• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GUILHERME ZAPATA: «SE A XENTE PODE DESFRUTAR DA MÚSICA E ACOMPAÑALA, PAGA A PENA CADA SEGUNDO DEDICADO A ISTO»

GUILHERME ZAPATA: «SE A XENTE PODE DESFRUTAR DA MÚSICA E ACOMPAÑALA, PAGA A PENA CADA SEGUNDO DEDICADO A ISTO»
25 ABRIL 2026

Hai percorridos que comezan en colectivo, nese espazo compartido onde a identidade se dilúe e se reconstrúe constantemente entre outras voces. O de Guilherme Zapata transitou durante anos por aí, entre proxectos como Bifannah ou Mvnich, antes de atopar un punto de inflexión desde o que reformular a súa relación coa música e, sobre todo, o seu lugar dentro dela.

Ese desprazamento, máis interno ca estético nun primeiro momento, acaba materializándose en Segredo (Desayuno Buffet, 2026), un debut en longo que funciona menos como unha carta de presentación ao uso e máis como un exercicio de reencontro. Entre a necesidade de dicir(se) sen filtros e a vontade de construír un relato sonoro coherente, o disco artéllase como un arquivo emocional no que conviven memoria, linguaxe e paisaxe. Falamos con el sobre ese proceso de apertura, a tensión entre o individual e o colectivo e unha forma de entender a creación que segue movéndose, incluso agora, entre a intuición e a busca constante.

 

 

 

Despois de anos traballando en proxectos colectivos como Bifannah, Wild Balbina ou Mvnich, onde a identidade se constrúe tamén desde o diálogo constante con outros músicos, debutabas en solitario en 2023 cun single, “Tanto ten”. Nese presentarse só houbo unha maior sensación de liberdade ou certa vertixe á hora de tomar todas as decisións?

Guilherme Zapata: O arranque foi un subidón de posibilidades. O proxecto nace nun momento no que precisaba re-namorar da música e de procurar dicir algo dunha forma diferente, buscando procesos novos e atopándome a min mesmo probando acordes e letras sen ter a presión de seducir ás outras persoas dentro dun grupo. Iso é algo para o que hai que ter unha enerxía e confianza totais e nese momento non as tiña. Polo que o que comeza como impulso libre, logo vai cara a lugares máis vertixinosos internamente, ter que partillar esas primeiras ideas para gravar foi un subidón de nervios, así que sentín que o círculo podía pecharse e comezar a dar cancións “de verdade”.

 

 

 

 

Un ano despois, en 2024, aparecía un segundo single “Fatal” onde xa te rodeabas, como no primeiro, de colaboradores como Julián López Goicoa e Fiz García (Mundo Prestigio). Por que con eles? Como axudaron a configurar o son do proxecto?

Guilherme Zapata: A relación con Julián e Fiz vén de hai moitos anos partillando vida, espazos e música. No momento de arrancar o proxecto precisaba ter unha confianza a todos os niveis que só eles me podían dar. Son os mellores músicos que coñezo, teñen unha forma incrible de traballar e tomarse a música e a vida, algo que para min é o máis importante. Os dous singles foron unha proba para ver se podía saír algo interesante, sen presión, recuperando o modelo que faciamos hai anos: quedar, probar, facer un churrasco, saír a dar unha volta polo monte a falar... E resulta que a súa forma de ver a música estaba nun momento de aliñamento co que eu quería facer a nivel estilístico e sonoro, polo que foi un acerto total.

 


 

“Tanto ten” fala dunha ruptura. “Alguén dixo que isto vai parar, que teña paciencia e todo irá... fatal”, cantas en “Fatal”. Niso de lanzarse en solitario tivo algo que ver certa busca de catarse? Foi ese o detonante?

Guilherme Zapata: Encántame cada interpretación externa que se fan das letras que podo escribir, sempre quedo flipado coas diferentes codificacións. “Tanto Ten” é unha canción post-apocalíptica de amor, seguramente unha das máis explícitas que fixen. “Fatal” é catártica a nivel xeracional e laboral. Son exercicios de sinceridade cos que tiven que loitar e ter a obriga de escribir da forma máis directa posible o que pasaba pola cabeza e polo corazón nesa altura, tentei sacar e poñer en palabras ideas que normalmente quedaban dentro. A clásica movida terapéutica boa.

 

Por certo, eses dous primeiros temas quedaron fóra de Segredo, do que falaremos agora. Cal foi a razón?

Guilherme Zapata: Son dúas cancións que quero moito e que estarán nos directos, pero penso que son froito doutro momento vital por un lado e doutra forma de producir polo outro. Seguen a súa propia órbita.

 

 

 

Segredo (Desayuno Buffet, 2026), o primeiro LP, chegaba en marzo despois dun parón artístico, máis aló deses dous sinxelos dos que falabamos antes. Cres que este novo traballo funciona como un peche desa etapa vital ou máis ben como un punto de partida desde o que comezar a explorar novas direccións?

Guilherme Zapata: Xusto un par de meses despois de lanzar os singles, comecei a traballar en Segredo. A dinámica de facer un disco é algo diferente aos singles. Para min ten que haber certa cohesión, certa intención nesa colección de cancións. Entre o período de demos e a primeira escolma de cancións para levar ao estudio pasaron como oito meses. A partir de aí chegou a gravación entre Galicia e Madrid con moita calma e desfrutando máis ca nunca do proceso. En total ata que saíu o disco pasaron case dous anos, que foron o que precisaba para darlle forma e escoitar as cancións ata saber que era o camiño co que estou cómodo e que me permite abrir novas vías de composición e produción.

 

Despois de colaborar con artistas e grupos de contextos moi diversos ao longo da túa traxectoria, desde propostas máis psicodélicas ata outras máis próximas ao art rock ou ao tropicalismo, que aprendizaxes sentes que sedimentaron en Segredo? Hai algún “eco” claro desas etapas anteriores nesta nova etapa?

Guilherme Zapata: Quero pensar que todo queda e ten o seu porqué e influencia no que facemos hoxe. Pode non ser de forma explícita, pero dende a forma de cantar, buscar a comodidade de rexistro ou forzalo ata o uso de efectos de guitarra que igual non usaba en Bifannah pero si soaban en Mvnich. Para min hai algo chave en todo isto que é que non me quero aburrir a min mesmo. Non podo aceptar escoitar ou facer algo que xa fixera hai dez anos de forma voluntaria. Obviamente hai detalles que sempre van estar aí, pero quero seguir explorando ata onde podo chegar. É un pacto comigo mesmo.

 

Foto: Gustavo Vázquez

 

Neste disco encaras un xiro cara ao groove, ás melodías e a un enfoque máis ligado ao soul. Pero, alén de etiquetas, como describirías o teu son? A que soa Guilherme Zapata?

Guilherme Zapata: Hai unhas semanas un bo amigo falaba do Son Zapata. Sinxelamente non sei definir o que é iso. Gústame moito contrastar, meter acordes menores nunha base ou ambiente que pode soar luminoso e ao contrario. No batedor hai moitas referencias que me gustan e que quero seguir a explorar: tropicalismo, soul, folk, pop...

 

Se partimos da idea de Segredo como ese “álbum de recordos sonoros”, que mencionas nunha entrevista, no que se mesturan experiencias vitais, paisaxes e vínculos persoais, en que momento do proceso sentiches que o disco deixaba de ser un conxunto de cancións illadas para se converter nun disco, aínda que fora fragmentario, con identidade propia?

Guilherme Zapata: Houbo un momento previo á gravación no que sorprendinme a min mesmo ao escoitar que a cadencia e as progresións de gran parte das cancións levábanme a certos lugares e lembranzas. Imaxino que eran cousas que tiña roldando por aí e que conseguín baixar dalgunha forma á terra. O pegamento de todos ese fragmentos, a fase máis importante do disco foi arranxando e traballando sobre as bases que tiñamos gravadas, tomando decisións con Julián e facendo un proceso que me lembra moito á postprodución de cine. Foi da man co traballo das letras, flashes vitais diferentes que me gustaría escoitar dentro de 10, 20, 30 anos e pensar: obxectivo conseguido.

 

Os singles de adianto —“Oriom”, “Pedras Preciosas”, “Necesito/Tengo” ou “Revancha”— xa deixaban entrever esa diversidade de rexistros dentro do álbum. Á hora de escoller eses primeiros cortes, buscabas precisamente iso, presentar diferentes caras do proxecto?

Guilherme Zapata: Si, realmente o bo de saír cun primeiro disco é que ninguén agarda nada, polo que hai liberdade total para mover un single ou outro. A idea era mostrar as cartas estilísticas que se escoitarían despois no disco.

 


 

Nas letras, as cancións móvense entre o íntimo e o evocador, con ritmos que as aloumiñan e envolven. Como é o teu proceso á hora de escribir: partes dunha imaxe, dunha emoción concreta, é algo que vai tomando forma ao mesmo tempo que a música...?

Guilherme Zapata: Sempre ando anotando ideas en base a imaxes, frases, anécdotas e xente que vexo que logo me poden dar pé para escribir cancións ou outras cousas. A forma real da letra chega cando a música xa vai tendo sentido, moitas veces mesmo cando xa está todo gravado. Podo ter unha melodía de voz cunha idea e despois esa idea é a que me dá marxe para escribir. No disco tentei facer cousas novas como escribir letras antes da música, como en “Oriom” e o resultado gustoume, así que haberá que probar todos os xeitos posibles.

 

Foto: Luis Basilio 

 

A materia prima desas letras son sempre experiencias persoais? Hai lugar para a ficción?

Guilherme Zapata: Buah, hai una boa mestura de cousas. Gústame imaxinar o que lle diría a alguén real, ou me imaxino en momentos diferentes do tempo para contar certas cousas. Iso sería algo preto á autoficción? O certo é que neste proxecto tento facer o exercicio de contar e expresar ideas que parten da realidade ou dun sentimento real, vaia.

 

“E quen quere unha vida tan lonxe do mar?” comezas preguntando no tema “Oriom”. Ese mar, tamén presente na portada do disco, é máis un lugar de refuxio, de memoria ou máis ben un espazo de incerteza e cambio?

Guilherme Zapata: O mar é o meu refuxio, o meu desatascador mental. É unha das cousas que peor levo de estar lonxe. É algo no que penso diariamente, así que ademais de refuxio tamén é memoria e o que me fai tomar con ganas un cambio. Como diría o outro; todas as respostas son correctas.

 


 

Nun disco no que a identidade parece construírse tamén a través da linguaxe, chama a atención a convivencia entre galego e castelán, especialmente tendo en conta que en Bifannah cantabas en portugués. Como viviches ese tránsito entre linguas? Responde a unha procura estética, emocional tal vez?

Guilherme Zapata: Teño moi claro que a base deste proxecto é cantar en galego, por identidade, comodidade e capacidade de transmisión. Hai dúas cancións en español, unha por adaptación, unha versión xunto a yavy e outra que orixinalmente era en galego pero que, voltando ao do aburrimento, forceime a cantar en español e de súpeto gustoume a plasticidade, algo puramente estético. Tento tomar este tema idiomático da forma máis natural posible. En directo faremos cancións en portugués e é posible que co tempo adaptemos algunha das cancións de Bifannah. Fago sempre a mesma broma, pero igual no seguinte disco aprendo italiano-napolitano e se o resultado final non é unha falta de respecto, pois para adiante.

Sexa como sexa, a base do proxecto é en galego.

 

Seguindo con esa idea, cres que cada lingua che permite acceder a matices distintos á hora de escribir e interpretar? Hai cousas que só podes dicir —ou sentir— en galego, en castelán ou en portugués?

Guilherme Zapata: Sen dúbida. É posible que a día de hoxe, que teño máis lonxe a miña vivencia portuguesa non empregue a lusofonía no meu día a día na rúa, algo que boto de menos e no que penso habitualmente. Por iso tento ler e escoitar portugués semanalmente. O nivel de profundidade que podo ter e expresar en galego ou castelán, aínda que poden estar preto, emprégoos de formas diferentes, para contar cousas diferentes e en diferentes escenarios. Polo que si, hai unha variedade de contextos que levan a matices exclusivos de cada lingua, é natural.

 

O disco tamén inclúe dous temas instrumentais (“Revancha” e “En Xaz”) que parecen introducir dúas partes, como suxerindo unha cara A e unha cara B. Era esa a idea?

Guilherme Zapata: Non era de inicio, pero despois de mesturalas parecía algo natural.

Gravei algunhas instrumentais máis que poderían ter o seu espazo no disco, pero pareceume que estas dúas tiñan que estar xusto onde están.

 


 

O disco creouse entre Galicia e Madrid, dous contextos que, dalgún xeito, tamén representan tempos e ritmos diferentes. De que maneira influíu esa dualidade xeográfica no proceso creativo? Notas que hai cancións máis ligadas a un lugar concreto, a unha atmosfera determinada?

Guilherme Zapata: Creo que é algo que afecta á intención do disco máis do que me gustaría recoñecer. Moitas ideas, reflexións e imaxes son froito da distancia. Ao mesmo tempo, o 85% do disco gravouse e mesturouse en Galicia, o que facía que tivera que viaxar, moverme e estar concentrado en Oleiros ou Vigo. Ao final esa sensación de ser dun lugar e vivir noutro e non recoñecelos cando vas e voltas ou cando es consciente do paso do tempo é un sentimento que hai que saber xestionar. Facer o disco deume a oportunidade de reflexionar, escribir e cantarlle a ese sentimento.

 

Segredo non sería o mesmo sen a produción compartida con Julián López Goicoa ou a colaboración de yavy, Mundo Prestigio ou Lois. Segredo é un traballo en solitario, pero en que medida é tamén unha obra, dalgún xeito, “colectiva”?

Tal cal, gústame dicir que é un proxecto persoal moi ben acompañado. Estou moi moi agradecido a tanta xente que quixo participar, xuntarnos algunhas tardes para facer música e gravar. Nalgúns casos foi ata a excusa para verse e botar o día xuntos. É algo que me deu moitos folgos e enerxía para querer sacar o mellor disco posible. Son xente cun talento brutal e resulta que non lles parecía mal sacar unha canción comigo. É unha honra.

 


 

No feito de rodearte tanto de músicos consolidados como de artistas emerxentes, buscabas un diálogo entre experiencia e frescura?

Guilherme Zapata: Non reparei moito niso, a verdade. É todo xente que está presente na miña vida dunha forma ou outra e nalgúns casos tiña moitas ganas de ver que podía pasar, se podía funcionar e así foi.

 

Segredo é unha das primeiras referencias de Desayuno Buffet, un selo de recente creación, como está a ser a experiencia dese (novo) comezo compartido?

Guilherme Zapata: É un orgullo poder formar parte dun proxecto que pon tanto agarimo e atención ao detalle. É algo que levaba tempo roldando e que creo que dende a humildade e saíndose un pouco do terreo máis comercial podemos dar xuntos pasos moi interesantes.

 

Hai algo na túa maneira de construír as cancións —esas capas rítmicas, ese xeito de facer que todo respire sen necesidade de acelerar— que parece pensado tamén para o directo. No proceso de crear Segredo, tiñas xa na cabeza como se ía trasladar ese universo ao escenario?

Guilherme Zapata: A verdade é que non. Ao ser un proxecto desta natureza, que non é unha banda que vai soando e decidindo as cousas practicamente ao momento, primeiro centreime moito na parte da gravación, da produción e agora, como se fose outro deporte, toca levar iso ao directo. É a primeira vez que o tomo desta forma, pero entendo que é polo enfoque do proxecto e por non adiantar pasos, non tería ningún sentido adiantar o que podía pasar no directo sen ter unha soa data á vista, e iso está ben, gústame que cada proceso teña o seu tempo.

 

Foto: Luis Basilio 

 

E, finalmente, como serán os directos? Xa hai datas pechadas que poidas adiantarnos?

Guilherme Zapata: A idea é ser fieis ao disco e que os concertos sexan sostibles a nivel persoal, musical e vital. Están pensados con banda pero máis adiante non descarto poder facer algo máis minimalista ou levar unha sinfónica. Por que non? De momento hai concerto en Madrid dentro de Sound Isidro o 21 de maio, vistamos Sevilla en xuño e haberá varias datas que me fan moita ilusión en Galicia entre setembro e decembro.

 

Despois de expoñer un traballo tan persoal como Segredo, no que parece haber unha vontade clara de compartir memoria, afectos e mesmo fraxilidades, como é para ti o momento de“deixar ir” o disco e que pase a pertencer tamén a quen o escoita?

Guilherme Zapata: É algo tan precioso que ás veces quedo bloqueado cando alguén ten palabras tan bonitas para algo que leva na túa cabeza e ouvidos os últimos anos. Ou cando alguén comenta ou canta parte dunha letra... Son momentos cos que toleo porque internamente asumes que as cancións xa están por aí, e a forma de superar a vertixe da que falabamos ao comezo. Se a xente pode desfrutar da música e acompañala en diferentes momentos da súa vida, iso xa é algo que fai que pague a pena cada segundo dedicado a isto.

 

E xa con algo de distancia —aínda que sexa moi curta—, se miras cara adiante, que tipo de preguntas che gustaría seguir formulando a través da música? Cres que o camiño aberto con Segredo ten continuidade ou intúes que o seguinte paso irá por lugares completamente distintos?

Guilherme Zapata: Segredo permíteme conducir á vez por estradas de influencias moi amplas, así que hai que tomar eses camiños para ver onde levan. Toca explorar!

 

Foto: Luis Basilio 

 

Que artista ou grupo galego nos recomendarías agora mesmo? Algún favorito que deberíamos coñecer?

Guilherme Zapata: Ademais do recente discazo de Mundo Prestigio con Mariagrep, hai un grupo con base en Vigo chamado Vloom que fan un dreampop de atmosfera lofi que penso que van dar moitas alegrías pronto.

 

E se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% sinceridade, 0% vergoña.

Guilherme Zapata: Levo unha semana en bucle co primeiro disco Loaded Honey, do 2025, tamén co disco de Arthur Verocai de 1972, o novo de Kim Gordon “Play Me” e co “Discoteka Jugoslavija” de Lovski, que saíu hai un par de meses.

  noticias