OS FESTIVAIS DE SETEMBRO QUE NON DEBERÍAS PERDER
Para vós, que quixerades vivir nun eterno verán, en setembro poderedes seguir aproveitando as boas temperaturas e os mellores festivais da plataforma.
Setembro comeza forte coa décima edición do festival que sempre apostou polas actividades culturais ademáis da música e, inda por riba, de balde!. Arteficial chega un ano máis a Ribadavia para ofrecernos o día 3 de setembro doce horas de música ininterrumpida da man dalgúns dos nosos artistas como BALA, Fogbound, Pálida, Guerrera ademais doutros como Emilio José, Thee Blind Crows ou IGMIG. Pero aí non queda a cousa, xa que como adiantabamos, este festival é moito máis que música: obradoiros culturais, graffiti, cómic, escultura, fotografía… en actividades como o Octopussyasmo á Feira, o Mercado das Sementes, a Ruada Doppler Cao-Can e a esperada Despois Party en bares locais. Ademais, grazas á colaboración coa Cruz Vermella de Ribeiro, recolleranse alimentos non perecedeiros ao longo do día. Non dubides en visitar Ribadavia para un día de non parar!
Aviso a todos os navegantes! Do 3 de setembro ao 18 de outubro terá lugar a novena edición do festival Espazos Sonoros. Si, escoitastes ben, a todos os navegantes porque este acontecemento, nos convida a un percorrido dende A Guarda ata Sarria (o mesmo que o ano pasado) unindo boa música e escenarios privilexiados. Unha vez máis, a música, a paisaxe e a arquitectura únense para ofrecernos emocións que soamente elas conseguen espertar. Tamén se poderá asistir a outras actividades previa inscripción, como obradoiros de música clásica e instrumentos antigos, rutas pola paisaxe organística galega e visitas guiadas para coñecer os diferentes espazos que conforman a riqueza do noso patrimonio. Non deixes pasar esta experiencia de gran valor cultural e única na súa especie!
Outro ano máis poderemos desfrutar do encontro da cultura máis alternativa e de vangarda en Santiago de Compostela. Este evento, que se celebrará entre os días 7 e 11 de setembro, ten unha vocación multidisciplinar xa que ofrece actuacións do ámbito das artes escénicas, o audiovisual, a gastronomía… pero, sobre todo, da música. Haberá unha gran diversidade de artistas entre os que atopamos os nosos Aries, Disco Las Palmeras!, Duister, Fogbound e Triángulo de Amor Bizarro. O festival terá lugar en diferentes enclaves da cidade como o Teatro Principal, a Sala Capitol, a Fundación SGAE ou o Mercado de Abastos. Para facilitar a asistencia, compañías como Iberia ou Renfe ofertan unha serie de descontos nas viaxes á cidade, así que non hai excusas para que o perdas! Empeza a planificar un fin de semana moi WOS mercando xa a túa entrada premium de 5 días por 50 euros.
O festival máis solidario do verán chega ao seu quinto aniversario con máis sorpresas que nunca. Boimorto (A Coruña) será unha vez máis a anfitrioa do Festival de la Luz os días 9, 10 e 11 de setembro. Conta con máis de corenta artistas entre os que están os nosos Heredeiros da Crus, Superoito, Agoraphobia, Triángulo de Amor Bizarro, Guadi Galego, Rosa Cedrón, Susana Seivane, Cuarteto Caramuxo e Serj xunto a Jackson Browne, Los Suaves, Miguel Costas ou Hombres G. Ademais de música o festival segue colleitando deseño con concursos para amantes do debuxo e as artes gráficas e nesta edición lánzase a cultivar tamén os deportes cunha carreira pola paisaxe rural e unha xincana para os máis cativos. O mellor non acaba aquí: tamén haberá gastronomía, un mercado con produtos e servizos innovadores, unha granxa, unha zona infantil con máis de 5.000 m2 repleta de xogos, obradoiros, contacontos, teatro, etc. Este ano, a recadación doarana a Oxfam Intermón en beneficio dos afectados polo conflito en Siria. Consegue o teu abono de tres días por só 15 euros.
A nosa oferta de festivais deste mes finaliza co Live For Madness Metal Fest, pero ollo, que non por ser o último quere dicir que vaia dar menos que falar. Metaleiros de Ourense e arredores, por sexto ano consecutivo celébrase no Campo da Feira este festival independente que impulsa e promociona as bandas de metal españolas e, en especial, as galegas, ademais de achegar a todo tipo de públicos este irreverente estilo musical. O 24 de setembro alí estarán os nosos Aphonnic, en compañía doutros do talle de Legacy of Brutality, Thirteen Bled Promises ou Rise to Fall, heavy do bo, rapaces!. Pero, como sempre dicimos, non só de música se vive, por iso este evento é coñecido polo seu fervente compromiso solidario, este ano en colaboración co Banco de Alimentos de Ourense ao que doarán unha porcentaxe do total da súa recadación. Lembrámosche que podes adquirir as entradas de forma anticipada polo módico prezo de 10 euros, e que, ademais, disporás dun desconto especial para o aloxamento nos establecementos adscritos ao festival.