• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO & AGOSTO 2024

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO & AGOSTO 2024
7 SETEMBRO 2024

Romántico cabrón, Ben Richards Jr.

Ben Richards Jr non deixou de producir e, a mediados de marzo, chegaba o primeiro capítulo anual da súa visión da sociedade actual. O puñado de cancións que recollía Tiempo Extra (2024) non foi suficiente e, a finais de agosto, publicaba a segunda —que non derradeira— entrega do ano. Romántico cabrón (2024) son 14 novas cancións de disparos a quemarroupa no peito infame do capitalismo occidental. Un verdadeiro axuste de contas a ritmo de baterías electrónicas, caixas de ritmos dos oitenta, baixos e sintes, que se mesturan con letras comprometidas, controvertidas e desbordantes de ironía en máis dunha hora onde, unha vez máis, o artista non deixa monicreque con cabeza.

 

 

 

 

Marem Ladson on Audiotree Live, Marem Ladson

Logo da súa xira norteamericana, abrir para Squirrel Flower nas súas paradas en España e dar un concerto acústico na Coruña hai uns días, Marem Ladson lanza un novo álbum. Marem Ladson on Audiotree Live (2024) é un EP de cinco cancións gravadas ao vivo durante a sesión que lle dedicou Audiotree, compañía discográfica estadounidense coñecida por apoiar a grupos e artistas emerxentes. Sobre unha base de música pop e folk americano, Ladson presenta unha curada selección de composicións íntimas, en formato acústico, que zumegan ferocidade emocional. Así, escoitamos temas que falan da conexión da súa música coa súa cidade natal, da súa relación coa Lúa ou de como utiliza a creación e cancións como proceso terapéutico.

 

 

 

 

A Ilusão da Quietude, Sangre de Muérdago ft. Judasz & Nahimana

Antes de encerrase en Mousa House, un estudio agochado en medio da natureza de Paderne (A Coruña), para gravar o seu vindeiro disco baixo os mandos de Efrén López, Sangre de Muérdago subía a Spotify o seu traballo máis recente, dispoñible ata ese momento no resto de plataformas dixitais. Composto por catro temas de corte folk, A Ilusão da Quietude (2024) é un EP para o que a banda galega aliñouse de novo co dúo Judasz & Nahimana. O ritual sonoro de ambas agrupacións pódese desfrutar tamén en formato físico en catro edicións limitadas en vinilo (negro, azul, morado e verde), con portadas serigrafiadas sobre cartón artesanal e un encarte que inclúe letras e poemas.

 

 

 

 

The Freak Show, elsis

Logo de tres adiantos, elsis descobría The Freak Show (2024) ao completo o 19 de xullo. O EP debut do compositor e produtor galego foi gravado hai 10 anos, pero non foi ata o pasado mes de xullo cando o lanzou nas principais plataformas dixitais. Composto por seis cortes, o álbum fai gala dun son que bebe de influencias como James Blake, Patrick Wolf, Robyn ou Britney Spears; artistas dos que colle emotividade, innovación e forza. Desde o tema homónimo, que abre o disco, ata ‘Just Keep Breathing’, a pista número seis, as composicións de The Freak Show reflicten ese estilo traballado e definido durante anos; unha mestura da enerxía de pop electrónico e a esencia da música alternativa que baña letras cargadas de experiencias persoais e reflexións.

 

 

 

 

Salto al vacío, Juan Castro

Juan Castro, vocalista e compositor de Maldito Murphy, presentaba o seu proxecto en solitario hai uns meses, que agora materializa nun disco. Salto al vacío (2024) é un EP de seis cancións enérxicas, que bailan entre o pop e o rock, aproximándose así máis ao son británico e deixando a un lado o americano. Son temas curtos e directos, pegadizos, con retrousos potentes que sacan a relucir un Juan Castro descoñecido polo de agora, con cambios no rexistro vocal, máis agudo e natural, o que fai que as cancións teñan máis forza. Castro foi o encargado de todo o proceso creativo, desde a composición ata a masterización (excepto a batería), un control total que converte Salto al vacío nun traballo do máis persoal.

 

 

 

 

Tu manera de verlo, ünder

Logo da publicación de varios traballos en formato dúo xunto a Diego Flâneur, ünder presenta agora o primeiro traballo baixo o seu nome. Aínda que xa lanzara un single en solitario principios de ano, ‘todo se esfuma como ese dinero’ (2024), o mozo lucense sorprendía a mediados de xullo co seu EP debut, Tu manera de verlo (2024). Dispoñible nas principais plataformas dixitais, o álbum é unha colección de seis cortes gravados, producidos e mesturados por el mesmo; un labor ao que hai que engadirlle a parte gráfica, asinada tamén por el. En pouco máis de 15 minutos, ünder é capaz de construír un imaxinario no que canta a temáticas variadas, entre as que se escoitan a nostalxia, o costumismo, o amor ou a cotiandade da cidade, envoltas nunha eléctrica mestura de xéneros urbanos.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2024 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2024 cos discos completos!

 

  noticias