020) de Neil Young está estratexicamente colocado. Non cremos nas casualidades, así que… é un easter egg para o que está por vir?
Sanny: «Pois a verdade é que non [risos]. Si que é certo que nos últimos anos tentei traballar máis a imaxe ou liña estética do proxecto tirando desas influencias do folk americano —aquí teño que agradecer o grandísimo traballo de Elena Santiago, encargada do deseño do merchandising e carteleiría nalgunha ocasión—. Sendo Neil Young unha das miñas influencias, pareceunos que a portada do Homegrown quedaría ben».
Pecha o disco “Tempest”, único tema inédito onde, desta volta, cantas ás inseguridades, aínda que pode albiscarse algo de esperanza. Como en “25”, é unha letra autobiográfica? Nestes casos, compoñer é para ti un xeito de «sandar» feridas?
Sanny: «Si, de feito foron dúas cancións que compuxen á vez, neses meses do confinamento nos que estaba lidando cos meus traumiñas.
Por suposto que para min expresarme a través da música é un xeito de canalizar como me sinto e procesar as cousas que me acontecen. Síntome moi afortunada de ter atopado nas cancións unha ferramenta coa que expresarme e de que, ademais, outras persoas conecten con elas».
Foto © Álex Balea
Se hai algo que caracteriza as túas composicións, ademais da sensibilidade das súas letras, é o son acústico no que veñen envoltas. Calquera diría que te sentes máis cómoda tocando nun teatro que nun festival diante dun público amplo, é así?
Sanny: «Supoño que a miña música, á parte de non ser eu unha artista con moitísimo público, ten un ton intimista que podería non encaixar nos “macrofestivais”. Pero hai festivais de formato máis reducido ou centrados en estilos máis específicos nos que podería sentirme cómoda. De tódolos xeitos, encántame tocar en salas de concertos e, nun futuro, chegar a tocar nun teatro sería unha das cousas que me encantaría facer».
Formaches parte de varias series acústicas como Calle Sonora, Street On Air, Sofar Sounds (Pontevedra e Porto) e, o máis recente, En Vilo. Que papel pensas que teñen estas canles de difusión á hora de dar a coñecer proxectos independentes?
Sanny: «Penso que son de gran axuda porque permiten chegar a persoas ás que igual non chegarías doutro xeito. No caso do Sofar, ademais, permíteche tocar en novas cidades en espazos diversos. A miña experiencia no Sofar de Porto, por exemplo, foi moi especial porque foi a miña primeira vez en Portugal. O concerto foi nunha florería fermosa e a recepción por parte do público foi moi boa».
La Fábrica de Chocolate, A Casa de Arriba, Kominsky ou La Pecera foron algúns dos locais da cidade olívica testemuñas da túa música ao vivo, pero se tiveras que escoller unha sala viguesa para actuar, cal sería e por que?
Sanny: «Sen ser “sala” ao uso, quedaríame coa Casa de Arriba que nos últimos anos está a ser a miña segunda casa na cidade. Alí fixen xa varios concertos que gardo con especial cariño e vin ademais moitos doutros artistas. Penso que se crea unha atmosfera moi especial nos concertos e a programación é moi variada».
O vindeiro sábado 1 de xuño subes ao escenario de El Contrabajo (Vigo) con «aliñación de luxo», acompañada de Mentah e Feed The Pet. Que poderá agardar o público desta actuación? Como son os concertos de Sanny?
Sanny: «Pois ademais de ver a Mentah, que é un dos meus grupos galegos favoritos, e a Feed the Pet, que fan unhas cancións con moitísimo gusto, será seguramente o único concerto que faga este ano en Vigo coa banda ao completo.
Nos directos co grupo os temas gañan unha sonoridade distinta, aínda que sempre deixo oco no repertorio para un par de temas en solitario. Penso que no directo se establece unha conexión importante co público e os temas transmiten moito máis. Para min é a mellor parte de todo o proceso e a que máis desfruto sen dúbida».
Foto © Pablo Vázquez
Con máis dez anos de traxectoria ás costas, sen presión (nin pretensión!), que poderemos agardar de Sanny a curto prazo?
Sanny: «Pois agora mesmo estou a traballar nos temas que formarán parte do meu próximo traballo, perfilándoos, compoñendo cousas novas e dándolle moitas voltas a como quero que soen.
Por outra banda, estou colaborando noutros proxectos. Un deles é The Mighty Foxgloves, un trío de folk americano que conformamos Denis, Miguel Moldes (Doble M) e mais eu e do que saberedes proximamente. Do resto, aínda non podo dicir nada, pero estou aprendendo e desfrutando moito do proceso».
A última e marchamos, quen sería a túa colaboración soñada?
Sanny: «Postas a soñar moitísimo, mentiría se non puxese a Phoebe Bridgers encabezando a lista, seguida de Jeff Tweedy (Wilco).
A nivel nacional, encantaríame colaborar con Ángel Stanich, encántanme os temas que ten con Nina (Morgan) e Zahara, ademais de ser moi fan da súa música e as súas letras».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Sanny: «Pois, de novo, Mentah e tamén, Candy’s Freckles, Doble M, Gloria Pavía e Castillo».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Sanny: «A verdade é que estou sempre escoitando cousas novas, de feito teño unha lista de reprodución en Spotify que vou actualizando cada pouco. Estes días estou co último de Billie Eilish e St. Vincent. Tamén, dende que saíu hai uns meses, non parei co Sadness as a Gift de Adrianne Lenker».