• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2026

NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2026
2 MAIO 2026

“FIN”, Maldito Murphy

Punto final para a banda viguesa Maldito Murphy. Tras unha década sobre os escenarios, o grupo decidiu pechar o telón coa publicación de FIN, o seu último álbum de estudo. Para ir abrindo boca, foron adiantando varios singles: «Las Riendas del Tiempo», «Diez Años» e «La Rosa y La Serpiente», tres cortes que xa anticipaban o novo rumbo sonoro da banda. FIN supón un xiro estético notable respecto ao que Maldito Murphy nos tiña acostumados, apostando por un son máis directo e contundente que deixa atrás as baladas e os medios tempos que definiron a súa traxectoria. No vocal, o cambio tamén é perceptible: Juan Castro móvese aquí nun rexistro máis agudo, afastándose dos tons graves que caracterizaron as súas entregas anteriores. Unha despedida á altura. Ata sempre, Maldito Murphy!

 

 

 

 

“Valiosa”, Wöyza

Wöyza regresa con novo álbum. Valiosa (Wötown,2026) é un traballo de once cortes que se presenta como a súa obra máis madura ata a data: unha colección de cancións construídas desde a experiencia propia, onde a maternidade ocupa un lugar central que moldeou tanto a sensibilidade como a perspectiva da artista. Referente pioneira do hip hop, o soul e o R&B en galego e en español, a moañesa entrega un disco que percorre un amplo espectro emocional —a resiliencia, o amor propio, a transformación, a espiritualidade, a superación— sen artificios nin concesións. Todo isto sostido por unha interpretación vocal que destaca pola súa intensidade e versatilidade, e que confirma a Wöyza como unha das voces máis singulares da escena musical galega.

 

 

 

 

“Ten que haber sitio para nós”, Portosanto

Os Portosanto acaban de chegar e xa queren quedar para sempre. Ten que haber un sitio para nós (Ernie Records, 2026) é o debut en longa duración da banda herdeira de Oh Ayatollah! e soa como unha declaración de intencións sen complexos. Dez cortes que falan de desacougo e medos, de lugares que xa non existen, da amizade e das ilusións que nos moven a todos. Este quinteto formado por Anaís, Andrés, Nuno, Simón e Xoel presenta con este proxecto un comezo consciente ao ritmo dun pop rock suave, arraigado en vivencias propias e transformacións inevitables. Os dous adiantos que preceden ao disco —Ten que haber un sitio para nós e Vinte de agosto— xa deixaban entrever a liña do LP. A produción, asinada por Jacobo Naya, aposta por unha sonoridade clara e directa. Con Ten que haber un sitio para nós, Portosanto non pretende tato dar respostas como reformular preguntas compartidas nun disco que medra mentres o escoitas e deixa con ganas de máis.

 

 

 

 

“X”, Boyanka Kostova

Dez anos despois de irromper como anomalía necesaria na escena, Boyanka Kostova celebran a súa propia traxectoria con X (Raso Estudio, 2026), un traballo que funciona á vez como reafirmación identitaria e como mutación natural do seu son. Lonxe de acomodarse no molde do trap en galego que axudaron a definir, Cibrán e Chicho empúrranse agora cara a unha electrónica máis abrasiva e expansiva: o pulso da rave, o hard-bass e o techno máis frontal conviven no seu recoñecible imaxinario lírico, irreverente e hedonista por definición. As colaboracións amplían ese universo sen dispersalo —Joe Crepúsculo e Rulo— e as referencias ao sampleo elegante e á cultura do club aparecen integradas coa soltura de quen xa non precisa demostrar nada. X preséntase así como un artefacto celebratorio e combativo: un disco que recolle todo o aprendido nos últimos dez anos para proxectalo cara a unha pista de baile onde a catarse e a conciencia social conviven e se retroalimentan.

 

 

 

 

“Querido Alejandro”, Roura

O título xa é unha declaración en si mesmo: Querido Alejandro (El cuarto, 2026) nomea, interpela e abre unha porta. Ao longo dos dez cortes, o cantautor coruñés afincado en Madrid desprega un cancioneiro de trazo tan cru como honesto, sostido por unha voz profunda que pon ao servizo dunhas letras coidadas, atravesadas pola tradición da poesía e o humor. Producido entre Alejandro Roura e Aitor Flamingos, o disco respira unha sobriedade consciente, con influencias que se filtran sen eclipsar un imaxinario propio construido desde o cotián e o emocional. Hai nestas canción unha vontade de mirar de fronte á dor, de entendela máis que de esquivala, ata convertela en materia habitable; como abrir unha persiana e deixar que a luz —aínda incómoda— entre para quedarse.

 

 

 

 

“Medrar”, ABRIL

O dúo vigués ABRIL debuxa con Medrar un álbum que se sinte como un espazo compartido e coñecido. É o primeiro proxecto de longa duración de Claudia Abril e Marina Carpente, e medra —nunca mellor dito— dende a delicadeza: ferreñas que latexan cunha cadencia pausada, unha sonoridade luminosa que se afasta das inercias máis habituais do folk galego contemporáneo. Tras os adiantos de “2caras” e “Nas horas avelaíñas”, o disco articúlase arredor de letras que se moven entre reencontros, traizóns e tenrura, bebendo da tradición oral para reformulala desde unha sensibilidade actual. Coa participación de músicos como Juan Arca, Joana Gumí, Sunil López ou Hugo Franco, e baixo a produción técnica de Isaan Millán —con mestura de Hevi e masterización de Cem Oral—, Medrar constrúe unha proposta íntima e reconfortante que reivindica o colectivo nun tempo marcado pola individualidade, facendo da pausa e do coidado unha forma de resistencia e identidade sonora.

 

 

 

 

“Oniria Popular”, Xoel López

Xoel López leva anos cartografando un territorio propio, e Oniria Popular (Esmerarte, 2026) é quizais o mapa máis preciso que trazou ata agora. Na súa décimo sétima entrega, o artista coruñés constrúe un relato sonoro que se desprega con naturalidade entre a ensoñación e a raíz. A produción, compartida con Adrián Seijas, reforza esa sensación de continuidade creativa que xa se intuía nos adiantos previos, mentres o apartado visual —asinado por Ernesto Artillo e Pablo Hoyos— acentúa unha dimensión máis abstracta e case surrealista do propio Xoel. Ao longo dos seus case corenta minutos, o álbum revélase como unha viaxe introspectiva onde conviven a cotiandade, as tensións da modernidade e esa dualidade xeográfica tan presente na súa traxectoria, dando forma así a unha obra íntima pero aberta, persoal e, ao mesmo tempo, profundamente colectiva.

 

 

 

 

“Power of Disharmony”, Raúl Mariño

Hai algo case cinematográfico en como Power of Disharmony (Amuse, 2026) irrumpe como debut en longa duración de Raúl Mariño, coma se cada un dos seus sete cortes se levantase desde unha paisaxe devastada para reclamar, a golpe de distorsión e pulso rítmico, un último reduto de vida. Unha primeira entrega que chega coas ideas claras e sen concesións. «Dance After Death», a súa carta de presentación, condensa esa idea: un mundo enfermo, desprovisto de cor, no que aínda resoaba a necesidade urxente de bailar antes do colapso definitivo. O conxunto do disco sostense sobre unha base de rock contundente, case torrencial, onde as guitarras irrumpen con violencia controlada e a instrumentación despregase como unha onda que arrastra o oínte cara a un terreo emocional intenso, escuro pero estrañamente liberador. Un proxecto de vocación artesanal: Mariño asume a produción, mestura e masterización, mentres que as voces corren a cargo de Almudena García, cuxa interpretación ancora emocionalmente un traballo construído desde dentro cara a fóra. Un debut que non pide permiso. Aquí, a desarmonía non é ruptura, senón motor creativo.

 

 

 

 

“Ao Noso Xeito (Live)”, A Banda da Balbina

Cando unha banda pertenece ao escenario, o único xesto honesto é documentalo: iso é exactamente o que fai Ao noso xeito (Live). Neste novo traballo, A Banda da Balbina prescinde de artificios para ofrecer unha experiencia directa, na que o ruído do público, a imperfección medida e a enerxía do escenario convértense en parte esencial do relato. Ao longo dos 18 cortes, o repertorio da banda adquire unha nova dimensión, máis crúa e festiva, onde temas xa coñecidos conviven con pezas menos transitadas como Can de palleiro ou Valentín. Sen abandonar esa retranca tan característica, as letras seguen a xirar entre o humor, a crítica amable e a celebración colectiva, construíndo un discurso que bebe da tradición oral e da realidade cotiá. O resultado é un documento honesto e vibrante que captura o momento e reafirma o lugar da Banda da Balbina como unha proposta que cobra todo o seu sentido en directo.

 

 

 

 

“Amorodios”, Xan Campos

En Amorodios, a voz cambia todo. Xan Campos mantén intacta esa arquitectura sonora onde conviven o jazz contemporáneo máis libre, a electrónica e o pouso impresionista, pero despraza o foco cara á palabra. A presenza de Faia Díaz consegue introducir un novo elemento expresivo, enraizando o discurso na tradición oral galega, achegando unha dimensión emocional que transforma o proxecto desde dentro. Ao seu redor, Iago Fernández e Virxilio da Silva sosteñen e expanden a linguaxe cunha riqueza rítmica e tímbrica que oscila entre a sutileza e a apertura do rock. O resultado é un cuarteto que tensa a creación musical cara a novos lugares, onde a experimentación e a raíz deixan de ser polos opostos para comezar a vibrar á vez.

 

 

 

 

“Laíño”, Eris Mackenzie

Hai discos que se escoitan e otros que parecen acontecer mentres duran. É o caso de Laíño (Alende & Altafonte, 2026) o novo EP do coruñés Eris Mackenzie. Capaz de construir un artefacto firme e expresivo, no que conviven catro creación propias con dúas versión reformuladas como unha homenaxe directa. Os seis cortes, dotados de carácter e cun pulso ao ritmo de fórmulas entre a tradición e o techno máis clásico, atopan equilibrio entre a intensidade e a contención. Sen renunciar a certa vocación pop, o EP ábrese a formas máis flexibles, nas que a voz funciona como eixo dun relato que camiña pola identidade, o movemento e a reconstrución, deixando entrever unha continuidade entre o propio e aquilo que se decide lembrar.

 

 

 

 

“El arte de los analfabetos”, Miguel Matamoro

A música é capaz de contar relatos, de moverse co mesmo pulso que os recordos que a sosteñen. O compositor Miguel Matamoro conseguiuno en El arte de los analfabetos (Creotz Ediciones SL, 2026), onde atopa ese equilibrio a través dunha banda sonora construída desde a sensibilidade e o detalle, en estreita conexión co documental de Kevin Castellano e Edu Hirshfeld. Co respaldo na produción de Midima Music, as dez composicións articúlanse arredor dun piano que canaliza tensión, intriga e unha emoción contida que vai aflorando sen excesos. Ao seu redor, os sintetizadores e as cordas punteadas amplían e acompañan un relato interxeracional que viaxa entre a dureza do pasado e a necesidade de reconstruílo desde o presente. O resultado é un traballo que avanza con delicadeza, consciente de cada matiz, e que logra traducir en son a profundidade dunha memoria que nunca deixou de moverse.

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!

  noticias