APRENDIZ: «MEDRAR NUNHA ALDEA É UNHA SORTE QUE TRATO DE REIVINDICAR NO MEU PROXECTO»
Nicolás Hermida medrou na aldea escoitando rap ata converterse en Aprendiz. Con Aprendizaje (2022), o seu primeiro álbum, recollía o froito dunha primeira etapa na que as rimas eran en castelán. Veu despois unha época de transición cun par de singles nos que xa se albiscaba un cambio de dirección que culmina en Campo (2026), un ambicioso LP conceptual en galego que parte do rap para remexelo con outros ingredientes como o indie pop ou a música tradicional nunha apócema que explora a identidade e todo aquilo que a sostén: a infancia, a familia, un lugar, unha lingua, un xeito de entender e vivir a vida... coa aldea do Campo en Lalín como centro de gravidade e a súa avoa Nieves como unha das súas personaxes principais.
Campo, “sementado e colleitado” na aldea, é unha carta de agradecemento por todo aquilo que damos por sentado: o que nos achega a xente que nos quere, o lugar no que medramos, a cultura recibida... E todo iso sometido a un proceso de extrañamento para velo con ollos novos e percibir así o seu auténtico valor.

Foto: Ainara Rodríguez
“Medrei escoitando rap” dis en “Conxo-Carrril, 1873”. Foi este o primeiro xénero musical que chamou a túa atención? Houbo outros cos que tamén medraras?
Aprendiz: Na miña infancia, coma calquera, recibín as influencias dos gustos musicais da miña contorna, pero sen dúbida o rap monopolizou completamente os meus hábitos cando chegou aos meus oídos, por aí cando tiña 11 ou 12 anos. Daquela si, foi a música que escoitei por excelencia durante toda a miña vida.
Que di sobre o proxecto esa palabra, “aprendiz”, como para escollela para nomealo?
Aprendiz: Aprendiz sae dunha rima que escribín sobre os 14 anos, na que facía referencia a que por máis que un aprenda nunca chegará a sabelo todo. É pois unha obviedade, pero penso que tamén é unha boa filosofía coa que afrontar a vida, polo que sempre quedou este nome como un mantra.

Foto: Martín Hermida
No teu son hai rap pero tamén trazas doutros xéneros. Máis aló de etiquetas a que soa Aprendiz, como describirías o son do proxecto?
Aprendiz: Respondo esta pregunta a partir de Campo, porque foi coa creación deste álbum que empecei a buscar un son máis concreto. Parto do rap porque considero que é unha música comprometida que busca expresar cousas importantes. A partir de aí, abrazo o folclore galego porque levo anos moi preto deste, buscando crear unha vía de comunicación entre ambos mundos. Máis aló disto estou aberto a introducir trazos das cousas que escoito e me gustan, como se pode ver en Campo. Así, o que buscamos a nivel de son foi ser consecuentes co que queriamos contar, buscando o son máis axeitado posible para facelo. Isto levoume en ocasións a lanzarme ao baleiro e a errar, pero máis aló das etiquetas o que buscamos en todo momento é que cada canción fose o máis xenuína posible.
E se falamos de referentes, que influencias sinalarías dentro e fóra do rap no teu xeito de crear música? Teñen mudado moito ao longo destes últimos anos?
Aprendiz: Esta listaxe podería ser infinita, pero tratarei de respostar dende un punto de vista máis ben conceptual. Con Campo busquei en todo momento aportar cousas que considero transmiten de maneira excepcional artistas como Rodrigo Cuevas, Bewis de la Rosa, Dulzaro ou Fillas de Cassandra. Isto é, máis aló de xéneros musicais ou de caixóns busco coa miña música aportar unha ollada cara ao interior e unha alternativa á globalización cultural. Como digo na sinopse do álbum, penso que é momento de recesión e de pór en valor o particular, e considero que a música é un instrumento marabilloso para facelo. É nese marco no que me gustaría situarme. Loxicamente, a nivel formal, hai trazos que se repiten: a recollida, a mestura do tradicional con xéneros e sons que se consideran novos ou que están en voga como o mal chamado urbano ou a electrónica, pero o que verdadeiramente me importa máis aló das etiquetas é, como digo, o conceptual.

Estreábaste cunha etapa na que as rimas eran en castelán e que acaba cristalizando no álbum Aprendizaje (2022). O título é moi significativo, pero que significou para ti este primeiro traballo?
Aprendiz: É curioso porque sendo o primeiro traballo significou máis ben o peche dunha etapa. Medrei escoitando rap en castelán, os artistas que admiraba rapeaban en castelán e por iso nunca me cuestionara escribir en castelán ou en galego, facíao en castelán porque cando pensaba en rap pensaba neste idioma. Non foi até eses anos nos que comecei a sentir inquedanzas temáticas que si ou si sentía que debía transmitir en galego, xa que eu sempre fun galegofalante e, de feito, cando se trataba de escribir prosa ou narrativa xa o facía en galego. Ademais dun álbum no que recollía dous anos de creación Aprendizaje foi o catalizador, o momento que me serviu para darme conta de que quería realizar ese cambio.
Viñeron despois un par de singles: “Tiempo” é un tema sombrizo con momentos de experimentación mentres que “Un día en Higharbor” é o contrario, unha canción chea de luz na que se reinvindica o valor dunha vida sinxela, como tamén da familia na que medraches. Neste sentido crees que en “Un día en Higharbor” dalgún xeito xa anticipaba Campo?
Aprendiz: Foi un momento confuso. Saíron esas pezas como podían ter saído outras. O filtro que sempre me importou superar á hora de publicar ou non publicar unha canción é que represente algo importante para min, e ambas o facían. Efectivamente, “UDEH” e tamén outra canción que non cheguei a publicar chamada “Brindo” foron unha ponte entre os novos temas e esa transición entre castelán e galego.

En xuño deste 2026 vía a luz Campo que toma o seu nome dun lugar da parroquia de Donsión (concello de Lalín). A gran liña temática do álbum é a propia identidade e os piares que a sosteñen: a infancia, a familia, un lugar, unha lingua, un modo de vida… Pero que che levou a reivindicar a aldea e a facer dela o eixo central arredor do que xira o disco?
Aprendiz: Foi unha transición moi orgánica, non podería responder de forma concreta, pero sen dúbida esta reivindicación vai da man co facerme maior e ver como tamén se facían maiores comigo meus irmáns, miña nai, miña avoa... Nese proceso espertou en min unha sensibilidade moi grande cara ao que transmite o álbum: a familia, o concepto de fogar, as aldeas que se baleiran, en fin, o paso do tempo e o valor das cousas sinxelas.
Podemos falar de Campo, “un álbum sementado e colleitado en Donsión”, como un disco conceptual, pero as cancións foron xurdindo xa con esa idea de unidade na cabeza?
Aprendiz: Si. Moito antes de meterme no estudio xa estaban escritas e conceptualizadas a meirande parte de cancións do disco. É un traballo 100 % conceptual.
Todos os temas do disco van acompañados ben dun videoclip, ben dun visualizer que, en conxunto, dan forma visual ao universo que se describe en Campo. Por que facelo así? Sentiches a necesidade non só de describilo senón tamén de mostralo?
Aprendiz: Parece obvio, pero si, todo o universo visual está recollido no Campo, a miña aldea. Era algo obrigado dende o principio. Sentía a necesidade de corresponder as palabras con imaxes porque a fin de contas falo de algo moi concreto, material, algo que existe e que é importante. Ademais disto queriamos facelo sen adornos, de forma honesta, mostrando o día a día das persoas que vivimos neste lugar, a pesar de que claramente hai unha capa conceptual e artística por riba desta realidade cotiá.

Foto: Ainara Rodríguez
Os últimos videoclips antes de Campo (“Lágrimas de sangre”, “Tiempo” e “Un día en Higharbor”) dirixíchelos ti. Todo o material audiovisual do disco (tamén a portada da que falaremos despois) están asinados por Mario Filloy e Daniel Filloy. Que propiciou ese cambio?
Aprendiz: Este álbum puxo no meu camiño a xente marabillosa e Dani e Mario son o exemplo perfecto. Coñecínos de rebote e remataron no disco de xeito moi natural. A min sempre me gustou crear en todos os sentidos, tamén son un gran afeccionado ao cine e encántame gravar e editar cousas, polo que dirixir os meus propios videoclips era algo que me motivaba, pero obviamente son consciente das miñas limitacións e para un proxecto tan importante como Campo quería contar con xente máis talentosa ca min neste ámbito. Dalgunha forma creo que o universo conspirou e simplemente todo se deu para que así fose.
Abre o disco “O.V.N.Q.C.A.M.A.”, un título críptico (poderiamos aventurar como hipótese un improbable “O Vídeo No Que Canta A Miña Avoa”). Un tema que, malia a ser instrumental vai insinuando xa algunha das liñas temáticas do disco e presentando a unha das súas personaxes principais: a túa avoa Nieves, a quen escoitamos nel falar e, cara ao final, tamén cantar: “eu queríame casare…”. Que ela é unha parte esencial da túa identidade déixalo claro en todas as túas redes onde es “onetodenieves”. Que che empurrou a facerlle esa homenaxe que atravesa dun xeito ou doutro todo o disco?
Aprendiz: O Verán No Que Coñecín A Miña Avoa é o título dunha novela curta que escribín tamén no proceso de creación do disco. O título referencia a unha novela, recollendo un concepto que pode resultar un paradoxo, pero que me parece moi significativo. Representa ese momento da vida dunha persoa, chegados os 20, na que se coñece realmente a unha avoa ou a unha nai. O relato recolle todos os temas que están presentes no disco e por iso quería darlle o seu oco no mesmo. En canto ao nome e a facerlle homenaxe a miña avoa, de novo, foi algo moi orgánico.
“As engurras da man de miña avoa” non é só unha homenaxe á túa avoa (falas de “carta de agradecemento”), senón a todas esas grandes matriarcas do rural e a súa loita continua non só por sacar adiante a súa propia familia senón tamén por manter unha forma de vida e de ver e entender o mundo. Por que criches que era necesario resaltar e valorar o seu papel?
Aprendiz: Do mesmo modo que o fai “Endexamais”, “AEDMDMA” e Campo no seu conxunto poñen en valor precisamente a estas matriarcas. Son pezas imprescindibles para entender a identidade galega. No social, porque en momentos nos que Galicia se baleirou de homes debido á emigración as mulleres seguiron sendo non só as garantes do fogar, da familia, dos animais e do mundo rural. Na música, porque foron elas as encargadas de conservar e transmitir pezas orais como as que se recollen ao longo do traballo, cantadas por miña avoa. No caso da miña avoa, trato de pór en valor non só o colectivo senón tamén o caso particular, e por iso esas dúas cancións (“AEDMDMA” e “Endexamais”) conversan tan directamente entre si.
A nenez é época de trasnadas (“A curiosidade pega máis coa pechadura posta”), de consecuencias (“Que Dios está até na pota do guiso”)... de aprendizaxe. “Nº26” explora outra faceta da identidade: a infancia, desta volta relacionada co fogar, a casa concreta á que fai referencia o título. Que cres que achega a un neno medrar na aldea? Que supuxo para ti?
Aprendiz: No meu caso aportou aventura. Medrei na mesma casa con dous irmáns e dous curmáns, polo que foi unha infancia colectiva, e cousas tan cotiás como bañarse convertéronse en algo memorable, como trato de transmitir en “Nº26”. Máis en xeral penso que medrar nunha aldea ou mesmo nunha vila aporta unha identidade e un achegamento coa contorna que nunha cidade me parece impensable. Precisamente hoxe onde todo é tan homoxéneo e global e onde os saberes de toda a vida acadaron unha connotación pexorativa considero que medrar nunha aldea é unha sorte que trato de reivindicar no meu proxecto.
A portada tamén remite á infancia. Nela aparece un neno (presumimos que es ti) case insinuando que é un máis deses produtos da horta sobre os que está sentado. Era esa a idea? Que hai detrás da escolla desa foto como portada do álbum?
Aprendiz: A nena que aparece na portada é Xiana, a miña curmá. É a máis pequena da familia, e con ela queriamos representar o concepto do cíclico, polo que si, a interpretación é correcta: as berzas como resultado do traballo da terra e os nenos como resultado do traballo de nais e de avoas. Ademais disto a portada fai referencia directa a unha foto que nos tomaron a meus irmáns e mais a min no ano 2005 para un xornal, con motivo da expropiación que Renfe levou a cabo na nosa aldea. Miña avoa viña da horta e traíanos a meu irmán e máis a min enriba da carretilla, algo que era do máis habitual.
En “Carballos e fentos” exploras outro trazo de identidade como é o idioma: “Se morre o galego […] morre o pobo porque a lingua fala de nós e dinos quen somos”. Como ves a situación actual da lingua? Non hai algo de paradoxal no feito de que nunca houbo tanta música e de estilos tan diferentes cantada en galego e, non obstante, a lingua segue perdendo falantes?
Aprendiz: Definitivamente véxoa mal, como calquera que leve anos pendente da estatística. É certo que non todo son números, aínda que para outras cousas si se teñan en conta, como á hora de valorar este momento tan doce que vive a música en galego, pero penso que nos quedamos na codia. En primeiro lugar teríamos que valorar a capacidade real que ten a “música urbana” para converter falantes, porque ao final do día isto é o que importa: que falemos en galego. Sendo honestos, tal e como eu o vexo este éxito veu aparellado de algo tamén moi presente na actualidade: o non posicionamento. Non quero dicir con isto que a música deba ser reivindicativa para crear comunidade, pero si que sinto que este tema é algo que se prefire ignorar na conversación social, e gustaríame ver o impacto real que ten a música no día a día destas persoas castelanfalantes que se achegan ao movemento. Por suposto, todo isto é sobre análise e sobra dicir que todo o que está a acontecer este ano é marabilloso, pero precisamente porque é un grandísimo logro creo que debemos ser autoexixentes e tratar de levalo o máis lonxe posible.
“Eu non son raper de barrio porque son de aldea”. “DALDEA” fala diso, de reivindicar a aldea tamén como unha forma de ver o mundo e tamén de crear música dende estoutra óptica diferente. Que diferencias ves ti entre un “raper de barrio” e un “raper de aldea”?
Aprendiz: Esta frase naceu como algo cómico. Trataba de burlarse un pouco dese prexuízo callejero vencellado ao rap e de reivindicar, como ben dis, estoutra forma de ver o mundo dende a perspectiva do rural galego. Non creo que existan unha serie de diferencias en concreto.
Penso que moi especialmente nos rapeiros solistas o lugar de orixe é algo que sempre foi moi relevante para a construción da identidade, vital e artística, tamén no meu caso.
Hai no disco temas máis introspectivos onde se exploran temas como a reconciliación con un mesmo (“Diaños”, “con vistas a este prado”), as incertezas (“Ogallá”), o amor (“FUNDADORES 21”) ou dun tempo que pasa demasiado rápido (“Ogallá”, “con vistas a este prado”). O curioso é que tamén estilisticamente son un pouco diferentes: menos electrónica e máis guitarras (con pasaxes moi próximas ao indie pop), máis tendencia ao recitado... Ese cambio de estilo foi consciente?
Aprendiz: O certo é que non. Como digo, cada canción xurdiu de xeito moi natural, no apartado temático como tamén no estilístico, polo que unha vez tiven claro que quería expresar e como quería expresalo as influencias e a música que estaba a escoitar nese momento xogaron un papel moi importante, como tamén as aportacións do produtor.
Campo ten un son variado, como variados son tamén os produtores que che axudaron a darlle forma: Daniel Madison, Volk GZ, Vermouth L’Essence, Rodro, Peter Petrowski… Que buscabas neles e que cres que achegaron finalmente cada un ao disco?
Aprendiz: Gústame que o produtor teña un peso equivalente ao que podo ter eu na canción, pois é tamén súa. Quizais nun primeiro momento non esperaba ou non buscaba contar cun número tan amplo de produtores, pero o devir do disco e o proceso creativo remataron por levarme por aí. Tamén tratei de traballar con produtores que se axustaran a nivel de estilo á canción en concreto na que ían traballar e intentar ir por onde el se sentira máis cómodo. O que aportaron ao disco? Cada un aportou o seu estilo, compromiso e talento, e todos eles en conxunto que o disco se sinta tan diverso e tan completo.

Foto: Ainara Rodríguez
O título “Conxo-O Carril, 1873” fai referencia á primeira liña férrea inaugurada en Galicia, entre a estación de Cornes (no entón concello de Conxo) e Carril o 15 de setembro de 1873 e serve tamén como metáfora da inauguración da liña do AVE entre Ourense e Madrid. Pero que hai detrás deste tema onde escoitamos unha declaración tan contundente como “Sómolos fillos non nados da diglosia. Que non souberon amar, por iso odian”?
Aprendiz: O que hai en primeiro lugar é unha crítica ao centralismo institucional que cristaliza en Galicia nun atraso xeneralizado no ámbito dos servizos a nivel histórico, de aí esa comparación entre o primeiro ferrocarril e a liña de alta velocidade de Ourense. É curioso porque Campo reivindica Galicia, é case unha carta de amor en moitos sentidos, pero Conxo está concibida dende o outro lado. É unha crítica a Madrid pero é crítica tamén con Galicia, por iso me gusta tanto e considero que ten un rol “desidealizador” tan importante no disco. Fala dese “cuñadismo” e tamén da diglosia, un problema eminentemente galego e dos galegos.
“Bágoa de meiga” foi o primeiro single, e é tamén unha homenaxe á forma de vida da aldea (e tamén, de novo, á túa avoa Nieves convertida desta volta en meiga no videoclip da canción). Por que foi o tema escollido como carta de presentación do álbum?
Aprendiz: É unha canción que recolle moi ben todos os obxectivos do álbum, a nivel temático e tamén estilístico, moi especialmente en dous apartados: a fusión do rap co son tradicional e a posta en valor do fogar e mais da familia. Ademais é unha canción na que xa contamos con instrumentación orgánica, producida por un gran piar da música en galego da última década como é Peter Petrowski. Por último o videoclip, pois estivo conceptualizado dende un inicio e sabíamos que tería un gran potencial. Por todos estes motivos “Bágoa de meiga” era para min o tema que debía presentar a nova etapa que iniciamos con Campo.
“Bágoa de meiga” ten un aire a floktrónica (nel escoitamos mesmo a melodía da “Muiñeira de Ponte Sampaio”), que non é tan nidio no resto do álbum. Por que esa tinguidura folk tan rotunda e por que a “Muiñeira de Ponte Sampaio” en concreto?
Aprendiz: A elección da muiñeira foi cousa de María, a gaiteira. Ela escolleu a peza. O certo é que a intención de traballar co folclore galego estivo presente dende o principio, e non a acadamos na dimensión en que queriamos orixinalmente. De feito, é un obxectivo que estamos a recuperar de cara a vindeiros proxectos. Levo uns cantos anos formándome en clases de canto e percusión de man e moi preto do baile, das foliadas e demais, e é por iso que me apetece mesturar estes dous mundos.

Foto: Ainara Rodríguez
“Endexamais” é o tema que segue sen solución de continuidade a “Bágoa de Meiga” e na que respondes á pregunta identitaria por excelencia: “e ti de quen ves sendo?”. “Eu son de Nieves, de Donsión […] Eu son de Campo e son de lei, ben sei que por el devezo, que se onte o despreciei hoxe non sei poñerlle prezo”. Campo ten tamén moito de redescubrir o valor do propio?
Aprendiz: De redescubrilo, de polo en valor e de desnormalizado, de voltar a conectar. Precisamente son esas cousas que damos por sentadas as que nos impiden ver a grandeza dos xestos diarios, do amor cotiá, dos esforzos que fan por nós as persoas que máis nos queren. Tamén digo na descrición do álbum que (re)conecto cunha raíz á que estaba vencellado mesmo sen darme conta. Considero que isto, en maior ou menor medida, é algo que nos acontece a todas as persoas, e deixar de dar por feito este tipo de cousas debe ser un traballo consciente.
Como é o teu proceso creativo? Como van xurdindo as letras e cando aparece a música? Es de depurar e corrixir unha e outra vez cada verso?
Aprendiz: Depende do caso, pero normalmente aparece un concepto, algo do que quero falar. Despois vai xurdindo unha letra e a partir desta ideo o rexistro no que mellor pode ser transmitida esta idea. Outras veces pasa ao contrario: aparece unha melodía ou simplemente xorde a idea de facer unha canción de determinado estilo. Nestas ocasións acostumo a reciclar ideas, a recuperar outras letras ou proxectos inacabados levándoos ao novo rexistro. En canto ao perfeccionismo, si, son bastante testán e tardo moito, moito en escribir.

Foto: Ainara Rodríguez
“con vistas a este prado” é outro dos temas introspectivos e “indies” do álbum no que se pon de relevo o amor recuperado a un espazo que xa é parte inherente do propio ser: “Eu tan só quero morrer mirando a este prado, sentir que o que fago é o que quero facer”. A canción resume o sentir de Campo? Foi por iso a escollida para pechar o disco?
Aprendiz: “CVAEP” é un ocaso dentro do disco e sempre foi concibida como a peza final. Máis ben resume o momento da miña vida que estou a vivir, e quizais sexa de todas a que mellor logra isto. Fala da sensación de perda, por unha banda, e por outra da reivindicación duns ritmos de vida en contradición co contexto que atravesamos como sociedade: as expectativas, a produtividade e a dependencia que representan as redes sociais. Para min, “CVAEP” é precisamente iso: unha pausa antes de marchar. Percatarse de que os ritmos de vida dependen da persoa que os vive, que non hai unha maneira correcta e de que está ben ter un lugar ao que volver, no meu caso O Campo.
A escena galega das músicas urbanas está vivindo un momento de efervescencia: moitas propostas diversas espalladas por todo o territorio, multitude de colaboracións, públicos crecentes e co galego abríndose paso aos poucos como lingua central na que expresarse. Como valoras ti este momento? Están aprendendo a amar “os fillos non nados da diglosia”?
Aprendiz: Como xa dixen, creo que debemos ser exixentes e autocríticos. Por suposto que é positivo, é, de feito, histórico. Rompeuse por completo o teito e isto é bo para todas, pero tamén hai detrás unha serie de implicacións que convén valorar. Debemos sentar unhas bases e asegurarnos de que isto non é unha moda. Se aprenderon a amar os fillos non nados da diglosia? Penso que o veremos cando o hype diminúa, polo menos tocante ao mal chamado xénero urbano.

Foto: Martín Hermida
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Aprendiz: Sería complicado recomendarvos un artista ou grupo galego que non coñezades... vou dicir Dani Cornes porque é un artista que admiro profundamente. Ten unha sensibilidade moi especial e consegue transmitir ideas complexas de xeito moi sinxelo.
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Aprendiz: Sinceramente escoitariades un pouco de todo. Por suposto moita música en galego: The Rapants, 9Louro, Alana, under e Diego Flâneur... indie rock español: RATA, Shego, LA MILAGROSA, Toldos Verdes... e despois música diversa que me leva acompañando moitos anos: Shoda Monkas, Guitarricadelafuente, Niña Polaca, Rodrigo Cuevas... en fin, a pesar de que son un pouco enfermo e teño máis de 100 listas creadas en Spotify, para o meu día a día emprego unha soa que é un pouco un caixón desastre e asegúrovos que aí podedes atopar de todo.

