• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

AGADIC + SGAE = GALICIA CREATIVA

AGADIC + SGAE = Galicia Creativa
21 SETEMBRO 2016

Por segundo ano consecutivo, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) xúntase coa Fundación SGAE para poñer en marcha a nova convocatoria de Galicia Creativa, un programa de axudas á creación musical que ten como obxectivo a promoción de artistas galegos emerxentes.

Dirixido a solistas e grupos dos xéneros pop-rock, tradicional-folk e jazz, os afortunados que gañen o certame terán a oportunidade de grabar, mesturar e masterizar un disco no estudio que a SGAE ten en Santiago de Compostela; presentar o traballo discográfico aos medios de comunicación, e realizar unha xira de catro concertos en diferentes cidades galegas. O palmarés da primeira edición de 2015 inclúe a Álvaro Buxeiro de Buxeiro Trío (jazz), Cibrán Seixo (tradicional-folk) e Juan Ramos (rock).

Interesados en participar? Só tendes que cumplir tres requisitos: ser cantautor, solista ou grupo (cun máximo de oito membros) que desenvolva a súa actividade en Galicia, non haber editado ou autoeditado ningún disco con anterioridade e non ter ningunha relación contractual cunha discográfica.

O 15 de outubro é o derradeiro día para que presentedes a vosa solicitude, documentación e maqueta en CD ou mp3 á Fundación SGAE. Para que non vos deixedes nada no tinteiro, descargarvos as bases completas nesta ligazón.

Sorte, que talento vos sobra!

  noticias