• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

DIEGO MAR: «A DÉCADA DOS OITENTA TEN UN AURA MOI ESPECIAL»

DIEGO MAR: «A DÉCADA DOS OITENTA TEN UN AURA MOI ESPECIAL»
18 OUTUBRO 2024

Apaixonado dos ritmos, sons e, sobre todo, da aura que desprende a década dos oitenta, Diego Malvar aventúrase cunha nova aposta en solitario, despois de presentar Biko como «proxecto lanzadeira, de experimentación». O músico e compositor vigués presenta Diego Mar, como resultado de experimentar con sons sintetizados ata crear un synth pop en castelán, con influencias do pop español e americano.

Salto al vacío (2024) é o seu primeiro disco baixo este heterónimo, un traballo no que o artista «salta» de cabeza á electrónica e ao ambient, expandindo o seu horizonte sonoro, explorando a súa voz e redescubrindo a súa paixón pola música.

 

 

Foto © Anna Maruleva (@annamar_photo)

 

Diego, coñecémoste como parte de Principia, dúo vigués de pop-rock no que os sintetizadores foron cobrando cada vez máis importancia, pero agora preséntaste en solitario. Como nace Diego Mar como proxecto?

Diego Malvar: «Hai moito tempo que tiña esta idea na cabeza, pero non me atrevía a dar o paso; por un lado polas letras e por outro pola voz. Son dous factores que tiven que ir moldeando pouco a pouco ata que sentín que era o momento de facelo».

 

Aínda así, este non é o teu primeiro proxecto só, xa que tamén estás detrás de Biko, no que desatabas a túa paixón polos sintes dos 80 no EP Ardora (2023). Que diferencias destacarías entre Diego Mar e Biko?

Diego: «A idea de Biko foi concibida para non levar voz, quería que fose un proxecto no que principalmente destacasen os ritmos e sons dos anos oitenta. Foi un proxecto lanzadeira, de experimentación».

 

 

Agora mesmo, é Diego Mar un punto e á parte ou un punto seguido respecto a estoutros dous proxectos?

Diego: «Si, Diego Mar é un punto e seguido. É un proxecto no que levo moito tempo traballando, non só musicalmente, senón tamén internamente como persoa. Agora mesmo síntome moi cómodo, quiteime unha venda, por así dicilo, ao presentar o primeiro traballo. Xa estou traballando no seguinte».

 

Tes unha ampla experiencia como guitarrista e compositor en bandas de pop rock e hard rock melódico, xéneros que se afastan do estilo tanto deste proxecto como de Biko. Como definirías o son de Diego Mar?

Diego: «Gústame moito experimentar con sons, explorar novos camiños (sempre dentro da miña forma de compoñer). Penso que Diego Mar ten moita base do que levo feito ata agora, e volverei a iso, porque a miña paixón realmente é o AOR dos anos 80».

 

 

Foto © Anna Maruleva (@annamar_photo)

 

Xa que comentamos o de formar parte de bandas —e, engadimos agora, por bastantes anos— como é pasar de traballar en equipo, co seu consecuente reparto de tarefas (de habelo), pero, sobre todo, intercambio de ideas... a facelo en solitario?

Diego: «A verdade é que é moi diferente, ten as súas vantaxes e desvantaxes. É unha loita constante cun mesmo, altos e baixos á hora de decidir que cousas facer e cales non. Por sorte, neste caso, conto sempre coa axuda do meu amigo Carlos Gil, con quen levo traballando moitos anos, e é un gran apoio.

Pero si, é un reto bastante grande no que pos a proba moitos factores, non só musicais, senón tamén persoais».

 

 

Na entrevista con Principia dicías que «os sintetizadores convertéronse en algo moi importante na nosa música», tan importante que, agora, son o teu, digamos, principal instrumento. De que se compón o teu set up actual?

Diego: «Sen lugar a dúbidas son moi importantes, pero non son o meu principal instrumento, o principal segue a ser a guitarra. De feito, moitas das cancións do disco están compostas con guitarra acústica.

O meu set up agora mesmo está composto por guitarra eléctrica e acústica, baixo, un teclado co que controlo os sintetizadores e un set de batería. Tanto para os sintetizadores como para as baterías, teño varios softwares que utilizo para compoñelos».

 

E sendo esencialmente guitarrista, cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa electrónica? Como chegaches a ela?

Diego: «Sempre me chamou a atención, máis que a electrónica en si, os sons sintetizados da época; esas atmosferas son únicas.

Lembro de pequeno con meu pai, poñer vinilos na casa de Pink Floyd, A-ha, Genesis, etc., e máis tarde, cando afondei no mundo do hard rock e rock melódico, xa coñecín bandas que en gran parte, a base das súas cancións eran sintetizadores; iso atrapoume por completo. Bandas como Firehouse, Whitesnake, Journey, Bad English, etc. son bandas que me marcaron moito».

 

O teu synthpop trasládanos ás pistas de baile dos oitenta e, aínda que se nos poden vir varios nomes á cabeza, a quen sinalarías ti como referentes?

Diego: «Calquera grupo dos que nomeei antes é un referente para min. Deles quédome coas atmosferas e, sobre todo, coas melodías. Doulle bastante importancia a isto último, xa que para min unha boa melodía é a maior parte da canción».

 

 

Ao fío, que ten esta década, musicalmente ou non, que esperte tanto o teu interese?

Diego: «Esperta en min algo que outros estilos non fan. Síntome moi identificado con esa época en particular. Penso que foi unha época de ouro en canto a bandas e composicións, compuxéronse moi boas cancións. Ten unha aura moi especial».

 

 

 

Salto al vacío (2024) é o primeiro álbum asinado baixo este heterónimo, un longo que saía a finais do mes de setembro. Cal é a idea detrás deste «salto» discográfico?

Diego: «A idea deste salto discográfico é que quería facer un álbum totalmente meu. Sobre todo, quería poñer a proba a miña capacidade de escribir letras e quedar contento co resultado á hora de pechalas.

Foi un proceso complicado, porque me parece unha das cousas máis difíciles á hora de compoñer. Escribir as letras das cancións non é nada sinxelo».

 

 

O título, e mesmo algún dos temas como “Sin mirar atrás”, semellan un claro convite a arriscarse... é así como o concibiches?

Diego: «Sen dúbida, boa parte do disco está orientado a esa idea. A idea de loitar polo que queres e non quedarte estancado. Facer cousas que che gustan moito e que, ás veces, por medo ou por outras circunstancias, non acabas de dar o paso».

 

Da decena de temas que recolle o LP, “Mágico e hipnótico” foi o escollido como primeiro sinxelo adianto. Por que esta peza para presentar non só o disco, senón esta nova aventura?

Diego: «É unha peza que para min reflicte moi ben o concepto do disco e o que queriamos amosar nel. A atmosfera e a estrutura que me capturou dende o principio. É unha das miñas cancións favoritas do álbum. Ademais, ese cambio de ritmo no medio da canción, no que remata, acompañado do exquisito solo que engadiu Juan Manuel Cao. É unha canción que ten todos os ingredientes».

 

 

A principal diferencia entre o teu outro proxecto en solitario e este é que neste inclúes letra e voz, como foi explorar a túa faceta como cantante desta volta?

Diego: «Realmente foi unha tarefa complicada. Levaba tempo pensando niso, e estiven ensaiando moito a miña voz na casa. Finalmente atopei unha profesora de canto, que foi a que me axudou durante todo o proceso.

Respecto á voz, aquí é onde máis dúbidas tiven durante a composición do disco. Foi unha loita interna bastante intensa, pero quedei moi contento co resultado».

 

 

Foto © Anna Maruleva (@annamar_photo)

 

As cancións respiran desamor, nostalxia, esperanza... hai algún nexo en común entre elas?

Diego: «Si, hai unha ligazón entre eles. Quería reflectir a vida cotiá das persoas, ser o máis humana posible. Despois de todo, son situacións e sentimentos que vivimos con moita frecuencia».

 

Á hora de escribir, que, ou quen, foi a fonte da túa inspiración fronte o papel (ou o teclado)?

Diego: «Houbo moitas fontes de inspiración. “Eternos”, por exemplo, está dedicado á miña curmá, que nos criamos xuntos; “Unido a ti”, á miña filla; “Sin mirar atrás” é o proceso de separación duns amigos; “Verano infinito” trata sobre o pobo onde me criei e é unha homenaxe aos meus avós.

Hai moitas fontes de inspiración e moitas experiencias persoais».

 

 

Como naceron os temas de Salto al vacío? Como adoitas construír as cancións?

Diego: «As cancións do disco naceron entre Vigo e Madrid. Unha idea pódeche vir en calquera momento, de feito, ás veces síntome un pouco tolo baixando pola rúa e gravando as ideas que se me ocorren, pero se non o fas nese momento pérdense [risos]. Moitas cancións do disco naceron así.

Normalmente, a miña forma de compoñer é crear primeiro a harmonía e unha vez que a teño pechada, comezo a crear a letra. O último paso é facer unha última comprobación para ver que todo está no seu lugar».

 

Foto © Anna Maruleva (@annamar_photo)

 

Metidos no proceso de creación, dirías que cambia compoñer pezas instrumentais a compoñer música e letra? De ser así, de que xeito?

Diego: «Eu diría que cambia un pouco. Hai cancións do disco que naceron para ser instrumentais e ás que finalmente acabei engadindo letras, e non é o mesmo. Cando xa tes a idea definida na cabeza de que unha canción vai ter texto, creas a estrutura doutro xeito».

 

Carlos Gil foi o encargado da gravación, mestura e masterización do disco, como foi a experiencia de traballar con el?

Diego: «Levo moitos anos traballando con el, practicamente desde 2009. Entendémonos moi ben, penso que os dous aprendemos moito co inicio de cada proxecto. Carlos ten moito gusto e moitos recursos, e como dixen antes, é un grande apoio para min. É un fenómeno».

 

 

Tes pensado levar Salto al vacío aos escenarios? Como serán os directos de Diego Mar?

Diego: «Levo bastante tempo pensando nisto, pero aínda non decidín nada.

Gustaríame levalo ao directo dalgún xeito; o máis accesible sería en formato acústico, xa que estando só non sería capaz de levar toda a montaxe que compón as cancións. Pero bueno, quen sabe, quizais intente xuntar xente para tocar e así poder presentar o proxecto como se merece».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Diego: «Sempre teño os meus dous favoritos: Maryland e ISIUS. Son dúas bandas que teñen grandes cancións e un estilo moi definido, ademais de ser grandes persoas».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Diego: «Agora mesmo teño unha lista, que comparto cuns amigos, da AOR dos oitenta como non podía ser doutro xeito [risos]. Grupos como, Eclipse, TOTO, The Midnight, Ollie Wride, Journey, Care of Night, Firehouse etc...».

 

 

  noticias