• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

JUAN CASTRO: «PARA MIN ESTE DÍSCO É UN SALTO SEN REDE, UN SALTO SEN ESPERAR NADA»

JUAN CASTRO: «PARA MIN ESTE DÍSCO É UN SALTO SEN REDE, UN SALTO SEN ESPERAR NADA»
7 OUTUBRO 2024

Aínda que o proxecto é de recente creación, el é todo un veterano no mundo da música. Coñecido anteriormente como o compositor e vocalista de Maldito Murphy, Juan Castro preséntase agora en solitario. Acompañado da súa guitarra, o vigués abraza de cheo a oportunidade coa que se atopou —«non foi unha cousa premeditada»— para dar o «salto» máis persoal da súa carreira. Salto al vacío (2024) é o primeiro disco desta nova etapa na que asina baixo o seu propio nome; un EP que saca a relucir un Juan Castro descoñecido polo de agora.

 

 

Aínda que es recoñecido por ser o compositor e vocalista de Maldito Murphy, agora preséntaste en solitario. Que propiciou este xiro na túa carreira musical?

Juan Castro: «En realidade non foi unha cousa premeditada, atopeime con ela.

A finais de 2022 principios de 2023, nunha reunión de Maldito Murphy atopeime cunha freada en seco e inesperado do grupo. Sen sabelo, os demais membros do grupo querían parar un pouco a maquinaria. Quedei un pouco en shock, non contaba para nada con isto; pensaba que gravariamos un par de singles novos a principios de 2023 e seguiriamos xirando ese ano.

En fin, no seu momento foi un golpe duro e tamén unha decepción».

 

Que efectos dirías ti que tiveron todos eses anos como parte da banda á hora de afrontar este novo proxecto en solitario?

Juan: «Moitos; aprendín moito coa banda e, sobre todo, aprendín a como non facer as cousas. A corrixir erros, por exemplo, a poñer as cancións nos tons que mellor vaian á miña tesitura de voz... Agora véxoo desde a distancia e vexo que cantar neses tons tan graves en Maldito Murphy foi un lastre. Penso sinceramente que marcou ese estilo tan lánguido que tiñamos e, a verdade, creo que non nos favoreceu.

Se escoito Horizontes (2021), o segundo disco de Maldito Murphy, penso que esas cancións un ou dous tons por arriba gañarían unha luminosidade e unha forza que lle darían ao disco moita máis frescura e farían que o disco fose máis fácil de escoitar. Pero bueno, niso consiste xa non só a música, senón a vida, en ir cometendo erros e ir corrixíndoos nas seguintes ocasións...».

 

 

Musical, e persoalmente, como definirías este novo paso na túa traxectoria? Que significa para ti?

Juan: «Musicalmente é unha evolución, aínda que non se se chamalo evolución porque, en realidade, volvín ao que máis me gusta que é a música mais británica. Ese xorne tan americano con tinguiduras country do primeiro disco de Maldito Murphy pesoume moito estes anos; estaba cansado diso e cando decidín facer o meu disco era o momento para deixalo atrás.

Persoalmente, era un reto enfrontarme eu só a todo. Non sabía se sería capaz de facelo, tomar todas as decisións eu, sen consultar con ninguén. Foi todo como moi novo, pero moi emocionante. Nunca estiven tan nervioso con ningún lanzamento de Maldito Murphy como con este disco ou con cada adianto».

 

 

 

 

Lánzaste á nova aventura en solitario cun disco, Salto al vacío (2024), dispoñible desde o xullo pasado. Como xorde a idea do disco? É dicir, comezaches a compoñer pezas coa intención de recollelas nun EP ou simplemente... foi fluíndo o proceso?

Juan: «Cando me atopei co parón do grupo ao principio me quedei en shock, pero aos poucos empecei a barallar a idea de facer un disco en solitario, aproveitar ese tempo que me quedou libre para facer algo.

Así que, despois de pensalo un tempo (son moi indeciso), decidín que ía facer un disco pero comezando de cero. Refírome a que tiña cancións escritas para Maldito Murphy, pero quería romper co pasado; así que comecei a escribir cancións para este disco, non quería aproveitar ningunha que tivese escrita anteriormente, foi a condición que me impuxen a min mesmo.

Lembro que a primeira canción que escribín para o disco foi “Cuando ya no queda nada de lo que huir” e me pareceu un bo xeito de arrincar e iso deume ás».

 

 

En “A paso cambiado” dis «saltaré solo al vacío en un salto sin red con la adrenalina a flor de piel». Este tema e mais o título do disco son toda unha declaración de intencións... non?

Juan: «Si, si, o título do disco está sacado desta canción. Cando a estaba a escribir e me saíu esa frase que ti comentas me deu o título do disco, non o busquei, atopeino e bueno, definía moi ben o que era para min este disco. Un salto sen rede, un salto sen esperar nada, só esperar e a ver que pasa».

 

Nese mesmo tema falas de «una guitarra muda en un rincón». De que xeito acadaches que a guitarra comezase a falar de novo? Como foi o proceso creativo?

Juan: «Pois o que che dicía antes, comezar a escribir cancións a propósito para o disco. Hai unha cousa importante que non dixen e é que escribín máis libremente que no pasado, xa que as cancións só me tiñan que gustar a min, e escribín sen ataduras, o que me saíse. Se me gustaba a canción daba igual o estilo, o que pasa é que ao final todas saíron de xeito natural con ese estilo».

 

 

Sabemos que, agás a batería, tomaches ti as rendas de todo, por que facelo así?

Juan: «Primeiro por unha cuestión económica e, segundo, porque quería que soase o máis persoal posible; se o gravaban outros músicos iso se perdería. Eu non toco moi ben ningún instrumento, pero deféndome coa guitarra, o baixo, o piano e teclados, e penso que esa forma de tocar lle favorece ás miñas cancións.

E coa produción e a mestura pasa o mesmo; eu tiña a idea de como me gustaría que soase na miña cabeza».

 

O álbum aproxímase ao pop rock, a un son británico que se afasta claramente da americana e o country ao que estabamos acostumados. Como definirías esta evolución no teu son?

Juan: «Bueno non é unha evolución en si, é volver ao que sempre me gustou e ás miñas influencias de toda a vida. O do country foi algo un pouco pasaxeiro, aínda que bueno, non direi nunca xamais porque igual o seguinte disco (se é que hai) me sae americano outra vez. Tamén depende moito do momento e do que estea a escoitar; neste caso volvera a escoitar aos Smiths e a Morrissey, por exemplo, que os tiña un pouco abandonados.

Son bastante esponxa e déixome influenciar moi facilmente, así que igual nunha tempada volvo escoitar a Dylan en bucle e fago un disco de guitarra e harmónica rolo folkie... Xa che digo, cálame moito o que estea a escoitar no proceso creativo ou os meses anteriores a ese proceso».

 

 

Ademais do son, outro dos cambios é o rexistro vocal, xa que escoitamos unha voz máis aguda, non tan grave. Que dirías ti que achega este ton, máis próximo á túa voz natural, ao proxecto?

Juan: «Dálle máis forza ás cancións, máis frescura e naturalidade pero, sobre todo, estes novos tons danme a min máis seguridade á hora de cantar. De entrada, porque me recoñezo máis e tamén porque estou máis cómodo, xa que é un ton máis próximo á miña voz natural como ti ben comentas; cantar máis abaixo resúltame difícil e antinatural e, sinceramente, non me gusta.

Hai grupos coa voz moi impostada e non me resultan cribles, non me gusta, un ten que cantar coa voz que ten e non coa que lle gustaría ter... é a miña opinión».

 

O primeiro que escoitabamos de Salto al vacío foi “A veces pienso en ti”, por que escoller esta peza en concreto como adianto?

Juan: «Bueno, parecíame unha boa canción de presentación e ademais é a que enlaza un pouco o pasado con esta nova etapa, á miña é a que máis me lembra a Maldito Murphy.

Creo sinceramente que é unha boa canción, gústame moito como empeza con esas dúas primeiras frases: “he mentido alguna vez mas de la cuenta, he olvidado el camino hasta tu puerta”... gústanme moito».

 

 

Compuxeches unha presa de cancións especificamente para este proxecto, pero só seis pasaron a formar parte do disco. Como foi o proceso de selección?

Juan: «Escribín quince cancións; podería facer un disco de dez temas pero, a verdade, para o primeiro disco parecíame demasiado. Quería algo máis conciso e agora todo é dun consumo tan inmediato que, de dez, a xente escoita cinco (se as escoita).

Así, o disco é moi fácil de escoitar enteiro —penso que en total dura vinte e tres minutos— e ese formato de seis cancións gústame moito».

 

Podería caer neste saco “Sin rumbo conocido”, un tema que incluíches cando publicaches “El final” —o sinxelo que precedía a saída do disco— pero que non pasou o corte final. Por que non incluílo no disco pero si lanzalo como “cara B”?

Juan: «Si, esa canción é unha desas quince pero, como che dicía, quería que o disco tivese seis, así que tiña que escoller. O proceso de selección polo que me preguntabas antes foi escoller as que máis me gustaban, non houbo outra premisa».

 

 

Como comentabamos, todas as letras son da túa autoría agás “Tu marioneta”, para a que botaches man de Óscar Álvarez. Por que el? Como rematou por desenvolverse esta colaboración inesperada?

Juan: «Levaba meses coa letra desa canción e tiña unha estrofa e o retrouso escritos, pero non me saía máis, cada vez estaba máis atrancado. Ao final tomei a decisión de pedirlle axuda ao meu amigo Óscar, que xa me escribira algunha letra nunha época anterior a Maldito Murphy, e sempre me gustou como escribe; ten unha facilidade innata para escribir.

Chameino, comenteillo, envieille a canción co que tiña e deille unhas pautas para situalo e soubese do que estaba a falar no que eu escribira. Ao día seguinte tróuxome a letra, retocamos un par de cousas... e xa; así de fácil faio, marabíllame esa facilidade».

 

 

Aínda que os títulos poidan soar nostálxicos, as letras veñen envoltas nunha especie de... esperanza, quizais? Que, ou quen, as inspirou?

Juan: «Si, non sei, sinceramente gústame deixar a interpretación á xente que as escoite; a cada persoa suxeriralle unha cousa, así que é mellor deixar a libre interpretación. Pero bueno, si, as letras falan de amor, desamor, de fuxir...

“A paso cambiado” fala claramente de cando decido facer o disco despois de atoparme co parón de Maldito Murphy e todo iso; “Tu marioneta” fala de adiccións... En fin, hai un pouco de todo».

 

 

Somos conscientes de que aínda é cedo, pero non podemos evitar preguntar: agora, co disco na man logo de tantos meses de traballo, pagou a pena «saltar al vacío»? Que podemos agardar de Juan Castro nun futuro non moi afastado?

Juan: «Si, si, pagou moito a pena; velo en plataformas ou ter o CD na man e pensar que o fixen eu só éncheme de orgullo.

Paréceme incrible ser capaz de facer eu todo isto... Cando falo do disco en entrevistas como esta é cando me dou de conta, ás veces esquézome que o fixen eu todo, o deseño gráfico tamén.

Nun futuro próximo a miña intención é presentalo ao vivo».

 

Cando, e onde, poderemos desfrutar de Salto al vacío ao vivo? De que xeito tes pensado subir o disco ao escenario?

Juan: «Pois mira, isto é unha primicia porque aínda non o anunciei, pero vou subirme ao escenario por primeira vez eu só o 16 de novembro en A Casa de Arriba, en Vigo.

Será un concerto en acústico, eu só coa miña guitarra; quero seguir enfrontándome a facer isto só, así que decidín que este primeiro concerto sexa así. Farei uns cuantos así neste formato, a verdade é que me apetece moito. Máis adiante xa se verá, pero de momento será así».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Juan: «Non sei, hai varios, pero se tivese que escoller quedaríame con The War on Drugs, o disco A Deeper Understanding (2017) é o meu disco de cabeceira; paréceme boísimo, é do 2017 pero sígoo escoitando moito. Vinos ao vivo e non o esquecerei xamais».

 

E galego?

Juan: «Pois artista galego, non teño dúbidas, Eladio Santos, que vén de sacar tamén o seu primeiro disco en solitario. E o seu grupo, Eladio y Los Seres Queridos, tamén por suposto; paréceme o tipo con máis talento de por aquí. Ademais, teño a sorte de ter unha certa amizade con el e de compartir escenario varias veces, un luxo!».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Juan: «Pois mira, vou ser sincero, é unha mestura de todo un pouco. O London Calling de The Clash, A Deeper Understanding de The War on Drugs que che comentaba, o último disco de estudo de Mikel Erentxun, que se chama Setembro e é un disco incrible producido por Víctor Cabezuelo (Rufus T. Firefly) e Daniel Ruiz (Reme); un discazo de arriba abaixo. E agora que van volver Oasis empecei a escoitalos de volta, é outro dos meus grupos favoritos; teño toda a súa discografía dobrada en vinilo e en CD. Ah! E tamén estou a escoitar unha lista variada dos 80».

 

  noticias