• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MOOOM: «NO TRADICIONAL NON EXISTE ESA BARREIRA ENTRE ESCENA E PÚBLICO, TODO É UNHA ÚNICA HARMONÍA»

MoOoM: «NO TRADICIONAL NON EXISTE ESA BARREIRA ENTRE ESCENA E PÚBLICO, TODO É UNHA ÚNICA HARMONÍA»
8 XUÑO 2026

O Atlántico non é só un océano; é unha memoria compartida, unha ferida aberta e unha ponte entre territorios, linguas e xeracións. Nese espazo simbólico é onde habita MoOoM, o proxecto da historiadora, investigadora e música galega Ciara Cabodevila. Desde Barcelona, pero coa mirada posta en Galicia e nas rutas migratorias que durante séculos conectaron ambas as dúas beiras do océano, a artista leva anos construíndo un universo propio no que conviven a tradición oral galega, a electrónica, a etnomusicoloxía e as músicas populares.

Tras case unha década de procura creativa, AtlánticA (Ferror Records, 2026) cristaliza como o seu primeiro longa duración: un traballo que nace da investigación arredor de Perfecto Feijoo e da diáspora galega, pero que transcende o ámbito académico para converterse nun ritual sonoro de memoria, identidade e transformación. Entre gravacións de arquivo, sintetizadores modulares, cantigas tradicionais, ritmos latinoamericanos e relatos familiares, MoOoM debuxa unha cartografía emocional que une Galicia con Arxentina, Uruguai, Brasil ou Colombia. Falamos con ela sobre migración, folclore, espiritualidade, creación colectiva e a necesidade de seguir tendendo pontes entre as dúas beiras do Atlántico.

 

 

Detrás de MoOoM está Ciara Cabodevila: historiadora, investigadora e música. Pero, de onde provén a túa relación coa música?

Pois a verdade é que sinto que na Galiza a vida está instrinsecamente vencellada á música. Na aldea a maioría algo saben tocar porque foron da banda local de música ou simplemente por amenizar as longas noites do inverno. Eu lembro aos maiores facendo o que fora pero sempre cun cantar na gorxa, aínda que a música coma tal non se pensaba como unha posible profesión (ou polo menos como unha respectable). Pese a non ter apoio coa formación musical regrada, o cotián rural está cheo de cantares e quizais dende aí, e que eu non puiden nunca acalar esta necesidade de contar cantando.

 

A túa formación como historiadora da arte e a túa práctica musical son dous mundos que no teu caso acabaron converxendo nun mesmo proxecto. En que punto entendiches que investigación, memoria e creación podían nutrirse mutuamente?

Como comentaba, non puiden contar cunha formación como música (apenas un par de anos de violoncello), pero como a cabra tira ao monte, dende a miña vertente académica de arquivista documental foi que no Museo de Pontevedra topei o personaxe de Perfecto Feijoo e alí comezou a miña investigación principal. A partir do arquivo fotográfico e epistolar foi que topei unha historia que se facía eco do relato de milleiros de migrantes. A min, que estaba xa en Barcelona buscándome a vida como xestora cultural, vibroume moito ao estar tamén vivindo fóra da terra de orixe mais sentindo a necesidade de protexer a nosa cultura. Esta investigación de xuventude converteuse no piar da miña tese, cuestionando a identidade en procesos migrantes analizándoa dende un prisma galego e contemporáneo (e ao tempo tomando referencia doutros amigras). E eu, ao igual que Perfecto Feijoo, decateime de que o xeito máis sinxelo de facer perdurar a nosa lingua era, e é, dende a praxis e non tanto dende a academia. Hai un punto no que os libros pérdense cheos de po nas bibliotecas que esmorecen, por exemplo, ao longo dos centros galegos do mundo. Pero coller esta tradición e usar un medio creativo tan intrusivo como a música, permíteme non só pór en primeiro plano cuestións como esta sobre a galeguidade, senón tamén falar dos perigos que hoxe en día ameazan a nosa terra.

 

 

O nome de MoOoM semella ter algo de mantra, de son que se repite e reverbera. De onde procede e que representa para ti?

MoOoM é un palíndromo, que representa a lúa/sol a saír entre as montañas/mar, o lusco-fusco, os espazos de límite e transformación. Encerra encriptada unha tríade feminina que alude á lúa, á nai e a om, a parte máxica, creadora e espiritual da realidade.

 

MoOoM nace en Barcelona en 2017, nun contexto no que estabas mergullada en movementos sociais vinculados a Suramérica e ao mesmo tempo afondando na tradición galega. Que che empurrou a crear o proxecto?

Dende a necesidade de ter que ir buscar un futuro laboral, estaba por Europa até que acabei ficando en Barcelona, lugar a onde, por certo, meu bisavó xa migrara e tamén se adicara á música cando podía. Eu facía o mesmo, traballando do que podía para sobrevivir e cantando onde me deixaban, e sobre todo en inglés. Non obstante, chegou un momento en que sentín cantar na miña lingua, pois saía moito máis pura a mensaxe. Daquela, moito antes de conformarse MoOoM, non estaba de moda o galego como hoxe en día. Todo o contrario, só escoltaba o típico beef de que con iso non chegaría a ningures, etc. ou sempre pensando que era un brasileiro mal falado. Poder formar parte de procesos sociais de reivindicación cultural, de acción social, organización colectiva e de normalización lingüística (refírome con isto dende o catalán até o náhuatl, pois hai moitas e diversas realidades en Barcelona) fíxome ser inda máis consciente da necesidade política e liberdade creativa de usar a lingua dos meus devanceiros, para dar voz a tantos relatos acalados na migración. Dentro destas historias de ultramar, na miña familia migrou unha parte para Uruguai e outra para Río de Xaneiro. Con eles mantemos aínda contacto e, ademais, navegando entre ambos sotaques e ribeiras do Atlántico, podo mergullarme coa lingua nunha realidade histórica persoal e universal.

 

A emigración galega ten moitas vertentes: a histórica, a contemporánea, a familiar ou a propia. Que elemento da emigración che inspirou máis á hora de crear este álbum?

Todos e cada unha deles. Sei que é algo complexo pero como a realidade ten diferentes capas así mesmo este proxecto implementa as diferentes esferas. Como comentara, a miña experiencia persoal ten as mesmas motivacións de migrar que as de calquera outra persoa, poder facer medrar os seus soños porque no berce non é posible. A consciencia deste feito, tanto pola miña vida familiar como por amigas de diferentes continentes, como por estudar a historia migrante da Galiza, é o común denominador para entender, desde un aspecto humano e non só sociolóxico, a mestura de narrativas culturais no eixo atlántico.

Engadido aos aspectos citados, é fundamental o da espiritualidade. Non só viaxan ao migrar linguas, culturas e xentes, senón tamén crenzas. Atender a este aspecto máis esquecido da historia da migración é fundamental dentro das miñas pescudas.

 

 

Un dos elementos que vertebran MoOoM é a música tradicional galega, ese repertorio de transmisión oral que leva séculos pasando de xeración en xeración. Esa tradición oral foi algo que sempre estivo presente dalgún xeito na túa vida ou chegou a través da investigación académica?

Na miña historia persoal, grazas aos meus pais, puiden saber da forte represión que tivemos coa nosa cultura. Ambos son do rural, de Bueu e Cotobade, e, polo tanto, educáronos dende a diglosia, cunha represión ata física a quen falara galego, e co conseguinte racho na identidade e o que iso supón de auto odio. Dende esta fractura xeracional da transmisión oral e, dende sempre, con consciencia da importancia do ancestral, foi que acabei por estudar Historia da Arte con nesgo sociolóxico. Dentro desta fiestra académica ao final foi que me lancei primeiro aos arquivos do s. XIX e logo ao monte, ás foliadas, pero tamén dende a morriña da migración e indo aos moitos centros galegos que temos en Barcelona.

 

Detrás da fusión entre tradición e vangarda que define MoOoM, que referentes concretos sentes que marcaron o teu universo creativo?

A nivel musical de feito de pequena escoitaba música dos países celtas de forma melómana. Á parte de tentar mercar CDs en coleccionables, ía moito ás bibliotecas para pescudar nos seus fondos todo tipo de material, entre eles o fonográfico, e, con voracidade de folk do mundo, o que chamamos agora world music, ía descubrindo outras sonoridades. Inda vivín o mundo analóxico, así que con respecto a outros estilos, á parte de navegar polos clásicos, blues, stoner, psicodelia…, sempre tirei polo underground, e principalmente son black-metaleira (e similares como punk, grind, doom, noise). Así que, entre fanzines coas novidades e casetes, iamos descubrindo as bandas e xerando comunidade sen ter inda o metaverso de internet. Esa consciencia do concerto como un acto sacro, un ritual colectivo, unha homenaxe ao ancestral e abrazar a nosa escuridade para transmutar… son factores que me influencian moito en todo o que me atrae a nivel musical.

 

 

 

Case dez anos separan o nacemento de MoOoM e a publicación de AtlánticA (Ferror Records, 2026), o teu primeiro longa duración. Que tivo que pasar para que o disco fose posible?

Esta Ilíada musical levoume lonxe do meu berce durante dez longos anos nos que fun percorrendo moitas latitudes sonoras grazas a moitos mestres que tiven (e teño) a sorte de coñecer ao seu paso por Barcelona ou namentres eu mesma viaxaba polo mundo adiante.

A miña Ítaca persoal sempre foi e será Ons, ese horizonte onde non hai fin senón alén; é o que me inspira por máis lonxe que sexa a miña singradura. Ademais deste percorrido creativo polifacético e multicultural, as vivencias que nos afectan a todo ser humano (e máis tentando sobrevivir nunha capital xentrificada) foron retrasando o camiño ao tempo que o nutriron. Milleiros de concertos e experiencia, que cristalizaron no EP SoL e LúA, pero que coa pandemia quedaron quebrados ao igual que moitos de nós. Saír desa dinámica de xeito global e individual foi complexo, e sen dúbida a maxia do momento oportuno xurdiu cando máis falta facía. Xusto o día que deron o toque de queda cancelouse o primeiro concerto que tiña compartindo escena con Carlo Jurancelli. Tivemos que agardar varios anos e moitas aventuras para toparnos de volta nun moi mal momento para ambos. Así que o álbum veu coma un meigallo de sandación á nosa vida. Retomamos ideas que tiñamos xuntos ou por separado, e á nosa poción xuntouse a tolemia rítmica de Facu Alberdi. Nese momento eran compis de piso e, de feito, gravamos e producimos todo na casa coa súa mestría e moito “frikeirío” de sintetizadores. Así quixo o universo que se confabulan estas tres almas con raíces galegas pero historias vitais moi diferentes: un de Córdoba e outro de Bos Aires, un maior ca min e outro máis novo, un sendo o mestre dos beats e outro dos instrumentos. Dende logo foi toda unha sincronía cósmica na que sinto estiveron presentes os nosos devanceiros.

 

AtlánticA é un álbum de sete cortes que nace dunha investigación etnomusicolóxica arredor da diáspora galega, e que arrinca do teu traballo académico sobre Perfecto Feijoo e os coros de Galicia. Que atopaches nese arquivo que acabou axudando a definir o rumbo do proxecto?

Sobre todo atopei interrogantes. Da parte documental na Galiza, temos abofé referentes e investigación pero da parte de Abya Yala queda todo por redescobrir. De feito, un dos meus soños é poder formular un proxecto de investigación co cal ir aló, a Arxentina, e recrear a ruta transatlántica de Perfecto Feijoo, quen fixo no recentemente inaugurado tren entre Bos Aires e Córdoba. Ao tempo esculcaría e tocaría nos centros galegos que inda queden. Así que buscando como artellar económicamente esta viaxe documental. Poder dar eco a este relato e cuestionar o peso do tempo non só dende o prisma galego, senón dende o prisma dos países que non deron acubillo é o meirante interrogante que me quedou desta investigación que semella non rematará nunca. Afondar nesa historia de Perfecto Feijoo, pero non co matiz biográfico coma se fixo até agora, senón como un punto de partida dunha realidade, a migrante galega, que conformou a súa propia identidade nas latitudes máis afastadas, destacando, como sabedes, Arxentina, Uruguai, Brasil, México, Venezuela e Cuba.

 

 

Este disco semella máis un espazo de exploración ca unha obra pechada. Sentiches durante o proceso que o disco abría máis preguntas das que pensabas nun principio?

Dende logo. Quizais é máis dende aquí que me aproximo á arte e a investigación. Xerar filosofía, debate, coloquio fai que ao mesmo tempo estea vivo iso que unha relata. Pescudar nesta historia de Feijoo e o primeiro coro tradicional galego (historia que descoñecía pese a criarme en Pontevedra, onde só se lle recoñece por ser dono do loro Ravachol) é para min a escusa para pescudar na propia historia migrante. Tomando consciencia de que eu son migrante e que o foron meus devanceiros, pero que tamén os da maioría de nós. Por iso que se este traballo sonoro pode abrir a porta da curiosidade de cada persoa a ver cara ao seu propio relato familiar, querer coñecelo, conservalo… Iso para min é o verdadeiro logro. Desde un punto histórico é moi importante, pero sobre todo desde un punto ancestral e humano. Hai moitos crimes que quedan silandeiros na memoria da migración, que se mestura tamén coa violencia da Guerra Civil. A miña música é un ritual da sandación de ida e volta, dende o íntimo ao colectivo, dende o presente ao pasado, dende unha beira a outra do océano Atlántico.

 

O océano atravesa o álbum dende o título ata os propios temas. Que representa para ti o Atlántico dentro da narrativa do proxecto: unha xeografía real, unha metáfora ou algo máis difícil de nomear?

O océano é para min o berce. Certo é que teño familia de costa e mariñeira, e que pese a non ter agora o fogar alí moi ao meu pesar, até o meu nicho está mirando esa illa onírica de Ons. Na miña infancia sempre houbo peixe a limpar e sal na pel, e navegar xunto coa música é o que máis feliz me pon (gratitude infinita a asociacións como a de Os Galos). Descubrín nas miñas viaxes que ademais teño algo que se non ten nome debería telo como fobia, basicamente comezo a tolear se paso moito tempo terra dentro sen ver ou sentir grandes masas de auga. Por se todo isto fora pouco, para min ademais de berce, o mar é o fogar, e ao mar e ao río é que van as miñas ofrendas, por iso é tan especial terme criado de punta a punta dunha ría, que é onde ambas augas conviven.

Ademais do aspecto vital e espiritual, o mar Atlántico encerra en si mesmo un marco xeográfico perfecto para poder falar da cuestión da identidade galega, e todo o que dentro de Abya Yala se mesturou con ela, e con isto refírome ao que sobreviviu de culturas indíxenas e á diáspora africana após a escravitude.

Para poder navegar estas augas entre o máis académico e o máxico, MoOoM é unha serea cósmica, metáfora da migración pois navega en diferentes augas, símbolo das maxias diversas deste océano, arquetipo feminino poliédrico (nai, guerreira, deusa).

 

 

Nunha entrevista en radio definías o proxecto como “un ritual de sons atlánticos”. Se nos fixamos na definición da palabra ritual, implica repetición, comunidade, algo que ocorre nun espazo case sagrado. En que sentido AtlánticA é un ritual?

Dende a miña experiencia como meiga e como performer é que hibrido ambas facetas utilizando como linguaxe a música. Entendo esta, como diría Wagner, como un arte total, e xerar a sinestesia catártica é o meu fin último. Por iso mesmo teño ganas de poder probar o formato banda, pois o concepto pide ter visuais e en escena poder contar con dous druídas máis (o número tres é importante). Integrar a quen vén a escoitar con todos os sentidos, porque no tradicional non existe esa barreira entre escena e público, todo é unha única harmonía.

 

Ti mesma viviches este proxecto dende a migración, creando dende Barcelona e atravesada por eses contactos con comunidades latinoamericanas que mencionamos. Esa posición — estar fóra mentres fas algo sobre “o de dentro”— condicionou o relato do álbum?

Por suposto. Namentres contesto, escoito dende a casa músicas da India…

Reflexionar dende os estudos académicos é importante, pero poder transitar o que se estuda é un plus engadido fundamental. Sobre todo porque descentralízanos do eurocentrismo, humaniza a nosa mirada e axuda a entender os procesos locais tamén como universais. Un pouco coma na hermenéutica, canto máis mirei para fóra, máis entendín cara dentro (e viceversa). Canto máis formaba parte de movementos sociais máis entendía o común denominador histórico do capitalismo caníbal. Ao final é a mesma orixe a do berro para defender a terra mapuche, que o berro para defender a nosa Galiza. Poder vivir un anaco de tantas realidades culturais a onde foron os nosos devanceiros, decatarme do profundo nexo que existe. Entre moitas experiencias, por exemplo, está a de traballar de xestora cultural no Centro Galego de Barcelona, peza fundamental para entender esta identidade mixta que supón a galeguidade. Entender ese concepto do atlantismo, que permite unir o que somos, nas dúas ribeiras dese océano temos tecida a nosa identidade galega.

 

 

Aínda que MoOoM é un proxecto persoal, AtlánticA constrúese en cocreación con Carlo Jurancelli e Facundo Fernández Alberdi, que ademais comparten contigo vínculos coa diáspora galega. Como se artellou esa cocreación en termos prácticos?

Precisamente, da pregunta anterior é perfecto o exemplo destes dous alquimistas musicais.

Carlo é de Córdoba, e o seu bisavó era de preto de Compostela. Investigou a súa historia, pero non conseguiu conectar algunhas pezas do crebacabezas familiar, que quizais este álbum axude a completar. Moitas das persoas que marchaban buscaban facer unha nova vida.

Facu é de Bos Aires e a súa avoa era de Vila de Cruces. Ademais de ter a típica avoa galega, matriarca farturenta que tivo que exiliarse por mor da Guerra Civil; tamén co seu pai medrou co folk galego, pois era o director musical da irmandade galega de onde vivían. E el vén dunha familia de artistas e cun espírito libre e nómade circense.

Facu toca a pandeireta ao xeito vello e, ao tempo, leva no corpo o ritmo da percu do candombe, e a calquera cousa que cae nas súas mans consegue extraer sons. Carlo ten todo o universo sonoro dos sintes modulares e analóxicos, pois, ademais de compoñer, traballa reparando e fabricando estes trebellos na empresa Antonus. Dende logo, o xuntarse o meu cosmos cos deles dous, atopamos a peza clave para poder articular entre os tres unha sonoridade para unha narrativa que levaba anos elaborando sen froito. Foi unha sinerxía cósmica que, para ben ou para mal, cristalizou nese momento concreto e que, por motivos persoais, non continuará (un pensa en voltar á Arxentina e o outro migrou para Francia).

Agora mesmo, a idea é montar o directo de AtlánticA co talentoso Artur Puga, con quen xa realizamos un concerto piloto, e rematar de argallar a familia creativa (que vai tomando forma grazas a Nume Producións e Todo-Tofu). Para finais do verán lanzaremos o vinilo grazas a Ferror Records e a súa aposta por proxectos underground, cunha tiraxe de 200 exemplares, engadindo algúns singles sorpresa e a presentación do formato banda.

 

Traballaches con gravacións de arquivo, instrumentos tradicionais e técnicas contemporáneas de síntese e sampleado. Se nos centramos nas gravacións de arquivo, de onde proceden e como foi o proceso de selección?

Elelelos, da asociación Retrouso de Cela. Foi principalmente de onde collín referencias literais dalgunhas das cantigas. Como o cantar e a foliada de Sabarigho, ou o pasodobre e muiñeira da illa de Ons; Faustino Santalices, La zanfona; gravacións de Xeito Novo.

 


 

Esas gravacións son un material que xa ten unha potente carga semántica e emocional de seu, digamos, “en bruto”. Que significou para ti empregalas como material para a construción do son de AtlánticA?

A miña familia é de Cela, e a referencia ao mar en todo fixo que tomara este tótem. De feito, a idea para o seguinte álbum será facer o propio coa outra parte da familia, que é de Cotobade. E, deste xeito, facer unha dualidade entre o mar e o monte, entre a parte do pai e da nai, o masculino e o feminino, o sol e a lúa. Xogar con esas dualidades que todos temos, sandar dende a música dos devanceiros ata o presente.

Facu ten unha achega especial, pois usamos sampleados de discos que estaban gardados no ordenador do seu pai, que desgraciadamente xa finou.

 

As letras de AtlánticA falan sobre meigallos, tradición, meigas e legado. Como traballas a creación desas letras?

Pois intento integrar previamente a enerxía do que quero comunicar. Sempre a primeira toma quero que sexa desde a improvisación para chegar ao máis puro. Logo, digamos, de facer o meigallo, é que chega a parte de traballar a letra para tentar sintetizar e transmitir o mellor posible. Ao final, hai temas que tamén están pensados para ese ritual do directo, e outros máis como singles, coas súas partes, digamos, máis recoñecibles. Sexa dun xeito ou doutro, para min o máis importante é o traballo previo de canalizar a mensaxe, inda que logo escribo de xeito algo críptico, coido que as verbas reverberan e deixan a súa semente no pensamento para que brote algo máis aló do que eu poida dicir.

Desprenderse do ego á hora de crear é o máis importante ante calquera estilo musical no que me mergulle.

 

 

Entre “Migra Som” e “Portos do máis Além” hai un contraste moi marcado: dun son tradicional con pandeireta pasamos a ritmos que evocan o Caribe. Sendo un álbum sobre emigrar cruzando o océano, ese salto sonoro é deliberado para trasladar ao oínte que a travesía xa chegou ao seu destino?

A historia que se narra dentro do directo é a da serea cósmica MoOoM, que nace das frías e escuras augas de Galicia. Unha vez en terra, mestúrase coa xente en foliada e esmorga, mais migra porque non se respectan xa nin aos seres antergos pola cobiza dos homes, que esqueceron as lendas. Navega, ao igual que moitos outros, alén do mar, ao Novo Mundo, e alí mergúllanos noutras tradicións musicais e máxicas.

Con esta referencia simbólica podo encarnar a unión de ambas as dúas ribeiras, e os moitos anos que levo estudando o folclore de Abya Yala permítenme nesta viaxe sonora mergullarnos noutras latitudes. Tamén por iso se mesturan  muiñeira e chacarera, ritmos do rural de recollidas con sintetizadores analóxicos. De feito, queda por completar este periplo cun par de temas coa nova formación.

 

 

O disco inclúe colaboracións con KAJHA e Skarra Mucci dende Colombia e Xamaica, e con Sonido San Francisco entre Colombia e México. Como chegaches a eses artistas? De que xeito cres que dialoga o seu son coas raíces atlánticas galegas?

Como teño comentado, en Barcelona levo anos principalmente estudando, grazas a diferentes mestres, as tradicións do folk brasileiro e latinoamericano (especialmente afrocolombiano). Dentro deste prisma internacional e sobre todo decolonial, é que me achego a outras latitudes.

Ademais, levo anos personándome en feiras de negocios de música como o Womex, e aló fixen moitas amizades moi diversas. Por todo isto foi fácil realizar estes temas e quería representar un chisco de toda esa diversidade cultural na que cohabito cos meus amigras.

En concreto, Skarra Mucci é amigo desde hai moitos anos e é un dos expoñentes do dancehall máis famosos do mundo. A Khaja, outro mestre recoñecido, fómonos topar nun festival ao que me convidaran en Bélxica para recadar fondos para a causa do Paro Nacional en Colombia (había organizada unha rede de resistencia para recadar fondos e envialos á primeira liña, pero as miñas aventuras de activismo dan para outra pregunta). En xeral, ao longo de Europa as comunidades organízanse para tener espazos propios e promover a súa cultura, igual que fixemos nós cos centros galegos ao longo do mundo. Este relato plural é o que me interesa, e coñecer as diferentes solucións diaspóricas ás mesmas problemáticas migrantes.

Por outra banda, con Sonido San Francisco gravamos un tema que sairá como single dentro do seu próximo traballo.

Como xa comentara, temos tamén temas sorpresa na recámara que irán nesta liña latina. Agora está de moda, pero levo facendo cumbia en galego dende hai moitos anos e, dende logo, seguirei facéndoa, pero tamén outros estilos que amo como o kuduro, o afrobeat, o bullerengue, o son ou o currulao. Ando na procura de concretar con quen as farei porque mirei varios nomes como como Verto, Petrowsky, Rhome... pero inda non o desvelaremos. O que teño claro é que quero que sexa galegx e ter un combo entre Barcelona, Bueu e Abya Yala.

 

Sendo este o teu primeiro longa duración como MoOoM, que aprendizaxe ou descubrimento che deixou o proceso?

Que nunca estará perfecto e que sempre é mellor tirar para adiante. Polo menos, con isto refírome á hora de crear. Sen medo e sen vergoña, porque se non, acabas atrapado nun bucle de perfección do que non saes, e logo pasa o momento que queres reflectir e xa como que non ten sentido.

Pola banda do marketing, sempre pedir consello, e, ao revés, non ter présa ningunha en sacar as cousas. A industria funciona por singles máis que de álbums agora mesmo, e resulta difícil manterse na mirada e conseguir que a xente queira escoitar o que tes que dicir.

Inda que levo toda a vida facendo música, inda cada día aprendendo.

 

 

Agora que o disco xa está fóra, como está sendo a recepción? Houbo algunha lectura ou reacción inesperada?

Polo de agora, todo vai moi ben. Dende logo semella que cousas básicas vanse perfilando, pero inda sen contrato con ninguén para promover o proxecto. Así que sigo moi aberta a propostas.

Se todo vai ben, Nume Producións e Todo Tofu encargaranse de levar booking e management, pero inda quedan un mundo de cousas por fechar e todo está feito desde a autoprodución co cal estou a piques de quedar sen un can. Moita xente moi talentosa vai colaborando e iso o valoro moitísimo, como foi o caso do máster realizado por Rubén Montes ou a arte de Laura Villar, Juan Amoedo, Elvira Jardón e Luis Boullosa (na produción do primeiro videoclip). Está tendo moita máis acollida da que cría, e dende o minuto cero Esqui e Artur confiaron no meu proxecto antes de que saíse do forno.

Ademais de a Ferror Records, quero agradecer a Samaín, outra discográfica moi interesada no proxecto e coa cal seguramente colaboraremos. Ou agradecer a salas e outros artistas que están apoiándome, ofrecéndome un oco na súa axenda ou querendo colaborar comigo. Veñen moitas sorpresas fermosas, só vos podo adiantar iso.

 

Se falamos de directo, que pode esperar o público da posta en escena de AtlánticA?

Un ritual sonoro de ritmos atlánticos. Levoume moitos anos de proceso creativo ter claro o que fago para poder definilo. Pero con isto, a persoa neófita a MoOoM pode vir preparada para vivir unha experiencia de forma activa, para participar da foliada electrónica, para ser parte do latexar ancestral no concerto. Sempre haberá unha parte importante de improvisación no que fago, pois esa é a porta que permite que todo estea sempre vivo cada vez que nos mergullamos no escenario.

 

AtlánticA define un territorio artístico moi concreto. Sentes que o seguinte paso de MoOom estará dentro dese mapa xa trazado ou que é un punto de partida para dirixirse cara a outros lugares?

Como comentara, o mar é sempre o berce da serea cósmica que representa MoOoM. É o berce e o fogar pero ao saír das augas e entrar no mundo do cotián tamén recolle tradicións e cantos doutras terras e culturas.

De feito, o seguinte álbum debería estar inspirado en Cotobade-Cerdedo, de onde é a outra parte da miña familia. De seguro no verán voltarei percorrer as corredoiras da Terra de Montes para topar patrimonio inmaterial, petróglifos e aldeas abandonadas.

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Sen dúbida diría a raze, co cal estamos a trazar colaboracións para o futuro e acaba de publicar o seu primeiro EP (foi finalista dos Premios Martín Códax deste ano). Por outra banda, impresionáronme os Carabela, con quen tiven a sorte de compartir data en Compostela grazas a Ferror Records. E despois coma colectivo activo aos CeibaRimas, que están a promover o rap e a regueifa. Pero tamén á benquerida familia de Trépia (e o seu festival Festa das Fontes, onde participarei formato performance).

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Soa sempre nalgún momento “Aquamaria” (Colour Haze), “The Mountain” (Stoned Jesus), “Oie Gayego” (Verto) ou “Teño unha colega que...” (Rabelo). Se me poño máis folkie, obvio Mercedes Peón con Deixaas.

Moito onda ZZK Records (Oxhala, Maga Bo ou Dengue Dengue Dengue) ou Galletas Calientes Records... e sempre clásicos de salsa, cumbia ou Salsa Choke (“Lluvia con nieve” ou “Estamos Melos”).

Moito kuduro e afrobeat, destacando a deusa Pongo.

Nos días máis internos Wardruna ou Burzum non poden faltar (aínda que Fotocopia ou Patriarchy flípanme moito ultimamente).

Se tivese que escoller unha soa canción de todo o que escoito coido que sería “Aquamaria” ou “The Mountain”. Son temas que levo escoitando dende que son adolescente Pero se me pos algo de Mayhem, Immortal ou Archgoat, tamén me fas moi feliz [risos].

  noticias