• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

ELSIS: «‘THE FREAK SHOW’ FOI UN PROCESO DE APRENDIZAXE, TANTO Á HORA DE PRODUCILO COMO DE COMPOÑELO»

ELSIS: «‘THE FREAK SHOW’ FOI UN PROCESO DE APRENDIZAXE, TANTO Á HORA DE PRODUCILO COMO DE COMPOÑELO»
16 SETEMBRO 2024

Compositor, bailarín e produtor musical, elsis comezou a crear cancións de xeito autodidacta, guiado pola súa curiosidade. As súas composicións reflicten un estilo traballado e definido durante anos, unha mestura da enerxía de pop electrónico e a esencia da música alternativa, que baña as súas letras cargadas de experiencias persoais e reflexións.

Animado polos novos coñecementos adquiridos durante o curso de produción musical que tomou o ano pasado, elsis debutaba no mercado discográfico con The Freak Show (2024); un EP que saía á luz en xullo... pero levaba «agochado» no caixón dez anos.

 

 

 

Detrás de elsis atopamos a Jon, compositor, bailarín e produtor musical. Botando a vista atrás, cal dirías que foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa música?

elsis: «Pois o meu primeiro contacto coa música lémbroo moi cedo, desde moi pequeno xa estaba cantando e bailando por todas partes. Teño lembranzas con 4 ou 5 anos de sábados pola mañá bailando coa miña irmá no salón ou cantando. Na casa sempre se escoitou moita música e iso se nota. Tamén comecei moi cedo a tocar a frauta e a gaita, aos 6 ou 7 anos».

 

Os teus comezos na música veñen marcados polo autodidactismo, que che fixo tomar esta vía de aprendizaxe?

elsis: «Son unha persoa moi inqueda. Lembro con 8 ou 9 anos cando me regalaron o meu primeiro teclado, ingresado no hospital, tocando melodías de oído aínda que fose cunha soa man. Pronto comezaron a saír melodías, letras... ata que xa aos 15 anos me metín no mundo da produción. Comecei a mercar revistas, a ler, experimentar... ata que saíron as primeiras cancións.

Algo parecido pasoume co baile; aínda que comecei tarde coas clases, levaba toda a vida facendo coreos na casa e foi unha aprendizaxe moi doada.

Penso que o autodidactismo vén do meu carácter curioso e, sobre todo, de ter eu confianza no que estou a facer antes de mostralo. Algo tamén teñen que ver as inseguridades e certo perfeccionismo».

 

Por que «elsis»? Que significado ten?

elsis: «Elsis foi un nome que xurdiu escribindo unha curtametraxe musical cunha amiga, coa que comecei a experimentar como produtor. Daquela gravei os meus primeiros temas e pareceume un bo nome artístico; sempre tiven claro que se algún día publicaba algo sería baixo ese nome pola carga emocional que tiña».

 

Como comentabamos, á túa faceta musical hai que engadirlle as de bailarín e produtor. Como dirías que conflúen estas outras disciplinas á hora de conformar este proxecto?

elsis: «O tema do baile no escenario deume sempre moito respecto, mais podo imaxinar esa disciplina nun videoclip como algo visual, nunca o centro do espectáculo. Como produtor, cústame moito rematar as cousas porque sempre son mellorables».

 

 

Aínda que atopamos a elsis baixo as etiquetas de pop, electrónica e alternativa, como describirías ti a túa música?

elsis: «Non me gustan moito as etiquetas en xeral, tampouco para a música. Unha mesma canción pode transmitir dúas emocións totalmente opostas, depende do teu momento vital. Gústame este primeiro proxecto en inglés porque as letras son simples, mais pódenselle dar varios significados».

 

Canto ás túas influencias musicais, a quen sinalarías? A quen consideras como referentes?

elsis: «Á hora de facer música non considero ter referentes, nin tratar de emular artistas que escoito. A música ten que nacer dunha folla en branco, da liberdade de ruta. Escoito moitos xéneros musicais e todos os desfruto, mais non me vexo a min mesmo facendo un reguetón ou unha balada rock.

O que si, adoro a valentía de Björk á hora de experimentar con sons; é algo que adoito facer porque é como non ter límites, aínda que logo derive en algo súper simple. Se tivera que escoller un referente ao máis parecido que intento facer, podería nomear a Robyn; sempre tivo algo identificativo na súa música aínda tendo cancións moi diferentes entre si. Iso é un pouco ao que aspiro».

 

 

 

 

Logo dun par de adiantos, a mediados de xullo lanzabas (por fin!) The Freak Show (2024), o teu primeiro EP que, en realidade, foi gravado... hai dez anos! Por que esperar unha década para publicalo?

elsis: «Penso que todo ten un momento. Cando gravei o disco foi todo un experimento e sacalo nunca entrou nos plans; animeime a lanzar os temas ao pouco de comezar o curso de produción musical, como parte do proxecto.

Tómome tempo para algunhas cousas, mais espero non tardar tanto tempo en sacar algo novo».

 

O EP leva dez anos gravado, pero supoñemos que a propia gravación iría cambiando ao longo dese tempo, aínda que fora a nivel de mestura e masterización, non? De ser así, de que xeito foron mudando os temas desde a gravación orixinal?

elsis: «Houbo un pouco de todo coas cancións que saíron. “Animal”, por exemplo, foi tal cal a gravación orixinal, o único que engadín foron unhas voces modificadas nos coros. “Stupid Thing” e “Drugs” foron unha produción nova; regravei voces e sons diferentes ao proxecto orixinal; os tres temas restantes tiveron arranxos na produción, pero as voces non mudaron. O EP foi todo improvisación do que aprendía nas clases e atopar como quería facer soar a música unha década despois.

O malo da música pop é a súa caducidade, entón, facer soar os temas algo máis actual foi o máis complicado».

 

Tanto o título do álbum como a portada evocan “Freak Show”, cuarta tempada de American Horror Story (Ryan Murphy, 2011-)... estamos no certo?

elsis: «O concepto do disco foi un pouco antes, inspirado no circo dos horrores, mais lembro cando saíu a temporada de AHS porque me deu moitas ideas da estética para rematar o concepto do disco. Adoro todo o relaciono co mundo do terror mainstream!».

 

Ao fío, por que titulalo así?

elsis: «The Freak Show fai un pouco referencia aos espazos LGBT, un pouco como metáfora polas cousas que temos normalizadas no colectivo dentro deles. Pequenas cousas que, desde o meu punto de vista non están ben como a superficialidade, como construímos as relacións afectivas, o tema do consumo de drogas para suplir carencias ou traumas... Vamos, todo o que non é purpurina.

Fala un pouco desde unha perspectiva un pouco allea a ese mundo no que non todas encaixan».

 

 

“Animal” foi o corte escollido tanto como primeiro adianto do disco como o único que, polo de agora, ten remix. Que ten de particular este tema para darlle este trato, digamos, especial?

elsis: «Ao ser o primeiro tema, que saíu tal cal, quixen darlle un aire diferente co remix. É un tema especial porque foi polo que decidín crear o disco, polo que lle gardo moito agarimo, por iso saqueino sen retocar. Gústame moito a música electrónica e nalgún momento sairá o EP con remixes de The Freak Show.

Sairán máis remixes cos novos proxectos, é algo que tiven claro dende o principio».

 

 

Existe algún fío condutor entre os seis temas que recolle o EP? De ser así, cal é?

elsis: «O disco orixinal contaba con 12 temas e escoller só seis foi complicado porque o disco era bastante redondo en canto a temática. As letras do disco falan un pouco das vivencias cando comezas na etapa adulta e os espazos nos que construíches como persoa; penso que fixen unha boa escolla dos temas máis representativos.

“The Freak Show” abre o disco falando dos espazos LGBT, para logo falar de desamor, do amor propio, drogas, a morte ou a depresión, respectivamente. Cada canción ten o seu significado e todas van moi relacionadas con cousas nas que o colectivo adoita ser máis vulnerable».

 

The Freak Show presenta cancións con letras que ispen experiencias e reflexións, que, ou quen, as inspirou?

elsis: «The Freak Show foi un proceso de aprendizaxe, tanto á hora de producilo como DE compoñelo. Descartar cancións que entraban ao principio no proxecto, compoñer novos temas para fiar o disco e que tivese un concepto; letras moi diferentes entre si porque quería falar un pouco de todo por se non había máis proxectos, todas inspiradas nas miñas experiencias ou vivencias, nas miñas relacións interpersoais e tamén nas ambicións e soños que tiña naquel momento...

A adaptación das letras, de tratar de dicir sen contar moito, foi o máis complicado porque tampouco teño o inglés coma lingua materna».

 

 

Como foi o seu proceso creativo? É dicir, de que xeito foron medrando os temas ata converterse nas cancións que finalmente escoitamos no disco?

elsis: «Foi un proceso lento e moi experimental. Cada pequena cousa que aprendía nas clases era unha nova oportunidade de facer algo diferentes coas cancións e toleei un pouco porque quería facelo todo.

“Drugs” e “Stupid Thing” eran dúas cancións bastante indie na súa versión orixinal e mudalas á electrónica foi unha pasada porque as regras son diferentes; que a mesma canción poida soar tan diferente e, ao mesmo tempo, conservar a súa esencia é case como maxia».

 

O pasado mes de xuño dedicaches parte do teu contido en redes a compartir himnos LGTBI+ de artistas aos que admiras, tanto no eido musical como no persoal, como Rodrigo Cuevas, Tribade, Billie Eilish, Tanxugueiras... Que perseguías con esta iniciativa?

elsis: «En primeiro lugar reclamar un pequeno espazo para artistas da comunidade no mes do Orgullo —está de moda nomear artistas de fóra da comunidade, algúns con ideas un pouco rancias que non deberían representar o sentir do colectivo— a idea era descubrir cancións de artistas do colectivo que non estivesen caladas ante o xenocidio de Gaza, por exemplo; artistas comprometidos co mundo no que vivimos, basicamente».

 

 

O curso pasado fuches alumno en Longa Music Lab, a escola de son que Vicky Longa ten na Cidade da Cultura (e da que MisterMyr é profe!). Que levas no peto da experiencia?

elsis: «Moitas cousas. A que máis aprecio é ter aprendido a rematar as cousas porque son bastante puntilloso e me custa soltalas. Ensináronme a abrir moito a mente á hora de compoñer e producir, e o mellor son as ganas que deixaron de seguir aprendendo porque isto non remata nunca».

 

Que podemos agardar de elsis nun futuro non moi afastado? Podes adiantar que estás a argallar?

elsis: «O futuro máis próximo será rematar o EP de remixes; haberá un adianto, pero espero sacalo moi seguido por non alongar máis a era The Freak Show.

O seguinte proxecto será outro EP, esta vez en castelán, con cancións que publiquei no meu libro Catarsis, e que contará con tres ou catro temas. A idea é sacar dous EPs máis en inglés con temas que fixen en todos estes anos e, máis adiante, empezar a sacar a música que levo facendo desde que comecei o curso de produción musical».

 

Tes pensado levar The Freak Show aos escenarios? Canto de freak terá o show?

elsis: «Vou con calma. Agora mesmo estou comezando a formarme en técnica vocal e teño pensado publicar un par de EPs máis a medio prazo. Cando considere que teño fóra un bo repertorio como para levalo aos escenarios, fareino encantado. Polo de agora non entra nos meus plans máis inmediatos».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

elsis: «De aquí un tempo levo bastante obsesionado cun par de artistas que comecei a escoitar fai pouco: Blackpanda, flípame moito a súa música, non hai canción mala; tamén K!ngdom me teñen namorado.

Tirando un pouquiño para a casa, non hai día que non escoite Fillas de Cassandra ou Verto. Levo unha tempada moi a tope descubrindo música en galego e non descarto facer algún EP en galego».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

elsis: «Honestamente, atopariades de todo; sempre fun de moita mestura nos meus gustos. Abrindo a miña conta podo dicir artistas como Rigoberta Bandini, Blackpanda, Baiuca, Lola Índigo, Samantha Hudson, Mondra, Bad Gyal, Guitarricadelafuente ou Britney Spears. Britney non falta nunca, é o meu máis guilty pleasure e adoro».

 

  noticias