• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2026

NOVOS LANZAMENTOS. XUÑO 2026
4 XULLO 2026

“Campo”, Aprendiz

A aldea de Donsión funciona en Campo como orixe, refuxio e mapa emocional de Aprendiz, proxecto do lalinense Nicolás Hermida López, que debuta cun álbum de 12 cortes profundamente arraigado na Galicia rural interior. Desde unha ollada artesanal dentro da nova escena urbana galega, o disco constrúese como un exercicio de memoria e gratitude cara á familia, o fogar, a terra e, sobre todo, a muller labrega, encarnada nas figuras da nai e da avoa como sostén silencioso dun xeito de vida. Entre o costumismo, a experimentación e unha sensibilidade moi próxima á raíz, Campo reúne lembranzas que arrecenden a caldo, a estufa quente e a sábados de cantares, tecendo unha rede de vivencias cotiás que reivindica a grandeza do pequeno. Con colaboracións de Daniel Madison, Paula Cordero, Volk GZ ou Rodro, entre outros, Aprendiz sitúa o seu primeiro álbum nun lugar propio dentro da música galega contemporánea: preto da natureza, do que permanece e daquilo que só se entende volvendo á casa.

 

 

 

“Across Possibility, Fractales Sonoros”, Alejandro Vargas

Tres anos despois do seu anterior álbum, Alejandro Vargas regresa con Across Possibility, Fractales Sonoros (aCentral Folque, 2026), un traballo de jazz contemporáneo no que o piano se converte nunha ferramenta de exploración íntima, precisa e chea de carácter. Ao longo dos seus 12 cortes, o disco avanza cunha emoción contida, deixando que cada nota respire e constrúa unha expedición sonora onde conviven a raíz, a abstracción e unha intensa capacidade evocadora. Pezas como “Bosque”, “Tierra-semilla”, “Raíz” ou o tema homónimo “Across possibility” debuxan un percorrido de matices orgánicos e fractais emocionais, no que a composición parece abrir camiños posibles entre a memoria, a natureza e o movemento interior. É un regreso de escoita profunda, guiado por un piano expresivo e firme, capaz de transportar a quen escoita cara a alí onde Vargas decide acompañalo coa súa música.

 

 

 

“Lembranzas futuras”, A Sombra dos Soños

A banda A Sombra dos Soños, liderada polo guitarrista e vocalista Jose Carballido, presenta Lembranzas futuras (2026), o seu segundo longa duración: seis cortes que conforman o seu traballo máis ambicioso ata a data. Tras os adiantos “Muiñeira do Areal” e “Muiñeira dos Soños”, o grupo vai máis alá das súas muiñeiras metaleiras para abrir un disco musicalmente poliédrico, no que o rock e o metal dialogan coa música tradicional galega, a electrónica, a música clásica e mesmo o flamenco. Temas como “A Cantareira” —introducida por harmonías vocais tradicionais que dan paso ás guitarras e á poderosa voz de Carballido—, “Ti es vida” ou “Quero ser” percorren territorios que van do heavy metal épico ao rock progresivo e ao metal alternativo. O peche chega con “O Meigallo”, a primeira canción da banda en contar cunha orquestra clásica, acompañada por un videoclip no que La Reyes suma palmas e taconeos a un tema que redondea un traballo valente, profundamente persoal e coherente na súa vontade de cruzar fronteiras sen perder o norte.


 

 

 

“Sem a terra à vista”, Javier Otero Neira

Desde as primeiras notas de Sem terra à vista (Landra Music SL, 2026), Javier Otero Neira convida o oínte a internarse nun territorio sonoro inquietante e suxestivo, onde a tensión contida e a sensación de desacougo se converten en elementos narrativos fundamentais. A través de cinco pezas de carácter experimental, o pianista estradense constrúe unha experiencia inmersiva que transcende os límites do recital tradicional para explorar texturas, silencios e atmosferas de grande intensidade emocional. Este novo traballo conecta coa inquietude artística que definiu a traxectoria de Otero, sempre interesado en achegar a música a novos públicos e en cuestionar os formatos convencionais de escoita. O resultado é unha obra esixente e absorbente, concibida para deixarse levar por ela e descubrir, en cada escoita, novos matices agochados entre as súas sombras.

 

 

 

“Dee - 19:26”, Wanna Dee

Wanna Dee rompe un silencio discográfico que se prolongaba desde 2021 cun EP de tres temas que, malia o seu formato breve, concentra unha enerxía directa, compacta e liberadora. Gravado entre 2019 e 2020 e publicado agora, o traballo conserva algo de cápsula retida no tempo, coma se esas cancións agardasen o seu momento para saír coa forza daquilo que levaba demasiado tempo contido. Xunto a johnnyca na produción e Its Soul como acompañante no proceso creativo, Wanna Dee entrega un proxecto fresco e potente, construído desde a urxencia emocional e unha sonoridade que soa a desafogo, a movemento e a regreso necesario.

 

 

 

“Aplastados por el cielo”, Valró

Con Aplastados por el cielo, Valró asina o seu sétimo traballo discográfico e continúa afondando nunha proposta pop construída desde a honestidade e a proximidade. Detrás do proxecto atópase José María Valeiras Roldán, compositor e músico autodidacta afincado en Carballo, que volve situar as preguntas existenciais e as pequenas escenas da vida cotiá no centro dunhas cancións que apostan por unha ollada luminosa e esperanzadora. Ao longo de trece cortes marcados por guitarras e pianos melódicos de carácter alegre, o álbum desenvolve un discurso accesible e reflexivo, no que a sinxeleza dos arranxos reforza a mensaxe dunhas letras que convidan a atopar sentido e beleza no cotián. O resultado é unha colección de cancións directas e optimistas que consolidan a identidade artística de Valró dentro do pop de autor.

 

 

 

“Rock & Callos (Directo)”, Triquinosis BiT

Rock & Callos (En Directo) (PigStarRecords, 2026) captura o que só pode acontecer unha vez: a actuación do 1 de xaneiro de 2026 na Sacabeira (Cervo), convertida en doce cortes cargados de enerxía canalla, guitarras afiadas, rabia e diversión contaxiosa. Con eles, Triquinosis Bit mantén vivo o espírito inconformista que os converteu nunha das bandas máis singulares xurdidas da Mariña a comezos dos noventa. Entre finais apoteósicos, coros compartidos e unha celebración colectiva con arrecendo a callos e licor café, o grupo demostra que a súa maneira de entender o rock segue intacta: directa, honesta e allea a calquera artificio.

 

 

 

“LUBRE: 40 ANIVERSARIO”, Luar Na Lubre

Catro décadas despois da súa fundación, Luar na Lubre celebra unha das traxectorias máis relevantes da música galega con Lubre: 40 aniversario (Warner Music, 2026), un novo traballo discográfico que serve tanto de celebración como de reafirmación artística. Acompañando unha xira especial que percorrerá algúns dos escenarios máis emblemáticos da súa historia dentro e fóra do Estado, a banda coruñesa presenta un álbum de trece temas inéditos que dialogan co seu extenso legado musical. Fieis á súa vocación de interpretar, desenvolver e divulgar a cultura galega desde unha perspectiva contemporánea, Luar na Lubre continúa explorando as músicas de raíz sen renunciar á evolución sonora que os converteu nun referente internacional do folk. Máis que unha efeméride, este proxecto é unha nova mostra da vixencia creativa dun grupo que, corenta anos despois, segue iluminando camiños para a música galega no mundo.

 

 

 

“Apóstoles”, XianPais

O segundo longo de Xian Pais Chámase Apóstoles (K291, 2026) e chega oa determinación de quen ten claro o que quere contar. A voz grave e profunda deste rapaz de Louro posúe unha personalidade propia que lle permite construir un rap sen artificios: natural, directo e con capacidade de quedar en quen o escoita. Nesta nova entrega, Xian non está só: a produción corre a cargo de Yuly, como xa vén sendo habitual, mentres que Kid Mount, e Lil Chachi—un dos integrantes de The Rapants, aquí na súa versión máis próxima ao trap—se suman ás voces. Letras que falan do éxito, das envexas, da melancolía e da vontade de seguir medrando sosteñen un traballo que confirma a Pais como unha das voces máis sólidas do rap galego.

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums cos discos completos!

  noticias