• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. AGOSTO 2016

Novos lanzamentos. Agosto 2016
2 SETEMBRO 2016

Raíces aéreas. Mónica de Nut y Luís Martíns

Santiago de Compostela foi testemuña da esperada presentación de Raíces aéreas (Free Code Jazz Records, 2016), o novo traballo da cantante Mónica de Nut e o arpista Luís Martíns producido por Isaac Millán da Lagharteira Produccións. Como ben indica o título, este CD trasládanos á tradición. Non en van para documentarse baseáronse en gravacións de campo recollidas nos anos 50 de cancións  tradicionais cantadas por mulleres. Deste xeito pretenden mergullarse na sonoridade máis ancestral de Galicia, pero achegándoa ao seu territorio, un estilo máis contemporáneo. Acentúase así o eclecticismo nas diferentes versións que compoñen o disco, algunhas con efectos acústicos ou electrónicos que ás veces enganan o oído e converten a arpa nunha guitarra; outras espidas, máis liviás e menos experimentais, máis fieis á melodía orixinal. O conxunto deste repertorio é unha simbiose de estilos e razas, do jazz, do rock e, por suposto, da nosa música de raíz. 

 

Genesis. Carlos Arcay

A principios de agosto, o guitarrista, compositor e produtor santiagués Carlos Arcay publicou o seu primeiro traballo como solista, Génesis (Holografic Universe Records, 2016), onde deixa patente o seu estilo e modo tan particular de sentir a música. Composto por cinco pezas instrumentais gravadas nos estudos Arcay Sound, este EP está cheo de “arriscadas melodías, dinámicas e megaintensas, chegando en ocasións a extremos épicos” ademais de brutais colaboracións como a dos franceses Grégoire Galichet (baixo) e Nicolas Sanson (batería), membros dos grupos metal Dead Season e Deathcode Society, e o pianista galego Víctor Camacho. Arcay sorprende con temas que van dende o metal máis duro con Evil Matrix ao éxtase de Kybalion, pasando pola intensidade do “temazo” oficial do disco: Holographic Universe.

  noticias