• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

O CAIMÁN DO RÍO TEA: «NON SABERÍAMOS CONTAR HISTORIAS SEN RETRANCA»

O Caimán do Río Tea: «Non saberíamos contar historias sen retranca»
23 MARZO 2026

O 23 de febreiro de 1991 catro rapaces debutaban na Feira Vella de Ponteareas, iniciando unha traxectoria que axiña os levaría a converterse nun dos nomes fundamentais do rock bravú. Desde aquela primeira actuación ata o fenómeno xeracional de “Estou na lavadora” —o seu gran emblema no programa da TVG Xabarín Club—, O Caimán do Río Tea definiu un son directo, sen artificios e con retranca, capaz de superar á propia banda e quedar na memoria colectiva de varias xeracións.

En 1995 publicaron “Feito na Casa”, gañaron o V Certame Galego da Canción e, como asinantes do Manifesto de Viana, participaron activamente no nacemento da Unión Bravú, un movemento clave para a música en galego. Tras unha etapa de silencio, regresaron con forza en 2014 cun disco recompilatorio e, dez anos despois, sorprenderon con “Sandsbridge’s Lonely Hearts Club Band”, un traballo conceptual dedicado á súa terra, O Condado. Agora presentan “Vou Pa Portujal” (Ferror Records, 2026), confirmando que o caimán segue moi vivo.

Xunto con Rafa Leira (voz e guitarra) repasamos os seus inicios, o impacto inesperado do éxito televisivo, os anos de parón e o regreso con enerxía renovada, mantendo intacta a esencia que os define.

 

Foto: Sombra Graphics

 

Como catro rapaces de Ponteareas deciden xuntarse para formar un grupo? Como naceu O Caimán do Río Tea? Que expectativas tiñades entón?

Rafa Leira: Coñeciámonosdo instituto, do fútbol..., e viñamos de facer un grupo punk, “Follamoscas”, unha formación totalmente anárquica que deu só un concerto e se desfixo. Sen instrumentos e aprendendo a tocar, pero con ideas un pouco tolas, eran todas cancións nosas e naceu “O Caimán”.

 

O nome co que debutabades en febreiro de 1991 sabemos que vén dun equipo de fútbol sala e que era máis longo: O Caimán do Río Tea e os Moros que Atacan a Aldea. Pero... por que escoller ese nome? E como é que acabou acurtado?

Rafa Leira: Efectivamente o nome non era noso, foi unha adopción permitida, o de reducir o nome veu porque a imprenta dixo que así non se podían facer carteis, e quitamos a segunda parte.

 

 

Máis aló de etiquetas e do bravú, do que falaremos despois, a que soa O Caimán do Río Tea?

Rafa Leira: Sempre fixemos rock en galego, houbo tempos de mesturas ou mestizaxe, pero a base é o rock. Letras con retranca e son directo, simple e sen artificios.

 

E á hora de conformar ese son, que grupos ou artistas diriades que vos influíron máis?

Rafa Leira: Cada un do grupo tiña as súas teimas, as referencias comúns ben poderían ser Siniestro Total, Os Resentidos, Os Diplomáticos de Monte Alto..., e logo, cando os descubrimos en directo, queriamos ser como os Yellow Pixoliñas.

 

O Xabarín Club emítese por primeira vez o 18 de abril de 1994 e ese mesmo ano aparece no programa “Estou na lavadora” converténdose nun dos máis sonados “xabahits”. Del falaremos agora, pero como chegou a vosa música ao mítico programa da TVG?

Rafa Leira: Fixéramos unha maqueta con vinte temas... [risos], de aí eliximos catro e démoslla a Xurxo Souto, que viñera tocar a Ponteareas cos Diplomáticos. A maxia fixo que chegase a Suso Iglesias e que gustase, “Soa a Tequila”, dicían.

 


 

“Estou na lavadora” é case un himno para toda unha xeración (ou dúas ou...), pero como se xestou ese tema? Foi xa pensado para o Xabarín Club?

Rafa Leira: Xa tiñamos a canción cando gravamos as maquetas, a historia vén dun chiste sobre unha experiencia extrasensorial, basicamente Rafa durmía ao lado dun aseo onde estaba unha lavadora. Saíamos de noite ata tarde, e no domingo cedo había lavadora na casa, ese son metíaselle na cabeza, medio durmido, medio resacoso. De aí saíu a canción.

 

O éxito de “Estou na lavadora” foi moi grande. Que impacto tivo no grupo? Pesou moito?

Rafa Leira: A televisión daquela altura tiña un impacto enorme, de repente estabamos nas merendas da xente. Fixemos concertos e gravamos un disco, gañamos concursos, foi unha eclosión que durou un par de anos. Non tiñamos moita conciencia, só queríamos tocar e divertirnos e tal como aparecemos, desaparecemos.

 

Foto: Sombra Graphics

 

1994 foi un ano intenso... En outubro reuniádesvos na taberna El Caballero de Viana (no concello de Chantada) arredor dun cocido doce grupos que acababan asinando o Manifesto de Viana, a acta fundacional do movemento bravú. Como lembrades esa reunión? Entón, como de conscientes erades de que estabades escribindo tamén un capítulo da historia da música galega?

Rafa Leira: Para nós a música era unha vía de diversión, coñecer xente e tocar o que che peta. Vivir aquilo foi un agasallo porque coñecemos xente incrible, e mantivemos moi boas amizades. Era raro falar dun “movemento” e enseguida apareceron versións bravús, antibravús e postbravús, forma parte da galeguidade, coma se fose algo normal. É estraño pensar que se puidera facer todo aquilo sen móbiles, sen industria, sen likes... Foi moi divertido.

 

Como describiriades o movemento bravú? Cales credes que foron as trazas ou as pegadas máis importantes que deixou (e aínda deixa) o movemento nos músicos que viñeron despois?

Rafa Leira: O bravú foi unha etiqueta de tres pesetas (que diría Xurxo) que xuntou a grupos que faciamos música en galego e non nos coñecíamos; permitiunos compartir moitas cousas e coñecer a moita xente, entre eles a Manu Chao, Manuel Rivas, etc. A pegada máis importante penso que foi facer que fose posible tocar en galego, editar discos e tocar por aí adiante. Iso si, como pasa con todas as xeracións posteriores e pasou con nós (con Voces Ceibes por exemplo) renegas do que fixeron os de antes. É o síndrome de matar o pai. Agora temos unha sensación estraña, pero entendemos perfectamente a Suso Vaamamonde ou Benedicto que non daban crédito cando non os poñiamos en valor. É loita xeracional.

 

 

 

Cun título ben bravú, Feito na casa (1995), o voso primeiro álbum contou coa produción de Miguel Costas (Siniestro Total, Aerolíneas Federales, Los Feliz...), tamén colaborador habitual do Xabarín. Que papel tivo Miguel Costas nesta primeira etapa do grupo?

Rafa Leira: Gravamos o disco moi novos, sen experiencia e moi inocentes coa industria. Miguel puxo un pouco de sentido nesa tolemia. O resultado foi irregular. A TVG non nos autorizou a incluír a Lavadora, e como todo nos parecía ben, aceptámolo. Iso fixo que o disco non tivese apoio pois o que soaba todo o día era a Lavadora.

 

Regresades ao Xabarín Club cun novo tema, “Ven a bailar”. Como era traballar co equipo de entón do programa? Era tan divertido como parece? Como lembrades a gravación dese novo videoclip?

Rafa Leira: Foi curioso, tiñamos a experiencia do primeiro videoclip e pensamos que era boa idea facer un guión, curralo e contar a historia da canción. Enviamos o guión a TVG e, cando chegamos ao estudio, subíronnos enriba dun tractor cun croma e para diante. Pasámolo ben porque naquela altura estar alí era xa premio dabondo, pero eramos ben pailáns.

 


 

En 1998 chegaba un sinxelo con “Vota” e “Maryfe” e despois comeza o letargo do caimán na beira do río Tea, aínda que con certos períodos de actividade. Que vos levou a parar?

Rafa Leira: Sons Galiza tiña un contrato por catro discos, outra parvada, pero non quixo editar o segundo, así que comezamos a gravar cancións pola nosa conta e autoeditar CDs para poder seguir tocando. Tivemos unha oferta doutra disquera, pero SG non nos deu a carta de liberdade, e aí deixamos ir a banda. Un día ao volver do Barco de tocar, deixamos as cousas no local, e xa non volvemos ir.

 

 

 

Un deses períodos de actividade foi no 2014 cando celebrastes o 20 aniversario de “Estou na lavadora”, cun disco recompilatorio e cunha xira que incluíu diferentes festivais como o Revenidas ou Antrospinos. Daquela non barallastes regresar?

Rafa Leira: O aniversario deunos a idea de recoller todas esas cancións gravadas e sen edición nin distribución para non perdelas e subilas ás plataformas. Fixemos unha xira espectacular porque pasamos por Revenidas, Antrospinos, Terra Brava, festivais moi na nosa onda, e foi moi divertido.

 

En 2019 lanzades “Rock en el rancho” unha divertida e contundente translación ao ámbito galego do clásico de Ramones “Rock and Roll High School” (End of the Century, 1980). Por que a versión dese tema?

Rafa Leira: Despois do 2014 volvemos para gravar de novo cancións soltas, fixemos esa versión para dar homenaxe ao colexio da infancia, o Santiago Apóstolo de Ponteareas, tamén chamado “o Rancho” porque tiñan internado e comedor. Tamén fixemos unha canción con Miguel Costas, “Nena” con vídeo incluído. Dábanos moita ilusión volver colaborar con el.

 


 

 

 

Sandsbridge lonely hearts club band chega en 2024 consolidando o regreso da banda. A portada reformula a de Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band dos Beatles para convertela nunha homenaxe ao Condado, comarca bañada polo Tea. Como xurdiu a idea desa portada e como elixistes os innumerables personaxes que aparecen nela?

Rafa Leira: Era unha vella aspiración da que nunca atopabamos o momento. Queriamos que na portada saíra xente que significaba moito para nós, é unha portada moi emotiva. Ao principio a xente non estaba moi animada a saír, pero logo tivemos que poñer o límite en 50 cando a idea inicial eran 25, e houbo xente que se mosqueou por non saír [risos].

 

Ao fío da portada... observamos chiscadelas, unhas moi obvias outras máis sutís, a grupos e artistas clásicos ao longo da vosa traxectoria. Sen ánimo de sermos exhaustivos: alén dos Beatles, Springsteen (portada de Feito na Casa), Ramones (“Rock en el Rancho”), Pink Floyd (vídeo de “Tróngole, Tróngole”), Queen (vídeo de “Yes, mamma”), por non falar das camisetas de OCRT co raio por medio como AC/DC... De onde vén esa teima?

Rafa Leira: Si, [risos], sempre andamos cos referentes a voltas, cada banda ten os seus, é unha maneira de dicir que non podemos escapar das influencias e tamén de dar as grazas polos bos momentos que nos fixeron pasar.

 

“Tróngole, tróngole” trata de como vai esvaecendo a memoria do rural onde, aínda que se moveran os marcos, cada anaco de terra tiña nome e dono coñecido. Pero aquí trátase con humor. Que papel xogan a ironía e a retranca, trazos especialmente característicos do proxecto, no Caimán do Río Tea?

Rafa Leira: Non saberíamos contar historias sen retranca, está implícita, non poderíamos facer “canción protesta” ou “romántica”, é sinal de identidade do Caimán. Certo que cada vez custa máis e á vez dános máis igual todo. As redes son un virus, hai que vivir cos virus.

 


 

“Vou tolear na Sementeira” rende tributo, coas voces das Lucernas, á festa da Sementeira de Corzáns (Salvaterra do Miño), un singular evento que exalta a vida no rural. Que vos fixo tolear da Sementeira como para dedicarlle un tema?

Rafa Leira: A festa da Sementeira é auténtica, non hai conto-chino, e encántanos. Contaron con nós e era unha boa maneira de agradecer a confianza e á vez facer visible o que fan. A colaboración coas Lucernas de Fiolledo é outro nivel, son moi coma nós, paixón sen lerias nin caralladas e son as nosas musas.

 


 

 

 

A finais de xaneiro vía a luz Vou pa Portujal, agora da man de Ferror Records, unha das discográficas máis dinámicas do país. Se o voso bravú se move na liña que vai do punk ao rock, para nós a primeira época estaba máis preto do punk (vía ska) e esta actual máis preto do rock. Como o vedes vós?

Rafa Leira: Igual, é un disco de rock. Retranca e cancións de tres minutos. Estamos moi contentos porque é un disco que se gravou en tres días e case sen ensaiar, buscando precisamente iso, inminencia e naturalidade para dar forza ás historias. O punk volverá, estamos seguros.

 

Foto: Sombra Graphics

 

“Trosky”, foi o primeiro sinxelo, acompañado dun vídeo coas actuacións estelares de Aarón Manuel Toucedo (quen tamén aparece na “precuela” audiovisual de “Trosky”, “Yes mamma”) e do can Barto con Sabela Mar na dirección. Como abordades os videoclips, cunha estética e un ton tamén moi característicos?

Rafa Leira: Buscamos que conte unha historia, se ademais é divertido, mellor que mellor. É un pracer traballar con Sabela, porque entende perfectamente a prevalencia da historia sobre a parte técnica e transmite a esencia do son caimán. Proximamente teremos outro vídeo. É unha pena que tantas horas de traballo morran moitas veces no scroll e que o reel sexa o formato a seguir. É triste, e pouco motivador. O certo é que, sen ser melancólicos, os formatos novos e as novas “formas de consumo” non nos gustan.

 


 

“Yes mamma”, segundo descrición do seu videoclip, ten a súa orixe nunha conversa entre nai e fillo. Sodes bravú, así que as letras das vosas cancións están inspiradas na aldea e as súas xentes, pero moitas semellan ser cousas que vedes, escoitades, vivides... anécdotas... Pero en realidade, canto hai de ficción e canto está “baseado en feitos reais”?

Rafa Leira: “Yes mamma” é unha historia real, estabamos en clase de inglés e a profesora pediu un exemplo de como usábamos o inglés e Pitu reproduciu o diálogo coa nai:

—Pitu! Botáches de comer o porco?

Yes mamma, ta a pía chea!

 


 

En “Son do Mar” escoitamos a voz de Tonhito de Poi de Heredeiros da Crus (que xa aparecía no vídeo coral de “Estou na corentena”, versión pandémica de “Estou na lavadora”) e a harmónica de Andrés Lamas. Por que eles e por que nese tema en concreto?

Rafa Leira: A canción está composta para Tonhito, recolle a súa historia e como, despois de dar moitas voltas polo mundo, está de novo en Poi. Tonhito estivo vivindo en Ponteareas e temos unha grande amizade, charlas iconoclastas e reflexións sobre a humanidade que non caberían nunha canción, pero polo menos fixémoslle o cariño e foi moi emocionante que a cantara con nós.

 


 

Os vosos temas son carne de directo. Como é O Caimán do Río Tea ao vivo? Cando e onde poderemos vervos proximamente subidos ao escenario?

Rafa Leira: Empezaremos os concertos o 18 de abril coa presentación do disco en Ponteareas (sala JJ Copas), logo estaremos na Sementeira e temos algunha cousa máis que penso que se irá publicando. Hai ganas.

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Rafa Leira: Cada un do grupo ten os seus preferidos, se teño que elixir actuais, Sangenjo, Bule e Ulex.

Nos clásicos sempre escoito a Orquesta Bravú Xangai, e a Familia Caamagno.

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Rafa Leira: Pois esta semana estou con Lou Reed, Orquesta Mondragón e Antía Muíño. Non soporto o autotune e o reguetón.

 

  noticias