DONICELAS: «INTENTAMOS TRANSMITIR AO PÚBLICO O QUE NÓS DESFRUTAMOS ENRIBA DO ESCENARIO»
Trinta anos dan para moito. Dan para medrar, para cambiar, para que entren e saian persoas, para gravar discos, para subir a escenarios grandes e pequenos, para colaborar con nomes que marcan unha época. Dan tamén para formar parte desa xeración de grupos que contribuíron a devolver a música tradicional galega ás prazas, aos escenarios e á vida cotiá.
O que comezou como unha experiencia escolar no CPI Altamira de Salceda de Caselas acabou converténdose nun proxecto sólido no que a tradición oral, o traballo vocal e a percusión dialogan cunha mirada propia sobre este patrimonio musical. Ao longo destes anos participaron en gravacións de referencia como Obrigado, de Treixadura, ou Feitizo, de Na Lúa, e publicaron traballos como Que nunca foi abalada ou Donicelas, nos que a recuperación de coplas e melodías convive coa creación propia.
Agora presentan A nena do pelo loiro, un novo disco que continúa ese camiño entre tradición e presente. Falamos con Andrea Rodríguez (voz, pandeireta, cunchas e triángulo), Bea Pérez (voz, pandeiro, cunchas e tamboril), Noelia Martínez (voz, pandeireta, cunchas, triángulo, claves e bombo), Rosa González (voz, pandeiro, cunchas, tamboril e bombo), Víctor González (voz e acordeón), Xesús Díaz (voz, cunchas, whistle e gaita) e Víctor Fernández (guitarra e bouzouki) sobre o proceso creativo, a transmisión da música tradicional e o significado de seguir facendo comunidade arredor dunha copla.

Foto: Martín Rodas
Donicelas nace a comezos dos noventa no CPI Altamira de Salceda de Caselas como actividade escolar. Que tivo que pasar para que aquilo deixase de ser unha experiencia puntual e se convertese nun proxecto con máis de trinta anos de traxectoria?
Noelia: Acercábase o momento de rematar EGB e chegaba o fin da actividade, pero estabamos tan ben e tiñamos un grupo de compañeiras que gozabamos moito da actividade e propuxémonos seguir. E de aí que se convertese nun proxecto de amigas que durou ata hoxe, con compañeiras que saíron e entraron, pero aquí seguimos.
O voso nome é dos que non precisan moita explicación para quen coñece o rural galego: a donicela, ese mamífero pequeno e áxil que anda polos muros e as cortes. Pero que significado ten para vós como grupo? Por que “Donicelas”?
Bea: De pequenas eramos moi bulideiras, inquedas e gustábanos explorar o mundo da música tradicional. Cando decidimos seguir, o mestre que tiñamos (Antón López) propúxonos ese nome porque lle recordabamos a unha donicela.
Bebedes da tradición oral e do legado doutros grupos musicais, pero cun son moi propio e recoñecible. Sen etiquetas, como definiriades a vosa música? A que soa Donicelas?
Rosa: “Sen etiquetas” represéntanos moito, porque non seguimos un estilo con directrices concretas. Arranxamos temas que nos gustan e que se adaptan a nós con naturalidade, como nos sae.

Foto: Martín Rodas
Un dos trazos máis característicos do grupo é o traballo vocal e o uso da percusión tradicional. Como se constrúe unha peza dentro de Donicelas? Hai un punto de partida habitual ou cada tema pide o seu propio camiño?
Víctor Glez.: Cada tema busca o seu propio camiño. Moitas veces, partindo dunha base tradicional que xa hai, pero despois adaptámolo ao noso estilo. Cada un aporta as súas ideas e propostas.
Ao longo destes anos fóronse cruzando convosco cantareiras, agrupacións históricas e tamén formacións contemporáneas, que abriron novas vías dentro da música tradicional. Cando mirades atrás, quen sentides que deixou unha pegada máis fonda no voso son? Pesa máis a transmisión oral directa ou tamén o diálogo con outros grupos que foron marcando camiño?
Andrea: Como grupo de música, Treixadura, pero certo é que a día de hoxe estivemos en contacto con grupos de distintos estilos (Na Lúa, Eladio y Los Seres Queridos, Gravesen, Banda Cultural de Salceda de Caselas…) e si que fixemos unha recollida directa en Barro, coas pandeireteiras de Barro de Arén. En definitiva, o noso repertorio é de recollida doutra xente, propostas que escoitamos e composicións propias do noso gaiteiro, Xesús Díaz.
En 1996 participabades nas gravacións de Obrigado, de Treixadura, e de Feitizo, de Na Lúa. Como foron esas experiencias para un grupo daquela tan novo? Que supuxo compartir proxecto con agrupacións de tanta relevancia?
Noelia: Foron as primeiras veces que pisabamos un estudo de gravación e era unha mestura de nervios, ilusión e responsabilidade, xa que era unha experiencia única que nos permitiu coñecer como se facía un disco desde os inicios.
O feito de compartir proxectos con grupos de tanto renome foi moi gratificante e enriquecedor, axudándonos a medrar como grupo e a poñernos en valor dentro do panorama musical galego.

O voso primeiro disco propio, Que nunca foi abalada, chegaba en 2005, case unha década despois daquelas primeiras gravacións. Que vos levou a publicalo e que lembranzas gardades daquela primeira experiencia conxunta nun estudo?
Bea: Tiñamos unha escolma de pezas de recollida de Barro de Arén e outras que xa levabamos tempo interpretando e que nos facía especial ilusión deixar plasmadas nun disco e que todo o mundo nos puidese escoitar cando quixera.
En 2015 chegaba o segundo disco homónimo, Donicelas, con colaboracións de artistas como Uxía, Paulo Nogueira ou Julio Lorenzo. Como foi o proceso de creación do disco? Como chegaron esas voces ao voso traballo?
Rosa: O disco creouse con pezas que tiñamos no noso repertorio e que se foron adaptando para o novo disco, co traballo no estudio de gravación de Isaac Millán. As colaboracións chegaron grazas aos lazos de amizade e proximidade que nos unen a todos os participantes.
Entre un disco e outro pasaron dez anos. Mirando atrás, notades unha evolución clara entre os dous traballos? En que sentido cambiastes máis?
Víctor Glez.: A raíz do primeiro disco incorporamos ao grupo novos compoñentes que aportaron a sonoridade da gaita e o acordeón. O primeiro disco está enfocado nun estilo máis tradicional no que predominan as voces e a percusión e, no segundo, teñen máis presenza os arranxos de gaita e acordeón.

Foto: Tere Pérez
En 2017 colaborastes con Eladio y Los Seres Queridos nunha canción, “Flor da Murta”, Como xurdiu esa colaboración? Que ten ese alalá, ese canto, que é capaz de tender pontes entre o indie e o tradi?
Bea: A colaboración xurdiu grazas á amizade dun compoñente do grupo que, cando escoitou a canción do noso repertorio, gustoulle tanto que foi o punto de partida.
"Flor da Murta" é unha peza moi melódica que se pode adaptar a calquera estilo musical.
En 2012 celebrabades os vinte anos do grupo cun concerto especial con amigos. Pero ademais da festa, ese aniversario trouxo tamén unha renovación da vosa imaxe da man da deseñadora Noelia Nogueiras, que volveu traballar convosco máis recentemente nun novo vestiario. Que buscabades (e buscades) con esa colaboración?
Andrea: Queriamos darlle unha volta á nosa presenza no escenario, baseándonos no vestiario tradicional, pero diferenciándonos desa imaxe de traxe galego. Quixemos que fose un sinal de identidade.
No voso traballo aparecen músicas de distintas comarcas de Galicia, aínda que o sur de Pontevedra (Toutón, Gargamala...) está moi presente. Existe para vós unha “zona emocional”? Hai outras comarcas polas que sintades especial predilección?
Víctor Fdez.: Zona emocional non hai. De feito, ao estar preto da fronteira de Portugal, é certo que algunhas pezas poden ter algunha influencia ou ser de orixe portuguesa.
A nena do pelo loiro chega en novembro de 2025. De onde vén o material tradicional que escollestes: cancioneiros, arquivos sonoros, tradición oral directa...? Xunto a ese material herdado tamén aparecen composicións propias. Que lugar ocupa a creación dentro de Donicelas? Como nace unha peza nova nun grupo tan vencellado á tradición?
Xesús: O peso das composicións propias, en porcentaxe, podemos dicir que é baixo, pero pola crítica que recibimos (case sempre positiva ou moi positiva) estamos máis que satisfeitos. En canto á forma na que chegan ao grupo esas composicións, imaxinamos que é como a do resto dos grupos: imaxinación, creatividade, referentes e a traballar nesa nova peza!
O pasado 14 de febreiro arrincaba a vosa colaboración coa Banda Cultural de Salceda, nun concerto que describides como “o punto de partida dunha colaboración que seguro nos traerá grandes momentos”. Como nace ese proxecto conxunto e que vos ilusiona especialmente desta unión?
Noelia: Non é a primeira colaboración coa Banda, xa tiveramos unha primeira toma de contacto hai anos, con "Saliceta", unha peza dedicada ao Concello. A experiencia fora moi grata e moi ben recibida polo público, e de aí que agora xurdira facer unha colaboración centrada no repertorio de Donicelas. Pensamos que será unha colaboración moi enriquecedora e frutífera nos próximos meses.
Proxectos como este demostran que a música tradicional galega ten enerxía e ganas. Pero a profesionalización no ámbito segue a ser un tema pendente. Como o vivides vós desde dentro?
Xesús: Nós, como punto de partida, somos todos amateurs, por así dicilo. Non vivimos da música, por desgraza; pero aínda así, tomámonos os concertos, colaboracións, gravacións discográficas, etc., como se fósemos profesionais. Desde o noso humilde punto de vista, somos conscientes das dificultades que se viven nesta sociedade e vemos con certa pena que o ámbito da profesionalidade estea moi reducido a uns poucos referentes, cando hai moi bos e boas músicos e músicas que, por un motivo ou outro, non chegan a facer desta o seu xeito de vida.
Estamos a vivir un renacer das foliadas, dos seráns e dos torreiros de baile, con cada vez máis xente nova implicada. Con máis de trinta anos de traxectoria, tedes perspectiva para valorar ese cambio: está mudando a maneira de escoitar, de bailar, de transmitir a música tradicional? Notades esa transformación tamén nos vosos propios concertos?
Víctor Glez.: Grazas á influencia de novos artistas galegos que arranxan a música tradicional e/ou en galego cara a estilos máis modernos e actuais. E si, está habendo un achegamento da mocidade cara á música galega en xeral.
No fondo, a música tradicional non é só repertorio: é relación, é contexto, é encontro. Que papel xoga para vós esa dimensión comunitaria, máis alá do escenario e dos discos? Cando montades un repertorio, pensades tamén nesa interacción co público: no canto compartido, no baile, no diálogo?
Víctor Fdez.: Claro que se prepara o repertorio pensando no público, pensando en cada actuación e imaxinando como mellor podemos interactuar con eles.

Foto: Tere Pérez
Moitas das voces que hoxe escoitamos nas foliadas e nos escenarios veñen dun proceso de transmisión que durante décadas foi silencioso e doméstico, sostido maioritariamente por mulleres. Sentides que o voso traballo tamén é unha forma de continuidade dese fío? Hai conciencia de legado cando subides ao escenario?
Xesús: Sen dúbida. Sería impensable ter chegado ao punto no que estamos a día de hoxe sen ese proceso secular [de transmisión] de nais a fillos e fillas desas fermosísimas coplas e músicas das que, hoxe, temos a honra de interpretar nos escenarios, nas gravacións…
E, por suposto, somos conscientes de que nós temos que e queremos aportar ese grao de area.
Para quen aínda non asistiu a un concerto de Donicelas, como os describiriades? Que pode esperar o público cando vos ve actuar?
Rosa: Intentamos transmitir ao público o que nós desfrutamos enriba do escenario, que perciban a nosa alegría e complicidade, gozando do que facemos.

Foto: Tere Pérez
Co paso do tempo, tamén cambia a maneira de pisar o escenario. Que vos ensinou o directo nestes trinta anos? Hai algo que hoxe facedes distinto porque o aprendestes co público?
Noelia: Pasamos de estar moi tensos a desfrutar co público do que facemos.
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Andrea: Por referente, por suposto, a Treixadura. De novo, cada un de nós ten gustos e estilos moi diferentes.
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariades? 100% sinceridade, 0% Vergoña.
Xesús: Seguro que de todo un pouco: folk galego e irlandés, rock dos 70-80-90, música clásica, música comercial… Depende do ánimo e do momento.

