• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

TESOURO: «FACEMOS POP PRETECNOLÓXICO, BAIXO EN AZUCRE E ALTO EN PAIXÓN»

TESOURO: «FACEMOS POP PRETECNOLÓXICO, BAIXO EN AZUCRE E ALTO EN PAIXÓN»
7 MAIO 2026

Tesouro nace da experiencia, da amizade e desa teimosía que fai que as cancións sigan aparecendo mesmo cando un pensa que xa o contou todo. Formada por músicos cun longo percorrido en bandas fundamentais do rock galego como Cosecha Roja, Burgas Beat ou Os Amigos dos Músicos, a banda ourensá constrúe un proxecto que foxe da nostalxia para reivindicar algo moito máis sinxelo —e cada vez máis raro—: cancións honestas, guitarras coidadas e emocións recoñecibles. Como eles mesmos din, fan «pop pretecnolóxico, baixo en azucre e alto en paixón».

Desde Roimelo, a aldea convertida en cuartel xeral e pequeno universo compartido, Carlos Rego, Aser Álvarez, Dani Alonso e Anxo Fernández foron dando forma a unha maneira de entender a música na que o importante non é a velocidade nin a novidade constante, senón «o extraordinario na vida cotiá». As súas cancións falan de ausencias, memoria, equilibrio, cidades e refuxios, desa idea de que «o común pode ser excelente» e de que non fai falta vivir «onde semella que pasa todo» para sentirse no centro do mundo.

Falamos con eles sobre o paso do tempo, o proceso colectivo que define hoxe a banda, a relación entre música e literatura, o valor das edicións físicas e esa procura constante da canción perfecta. Tamén sobre fantasmas bos, mitos privados e feridas que acompañan.

 

Foto: Aitoruve

 

O xermolo de Tesouro está en Burgas Beat banda na que coincidistes Carlos Rego e Aser Álvarez (como antes en Cosecha Roja) e que desapareceu cara a 2014. Como xurdiu a idea de creardes este novo proxecto?

Carlos: A culpa é das cancións, que seguen chegando aínda que ti non queiras. En canto houbo unhas que semellaban ter boa pinta, Aser e máis eu comezamos a ensaialas arredor de 2020, sen máis intención que ver se ían a algures ou quedaban no camiño.

 

Pouco despois sumouse Dani Alonso (Blood Filloas, Os Amigos dos Músicos). Como chegou ao grupo, ademais como baixista (estabamos máis afeitos a velo poñendo a voz ou como guitarrista)?

Carlos: Cando escribín «O camiño da luz», o libro sobre Magín Blanco, pensamos en presentalo tocando xuntos parte do seu repertorio. Dani tivera un fugaz proxecto de dúo con el e apuntouse, pero no primeiro ensaio trouxo un baixo que acababa de mercar. A pandemia tirou abaixo todo aquilo, mais cando Tesouro precisou un baixista eu lembreime do asunto e non dubidei en chamar a Dani. Non puiden facer cousa mellor.

 

Foto: Aitoruve

 

Hai algunha historia detrás do nome do proxecto, «Tesouro»? Por que esa palabra para nomealo?

Aser: Tesouro é o segundo apelido de Carlos, e cando o propuxo, case pedindo permiso, a min pareceume un nome precioso.

 

Poderiamos dicir que a música de Tesouro é un pop que conecta cos setenta (mesmo con algo de psicodelia), pero hai refachos que semellan movela ás veces cara ao rock... Como definiriades vós a vosa música?

Dani: Facemos pop no mellor sentido da palabra e tocámolo con enerxía e sensibilidade, as guitarras eléctricas soan crúas e as acústicas máis doces. Chámalle pop tradicional ou mellor aínda pop pretecnolóxico, baixo en azucre e alto en paixón.

 

E se falamos de influencias, nese son quen tivo especial impacto á hora de conformalo?

Dani: Todo isto inventouno Buddy Holly cando formou aos Crickets, creceu e xeito exponencial durante os gloriosos anos sesenta e reviviu cando a New Wave posterior ao punk. Logo medrou nos noventa con xente como Matthew Sweet, Yo La Tengo, Wilco ou Luna, quizais a última xeración coa que conectamos. Ademais, por suposto, na cabeza seguen todos os nomes sagrados (Neil Young, Beach Boys, Big Star, Elvis Costello…).

 

 

 

Xa como trío publicades Aquí conmigo (Hanky Panky Records) en 2022. A masterización foi de Arturo Vaquero en Abrigueiro, pero foi gravado en Xílgaro Estudio por David Quintas entre outubro de 2020 e marzo de 2022, que, botando a conta, resultan ser dezaoito meses. Foi nunha época (pandémica e pospandémica) complicada, pero... como é que se dilatou tanto a gravación?

Aser: En horas de gravación non serían moito máis de vinte. Vivimos en catro concellos diferentes e moitas veces non podiamos saír deles, nin para ensaiar nin para gravar. Tampouco tiñamos présa, a verdade.

 

A flor da caléndula foi usada desde tempo inmemorial para tratar doenzas. Polas súas propiedades farmacolóxicas, emprégase como antiinflamatorio e tamén para curar feridas. A canción «Caléndula» en si ten, como a propia planta, algo balsámico, unha calidade que ben podería estenderse ao resto do disco. Era o obxectivo? Facer algo que reconforte e de aí que apareza precisamente a caléndula na portada?

Carlos: Caléndula naceu dunha crema que utilizabamos coa miña filla cando era bebé. É un nome moi sonoro, e acaía para unha canción que fala de dores reais, de xente que o pasa mal fisicamente e lle cómpre un remedio como sexa.

Dani: A portada foi cousa de Mario Feal, un fantástico deseñador de Ferrol. Démoslle liberdade total e escolleu o que mellor pensou que reflectía o contido do disco. Penso que foi un dos grandes atractivos do disco, en boa parte responsable de que se esgotara.

 


 

A canción que dá título ao disco, «Aquí conmigo», como «Dile a mis padres» (e dun xeito diferente tamén «Todo es tan raro») son temas marcados pola ausencia, pola perda (que terán o seu eco en «Tus llamadas» de No centro do mundo). Hai consolo en converter eses sentimentos en cancións?

Carlos: As ausencias enchen moitas das nosas cancións, certo. Eu chámolles cancións de fantasmas, fantasmas bos que me fan boa compaña. O que consola, máis que as cancións, é sentilos aínda preto de ti.

 


 

 

Foto: Mary Wilson

 

«Roimelo» fala de escapar cara ao campo: «A cidade non era o que eu soñara de neno» (confróntese con «Amo la ciudad» de No centro do mundo, do que falaremos despois...). Esa aldea de Allariz, Roimelo, que significa para vós? É ese lugar case máxico onde todo nace?

Aser: Eu nacín en Roimelo e levo toda a vida vivindo na mesma casa, que é a casa onde o grupo ensaia dende o comezo. Tamén ensaiamos alí no tempo de Cosecha Roja, así que é un lugar moi especial para nós.

Carlos: Desa cercanía naceron amizades e relacións con xente de alí ou con raíces na aldea que van moito máis alá do musical. E en certas ocasións en Roimelo pasan cousas que co tempo convértense en mitos privados. A canción naceu cando a un amigo de fóra lle deu por dicir que quería mudarse alí. Non o fixo aínda, pero… quen sabe!

 


 

«Niñodaguia» é unha composición de Magín Blanco, co que Carlos e Aser xa coincidiran en Clic (PAI música, 2006), un disco do gran compositor e intérprete ourensán en colaboración con Burgas Beat. Que ten a súa maneira de facer cancións que non atopades noutros?

Carlos: Coñecemos a Magín na súa etapa en La Rosa, nos tempos en que Aser e máis eu estabamos en Cosecha Roja, e recoñecemos ao instante a alguén que estaba na nosa onda, algo complicado daquela en Ourense. Eu admiro a súa capacidade melódica, e a facilidade de escribir letras só aparentemente sinxelas que chegan a tocar a fibra sensible.

Dani: Eu tiven un dúo acústico con el que se chamou Ninhodaguia, e ademais do xa dito sempre me cativou o seu xeito de tocar a guitarra acústica, ten unha man dereita inconfundible.

 


 

 

 

En 2025 vía a luz (ou case?) Qué bonito EP nos habría quedado! con tres versións e un tema orixinal, «Atlas de islas remotas». O título, en aparencia paradoxal, indica que en realidade non forman unha unidade senón que son catro pezas soltas?

Aser: E tan soltas. Tres son versións de grupos nacionais. A de BB sin Sed traducímola ao galego como «Tesouro de palabras» e gravámola canda «Atlas de islas remotas», porque levabamos tempo sen entrar no estudio e queriamos probar algunha cousa nova. As outras dúas xorden de senllas invitacións a participar en discos de homenaxe, un ao grupo valenciano Doctor Divago («El vertiginoso atleta moral»), e outro ao selo Rock Indiana («Si nada cambió», de Santi Campos). Tanto un coma os outros son autores que admiramos e seguimos.

 

Foto: Mary Wilson

 

A formación muda de trío a cuarteto coa incorporación de Anxo Fernández nos teclados. Que buscabades coa incorporación de Anxo? E que atopou Anxo en Tesouro?

Anxo: David Quintas, o técnico e dono de Xílgaro, tocou comigo en Guezos, o meu grupo, e faloulles de min cando pensaron en engadir teclados para darlle outra cor a algunha canción. Gustoume o que escoitei e apunteime encantado.

Dani: Non só encaixou como músico, máis importante aínda é que o fixo persoalmente. Hai cousas que non hai que falar para sentir que foron decisións inmellorables.

 

 

 

No centro do mundo (Hanky Panky Records, 2026) é o voso último disco lanzado o último día de marzo. Se no primeiro había inquietude e desazo (aínda que a música tenda a ser luminosa) neste segundo hai máis aceptación. É coma unha oda á aurea mediocritas, a atopar o equilibrio nesa dourada medianía horaciana. É esta a idea que dá unidade ao disco?

Carlos: Equilibrio é unha palabra clave. A vida golpea de moitos xeitos, pero hai que saber levar os golpes. Hai pouco lía un artigo de Carlos Risco que dicía que o común pode ser excelente. Esa é a idea, non cómpren sucesos extraordinarios para gozar dunha vida plena.

 

Ese estar «no centro do mundo» aparece na letra tanto de «Revisando os danos» («teño a cabeza no centro do mundo») como tamén en «Merlo» («Piso no centro do mundo»). O propio título incide nesa idea de, finalmente, atoparse a un mesmo e o seu lugar despois de «revisar os danos»?

Carlos: O centro do mundo é o lugar onde desenvolves a túa vida. Non é preciso vivir nos lugares onde semella que pasa todo. Sentirse no centro do mundo sen saires do teu lugar nel, é todo o contrario a ese medo de estar perdéndose algo importante que as redes promoven, a esa venda constante de «novas experiencias» que non son máis ca fume e mercado.

 

 

Asinades as cancións os catro, pero como adoita ser o voso proceso creativo? Como nace e vai medrando un tema de Tesouro? Hai reparto de tarefas?

Anxo: O esqueleto, melodía e letra, é de Carlos, pero o proceso é colectivo. Se asinamos todos as cancións non é casualidade. O normal é que as cancións crezan nese proceso.

 

Foto: JM Dieste

 

O tema que abre o disco, «Amo la ciudad», é unha adaptación libre dun poema de Karmelo Ibarren, que fala dos pequenos praceres cotiáns coa cidade como marco. Que vos seduciu da obra de Ibarren e deste poema en particular?

Carlos: O mesmo que nos seus mellores poemas, a busca do extraordinario na vida cotiá, e a capacidade emocionar con palabras sinxelas e escrita clara. Ás veces hai moita amargura nos seus poemas, pero tamén está o gozo de vivir. Hai bastantes cousas da miña colleita na letra, pero todas xurdiron a raíz da lectura do poema, e a parte nova respecta absolutamente o orixinal. Enviámosllo e non puxo ningunha pega.

 


 

No segundo corte poñédeslle música a un poema de Lois Pereiro. Podería dicirse que calquera escusa é boa para poñerlle música a un poema de Pereiro, pero que vos moveu a vós a facelo?

Dani: Non é doado musicar a Pereiro (tampouco a Iribarren, por certo), pero Carlos levaba anos dándolle voltas á maneira de converter ese poema en canción, e desta vez saíu de modo moi natural. Foi moi importante a batería, por certo, para conseguir o ton axeitado.

 

 

Máis aló das adaptacións, hai moito de literario nas letras, mesmo como referencias, desde as moi obvias, como a letra de «Sós» inspirada en Manuel Antonio, a outras máis sutís como converter en verso o título dunha obra de Boris Vian en «Caminar». A afección pola literatura e tanta que acaba por atopar o xeito de coarse nas cancións?

Carlos: Descoñezo a obra de Boris Vian. «La espuma de los días» quedou case como unha frase feita, e a min encántame. O de «Caminar» vén máis por Robert Louis Stevenson, moi favorito, e por «When I’m Walking», unha canción do meu adorado Jonathan Richman. Por certo, quizais no fondo do cerebro estaba tamén o «Solo quiero caminar» de Paco de Lucía, vai ti a saber. Non imos presumir de lectores, pero uns cantos libros temos lido, si. E, por suposto, as lecturas están moi presentes nas letras, como tamén letras doutras cancións. Roubamos de onde podemos.

 

Foto: JM Dieste

 

O tema que pecha o disco é «Silencio en Ourense», no que pon a voz Dani. Dicides que a letra é un poema de autor descoñecido. Ese «No silencio de ouro, filigranas de prata» é unha fermosa remisión ao proverbio portugués «a palavra é de prata, o silêncio é de ouro». De onde saíu ese poema? Ata onde queirades contar pero... autor descoñecido ou non revelado?

Dani: A historia dá para documental. Atopei o poema no catálogo do Festival de Poesía do Condado de 1985 e non dubidei en comezar a darlle forma. Segue tendo toda a actualidade. Todos os poemas do libro veñen asinados (entre outros, por Manuel Rivas, Margarita Ledo, Darío Xoán Cabana, Antón Reixa…), menos este e outros dous que aparecen baixo o epígrafe «Brasil», como se estiveran escritos por un poeta galego residente nese país. Investigamos todo o investigable, falamos con poetas, profesores de Universidade, pero non fomos quen de averiguar quen é o autor. Se alguén le isto e ten algunha pista, xa sabe.

 


 

No centro do mundo foi gravado por Manu G. Sanz quen tamén se ocupou da mestura e da masterización. Semella unha aposta segura, pero por que el para rexistrar e dar forma final ao son do disco?

Carlos: Gustábannos moito os discos de Selvática e o seu primeiro disco en solitario. Tamén algunhas das súas outras producións. Vimos que sabía das guitarras que nos gustan e tamén de sons menos habituais. O que non sabiamos era que ademais é un tipo estupendo.

 

Dos dezaoito meses de Aquí conmigo aos catro días (dous en setembro, dous en decembro de 2025) de No centro do mundo. Que cambiou desta volta para acurtardes tanto os prazos?

Dani: Somos unha empresa mínima que non pode permitirse producir perdas. O presuposto manda. Aínda así, houbo tempo de engadir detalles que non estaban nas maquetas. No proceso de gravación sempre xorden sorpresas.

 

Se só nos centramos na música, que diferencias vedes entre Aquí conmigo e No centro do mundo?

Aser: Pódese dicir que este é o primeiro disco de Tesouro como grupo, como creación colectiva. O primeiro naceu máis dirixido polo que xa tiñamos adiantado Carlos e máis eu. As achegas de Dani e Anxo no proceso de creación das cancións levounas a sitios diferentes. Ademais, o son conseguido por Manu Sanz é máis sinxelo que o do primeiro, pero con máis matices e máis pegada.

 

Foto: Aitoruve

 

Algo que coidades moito son as edicións físicas, con deseño de Mario Feal en ambos os dous discos. En tempos onde todo é dixital, por que seguir apostando polas edicións en vinilo?

Aser: Non somos sibaritas do vinilo, escoitamos música en calquera formato, pero un LP dá a impresión de obra única, dálle sentido ao conxunto de cancións. Non facemos discos conceptuais, pero si cremos que o disco reflicte o momento que está a vivir o grupo. Ademais, o certo é que ninguén merca CDs, pero se dás un bo concerto os discos voan.

 

Mario Feal leva feitas unha morea de portadas: de Vainica Doble ou Aviador Dro a Anni B. Sweet, Viva Suecia, Niña Polaca... foi director de arte de Subterfuge Records... Unha listaxe de toda a súa obra sería longa, ben longa. Como é traballar con el? Dádeslle algún tipo de indicación?

Dani: Absolutamente ningunha. Confiamos nel por segunda vez, e segue sen decepcionar. Encántanos a súa forma de traballar.

 

Para alguén que non tivera aínda a oportunidade de vervos en directo, como describiriades os concertos de Tesouro?

Anxo: Nos últimos concertos hai unha frase que se repite ao final: «Sodes moito mellores ca nos discos». Seguramente non é certo, porque nas gravacións todo está mellor tocado, pero poñemos moita enerxía en directo, e as cancións collen outra dimensión, menos perfecta, pero máis viva.

 

Foto: JM Dieste

 

Coa perspectiva que dá ter unha longa e importante traxectoria vinculada á cidade, como vedes a escena de Ourense? Credes que hai algo diferencial respecto da doutras cidades galegas?

Dani: Estamos bastante desconectados da escena, non temos a vida social que tiñamos antes e é posible que haxa bandas de xente nova pero é difícil chegar. Na cidade o apoio institucional é nulo.

Antes podía haber diferenza, hoxe en día a globalización non deixa ter diferenzas.

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Dani: Pois gustoume moito o disco de Portosanto ou o de Guille Zapata.

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Carlos: Eu tiro máis de Bandcamp e de podcasts musicais. En Spotify as últimas escoitas foron (acabo de mirar): Bill Orcutt, Sky Chiefs, Beggar Weeds, Chris Stamey.

Dani: Eu gasto Tidal, vamos a ver, R.E.M., Ben Kweller, Extremoduro, RVG, The Stranglers, Old 97’s...

Aser: Non gasto, só escoito vinilos.

  noticias