• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

RAZE: «NINGUÉN PODE LIMITAR A MIÑA IDENTIDADE. SON UNHA TRANSFORMACIÓN CONSTANTE»

raze: «NINGUÉN PODE LIMITAR A MIÑA IDENTIDADE. SON UNHA TRANSFORMACIÓN CONSTANTE»
7 SETEMBRO 2026

Hai proxectos que nacen para ocupar un lugar e outros que parecen feitos para non quedar quietos. raze pertence claramente aos segundos. Música, danza, imaxe e performance cruzan unha proposta que desde «brumbrum», en 2024, foi medrando arredor do movemento, a experimentación e unha vontade explícita de facer as cousas doutro xeito.

Ese percorrido desemboca en ºoº (Alende, 2026), o seu EP debut, publicado en maio: seis cancións conectadas sonora e visualmente e prolongadas nunha peza audiovisual gravada en Rande. Falamos con raze sobre o proceso creativo detrás do disco, a danza, o directo, a identidade queer e esa necesidade de seguir transformándose sen deixar que unha única etiqueta explique todo o que é.

 

Foto: Candela Balboa

 

Contabas en Nós Diario que vés dunha familia moi ligada á música e que medraches entre clásicos, rock e pop. Que recordas deses primeiros anos de contacto coa música?

raze: Como non, aos Beatles, sen ningunha dúbida. O meu pai é un tolo «beatlemaniaco» e lembro como os poñía a todas horas: polas mañás, no coche, á hora da comida... Polo que a discografía deste cuarteto é parte fundamental da BSO da miña vida. Aínda que tamén lembro grupos como Tequila, que compartía afección co meu irmán; o impacto que xerou Michael Jackson en nós; e como cantabamos no coche coa miña nai as letras de La Oreja de Van Gogh ou Amaral.

 

Dentro de todo o que escoitabas na casa, cando empezaches a construír un gusto musical propio e que foi o primeiro que sentiches realmente como próximo a ti?

raze: Sinto que a primeira música que descubrín pola miña conta, e sei que isto lle vai resoar a moita xente nova, foi o grupo LMFAO. Estaba nunha cafetería e comezou a reproducirse na TV o videoclip de «Party Rock Anthem», e foi un frechazo instantáneo. O único problema foi que, coa emoción, esquecinme de fixarme no nome do grupo ou da canción. Entón, ao chegar a casa, pedinlle axuda ao meu pai para intentar atopar a fonte.

Ambos, con pouca proximidade a esta nova ferramenta, escribimos algo así como: «Canción moderna que salió este año, de dúo americano, que bailaban y cantan, con estética extravagante», ou algo parecido. Pese ás pistas que lle demos ao buscador, ese día non conseguimos atopar a canción. Pero aos días, o meu irmán chegou á casa transformado grazas ao descubrimento. El, que sempre foi máis perspicaz ca min, conseguiu lembrar a orde das letras que conformaban o nome dese grupo. Polo que finalmente puidemos obsesionarnos xuntos con estes dous tolos.

 

Foto: Candela Balboa

 

Cando empezaches a descubrir que a música podía ser algo máis que unha afección?

raze: O descubrimento para min foi máis ben que a música era unha afección para a maioría da xente. Sempre me lembro do meu pai tocando por aí e, aínda que non era o seu traballo principal, sempre o vin como unha profesión.

 

A danza está moi presente en todo o que fas. Como chegou o movemento á túa maneira de crear e que atopaches nel que a música, por si soa, non che daba?

raze: Sempre bailei. Para min, o movemento é un impulso. Cando era un bebé, o corpo axitábaseme efusivamente ao escoitar música e, dende ben pequeno, sempre quixen ser bailarín.

Cando descubrín que podía crear movemento e transmitir cousas moi profundas dende el, foi como dar un salto a outra dimensión dentro da disciplina. Aí foi cando comecei a crear os meus primeiros proxectos, os máis destacados NoDa e m.eeuu.p2016, que foi a primeira vez que liderei unha equipa.

E agora podería dicir iso de: «non entendo a música sen danza», pero o certo é que poden existir colateralmente. A diferenza é que existe música sen danza, pero non existe danza sen música.

 


 

Toda esa procura artística acaba condensándose nun nome moi breve: raze. Que hai nesa palabra para convertela no punto de partida do proxecto?

raze: raze é a miña carreira. Sempre me gustaron os nomes explicativos, como o meu nome anterior, «noradanze», do que nace o nome actual. Esa obsesión coa transparencia e a claridade que tanto me custa atopar.

 

«brumbrum» foi o primeiro que escoitamos de raze, en xuño de 2024. En que momento creativo estabas cando naceu esta canción? Que se puxo en marcha a partir dela?

raze: «brumbrum» foi a primeira creación que decidín transformar en canción. Levaba xa uns meses sen parar de crear e precisaba achegarme máis ao meu obxectivo de lanzar o meu primeiro EP.

Sempre tiven claro que quería que o primeiro que se escoitara de raze fose unha obra completa. Dende que descubrín o nome de raze, quixen asocialo ás rodas, xa que sinto que sempre foi un elemento que me acompañou na miña vida.

Tamén por esa época estaba lendo a biografía de Steve Jobs, e iso axudoume moito a perfeccionar os últimos remates da canción.

 

Alende.gal describiu este tema como a túa declaración de intencións, unha canción sobre movemento e transformación. Que estaba a cambiar na túa vida cando naceu esta canción?

raze: Deixei o meu traballo para dedicarme a raze ao completo. Esa foi a maior transformación que vivín nesa época. Sen ter sacado ningunha canción antes, simplemente sentía que debía apostar todo o que tiña a isto, e así o fixen. Din que o universo premia a valentía e, dende logo, puiden comprobalo.

 

En «brumbrum» aparece unha das liñas máis rotundas da canción: «porque no hay nada mejor que una gata manejante». Que hai detrás desa expresión e que querías condensar nela sobre a actitude, o desexo ou a maneira de ocupar o espazo que atravesa o tema?

raze: É unha liña que se pode interpretar de moitas maneiras, pero sinto que condensa todo o empoderamento que está ligado á canción: unha persoa que sabe o que quere e cara a onde vai fai que todo o que estea ao seu redor se aparte para chegar ao seu obxectivo.

Pero tamén pode interpretarse dun xeito máis lixeiro, xa que tamén é moi sexy estar con alguén que manexe o cotarro, ou no que pensaba cando a escribín: o amor que sentes cando vas de paquete da nena que queres.

 

A proposta audiovisual da canción tamén chama a atención polo formato: está gravada en vertical, cunha linguaxe visual moi ligada á pantalla do móbil. Por que escolliches contar a canción desde ese encadre e que che permitía facer fronte a un videoclip máis convencional?

raze: Isto nace das ganas de cambiar as cousas, dar un golpe na mesa e formar parte da actualización do sistema do que consumimos contido. Quería que a forma na que se percibise raze dende un inicio fose diferente e, se todo o mundo está facendo algo dun xeito, non me interesa.

 

 

En outubro de 2024 chega «mágiK», o segundo tema de raze, que presentaches en RioLagares, en Vigo, cun formato reducido próximo ao happening e á performance. Que querías explorar nesta segunda peza e por que decidiches levala ao público a través dunha posta en escena que ía máis aló dun concerto convencional?

raze: O que sucedeu ese día queda para a vintena de persoas que asistiron, pero a procura artística desa performance foi a miña primeira inmersión no mundo dos personaxes, do inesperado ou sorpresivo e do proceso como parte da obra.

 


 

«doze» pecha 2025 como primeiro adianto de ºoº e chega tamén cunha peza audiovisual dirixida e coreografada por ti, na que o corpo e unha cadeira ocupan boa parte do espazo visual. Que querías contar coa posta en escena do videoclip e que papel xoga ese obxecto dentro da canción?

raze: A cadeira pode interpretarse como o que sustenta a mensaxe. En xeral, gústanme os obxectos que transmiten estabilidade, danme o que preciso, xa que esa estabilidade é unha das miñas claves vitais. Pero en «doze» concretamente podería relacionarse coa firmeza do rexeitamento do axente temático.

 


 

Na letra contrapós imaxes moi atractivas —«beleza flotante», «luces tan doze», «cheiras tan doze»— cun final moito máis áspero: «sabes como a merda». Que che interesaba dese contraste entre a aparencia e o que descubrimos cando nos achegamos de verdade?

raze: O erro, o autoengano, a falsidade. «Oro parece plata, no es.»

 

 

 

En maio de 2026 chega ºoº, o teu EP debut: seis cancións que xiran arredor da transformación e o desexo. Que necesitabas reunir neste primeiro traballo para que funcionase como algo máis que a suma dos temas que xa foran aparecendo?

raze: Precisaba que as pezas estivesen unidas enerxeticamente, que todo tivese unha consonancia sonora e visual.

 

O título é moi gráfico, ºoº. Hai máis interpretacións posibles, pero pode verse como unha expresión de sorpresa («11:12» apoiaría esta hipótese). É así? Que representa?

raze: Si, total. ºoº é moitas cousas. A expresión de sorpresa é unha delas, pero tamén pode ter unha conexión co que está unido, relacionado; tamén unha canle co espiritual, debido á relación do círculo co divino. Pero, dende logo, é así porque son moi fan dos Xogos Olímpicos.

 

Foto: Candela Balboa

 

A música sitúase nun lugar onde se cruzan diferentes estilos: do pop e a electrónica ao flamenco, pero a que soa raze, como describirías ti a túa música?

Pufff, preferiría ler unha descrición dalgún especialista musical que respondela eu, xa que a miña investigación é máis intuitiva que textual.

Pero, por agora, é unha cousa máxica que non tes por onde collela. Esperaremos que pronto haxa forma de collela.

 

Como plasman en Alende.gal, o tema «in.tu» nace entre Mykonos, Vigo e Madrid, e versa sobre o amor e o desexo, como podemos escoitar: «imaxina ser unha estrela de mar e ver as ondas pasar sen podelas surfear.» Que representa para ti esa imposibilidade de participar plenamente no que está acontecendo ao teu redor?

raze: É algo moi frustrante, e dígoo por experiencia. Sei que, como raze, percíbeseme moi segurx, pero unha das miñas realidades é que, en certas ocasións, podo recluírme nos meus pensamentos e volverme un moble vivinte, moi bonito, iso si, pero inmóbil no plano físico.

E a arte sinto que é unha forma de expresar todo o que no meu día a día me custa. É o sitio onde ser libre e expresar todo de forma crúa.

 

 

En «northface» o caixón flamenco ocupa un lugar moi visible dentro dunha produción electrónica. Que che interesaba dese contraste entre unha percusión tan orgánica e o resto da paisaxe sonora da canción?

raze: Quería evitar que o EP ºoº estivese construído integramente de sons sintetizados (máquinas), xa que a clave da saúde do mundo metafísico dixital do futuro está no equilibrio de ambos os planos.

 


 

O ritmo está presente non só na percusión senón nas propias letras dos temas, que, ás veces, semellan collages de palabras ou frases escollidas máis polo seu propio son, buscando a eufonía, que polo seu significado (aínda que haxa moito xogo tamén neste aspecto). «northface» ou «11:12» poderían ser exemplos claros. Como traballas a palabra, cando e como xorden as letras dos temas?

raze: Completamente. Para min é moi prioritario na canción a sonoridade das palabras, aínda que tamén me interesa moito a polisemia e a sintetización de conceptos en fonemas.

A maioría das letras xorden na primeira fase da canción, neste proxecto, na composición a piano e voz. Para este proxecto tamén desenvolvín un listado de palabras e conceptos inspiradores para poder aplicar ao proxecto.

Foi un proceso moi interesante, xa que é un proceso que te acompaña durante o teu día a día: vas pola vida recolectando palabras, de conversacións, escoitas indirectas ou traducións. Recoméndoo a todxs xs artistas da palabra.

 

«11:12» é un tema tan complexo como redondo para pechar o álbum. Nel hai moito de exploración. Que papel xoga a experimentación, o ensaio-erro no proxecto?

raze: Considérome un inventor. Diría que a miña natureza é moi experimental. O que me move por dentro é o descubrimento, todo con ollos ao futuro. Habitar as terras inexploradas, o que me fai medrar, que é un dos obxectivos da miña vida, e a arte é un aliado para facelo.

 


 

Con ºoº decides levar as seis cancións a unha única peza audiovisual de arredor de vinte minutos, gravada en Rande, facendo que o EP funcione tamén como un percorrido visual continuo. Que che permitía ese formato que non che daba traballar cada tema cun videoclip independente? E por que Rande como escenario?

raze: Foi a forma que atopamos de transportar a cohesión sonora que xa existía ao mundo visual, permitindo a independencia identitaria de cada single.

E sobre a pregunta de por que Rande, estabamos na procura dun elemento icónico galego e gustounos moito esa localización pola natureza industrializada e, unha vez máis, pola figura de estabilidade que representa a ponte.

 


 

Na produción do EP traballas con Marín Rodríguez, e na mestura participa tamén Pablo Martín, que traballou con artistas como Amaia ou Rusowsky. Como foi compartir con eles esa parte do proceso? Que pensas que achegou cada un deles ao resultado final?

raze: Bueno, principalmente, recoñecer o gran traballo de Marrit (meu irmán) na produción. Sen el, raze non sería o que escoitamos, xa que conseguiu elevar todas as miñas ideas ao seguinte nivel, ademais de aportar moitísimo nos arranxos de letra e música.

E, por outra parte, traballar con Pablo foi xenial. Sinto que o seu traballo ten moitísimo carácter propio e iso valoro, xa que me gusta que as persoas que colaboran no proxecto traian ideas firmes e sabores diferentes ao que eu podo aportar.

Ademais, é un soño poder traballar cun artista responsable da sonoridade dalgúns dos meus referentes. Sinto que ten moito sentido para o proxecto.

 

Nun proxecto no que o movemento forma parte da propia identidade artística, como constrúes o directo para que música, corpo e posta en escena funcionen como unha mesma linguaxe?

raze: Na parte sonora, fixemos un traballo de refrescar as cancións a través de versións programadas e arranxos tocados en directo. E, na parte do movemento e a posta en escena, utilizamos os elementos presentes nas pezas audiovisuais, adaptándoos para poder compaxinar canto e danza.

 

As coreografías e a posta en escena teñen unha construción moi precisa, pero o directo tamén implica estar presente no que sucede nese momento. Que espazo deixas para a improvisación e para que cada concerto te leve a lugares distintos?

raze: Para asegurarnos de que o show funcione sempre, marcamos a estrutura xeral do movemento, contando con partes coreografiadas, aínda que tamén existen espazos específicos para a improvisación, xa que, a nivel de danza, é a miña modalidade principal, na que podo expresar con liberdade o que se sente diferente de cada show.

 

Foto: Candela Balboa

 

Na entrevista en Nós Diario dicías que o público valora as narrativas queer canto máis alto e claro se expresan. Que aprendiches ao facer visible esa parte de ti nun proxecto artístico e levala diante de públicos moi diferentes?

raze: Aprendín que canto máis concretas e sinceras sexan as experiencias que narras nas cancións, máis profundamente poderás conectar co público.

 

Cando unha identidade queer forma parte visible dun proxecto artístico, tamén existe o risco de que toda a obra se lea unicamente desde esa óptica. Como convives con esa tensión entre reivindicar esa identidade e evitar que limite a lectura da túa música?

raze: Eu non son soamente queer. É unha parte inevitable da miña identidade, pero teño centos de universos e historias dentro do meu corpo.

Unha persoa queer tamén pode ser narradora de historias normativas, xa que, en parte, eu son unha persoa normativa. Ninguén pode limitar a miña identidade. Son unha transformación constante, de aí que me guste tanto descontextualizar o termo transformista.

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

raze: High Paw, High Paw e High Paw.

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100 % sinceridade, 0 % raze: vergoña.

raze: Ultimamente estiven queimando «Sugarhiii», de Bb trickz. O atardecer de onte, mentres conducía escoitando «Trying Times», de James Blake, foi metafísico. E «Music, Fashion, Film», de Charli xcx, non está nada mal.

 

  noticias