• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

DIEGO FLÂNEUR & ÜNDER: «TODA A NOSA MÚSICA TEN IMPLÍCITA A NOSTALXIA»

DIEGO FLÂNEUR & ÜNDER: «TODA A NOSA MÚSICA TEN IMPLÍCITA A NOSTALXIA»
14 OUTUBRO 2024

Partindo do rap e derivados, e entremesturando outros xéneros como a electrónica ou a música tradicional, Diego Flâneur & ünder son un dúo lucense que trata construír un imaxinario onde falar sobre temáticas variadas, entre as que atopamos a nostalxia, o costumismo, o amor ou a cotiandade da cidade. O dúo leva pouco máis de catro anos en escena —debutaron en plena pandemia—pero vista a súa discografía, estivéronos espremendo ao máximo.

O EP Tu manera de verlo (2024) é o máis recente de ünder, mentres Simbiosis marca o adianto do vindeiro traballo de Diego Flâneur. Xuntos ou en solitario, en colaboración con outros compañeiros e amigos... Diego e Ander están decididos a seguir creando un universo sonoro marcado pola nostalxia.

 

 

Foto © Carmen Grandío

 

Detrás de DiegoFlâneur&ünder atopamos a Diego Gallego e Ander López, como xorde o de crear o dúo xuntos?

Diego Gallego, Ander López: «Coñecémonos desde hai 7 anos, cando coincidimos no instituto e desde esas somos moi bos amigos. Compartimos uns gustos musicais moi similares e o mesmo grupo de amigos. De xeito natural comezamos a escribir e facer música, pero foi na época do confinamento cando mercamos un micro co fin de pasar o tempo e pasalo ben, sen máis pretensións.

Aos poucos fomos creando unha proposta máis clara e pulida, dando os nosos primeiros concertos e traballando todo máis».

 

O xogo fonolóxico entre Ander e /ˈʌn.dɚ/ (under) collémolo á primeira, pero o flâneur de Diego non é tan transparente, xa que o termo fai referencia a alguén que deambula pola cidade contemplándoa activamente, escrutándoa, «botanizando o asfalto» que diría Walter Benjamin. Por que escoller estes dous pseudónimos?

Diego: «No meu caso, á hora de buscar un pseudónimo que casase dalgún xeito co concepto que quero transmitir e co imaxinario no que me quero mover, atopei este termo francés. Considero que eu tamén observo e que tamén deambulo pola cidade. Logo está a idea de desfrutar o camiño, confiar nel e observalo; considero ao flâneur unha metáfora tamén diso. Coa miña música trato de contar a vida e as miñas vivencias desde o punto de vista dese flâneur».

Ander: «O meu caso non é tan interesante. En lugar de Ander pensei en “under”, xa que en inglés soa máis ou menos igual, e despois lle metín a diéreses para decorar, a verdade. Isto fai que ás veces me chamen “ander” e outras “under” pronunciando a /u/... Pero bueno, poden elixir a que prefiran, válenme todas».

 

Foto © Anxo González

 

Que experiencia musical previa tiñan Diego Gallego e Ander López antes de se converter en Diego Flâneur e ünder?

Diego, Ander: «Como dixemos antes, comezamos a rapear no instituto e co paso do tempo fomos desenvolvéndonos ata o que somos agora. Experiencia musical previa ou estudos musicais como tal, non temos».

 

 

Do rap e hip-hop ata a música electrónica ou alternativa, a vosa música podería caer baixo calquera destas etiquetas; pero etiquetas á parte, como definiría Diego Flâneur o son de ünder?

Diego: «Para min o son de Ander é moi persoal, moi propio e moi versátil. Ander adáptase a calquera ritmo ou estilo cunha facilidade que me fascina desde sempre, sen perder nunca a súa esencia propia. Moitas veces non é tanto o que dis senón como o dis, e neste caso penso que ocorre algo disto. Tamén admiro a súa orixinalidade para atopar e crear melodías e escribir sobre elas».

 

E como o describiría ünder o de Diego Flâneur?

Ander: «Penso que a principal virtude de Diego é o seu xeito de escribir. En moitas das súas cancións a música case ocupa un segundo plano, mentres que a letra acostuma ser o principal. Ten unha gran habilidade para facelo de xeito natural, transmitindo a mensaxe que quere, sempre dende unha perspectiva persoal e, para min, moi elaborada e complicada de facer».

 

 

Canto ás vosas influencias, a quen considerades como referente? Quen diriades que tivo un particular impacto no voso xeito de entender a música?

Diego: «No meu caso, teño un gran referente en Erik Urano, un artista de Valladolid co que me identifico polo seu xeito de entender a música; polos conceptos que trata, por como os trata e pola súa forma de encriptar a cotiandade. Por outro lado, cando descubrín a obra de Claudio Montana hai anos, penso que tamén fun moi influenciado directa ou indirectamente, como no caso de Erik Urano, polo seu xeito de codificar o que pasa na cidade. Aínda que estas dúas de xeito máis directo, penso que todo inflúe á hora de crear; desde as letras dun disco de Héctor Lavoe ata unha escena de cine quinqui, pasando pola discografía de Ana Kiro ou as fotos que hai enmarcadas no salón dos teus avós».

Ander: «Eu cando era máis pequeno si que é certo que escoitaba, sobre todo, rap en español e algo en inglés, pero conforme fun medrando foime atraendo máis a música un pouco máis melódica ou máis cantada, por dicilo dalgún xeito. Penso que non teño nomes nin xéneros concretos como referentes, senón que ao escoitar un pouco de todo pódenme gustar dende cancións de Conchita ata Travis Scott, ou algo así».

 

 

 

 

O primeiro que escoitabamos de vós era La ciudad que te mira (2021), un longo asinado por Diego que fala sobre como é medrar e vivir en Lugo e do que ünder foi produtor. Diciamos que o flâneur miraba analiticamente a cidade. O título dálle a volta ao concepto: agora é a cidade a que te mira... Como nace a idea deste álbum?

Diego: «Este álbum nace no ano da pandemia, onde para sobrevivir “emocionalmente” sentía que había que romantizar a realidade, aínda que esa realidade fose distópica.

Durante ese ano fun mostrando máis interese polo que acontecía na cidade e por esa idea de valorar a cotiandade e a vida lenta. Tamén quería facer algo que se sentise moi propio e que evocase un sentido de pertenza grande ao sitio do que somos, xa que, penso que daquelas non había moitas cousas similares.

Agora pasaron xa 3 anos e aquel era o noso primeiro traballo, polo que, ademais do referente aos aspectos técnicos, hai moitas cousas do seu contido que nos chían, pero supoño que é algo normal».

 

 

Ao longo dos case 25 minutos que dura o LP o rap é claramente protagonista, pero tamén escoitamos algunhas tímidas incursións na música tradicional galega (e que volveremos atopar máis adiante). O de mesturar tradición e vangarda, musicalmente falando, é algo que cada vez está máis en alza. Por que credes que se está a dar esta práctica? Cal é a vosa opinión respecto a esta tendencia?

Diego: «Penso que se debe a iso do sentido de pertenza. A música tradicional e o folclore en calquera dos seus ámbitos, non só no musical, fainos sentir que pertencemos a algo. A súa propia renovación fai que se manteña vivo e non se estanque; penso que sentimos esa necesidade de que continúe con vida.

Ademais, sempre é máis doado que a tradición chegue á xente nova cando se se lle achega certa vangarda e certos ingredientes que a fagan máis accesible para todos e todas. Para min, cantos menos límites e menos etiquetas teña a música, mellor; canto máis complicado teñas describila, mellor».

 

As letras describen tanto a vosa cidade como situacións cotiás coas que calquera pode sentirse facilmente identificado, unha temática que, a priori, non é tan propia do rap, comunmente asociado a temas máis reivindicativos. Como enfrontaches esa aparente contradición entre lirismo e hip-hop? É rap poético?

Diego: «Penso que o rap non é reivindicativo simplemente por falar de certos temas como a política ou a crítica social de xeito explícito. Partindo de que todo nesta vida é política, para min é reivindicativo cando se fai desde a posición de cronista do que sucede. Creo que hai un tema antigo de Nico Miseria que di algo así como “esto no es crítica social, es crónica social”. Penso que aí está o reivindicativo do rap e da súa orixe nas festas dos barrios de Nova York.

Por outra parte, con todas as fusións de xéneros, temáticas ou sons, penso que todo vai cambiando e actualmente no rap tamén se fala doutros temas ou desde outras perspectivas, moitas veces marcadas por un aspecto máis emocional e, dalgún xeito, máis poético que na súa orixe. Malia isto, e tendo en conta que na miña música existe moito dese liricismo que dis, penso que o rap non pode deixar nunca de lado o seu aspecto social e a clase á que pertence».

 

Foto © María Morado

 

Atopámonos no disco co teu xeito característico de rapear, que ás veces mesmo se sitúa nos límites do spoken word. Esta maneira de facer rap ten tamén que ver co lirismo do que falabamos?

Diego: «Pois non sei, a verdade. Rapeo do xeito que me sae e como sei, sen ningunha pretensión. Tamén intento deixarme guiar pola música e polas enerxías que transmite ou polo que sinto nese momento. Si que penso que sigo unha liña moi clara e recoñecible cando teño que rapear desde o punto de vista máis puro, pero creo que a miña voz e o xeito de dicir as cousas poden variar dependendo da canción e de todo.

Tamén me gusta bastante experimentar con efectos, co propio autotune ou con diferentes xeitos de poñer a voz».

 

É curiosa a quinta pista, “Paraguas de cuadros”, onde a letra parte da de “Ojalá”, canción orixinal de Silvio Rodríguez, e a voz é a de Andrea Polo. Por que escoller esta canción do mestre cubano, que fala do primeiro amor, en concreto?

Diego: «“Ojalá” é un dos temas que máis sonaba no meu coche cando era neno e, xunto a “El reparador de sueños”, un dos meus favoritos de Silvio Rodríguez.

Andrea Polo é unha moi boa amiga nosa que canta xenial, pero non fai música habitualmente. Queriamos que participara no disco e ocorréuseme a idea de que interpretara este tema. Aínda que non fora algo tan pensado, penso que o propio álbum ten moito dese “primeiro amor” e penso que encaixou ben dentro da tracklist».

 

 

Da produción de La ciudad que te mira encargouse ünder, a quen ademais escoitamos en “La puerta de mi portal”, que case é a antesala do que virá despois con DOCE & QUENTE. Ander, como lembras este traballo xuntos, tendo en conta que estiveches tanto diante como detrás do micrófono?

Ander: «Foi un dos primeiros traballos que fixemos, polo que penso que aínda non tiñamos tantos coñecementos, sobre todo a nivel técnico, como agora. Eu ocupeime da parte da mestura das cancións, xa que desde aquelas xa me chamaba a atención todo ese proceso, e tamén me animei a cantar nunha delas; foi aí cando comecei a probar.

Foi un proceso divertido, aínda que como dixen, un pouco novato en relación aos medios dos que dispoñiamos e á experiencia».

 

 

 

 

Teriamos que agardar un par de anos para escoitarvos de novo en DOCE & QUENTE  (2023), o primeiro EP asinado por ambos que amosaba un maior peso de sintes e autotune, afastándose un pouco do rap para aproximarse máis ao pop electrónico urbano actual, mesmo a xéneros como o reguetón. Como describiriades a evolución deste son?

Ander: «Con este EP queriamos facer algo que axudase a que o directo fose máis melódico, animado e festeiro. Fixemos todo nun verán no que experimentamos e xogamos con distintos sons. Quizais eu adoito tirar máis por este tipo de sons á hora de facer música, polo que tamén animei a Diego a facelo neste caso. Ao mellor hai que facer unha segunda parte para o seguinte verán...».

 

O single adianto foi “Feria de Nadela”, unha combinación de ritmos latinos con samples e unha letra composta como oda á Feira de Nadela (Lugo), que saía case 50 años despois de que Fuxan os Ventos publicase a súa “Foliada de Nadela”. Que nos poderiades contar sobre como naceu este tema e todo o que o rodea? Porque sabemos que mesmo subistes ao escenario da carballeira a cantalo!

Diego: «Os meus avós son dunha aldea da mesma parroquia que Nadela. Un día poñéndonos a experimentar sobre eses ritmos latinos xurdiu meter o nome do pobo nunha frase. A partir de aí seguimos a escribir, tratando de contar unha historia ficticia dun amor durante esta feira.

Eu ía de pequeno á feira con meus avós e pareceume moi bonito e, sobre todo, importante o feito de falar e poñer en valor a típica feira tradicional galega. Esta en concreto é unha feira de entroido, na que a xente compra e vende produtos locais, hai música, polbo, etc. É unha das poucas feiras que mantén a súa esencia desde hai tantos anos.

Este ano volveu logo duns anos de parón pola pandemia, a comisión de festas descubriu a canción e nos chamaron para ir a interpretala alí diante de todos os veciños antes do pregón. Foi un momento precioso porque tamén estaban as nosas familias e é un sitio moi curioso no que expoñer a nosa música diante dun público pouco habitual».

 

 

 

 

A portada do sinxelo é unha foto en branco e negro cunha nota por enriba que reza «Para ti Pepe ¿recuerdas este día? Fue la despedida [...] San Cristóbal». Cal é a historia que agocha a foto e a dedicatoria? Por que escollelas para ilustrar o single?

Diego, Ander: «A verdade é que esa foto e esa xente teñen unha gran historia detrás. Na portada sae xente bailando nunha festa nunha casa do Corgo. Dous dos que bailan estaban exiliados a causa da ditadura franquista. Un deles era o chofer da Pasionaria e co estalido da guerra tivo que emigrar a Chile. A súa muller traballou cosendo traxes para o exército ata que tivo os cartos para viaxar e volverse reunir co seu marido. Nos 80, cando puideron volver 40 anos despois, fixeron varias visitas á súa familia no Corgo. A foto foi tomada durante unha delas nunha comida familiar en San Cristóbal, un dos barrios do Corgo. Mandárona desde Chile con esa dedicatoria que se pode ler na portada.

Cando chegamos a ela pareceunos inmellorable xa que, aínda que loxicamente non se coñeza a historia, a propia foto transmite o que para nós transmitía a canción».

 

Ao longo deste 2024 fostes sacando unha serie de referencias, ás veces en solitario, outras como dúo, con colaboracións... esta, digamos, calendarización nos lanzamentos, ten algún tipo unha estratexia de márketing detrás, é casual, ides publicando conforme rematades os temas...?

Diego, Ander: «Non hai moita estratexia detrás. Si que é certo que Simbiosis (2024), por exemplo, que foi un single, levaba feita desde abril de 2023 e saíu máis dun ano despois. Neste caso, queriamos ter máis desenvolto o álbum para lanzala como adianto do mesmo.

Tu manera de verlo (2024), por outra parte, saíu cando todo o traballo estaba feito, sen pensar en datas ou márketing de ningún tipo.

O tema das colaboracións vai xurdindo e adaptámonos aos tempos da xente coa que o facemos. Por exemplo, “uh! cha!é un adianto do próximo de LANASA polo que os tempos leváronnos eles».

 

 

 

 

Xa que falamos de “uh! cha!” xunto a LANASA, Nihil Armstrong e Dani Darko, como xurdiu este featuring en concreto?

Diego, Ander: «Con Dani e Joel, os que integran LANASA, levámonos moi ben e entendémonos. Somos xente de Lugo facendo cousas similares e iso supoño que une. Eles levan rapeando toda a vida e nós escoitándoos toda a vida. Quizais os primeiros concertos aos que fomos de rap foron os seus e, ao ser da mesma xeración e sentilo preto, a súa música lévanos marcando desde sempre.

Xa tiñamos un tema todos xuntos que ao final non saíra, pero eles fixeron a primeira idea de “uh! cha!”e ao final saíu adiante para o seu novo traballo. Aínda faremos máis cousas seguro».

 

E máis, en xeral, como adoitan xurdir este tipo de colaboracións?

Diego, Ander: «Pois de momento todo o que colaboramos con xente xurdiu de xeito orgánico, con xente do noso círculo dentro da música e cos nosos amigos».

 

 

 

Tu manera de verlo (2024) é a última referencia de ünder en solitario; un EP de seis cortes que chegaba o pasado verán logo de meses de traballo. Como se desenvolveu este traballo?

Ander: «O ano pasado comecei a producir algunhas instrumentais. Moitas delas non as utilicei para nada, pero outras, a medida que as ía facendo tamén lles ía creando a letra.

Ao principio non tiña pensado facer un EP, pero aos poucos fun avanzando e rematando cancións cunha sonoridade máis ou menos parecida, pero de estilos diferentes, polo que decidín xuntalas nese traballo».

 

 

Este disco é un bo exemplo de DIY, xa que te encargaches de todos os procesos relacionados directamente co disco, mesmo do deseño gráfico! Por que facelo así?

Ander: «Eu estudei Comunicación Audiovisual, polo que todos os procesos relacionados tanto co audio como coa parte visual gústanme moito. Neste caso, como era un traballo que comecei a facer eu só desde o comezo coa parte musical, tamén decidín ir probando ideas para posibles portadas, lyric-video, etc. e, finalmente, conseguín rematalo deste xeito».

 

Foto © María Morado

 

Falando de procesos, como é o voso proceso creativo? De que xeito traballades os temas e como cambia de facelo a dúo a facelo en solitario?

Diego, Ander: «Normalmente, algún dos dous comeza facendo unha parte pola súa conta, xa sexa un retrouso ou algún cacho solto e compartímonolo. Se nos gusta aos dous, a partir de aí xa nos xuntamos e imos elaborando máis a idea e a letra. Ás veces, cada un fai a súa parte e outras facémolas de xeito conxunto.

Cando son cancións en solitario, si que é certo que, sobre todo, o proceso de facer a letra é un pouco máis persoal. Aínda así, hai veces que utilizamos frases ou melodías do outro para cancións propias».

 

Sobre unha base de electrónica, con acentos latinos en “Todo lo que me sana”, escoitamos letras sensibles, que evocan nostalxia e anhelo. Que, ou quen, as inspirou?

Diego, Ander: «Moitas veces escribimos desde esas sensacións e penso que toda a nosa música ten implícita a nostalxia, de moitas maneiras diferentes, pero case sempre está aí.

Como dixemos antes, calquera cousa inspira, ben sexa para facer música como para comportarte na vida en xeral. Xusto nese tema non recordamos cal foi a fonte de inspiración directa, xa que moitas veces tamén narramos historias ficticias; ás veces hai que facer música máis lixeira e simplemente desfrutar ese proceso».

 

 

Agás “Clases de estilo”, composta en galego, o resto dos temas están en castelán. Que fai que escollas un idioma ou outro? E para ti, Diego? Porque tamén escoitámoste en ambas linguas!

Ander: «No meu caso, nunca fago as letras antes de escoitar a [parte] instrumental, polo que unha vez que a escoito vou creando posibles ideas, melodías, etc. para, despois, desenvolvelas máis.

Ás veces, durante este proceso, sáenme frases en castelán e outras en galego, quizais dependo da música ou do estilo da canción, pero non é algo premeditado.

Diego: «Pásame un pouco como a Ander, non escollo a lingua por algo concreto, pero tamén penso que ás veces certas cousas soan mellor nunha lingua que na outra. Eu vou escribindo ideas nas notas do móbil cando se me van ocorrendo, pero a maior parte do proceso fágoo co micro diante e experimentando. O tema de empregar unha lingua ou outra non ten moito máis fondo».

 

 

 

O máis recente en solitario que escoitamos de Diego é ʻSimbiosisʼ, un sinxelo que semella unha volta ás túas orixes co teu característico rap e que, ademais, marca o primeiro adianto do que será “Nebra Pecha”. Que podes adiantarnos deste novo traballo?

Diego: «Levo coa idea do álbum e traballando nel dende abril de 2023, polo que xa teño ganas de ver como queda todo. O álbum contará con 10 pistas e espero que poida saír a finais deste 2024. Hai varias colaboracións con xente guay e estamos a traballar para que teña unha identidade e un concepto claro.

O título do álbum vén dun verso de Uxío Novoneyra, no que fala de Lugo como a “pecha cidade da nebra pecha”. No álbum, como no seu libro Gran Lugo de nebra (2010), fálase do moito que pesa aquí o ceo, de todas as portas que se pechan e de como é esta realidade tan fría».

 

 

Como lucenses que sodes (e mesmo con experiencia en subirvos ao escenario do San Froilán, entre outros!), na vosa opinión, como vedes a escena local de Lugo?

Diego, Ander: «Agora parece que se están a facer cousas. Desde hai dous anos hai unha festa, A Troula, que está a facer moito por crear e arraigar unha escena en Lugo, traendo artistas consolidados e apostando polos que somos de aquí.

Aínda queda moitísimo por medrar e achegar, pero penso que en Lugo hai un tecido cultural (non só no propio rap) que se debería valorar e apoiar máis, pero aínda non se fai. Quizais unha das cousas que falten sexa saber saír fóra».

 

Foto © Antonio Rico

  

E, xa metidos en escena, cando, e onde, poderemos volver desfrutar da vosa música ao vivo?

Diego, Ander: «O 30 de novembro cantamos en Lugo na Sala Tebras, no aniversario da Troula».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Diego, Ander: «Xa o dixemos antes, pero repetimos LANASA. Son os nosos colegas, pero obxectivamente a súa proposta é moi boa. Ademais, agora xusto están a punto de sacar un traballo longo moi moi top.

Despois, da escena galega máis coñecida, destacariamos a Grande Amore ou a Ataque Escampe, sobre todo pola súa forma de escribir e de transmitir. Mólanos moito tamén O Portughés (Los Buenos) ou Kid Mount».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Diego: «O meu Spotify é algo cadro. Os artistas que me saen agora mesmo en máis escoitados nestas últimas semanas son Baiuca, GlorySixVain, Ismael Rivera, Marko Italia, LA ÉLITE ou Burial, ou sexa, que xa ves... Escoito diversos xéneros pero o que máis desfruto desde sempre é o rap e todo o referente a el».

Ander: «Actualmente, o que máis escoito é o que se coñece como “urbano” aínda que non me guste chamalo así, sobre todo en castelán ou galego, pero non me pecho a nada.

Moitas veces chámanme a atención aqueles artistas cun son bastante particular ou innovador como poderían ser Rusowsky, Judeline, Enry-K... entre moitos outros».

 

 

izq noticias