A SOMBRA DOS SOÑOS: «O FUNDAMENTAL É NON LIMITARSE, DEIXARSE IR SEN ENGAIOLARSE NUN ÚNICO ESTILO»
Unha muiñeira pode convivir co metal, unha cantareira cunha guitarra eléctrica e o pasado pode servir para imaxinar o futuro. Este é o territorio no que se move A Sombra dos Soños, a banda conformada por Jose Carballido (guitarra e voz), Diego Lestón (batería), Daniel Añón (guitarra e coros), José Roca (teclados) e Javier Carrión (baixo): cinco músicos que atoparon na mestura entre contundencia, melodía e tradición galega unha identidade propia.
Tras o punto de inflexión de «Muiñeira do Areal», que confirmou que había público para unha proposta afastada do mainstream e abriu novas oportunidades para a banda, chega Lembranzas futuras: seis cancións nas que a música de raíz dialoga co rock e o metal, a electrónica, a orquestración clásica e o flamenco, nunha procura constante de novas formas de expresar emocións sen pecharse nun único estilo. Un traballo que, como o seu propio título, mantén un pé no pasado, outro no presente e a mirada posta no futuro.

Foto: Ferga's Project
Jose, con oito anos xa levabas catro cursos de solfexo aprobados e pasaches polo violín e o piano antes de coller a guitarra. Que quedou desa formación clásica cando, aos quince anos, decidiches que o teu era o rock?
JOSE: A música clásica é a base da miña formación musical e do meu xeito de compoñer, arranxar e mesmo cantar, así que está presente en todo a música que pasa polas miñas mans. Se cadra, o máis salientable sexa a busca da perfección na interpretación, tanto a nivel técnico como desde o punto de vista emocional. É inalcanzable, pero no ensino clásico é ao que se tenta aspirar sempre…
Despois de pasar por diferentes formacións e maneiras de entender o rock, que necesidade persoal ou creativa vos levou a poñer en marcha A Sombra dos Soños?
JOSE: Eu levaba xa moitos anos traballando como mestre de música e compoñendo cancións «escolares» en galego. Iso fixo que me decatara da sonoridade tan especial que o galego ten na música e foi o que me impulsou a crear A Sombra dos Soños. Ademais, estamos nun momento no que se fai absolutamente necesario apoiar a nosa lingua o máximo posible.
Antes de A Sombra dos Soños, Jose, Daniel e Diego xa coincidirades en Khitara, un proxecto sen baixo nin batería, sostido por catro guitarras e un caixón flamenco. Que aprendestes compoñendo para unha formación tan pouco convencional?
JOSE: Foi moi interesante, xa que houbo que buscar unha forma diferente de arranxar e recursos ad hoc para conseguir transmitir dun xeito parecido ao que se consegue con música na que tes unha batería. Basicamente, tratouse de que a textura medrara nas partes máis dinámicas e decrecera nas menos dinámicas, xogando coa paleta de sonoridades que dan as guitarras eléctricas, cos recursos técnicos que dan as guitarras clásicas e aproveitando os instrumentos de percusión menor en combinación co caixón.

Foto: Ferga's Project
Esta banda reúne músicos con percorridos distintos. Que atopou cada un de vós neste proxecto? Por que xuntarvos, a maioría de vós, baixo un nome novo?
JOSE: O novo nome era necesario, xa que, aínda que algúns de nós xa estabamos xuntos noutros proxectos, A Sombra dos Soños é o primeiro que é integramente en galego e cun cambio estilístico notorio. Non me cadraba usar un nome que na miña cabeza xa tiña unhas connotacións diferentes.
Eu atopo en A Sombra dos Soños un proxecto emocionante no que non me poño límites estilísticos.
DIEGO: Atopei un espazo no que entendín que, moitas veces, menos notas poden expresar moito máis e no que, se aprendes a escoitar o resto de instrumentos, xorde unha natural complicidade entre eles.
DANI: Unha forma de conxugar a tradición coa guitarra eléctrica e o rock
JOSÉ: Atopei un espazo no que liberar a miña musicalidade metaleira que tiña aletargada polo clásico! E desfrutar do proceso activo de gravacións dos temas e dos videoclips! Unha novidade para min.
JAVI: A música é incriblemente boa e de moita calidade, a mestura do tradicional co rock máis duro e con toques de electrónica é fascinante. Todo isto cantado cun toque heavy e en galego paréceme do máis innovador, e os músicos teñen un talento doutro planeta co que non se pode estar máis a gusto tocando e, por riba, son moi boa xente. É un pracer enorme formar parte disto
E falando de nomes, que buscabades que contara «A Sombra dos Soños» sobre vós?
JOSE: O nome A Sombra dos Soños reflicte que a procura das nosas metas agocha unha dualidade inevitable: a luz dos lances marabillosos e a escuridade do esforzo máis duro.

O voso primeiro traballo, I, chega en 2023, e reúne catorce cancións que se moven por distintas formas de entender o rock e o metal, con elementos progresivos e acústicos. Cando o escoitades agora, que parte da identidade actual da banda estaba xa aí?
JOSE: I é un disco moi ecléctico, pero cunha personalidade moi marcada. Condensa moi ben as bases de elementos que forman tamén na actualidade o estilo da banda: a enerxía do rock/metal e a importancia da melodía (xa sexa vocal ou instrumental). Aínda que en Lembranzas Futuras (o novo EP) hai recursos compositivos diferentes e busco sonoridades novas, esas dúas columnas seguen aí: contundencia e melodía.
En ambos traballos, Jose, asumes a composición e os arranxos. Como é o paso unha idea individual á interpretación da banda? Como vai mudando un tema desde a primeira escoita á maqueta final?
JOSE: O traballo en A Sombra dos Soños é máis parecido ao mundo clásico que ao traballo de banda en si. Eu compoño o tema, arránxoo, grávoo, escoito e, se estou satisfeito, edito as partituras. Despois paso ao resto da banda a gravación e as particellas . Cada un estúdiao na súa casa e no primeiro ensaio o tema xa soa. A idiosincrasia de cada membro queda despois plasmada na gravación final. Por exemplo, Dani é un guitarrista diferente a min e a súa gravación, sendo as mesmas notas, soa diferente. Tamén hai pequenas variacións no arranxo con respecto ao que eu escribo: breaks, algunha parte do baixo…
Ás veces si que existe unha diferenza grande entre o primeiro arranxo que fago e o definitivo, xa que reviso moito as pezas e gústame buscar camiños diferentes e non repetirme.
En I hai xa algún xesto cara ao folk galego, aínda que discreto fronte ao peso do rock e do progresivo. Como foi entrando ese ingrediente tradicional nun disco que, en principio, nace doutros lugares do rock?
JOSE: Sempre me chamou a atención a música tradicional galega, polo seu compoñente rítmico e as escalas modais. Ademais, hai bandas de folk metal e folk rock que escoitei moito. Mesmo o primeiro proxecto que tiven (Mízar), no que Diego xa tocaba a batería, tivo unha época moi cercana ao folk metal. Como I foi unha especie de homenaxe a toda esa música que escoitei durante a miña vida, este estilo tiña que estar tamén presente.
En 2024, Jose, entras en «Recantos», dentro do programa da TVG Luar, un concurso de canto asociado a repertorios e públicos que, en principio, podían parecer moi afastados do voso universo musical. Que había nesa experiencia capaz de poñerte a proba como interpréte?
JOSE: Todo! Sabía que ía ter que cantar estilos que nunca na vida cantara e iso supuxo un reto enorme para min, se cadra non tanto a nivel técnico como a nivel estilístico, pero sentín a necesidade de poñerme a proba.
Que prexuízos (propios ou alleos) tiveches que deixar fóra antes de subir ao escenario e participar no concurso?
JOSE: Pensei que habería unha parte do mundo rockeiro que non aceptaría a miña participación nun concurso destas características, pero todo o que me chegou dende este ámbito foi bastante positivo. Tamén pensei que a miña estética e a miña forma de cantar podía non gustar ao público de Luar. Por fortuna, equivoqueime.
Durante o programa interpretaches cancións que non compuxeras nin escolleras ti, pero contaches para La Voz de Galicia que procurabas levalas cara ao lugar ao que irías se fosen propias. Que aprendiches sobre a túa voz que non descubriras previamente?
JOSE: Moitas cousas. A máis importante é que a miña voz pode gustar a grupos de xente moi diferentes: a cantidade de eloxios que recibín por parte de persoas moi afastadas do meu suposto público obxectivo foi enorme!
Tamén aprendín a ser moito máis flexible nas horas anteriores a ter que cantar… Normalmente teño os meus rituais de quecemento vocal, de estar metido no meu mundo, de concentración, etc… Na tele todo isto non se pode facer porque hai cousas que xorden no propio momento e tes que adaptarte ti a eles e non ao revés.

Foto: Ferga's Project
En 2024 publicades «Muiñeira do Areal», unha peza galega levada á linguaxe do rock e do metal. Nela, a música tradicional deixa de aparecer só como unha influencia para converterse no centro da proposta. Que atopastes ao xuntar unha muiñeira con guitarras, batería e a intensidade da propia banda?
JOSE: Que encaixa perfectamente! A muiñeira e o metal teñen unha estrutura rítmica moi marcada e iso fai que convivan espectacularmente ben. Ademais, a combinación dos sintes coa guitarra eléctrica crea unha sonoridade na parte melódica moi intensa e expresiva.
Esta peza supera as 400.000 reproducións nas redes sociais e abriuvos portas que vos levaron mesmo ata Centroamérica. Que efecto tivo esa resposta no rumbo da banda? Confirmou un camiño que xa estabades explorando?
JOSE: Trouxo moitas cousas que doutro xeito non poderían suceder. Unha delas foi poder ir á TVG, co que iso conleva. O da viaxe a Costa Rica para colaborar con Terra Nai foi algo absolutamente fóra do común.
Efectivamente, confirmou que a música tradicional está en auxe e que, aínda que poida parecer o contrario, existe público para propostas alonxadas do mainstream.

En xuño deste 2026 chega Lembranzas futuras, o voso segundo disco: seis cancións nas que o rock e o metal conviven coa nosa música de raíz, a electrónica, a orquestración clásica e mesmo o flamenco. Que necesitabades explorar con este traballo?
JOSE: Novos camiños, novas formas de expresar emocións universais.
O título xunta dous tempos que parecen contraditorios: aquilo que conservamos do pasado e o que aínda está por vir. Como naceu esta idea e que relación garda co fío que une as seis cancións?
JOSE: Quería que o título expresara con exactitude o que é o disco en si: música cun pé no pasado, outro no presente e a mirada no futuro.

Foto: Ferga's Project
«Hai tempo que escoitei o seu cantar. Vén acompañado coa pandeireta na man», escoitamos en «A Cantareira». As voces tradicionais e o heavy metal parecen mundos afastados, pero comparten forza, carácter e unha interpretación moi física. Foi ese terreo común o que vos fixo entender que podían convivir de maneira natural?
JOSE: Sen dúbida, os típicos ailalas empregados na música tradicional galega teñen esa caracterísitica rítmica tan importante tamén na música máis enérxica.
Contades coa participación de Os Carecos e das cantareiras Sandra Novais (Breo) e Cristina Sánchez (Balteira) para os coros. Que achegaron estas voces á identidade da peza?
JOSE: Moitísimo! Cando gravei a maqueta fixen eu todas as voces «tradicionais», pero o meu estilo non era o axeitado para esas partes, necesitaba a técnica vocal do mundo tradicional para chegar ao punto que buscaba. Con esta boa xente a sonoridade foi xustamente o que a peza precisaba. Estareilles eternamente agradecido!

Foto: Ferga's Project
«Vexo brillar nos teus ollos aquela emoción», escoitamos en «O Meigallo», un tema no que colaborades con La Reyes. Que lugar ocupa a paixón dentro da canción e que atopastes na súa voz e no flamenco para incorporalos ao universo de A Sombra dos Soños?
JOSE: A peza é pura paixón (son dous namorados que falan mentres el está morto a mans dela) e tradición galega: todo se desenvolve a partir dun meigallo feito por unha bruxa.
Coñecín a La Reyes en Recantos, ela era tamén unha concursante. Ten unha voz cálida que transmite emoción e proximidade. Xa no concurso falamos de colaborar. Fixen a canción xa pensando na expresividade que ela podía aportar e esa premisa xa me levou cara o flamenco.
Penso que o fundamental é non limitarse, deixarse ir sen engaiolarse nun único estilo.
No videoclip de «Muiñeira dos Soños» compartides a escena con Repoludas e Silandeiras, da Escola Municipal de Baile Tradicional de Coirós. Que achega a presenza do baile á maneira de entender e representar a canción?
JOSE: Enfatiza a mensaxe. A presenza do grupo de baile fai que a peza se configure como un único elemento e apórtalle naturalidade e forza interpretativa.
No mesmo vídeo levades unha das xoias máis recoñecibles do traxe tradicional galego: o sapo, elaborados neste caso por Silvereira. Que vos levou a escoller precisamente esa alfaia?
JOSE: Levamos varios sapos e algunha alusión tradicional máis para seguir redundando na mensaxe de que a nosa proposta é respetuosa co mundo galego aínda que incorpore outros recursos. A elección do traballo de Silvereira non foi casual, os materiais cos que traballa non son os habituais neste tipo de elementos e pareceunos interesante que formara parte do mundo visual desta muiñeira.
É un disco autoproducido, pero que partes do proceso asumistes vós e en cales vos apoiastes en profesionais externos?
JOSE: Algunhas pezas están mesturadas e masterizadas por Manuel Ramil e outras por Dani Dynamita. O resto do proceso foi cousa nosa.
Neste disco, conviven guitarras, electrónica, orquestración e instrumentos tradicionais. Como trasladades toda esa riqueza sonora ao directo sen perder a forza das cancións?
JOSE: Pois o que facemos é levar elementos gravados. Estamos no século XXI, iso xa non pode supoñer un problema :) A parte electrónica sempre irá gravada, pero de existir medios sería maravilloso poder levar un grupo de cantareiros e cantareiras que tamén tocaran percusión tradicional…
Que aparece sobre o escenario cando tocades os cinco xuntos que non pode quedar recollido nunha gravación?
JOSE: Vivimos cada concerto como unha oportunidade única de levar a nosa música á xente, sentimos cada peza intensamente e iso é o que transmitimos. Penso que é o que nos leva a ter unha conexión especial co público. É algo fóra do común o xeito no que nos arroupa e se entrega en directo.
Jose, no teu traballo como profesor achegas a música tradicional e a lingua galega ás novas xeracións. Que che ensinan os nenos e nenas sobre escoitar música sen prexuízos nin fronteiras entre estilos?
JOSE: A ensinanza principal é que a música ten a capacidade de chegar e facer desfrutar a case tódalas persoas. As pezas que traballo coa rapazada non son para nada infantís, nin comerciais, nin en estilos mainstream… e desfrutan facendo esa música. Por outra banda, o que si vexo é que desde moi pequenos están expostos aos estilos máis comerciais, o cal non tería ningún mal se despois o algoritmo non lles ensinara sempre o mesmo. Non está mal comer unha hamburguesa de cando en vez, pero comela todos os días durante toda a vida… Non sei se me explico…

Foto: Ferga's Project
Se o título deste LP fala do que recollemos do pasado e proxectamos cara ao que está por vir, que vos gustaría lembrar no futuro desta etapa que estades vivindo agora como banda?
JOSE: Agardamos lembrar esta etapa como un punto de inflexión para a banda: tras moito tempo de composición, arranxos, ensaios e gravacións no estudio, logramos consolidar un son propio e un repertorio moi potente. Agora precisamos que todo ese traballo se traduza en oportunidades para tocar, entrar en festivais e seguir medrando.
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
JOSE: Voume ir a catro proxectos que se cadra non son moi coñecidos ou deberían selo máis. Os Carecos, Breo e Balteira son moi recomendables. Como favorito que hai que coñecer diría Spiritu 986, que foi unha banda absolutamente pioneira na mestura de electrónica e tradicional.
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100 % sinceridade, 0 % vergoña.
Un abanico ben amplo: desde todas as variedades de rock desde o 70 ata actualidade (nacional e internacional), progresivo, electrónica e clásico ata música tradicional galega, pasando por folclore americano e R&B contemporáneo. Unha chea de cousas!

