• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2025

NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2025
1 FEBREIRO 2025

Xabral, RUXE RUXE

Os de Aríns pechaban xaneiro cunha celebración por partida... triple: o lanzamento do seu novo traballo discográfico, Xabral (2025), e un dobrete Casa das Crechas. RUXE RUXE presenta este décimo cuarto longo e fano rodeado da súa xente, entendendo o rock desde a militancia do pub —como o entenderon desde os seus inicios— igual que as bandas clásicas ás que sempre admiraron. Gravado en Garate Studios, o LP entrega pub rock, rock do país e actitude punk e cosmopolita desde Xabral (Aríns), a localidade onde todo acontece; «onde nacen as raíces, xermolan os soles e comezan os soños».

 

 

 

 

Nebra Pecha, Diego Flâneur

Logo de máis dun ano de traballo, Diego Flâneur lanza o seu novo disco en solitario, Nebra Pecha (2025), e, con el, volve un pouco a ese rap dos seus comezos. Composto por unha decena de pistas, o último do artista lucense conta con varias colaboracións (ünder, LANASA, Marvin L, Iker) e produtores. Deste traballo, do que xa escoitaramos un par de adiantos, “Simbiosis” e “Vaho”, antes do seu lanzamento, Diego xa falaba na súa entrevista como #GrupoDaSemana: «O título do álbum vén dun verso de Uxío Novoneyra, no que fala de Lugo como a “pecha cidade da nebra pecha”. No álbum, como no seu libro Gran Lugo de nebra (2010), fálase do moito que pesa aquí o ceo, de todas as portas que se pechan e de como é esta realidade tan fría».

 

 

 

 

 

The Rave Show, elsis

Seis meses despois de lanzar o seu traballo máis recente, The Freak Show EP (2024), elsis volve á carga cun EP recompilatorio. The Rave Show (2025) é o primeiro EP de remixes do artista e produtor galego onde, un traballo no que revisita a maior parte dos seus temas máis un inédito, ‘Oh Father Mad Show’. Seis cortes, media hora de rave para poñer a bailar a todo aquel freak que se arrisque a darlle ao play.

 

 

 

 

Lovismo, A banda da Loba

Logo dun ano afastadas dos escenarios, e despois de varios adiantos, A banda da Loba lanzaba o seu novo disco, quinto xa da súa discografía, o venres pasado. Lovismo (Seispés Producións Creativas, 2025) son 11 cancións co amor como fío condutor común; o amor en todas as súas expresións, desde o desexo á maternidade, pasando pola sororidade ata «o amor a nós mesmas, fundamental para desde aí, querer ben». Gravado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios, o LP presenta un amplo rango de estilos, entre os que destacan o pop, a bachata ou a música disco, que amosan unha vez máis a versatilidade do quinteto feminino. En Lovismo, o oínte terá a oportunidade de escoitar temas como ‘Amigas’, unha homenaxe á amizade feminina; ‘Un pelouro que roda’, que rebela a inesperada conexión entre Rosalía de Castro e Bob Dylan; ‘A bachata da gata’, unha aproximación ao xénero dominicano... o ‘Lova’, canto á transformación a través do amor que fixo de sinxelo presentación.

 

 

 

 

Danzas de amor y veneno, Sila Lua

O día que lanzou o derradeiro sinxelo adianto, ‘Plan B’, Sila Lúa anunciaba tamén a data de saía do seu novo álbum, segundo na súa discografía, e desde o pasado 17 de xaneiro podemos desfrutar de Danzas de amor y veneno (Altafonte, 2025) nas principais plataformas dixitais. Composto por unha decena de cortes, este traballo é tan eclético como compacto, máis brillante e persoal que o anterior, no que segue a explorar as súas inseguridades e soños escuros desde unha perspectiva máis lixeira e aspiracional. A mestura dunha sólida base electrónica cun espírito pop baña letras intimistas que dan forma a un traballo luminoso, «e quizais menos ‘serio’ que o anterior». Proba diso é este ‘Plan B’ no que, bailando ao ritmo dun baixo infeccioso, Sila Lua fala dos clarescuros que a atravesan e que a fixeron sufrir nos derradeiros dous ou tres anos, «desde que me lancei ao baleiro de intentar converter a miña paixón na miña profesión».

 

 

 

 

 

Ao revés do mundo, Deleiba

Logo de varios anos de traballo xunto ao produtor Iago Pico, Deleiba rexorde cun álbum cheo de distorsión, acordes frescos e letras punzantes. Os de Muros veñen de lanzar Ao revés do mundo (2025), un álbum de punk rock melódico, fresco e elaborado, composto de dez cancións críticas, íntimas e de amor; un conxunto cohesionado de temas que, aínda así, amosa a variedade de facetas que o grupo ten para ofrecer. Co obxectivo de facer algo xenuíno e tecer redes ao seu redor, Deleiba entrega un traballo no que seguen a apostar polos instrumentos ao vivo e a temática social, facendo un percorrido polos conflitos bélicos (‘Convidados a morrer’), a crítica político-social (‘Caerán, Sere-bros destruidos’) ou a responsabilidade afectiva (‘O mundo ao revés’); se esquecerse do amor pola terra e a xente en ‘Da mesma suor’ e ‘A Coruña’. Ademais de nas principais plataformas dixitais, Ao revés do mundo está tamén dispoñible en CD, nunha coidada edición didigipack limitada a 150 copias.

 

 

 

 

 

Neighbourhood, Roi & Falconetics

Falconetics son letras que pronto se transforman en rimas, dous veteranos do rap que modelan sons para facelos ritmos e crear así un ente sonoro que baila entre o rap noventeiro e o hip-hop experimental. Para seu lanzamento máis recente, Neighbourhood (2025), o dúo une forzas con Roi, recoñecido artista da escena local polos seus sets de DJ, rítmicos e coidados, que van desde o deep house a un poderoso techno. As catro pistas do EP poñen en evidencia a mestría que teñen es tres profesionais en engarzar, e equilibrar, música electrónica con ritmos urbanos.

 

 

 

 

 

Un grito de amor, BELISH

BELISH descubría ao completo o seu primeiro traballo discográfico logo dun ano descubríndoo aos poucos. Un grito de amor (2025) nace como un reto persoal, un desafío que Enric Pellicer, o DJ e produtor detrás de BELISH, asumiu co único obxectivo de aprender e intentar crear unha canción de principio a fin. E non creou unha, creou un puñado delas que agora recolle nun álbum que aposta pola música electrónica cargada de sentimentos. A súa «revolución electro-emocional» transportará ao oínte a lembranzas felices e tristes grazas a combinación de sons envolventes, ritmos diferentes e letras sinceras.

 

 

 

 

 

Todos los animales son iguales, Amoeba Split

Gravado ao vivo no Jazz Filloa (A Coruña) e editado exclusivamente en vinilo, Amoeba Split despedía 2024 cun traballo que, nas súas palabras, «é unha auténtica rareza dentro da nosa discografía». E é que Todos los animales son iguales (2025) é unha adaptación de Rebelión en la granja (George Orwell, 1945) a modo de improvisación guiada. Cunha duración que sobrepasa os 45 minutos, que a banda recolle en tan só tres cortes, o disco está dispoñible nunha edición limitada especial numerada de 100 copias.

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!

 

 

  noticias