• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

EVENTO FINAL DE SONEMERXENTE 2024. A ACELERADORA MUSICAL DA XUNTA DE GALICIA E A FUNDACIÓN PAIDEIA

EVENTO FINAL DE SONEMERXENTE 2024. A ACELERADORA MUSICAL DA XUNTA DE GALICIA E A FUNDACIÓN PAIDEIA
22 OUTUBRO 2024

Os doce proxectos «graduados» que formaron parte da segunda promoción de SONEMERXENTE realizarán mañá, mércores 23, un acto de peche aberto ao público a partir das 19:00 h no Salón Teatro (Rúa Nova 34, Santiago de Compostela). O evento final da aceleradora de proyectos musicais estará moderado por Lúa Mosquetera e Anxela Baltar (BALA) e contará cun showcase de De Ninghures, grupo do novo folk galego que, ademais, foi parte do alumnado da anterior edición.

A entrada é libre ata completar capacidade; pero antes hai que confirmar a asistencia enchendo o formulario que se pode atopar aquí.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e a Fundación Paideia Galiza puxeron en marcha a aceleradora de proxectos musicais SONEMERXENTE co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de 12 proxectos musicais galegos. Concibido como un programa integral de aceleración musical, SONEMERXENTE incluíu consultoría e mentorización en diferentes áreas tanto da creación como do negocio musical dende a produción musical e a gravación ou a posta en escena ata o deseño dun plan estratéxico de lanzamento ou dun plan de negocio. Nunha segunda fase os proxectos participan en diferentes circuítos de concertos, festivais, residencias artísticas... 

Estes foron os 12 participantes da edición 2024 de SONEMERXENTE:

  

ABRIL

Perfil en galiciantunes

Proxecto de música folk fresco e contemporáneo formado por Claudia Abril e Marina Carpente. Con voz, percusións tradicionais como a pandeireta ou o pandeiro e o violín folk levan a escena un coidadísimo repertorio que contribúe á posta en valor da música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade.

 

 

AMOEBO

Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes

Son a reconstrución da verbena galega, unha proposta de música urbana que bebe de ritmos latinos e pop dos anos oitenta. Amoebo son festa e diversión sen andrómenas, bailes desmedidos e moito humor, con temas que tocan o costumismo galego, o amor, o sexo e o día a día da xuventude galega. A súa síntese de sons evoca o pasado ao ritmo de funk pop, cumbia, bachata ou merengue, estilos que o artista combina con elementos máis actuais, como o autotune e os drums agresivos.

 

 

CANDELA LISTE

Artista coruñesa con ampla experiencia como compositora, instrumentista e cantante; primeiro como guitarrista de Prexton, logo liderando a súa banda de rock dos setenta Crimson and Clover e, agora, como solista. Cunha pasión inquebrantable pola música e a arte, as súas cancións conectan a nostalxia polo pasado da música coa frescura do presente e, alén de etiquetas, xogan coa fusión de diferentes estilos, creando melodías que deixan pegada na alma de quen as escoitan.

 

 

CATUXA SALOM

Perfil en galiciantunes

Artista galega de raíces arxentinas e unha das voces máis potentes da escena folk electrónica do momento. No seu debut discográfico experimenta coa música tradicional galega, os ritmos latinos e as bases electrónicas, acadando así unha sonoridade que nos conecta co noso lado máis salvaxe. De Aimogasta ás montañas de Lugo, Catuxa Salom constrúe un relato cargado de simbolismo onde a natureza e o movemento están en primeiro plano. O seu directo magnético e vibrante prométenos ritmos de baile.

 

 

ERIS MACKENZIE

Proxecto en solitario de Carlos Eirís quen, autodidacta e curioso ata o extremo apoiándose dun piano e un ordenador, converteu a produción musical no seu lugar feliz, onde experimenta e se expresa con total liberdade. Cunha vida chea de clarescuros, este artista, compositor e produtor asina composicións intimistas e costumistas envoltas nunha combinación de melodías eclécticas.

 

 

FILLOAS

Perfil en galiciantunes

Artista de pop urbano en galego que ofrece unha música coa que non pararás de bailar e moverte. O seu estilo baséase na autenticidade das súas letras, que se mesturan con ritmos clásicos como o punk con outros máis modernos como o hyperpop ou o trap. A música do Filloas é un reflexo da súa vida e das súas experiencias abordando os seus sentimentos máis profundos, pero buscando sacar un sorriso (considérase basicamente un meme) e intentando transmitir unha mensaxe positiva.

 

 

FRENCH RIVIERA

Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes

David Fermoselle, músico, compositor e produtor gallego, está detrás de French Riviera; sinónimo dos 80, do retro, da época dourada das películas de acción, as luces de neon e as pistas de baile. Logo de publicar dous singles, Venusberg e Dancing, French Riviera lanza o seu álbum Weekend in Montecarlo (2021), que segue o ronsel dos oitenta, pero lle engade toques modernos coa intención de presentalo en todos os escenarios posibles.

 

 

FUTURO ALCALDE

Futuro Alcalde é o álter ego que utiliza Fernando Sanmartín no seu proxecto musical, un rapaz de Santiago de Compostela ao que lle gusta xogar con música sen medo a nada. O seu estilo caracterízase por mesturar sons punk con caixas de ritmos, aínda que a guitarra eléctrica é un instrumento incuestionable nas súas cancións, dando como resultado un son con moita actitude e presenza. Os seus temas están cargados de rabia con melodías atractivas e sentimentos cos que é doado empatizar. En marzo de 2023 publicó Bailando en Paraíso, un EP composto por cinco cancións que deixan entrever a aposta máis desafiante do cantante.

 

 

HABLÓ PABLO

Habló Pablo é un MC e letrista galego que, logo dunha paréntese de sete anos, rexorde de forma totalmente independiente, presentando un proxecto innovador que combina o rap coa poesía slam. As ganas de renacer foron tantas que, desde abril de 2022 a outubro de 2023, publica 13 sinxelos e 8 videoclips, acumulando preto de 90.000 visualizacións. Un dos seus traballos máis recentes foi a canción “Forza Dépor”, un himno para o club da cidade herculina que, xunto con Berto, transforma nun cántico para todos os seareiros blanquiazuis.

 

 

JAVIER LAGO

Cantante e compositor pop, Javier Lago (Vigo, 1996) criouse entre cancións de autor e a música de finais dos 90 e principios dos 2000, o que rematou por influír nas súas composicións, onde a melodía vocal se presenta como total protagonista e a música se move entre sons clásicos e actuais. Lago comezou a definir o seu camiño como cantautor desde moi pequeno, estudando violín no conservatorio e creando coa guitarra e teclado na casa. Logo de liderar o grupo Australia, co que gañou o #SonidosMans 2016, arríscase agora en solitario lanzando varios sinxelos ata a publicación do seu álbum debut, Perdón por las molestias a finais de xaneiro deste 2024.

 

 

MARIÁN

Perfil en galiciantunes

Bebendo de sons afroamericanos, do soul e do gospel, Marián debutó en 2020 con “Born to Shine”, un sinxelo que, daquela, era toda unha declaración de intencións; a cantante coruñesa deixaba unha carreira profesional no mundo da publicidade para perseguir o seu soño musical. Catro anos máis tarde, Marián está a piques de presentar o seu primeiro disco, un longo conceptual repleto de mesturas e fusións estilísticas, linguas e mensaxes catárticas que convidarán ao oínte a experimentar unha viaxe interior para conectar coa súa parte máis salvaxe e xenuína, e do que xa leva catro singles adianto, o último "Alas" saído o 14 de outubro.

 

 

VERTER GZ

Perfil en galiciantunes

Festa, bo rollo, enxeño e humor: todo isto é o que combinan Kete e Miguel para crear un espectáculo que non deixa indiferente a ninguén. Verter GZ é un proxecto onde todo é posible, desde planificar funerais a ritmo de perreo ata aprender polaco bailando polca. O seu álbum, Perfecta Espiral de Ideas Absurdas (2023), transmite perfectamente a esencia de Verter: dous colegas que queren pasalo ben facendo música e desfrutando. Nin sequera eles son capaces de definir o seu estilo, que se resume nun «facemos o que nos dá a gana».

 

 

  noticias