• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

ALEJO AMOEDO: «O PIANO É UNHA EXTENSIÓN DA MIÑA ALMA»

ALEJO AMOEDO: «O PIANO É UNHA EXTENSIÓN DA MIÑA ALMA»
15 DECEMBRO 2025

Alejo Amoedo é unha figura clave da música galega contemporánea, cunha traxectoria que combina interpretación, investigación e divulgación do patrimonio musical. Pianista nado en Redondela, formouse nos conservatorios de Pontevedra e Vigo e especializouse posteriormente en acompañamento vocal en Madrid, desenvolvendo unha sólida carreira como intérprete e repertorista, O seu labor vai máis alá do escenario: Amoedo é tamén investigador, implicado activamente na recuperación e posta en valor do repertorio galego, colaborando con fundacións, arquivos e proxectos de investigación centrados na música histórica e contemporánea de Galicia.

 

Foto © Diego Lago

 

Alejo, con máis de media vida detrás do piano, cal foi, e como lembras o teu primeiro contacto coa música?

Alejo Amoedo: «Eu medrei nun ambiente onde a música era unha parte importante da vida cotiá, co meu avó e o meu pai como músicos e modelos de referencia.

Esta conexión familiar forxou un imaxinario musical inicial moi rico, marcado pola diversidade das formacións culturais da miña contorna. As bandas de música, as corais, os grupos de baile e os gaiteiros formaron parte da miña educación sonora, xunto coa sonoridade das rondallas e a enerxía das orquestras de baile. Estas agrupacións, xunto ao impacto dos programas de radio e televisión, non foron só a banda sonora da miña nenez, senón que actuaron como unha escola, inculcándome o valor da disciplina e a paixón pola interpretación colectiva».

 

O piano é a túa ferramenta principal como intérprete, pero tamén unha peza clave no teu labor de investigación. Foi sempre este o teu instrumento de preferencia? Como o definirías como instrumento?

Alejo: «Si, sempre foi o meu instrumento de preferencia. Coñezo ben outros instrumentos, pola miña faceta de repertorista, pero non toco ningún outro. O piano require unha dedicación case exclusiva, fundamentalmente debido ao inxente volume de repertorio confiado a el a través das distintas épocas da historia da música desde o seu nacemento alá polo século XVIII.

Indubidablemente definiría ao instrumento como versátil. A súa ampla extensión, capacidade dinámica e riqueza de harmónicos convertérono no núcleo fundamental dos diversos xéneros, tanto para a interpretación solista como para o acompañamento e a composición. Esa versatilidade asegurouno como un dos instrumentos máis importantes da cultura occidental.

Para min, ademais de todo o dito anteriormente, é unha extensión da miña alma».

 

 

A túa formación académica vai desde as carreiras de piano e música de cámara nos conservatorios de Vigo e Pontevedra ata cursos máis especializados en diferentes países baixo a batuta de mestres como Walter Boeykens, Vera Mamleew, Eric Hoeprich, Scott Hartman ou Alan Baer, entre moitos outros. De que xeito dirías que estas experiencias xunto a eles moldearon a túa identidade artística?

Alejo: «Tocar e acompañar os cursos impartidos por músicos de diferentes países, como os da listaxe que me indicas, non só me expuxo a unha ampla gama de estilos e técnicas instrumentais, senón que me mergullou en distintas perspectivas. Sen lugar a dúbidas, esta rica interacción deixou unha pegada na miña identidade artística, influíndo de maneira decisiva non só na miña execución técnica do instrumento, senón tamén na miña forma de entender, interpretar e sentir a música».

 

Se falamos de artistas ou mestres que marcaron a túa evolución, quen dirías que foron as figuras que máis influíron na túa carreira como intérprete?

Alejo: «A miña aprendizaxe instrumental estivo influída por un elenco de mestres vitais que me transmitiron a paixón e o rigor na fidelidade ás distintas partituras, tanto históricas como contemporáneas.

Esta traxectoria comezou co meu pai, Alejo, e Amador Pérez Zabaleta en linguaxe musical; continuou con José Luis Pastoriza e Jesús Fernández Yepes no piano ata o grao profesional; consolidouse no superior con Josefa Estarque; e culminou coa especialización en acompañamento vocal baixo a tutela do lendario pianista Miguel Zanetti. A esta formación académica sumouse a influencia constante da escoita dunha extensa discografía, dende o vinilo ata o dixital, e o enriquecemento profesional froito da interacción con compositores, cantantes, instrumentistas e directores.

En definitiva, esta conxunción de influencias académicas, sonoras e colaborativas reflicte a miña firme crenza en que a formación dun instrumentista debe ser poliédrica».

 

Ingreso na Real Academia Galega das Belas Artes. Foto © Beatriz

 

Desa formación académica da que falabamos destacas o impacto que tivo o Máster de Literatura Dramática, Música e Artes Escénicas da Universidade de Vigo. Que significou para ti e para a túa carreira como músico?

Alejo: «O máster, que realicei no 2013, supuxo un xiro crucial na miña traxectoria, xa que marcou un cambio de enfoque profesional cara ao mundo da investigación, proporcionándome un rigor metodolóxico necesario para planificar proxectos, realizar unha análise de datos sistemática e tomar decisións, superando a simple experiencia ou intuición.

Grazas á excelente dedicación e ao trato agarimoso do profesorado —nomeadamente Manuel Ángel Candelas, Carmen Luna, Jorge Soto e, dun xeito moi especial, Javier Jurado— obtiven o alento decisivo para acadar o doutoramento en 2019. Esta meta tivo lugar na Universitat Politècnica de València, onde defendín a miña tese titulada O piano na obra de Reveriano Soutullo Otero (1880-1932). O traballo foi recoñecido coa máxima distinción, un sobresaínte cum laude, e estivo baixo a dirección dos doutores Javier Jurado e Pilar Ramos, e a titoría da doutora Teresa Cháfer.

A partir desa data, a miña carreira experimentou un impulso decisivo. O cambio non só supuxo un aumento na cantidade e complexidade dos proxectos, senón tamén unha mellora cualitativa que redefiniu o meu papel na profesión. Esta evolución tivo un impacto positivo en todas as facetas do meu traballo diario».

 

 

Como intérprete tes estreado obras dunha morea de compositores galegos contemporáneos Juan Durán, Margarita Viso, María Mendoza… Que particularidades dirías que presenta estrear este tipo de obras inéditas? Hai un traballo directo cos compositores?

Alejo: «A particularidade substancial radica en que, cando o compositor é histórico, os intérpretes buscamos a comprensión a través da investigación e da tradición. En canto á colaboración entre compositores e intérpretes, esta consiste nun diálogo artístico no que os compositores conciben a obra e expresan as súas intencións na partitura, mentres os intérpretes lle damos vida, achegando o noso punto de vista, técnica e criterios expresivos propios.

Cando colaboramos directamente, podemos aclarar matices e axustar a composición para obter o resultado final desexado. A creación musical complétase coa dualidade do compositor, que concibe, e do intérprete, que executa o son. Sempre me atraeu a maxia desta forma de traballar, que me proporciona unha forte conexión cos seus creadores».

 

 

 

Antoloxía de Compositores Galegos. Clarinete e Piano (Ouvirmos, 2011), xunto ao clarinetista Asterio Leiva,reúne a práctica totalidade da música composta por autores galegos para dúo de clarinete e piano. Que fixo que escolleses esta combinación de instrumentos? Que fai destacar esa dupla fronte a outras formacións camerísticas?

Alejo: «Este proxecto xorde da profunda amizade que me une ao clarinetista Asterio Leiva que foi quen me propuxo facer un recompilatorio para esta formación, con música de compositores galegos. Por outra banda, a colaboración entre o clarinete e o piano xera unha textura sonora de notable riqueza e versatilidade na música de cámara.

O clarinete, co seu rexistro dinámico, a súa capacidade para o legato, e a súa axilidade, achega timbres que varían desde o cálido e velado ata o claro e penetrante. En contraste, o piano, co seu ataque percusivo e as súas harmonías, funciona non só como un soporte harmónico, senón que participa nun diálogo contrapuntístico».

 

 

Este (triplo) disco inclúe obras de compositores galegos de épocas pasadas pero tamén contemporáneos. Hai dez pezas gravadas por primeira vez e tres composicións exclusivas a cargo de Eligio Vila, Margarita Viso e Juan Eiras. Como abordastes a selección das pezas deste recompilatorio?

Alejo: «Este proxecto reuniu a práctica totalidade da música de cámara para clarinete e piano composta por autores galegos ao longo dos séculos XX e XXI, abarcando todas as correntes estéticas e mostrando gran diversidade formal e estilística.

O proceso de selección das pezas implicou a localización e recuperación de partituras non editadas (contactando con compositores e investigadores), o seu estudo, a súa estrea e, finalmente, a gravación. Tras tres anos de traballo, o resultado foi máis de 160 minutos de música, incluíndo a primeira gravación de dez obras e a estrea absoluta de tres composicións exclusivas, encargadas directamente para o proxecto.

Quixera subliñar que a colaboración entre os compositores e nós, como intérpretes, resultou clave e sumamente frutífera. Grazas a este traballo, a miña admiración pola capacidade e o bo facer do meu compañeiro, Asterio, incrementouse aínda máis, se cabe. El foi unha fonte de inestimable aprendizaxe durante todo o proceso».

 

 

Os compositores galegos a cabalo entre os séculos XIX e XX centran boa parte da túa faceta como investigador. De feito, o «protagonista» da túa tese de doutoramento foi Reveriano Soutullo, un compositor clave desa época, máis concretamente a súa obra para piano, descoñecida ata a ese momento. Por que el?

Alejo: «Nun principio, as motivacións son emocionais, xa que a figura de Soutullo me retrotrae á miña infancia. O meu avó, Cesáreo, e o meu pai Alejo, formaban parte das bandas de música de Cabeiro e Redondela. Os dous tiñan o compositor como referente musical e transmitíronme esa afección.

Sabía que Soutullo ocupaba un lugar destacado na historia do teatro lírico e bandístico pero, con todo, o seu repertorio co piano pasara desapercibido. Como consecuencia, propúxenme realizar a investigación sobre este repertorio co obxectivo de proporcionar a intérpretes e estudosos un documento de consulta do mesmo, que presenta unhas características en consonancia co que estaba a acontecer nos salóns europeos».

 

Foto © Diego Lago

 

Como foi o proceso de investigación? Que aspectos da súa música para piano che pareceron particularmente representativos do seu estilo e como conectan coa música daquela época en xeral e a galega en particular?

Alejo: «O proceso, unha vez seleccionado o tema, comeza coa formulación de preguntas, no meu caso unha delas foi: ten obras para piano só o compositor Reveriano Soutullo?.

Despois, fixen unha revisión bibliográfica e recompilei datos (partituras, entrevistas, etc.). Por último, analicei os achados e elaborei o traballo final coas conclusións. Isto, no prazo de dedicación de cinco anos, compaxinado co meu traballo de repertorista no Conservatorio Superior de Música de Vigo. A composición pianística de Soutullo estivo condicionada polo seu destino a espazos sociais (salóns, cafés ou salas de esparexemento). Este contexto motivou o emprego das formas máis habituais e demandadas neles —denominadas xenericamente “música de salón”—, como valses, mazurcas, polcas, xotas, melodías galegas, tangos ou os máis recentes foxtrots, entre outros.

Nas súas obras para piano destinadas a este repertorio, observei un proceder compositivo similar: textura de melodía acompañada sobre pezas de pequeno formato. Isto confírelle a este corpus unhas características propias, que o distinguen das súas grandes obras máis coñecidas, onde, pola contra, utiliza texturas polifónicas e recursos imitativos sobre obras de maior extensión. En particular, Galicia non estaba allea á moda deste repertorio, pero si comezábase a demandar un repertorio que estivese inspirado na esencia do folclore galego, representada polo compositor nas obras para piano solo: “Veira d’o mar”, “Primadeira” e o pasodobre “Puenteareas”, cuxas pezas teñen versión, por parte do autor, para banda de música».

 

 

 

Ese traballo de investigación no que se descubriron máis de 40 pezas inéditas da faceta máis descoñecida de Soutullo, célebre, sobre todo, polas súas zarzuelas, converteuse no disco Evocación. Reveriano Soutullo (Dos Acordes, 2016). Como foi o proceso de selección das vinte pezas que o compoñen?

Alejo: «O primeiro condicionante que tiven en conta ao facer a selección do repertorio foi a limitación establecida pola duración máxima dun CD, que anda polos 74 minutos, o seguinte foi gravar as que estaban relacionadas directamente coa miña tese, ao ser todas obxecto de revisións e edicións en documentos en forma de partitura. De feito o título “Evocación” foi escollido por ser unha das 20 pezas que conformaron a selección. Pretendín con iso evocar ao compositor, así como ás danzas, ritmos e bailes do pasado».

 

 

Hai algunha peza en particular que che resultase especialmente significativa ou dun singular interese?

Alejo: «O meu interese reside en cada peza, sempre que esta poida ser debidamente contextualizada. Só entón revela o seu verdadeiro valor, non só como peza illada, senón como testemuño da nosa historia. Neste eido, sinto unha ilusión constante. O último achado non é un punto final, senón a porta de entrada a un novo e estimulante proceso.

Con el comeza o traballo máis profundo: a investigación rigorosa, o estudo interpretativo e a necesaria maduración das ideas para comprender o seu significado. E a perseveranza é fundamental. Levo moitos anos inmerso na procura de pezas específicas relacionadas con Soutullo, unha tarefa que, a pesar da súa dificultade e de non ter dado aínda os froitos desexados, non me fai desistir. Manteño a esperanza e a determinación, consciente de que a recompensa non é só a partitura, senón a propia traxectoria da procura».

 

Imaxinamos que para un investigador ten que ser un momento cunha gran carga emocional descubrir unha nova partitura do noso patrimonio musical, e lela e interpretala por primeira vez. Como tamén supoñemos que a ten o momento da súa gravación ou de tocala en público despois de tanto tempo «muda». É así, tan intenso como semella?

Alejo: «Acabas de definir perfectamente o proceso ata chegar ao escenario, pasando pola gravación. Nótase que es artista e que nalgún momento experimentaches esa carga emocional. Efectivamente, é así de intenso e segue a selo cada vez que interpreto un repertorio patrimonial.

Tamén hai unha enorme carga no repertorio que interpreto de compositores actuais, xa que son consciente de estar a darlle vida a algo que naceu na imaxinación dun creador e que son responsable de transmitilo aos oíntes, imbuído da miña perspectiva interpretativa».

 

Foto © X. Rañó

 

Cantos que veñen de lonxe (Eme, 2014) e Cantos á natureza (Fervenzas, 2018) xiran arredor de poemas de Neira Vilas. O primeiro, con música de Xervasio Vázquez e a voz de Cesáreo Torres; o segundo, coas voces de Susana de Lorenzo e, de novo, Cesáreo Torres, e composicións de Juan Durán, Margarita Viso, María Mendoza, Xabier Comesanha e Paulino Pereiro. Como xurdiron ambos os dous proxectos?

Alejo: «Os dous proxectos xurdiron da amizade do tenor cruceño Cesáreo Torres co grande escritor Xosé Neira Vilas.

No libro-CD Cantos que veñen de lonxe, recuperáronse unha ducia de poemas musicados polo tenor celanovés Xervasio Vázquez, estreados en Montevideo en 1960. A publicación contou con debuxos do mindoniense Xosé Vizoso.

O segundo proxecto artístico foi o libro-CD Cantos á Natureza. Esta obra constitúe un testemuño único, xa que alberga unha colección de poemas inéditos de temática naturista, escritos ex profeso polo ilustre autor Xosé Neira Vilas. A parte musical foi desenvolvida por un equipo de compositores destacados: Juan Durán, Xabier Comesanha, María Mendoza, Paulino Pereiro e Margarita Viso, quen musicaron os textos de Neira Vilas. A interpretación contou co tenor Cesáreo Torres, a soprano Susana de Lorenzo, e eu mesmo ao piano. Ademais, a dimensión visual da obra completouse coas ilustracións de Irene Silva.

É importante subliñar a profunda unión e intercambio de ideas artísticas transversais que caracterizou este traballo, creando un diálogo perfecto entre o escritor, os compositores, os intérpretes e a ilustradora. Tristemente, Xosé Neira Vilas, quen manifestara unha grande ilusión polo proxecto, finou xusto antes de que a obra fose publicada, impedíndolle escoitar o resultado final da colaboración».

 

 

 

Saudades d’alborada. Baladas e zarzuelas galegas (Dos Acordes, 2021), xunto á soprano Loli Crespo fai un percorrido pola achega dos compositores galegos a estes dous xéneros, con pezas que van da época do romanticismo (Juan Montes) á actual (María Mendoza), e entre as que non falta algunha de Reveriano Soutullo. Así de entrada a zarzuela non é un xénero que un asociaría á música galega, non? Que destacarías das pezas que compoñen o disco?

Alejo: «Así como a ópera histórica en Galicia tivo escasa produción, non sucede o mesmo coa zarzuela. Segundo o investigador Javier Jurado, delas atopamos un número representativo de obras, tanto en castelán (baixo o nome de «zarzuela de costumbres gallegas») como en galego (ou «zarzuela galega»). Polo tanto, a “zarzuela galega” é un xénero en total consonancia co noso, non só no musical —incluíndo pezas do folclore—, senón tamén no vestiario e nos decorados, acorde coa súa temática galega. Hai que lembrar que o seu auxe coincidiu co nacemento das Irmandades da Fala (1916), que tiñan como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia.

Do disco destacaría o elenco de compositores e a diversidade estilística da balada galega. Atópanse os históricos: Montes, Chané, Soutullo, Gaos e Baldomir; pasando polos menos coñecidos como Pilar Castillo, Rodulfo, Barja e Vide, así como o catalán Mompou e a ovetense María Mendoza. Deste proxecto destacaría o desfrute no proceso de selección, interpretación e gravación, xunto á soprano e amiga Loli Crespo».

 

 

 

En (di)Versos Femeninos (RDC, 2022) interpretas coa mezzosoprano Nuria Lorenzo obras do compositor vigués Juan Durán sobre poemas escritos por mulleres, e que tivo a súa estrea durante o IKFEM en 2022 coa presenza do compositor no escenario. Como lembras o proceso de creación deste álbum?

Alejo: «Este proxecto discográfico naceu dun encontro artístico singular e espontáneo. Tras un concerto no Auditorio Municipal de Ourense, onde a mezzosoprano Nuria Lorenzo e mais eu estreamos unha obra do mestre Juan Durán, xurdiu a semente desta colaboración. Foi o propio compositor, recoñecido pola súa sensibilidade e mestría na escrita vocal, quen propuxo inmediatamente a creación dun traballo conxunto.

A partir dese momento, iniciamos un proceso de elaboración longo e frutífero, caracterizado por un intenso e constante intercambio de pareceres e propostas musicais. Este diálogo entre compositor, cantante e pianista non só deu forma ao repertorio, senón que enriqueceu a comprensión das obras, adaptándoas á medida exacta da voz e das emocións que se querían transmitir.

O resultado final é unha obra na que a sensibilidade interpretativa se fusiona coa visión creativa orixinal de Durán, ofrecendo unha experiencia de gran calidade e profundidade artística».

 

 

 

 

O teu disco máis recente, o vinilo A mansión dos anxos (2024), mergúllase na música de salón de compositores pontevedreses do XIX e XX, época de rexurdimento musical galego. Como foi a escolla dos temas e por que centralo concretamente na provincia de Pontevedra?

Alejo: «Este proxecto discográfico tivo como propósito a recuperación e difusión da “música de salón” do fin de siècle composta por autores da contorna das Rías Baixas. O seu interese radica en compensar a menor presenza de ensaios e traballos artísticos centrados nos compositores da provincia de Pontevedra fronte ao xa establecido corpus de figuras do norte de Galicia (Veiga, Chané, Montes, Baldomir, Gaos).

O programa exhibe unha linguaxe pianística diversa estruturada en dous bloques: o primeiro (Cara A) presenta pezas variadas de carácter idiomático; o segundo (Cara B) pon o foco nas formas de danza, onde a influencia popular centroeuropea é máis manifesta».

 

Precisamente no teu discurso de ingreso como de membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes en 2024 falabas de Reveriano Soutullo e da música de salón de primeiros do s. XX. Na túa opinión, que relevancia ten a música de salón dentro da historia da música clásica galega?

Alejo: «A “música de salón” de principios do século XX foi crucial para a vida social e cultural da burguesía, servindo como a banda sonora esencial dos salóns privados onde se consolidaban o status social e as súas conexións.

Centrada no piano, na voz e a guitarra, popularizáronse xéneros como o valse, mazurca, polca, marcha fúnebre, fantasía ou nocturno, facendo o estilo romántico accesible para a interpretación afeccionada nos fogares da clase media, e con iso incidíase na educación musical. Pezas curtas, elegantes e sentimentais, moitas veces executadas por músicos profesionais da contorna, transformaron o salón nun escenario de prestixio e o piano nun símbolo cultural da época. A inclusión da música galega nos salóns do XIX e principios do XX está ligada ao Rexurdimento, e consistiu na estilización do folclore alalás, muiñeiras, xotas... para o formato de piano, guitarra, voz e piano, ou pequenas formacións heteroxéneas de instrumentos.

Compositores como Marcial del Adalid, Juan Montes ou Reveriano Soutullo usaron estes ritmos galegos para crear pezas elegantes, axudando a consolidar a identidade musical galega na elite».

 

 

Por certo, que supuxo para ti ese ingreso como membro da Real Academia de Belas Artes?

Alejo: «Unha honra persoal e de realización como músico ademais dun recoñecemento profesional. No plano sentimental, a validación de toda unha vida dedicada á música o que xera un forte sentimento de pertenza a un legado histórico; tamén a satisfacción moral de saber que contribúes á preservación e promoción futura da música e músicos galegos».

 

Foto © Rodrigo Fernández

 

Entre os teus últimos traballos están a recuperación de catro pezas de Marcial del Adalid (1826-1881): “La chasse”, “Galicia, marcha triunfal para piano”, “Souvenir, berceuse” e “Le départ”. É un compositor do que xa gravaras varias melodías para piano e voz con Iria Cuevas en 2012 nun disco chamado Mélodies. Quen foi Marcial del Adalid e que aspectos espertaron o teu interese pola súa obra?

Alejo: «A miña iniciación á música de Marcial del Adalid (Coruña, 1826 – Lóngora, 1881) tivo a súa orixe na admiración polo labor de investigación da miña amiga e experta, Margarita Viso, cuxo traballo de referencia, Mélodies pour chant et piano. Cantares viejos y nuevos de Galicia, me proporcionou a conexión fundamental coa súa obra vocal e a súa significativa contribución ao panorama musical galego.

Adalid é un dos compositores galegos máis destacados do século XIX. Tivo ampla formación musical en capitais europeas como Londres e París, recibindo influencias directas do romanticismo centroeuropeo. Pertencente á alta burguesía coruñesa, a súa vida e obra combinaron o refinamento da música culta coa profunda conexión coa súa terra. Entre os aspectos máis salientables da súa traxectoria, e que espertaron o meu interese, está o seu papel como pioneiro na creación da canción galega, converténdose así nun alicerce fundamental do Rexurdimento musical. Adalid representa o primeiro intento consciente e académico de incorporar as raíces identitarias galegas á música de salón e para piano.

A súa obra é esencialmente vocal e pianística, destacando series como Cantares viejos y nuevos de Galicia —algúns dos poemas son da súa esposa, a escritora Fanny Garrido—. Segundo a doutora Laura Touriñán, nestas composicións estableceu unha sonoridade propia que hoxe identificamos co imaxinario musical galego. Neste vindeiro ano 2026, teremos a excepcional oportunidade de renderlle unha merecida e xusta homenaxe a Adalid polo 200 aniversario do seu nacemento. Unha data tan sinalada non debe pasar desapercibida, e eu asumirei o compromiso de contribuír a esa celebración».

 

 

Es director do Arquivo Sonoro de Galicia. Que importancia e que papel desenvolve este proxecto do Consello da Cultura Galega que “conecta memoria e identidade a través da música”?

Alejo: «O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un centro para o estudo, documentación e recuperación do patrimonio oral e musical galegos do cal estou moi orgulloso de formar parte. Considero que posúe unha importancia capital como salvagarda do patrimonio sonoro galego. Nel custodiamos e preservamos as voces, músicas, paisaxes sonoras e rexistros históricos que permiten coñecer o noso pasado e asegurar a identidade sonora de Galicia para as xeracións futuras. Estes documentos, máis de 50.000 rexistros, son unha fonte inesgotable e imprescindible de estudo de primeira orde para investigadores da historia, lingua e música galegas.
Finalmente, o ASG xoga un papel fundamental na conservación, liderando a dixitalización de fondos. Este proceso non só protexe materiais efémeros do risco de desaparición, senón que tamén facilita enormemente o acceso público a través de proxectos de difusión na web do ASG como Voces centenarias, Colección de lousas, Caligrafías musicais ou o Mapa Sonoro de Galicia, entre moitos outros».

 

Como investigador e desde esa posición como director do Arquivo Sonoro de Galicia, que retos ves actualmente na tarefa de recuperar e dar a coñecer a música clásica galega?

Alejo: «O primeiro reto é a recuperación patrimonial, que esixe unha importante investigación musicolóxica para localizar, reunir e catalogar fondos sonoros, partituras e manuscritos dispersos en arquivos eclesiásticos, militares, públicos e privados. Esta fase culminaría na dixitalización dos documentos e coa publicación de edicións críticas que faciliten a interpretación.

O segundo reto céntrase na difusión e interpretación. Para que esta música se converta en “música viva”, é vital promover a súa inclusión no repertorio de solistas, agrupacións de cámara e orquestras galegas para así producir gravacións profesionais. Isto é clave para garantir a súa proxección tanto a nivel nacional como internacional.

Finalmente, para asegurar a sostibilidade de todo o proceso, resulta indispensable un financiamento estable e, sobre todo, a integración educativa deste valioso legado cultural».

 

Foto © X. Rañó

 

Sabemos que outra das túas facetas é a de coleccionista. Como é esa colección que atesouras e que peza (ou pezas) destacarías dela?

Alejo: «A miña colección musical e documental, que abrangue discos de lousa, rolos de pianola, fotografías, cartas, partituras orixinais e editadas, obxectos, etc., é para min moito máis que unha simple acumulación; é unha busca apaixonada e interminable por conectar o artístico coa nosa historia. Cada elemento da colección está cargado de significado, é unha experiencia táctil e emocional inigualable que as versións dixitais non poden igualar.

Esta paixón maniféstase na emoción da localización —rastrexar unha primeira edición, unha foto autografada ou unha partitura esquecida— e na súa custodia coidadosa. É un impulso íntimo por preservar o legado, construír un arquivo persoal que reflicta a identidade musical galega, e compartir ese coñecemento. Resulta imposible seleccionar unha única peza, pero podo asegurar que sinto unha auténtica emoción cando me agasallan ou localizo algunha obra singular.

A incorporación máis recente á colección foi un agasallo: un cadro de grandes dimensións cunha litografía de Beethoven e un busto de Mozart que pertenceron ao despacho madrileño do compositor Reveriano Soutullo. Foi un obsequio do seu neto, Reveriano Soutullo Burcet».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Alejo: «Non podo limitarme a recomendar un único artista ou grupo, xa que o descubrimento do favorito que deberiamos coñecer é unha viaxe intrínseca e individual que debe estar guiada polas experiencias propias de cada un. Máis que indicar unha dirección concreta, o meu consello é un convite a abrir os sentidos e a non desaproveitar a vida sen explorar a vasta, rica e diversa música que o mundo nos ofrece da man de grandes artistas.

Hai un universo musical agardando a ser desvelado, e a maior riqueza reside en atopar aqueles músicos e agrupacións que por medio dos sons nos toquen a alma e a intelixencia de xeito único».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Alejo: «A miña procura de contido musical céntrase en plataformas como YouTube, Apple Music ou Classical Archives, pois non adoito habitualmente utilizar Spotify. Por simple curiosidade, quixen revisar se tiña algunha lista gardada en Spotify. O achado (a parte de Antoloxía de compositores galegos. Clarinete e piano, (di)Versos Femeninos e Evocación) foi “Clásica (e non tanto)” de GalicianTunes, un feito que me provocou un sorriso pola coincidencia».

 

  noticias