NOVOS LANZAMENTOS. DECEMBRO 2016
Debajo del aire · Pablo Seijas
Só lle falta un lazo para que sexa o regalo perfecto. Pablo Seijas presenta o seu segundo traballo en solitario, Debajo del aire (2016), composto por 10 temas nos que escoitamos a un Seijas máis influenciado pola música de autor hispana e o folk norteamericano, aínda que manténse en terreos electroacústicos que lembran a grupos coma Fleet Foxes. El disco, gravado nos Estudios Bruar (A Coruña) e producido por Nicolás Vieites, conserva a sinxeleza que caracteriza ao cantautor, onde a combinación de melodía e letra convírtense en protagonistas.
Entre os lagostinos, percebes, nécoras, bogavantes e bois do banquete de Nadal, atopamos a centola protagonista do álbum conmemorativo de Ruxe-Ruxe, 20” (2016). En 17 cancións reflicten os seus 20 anos de traxectoria musical, 10 discos no mercado, innumerables concertos... todo en 20 anos que, para eles, pasaron en 20 segundos. No disco, gravado con optimismo e egoísmo en Aríns (Santiago de Compostela), escoitamos temazos que amosan esas dúas décadas de experiencia cheas de rock do país; toda unha especialidade para celebrar cos seus fans máis fieis.
XXX Aniversario de Luar na Lubre · Luar na Lubre
Manterse 30 anos enriba dos escenarios é todo un logro, pero recompilar esas tres décadas en tan só 30 cancións antóllasenos imposible. Referentes da música folk e celta, con dous Discos de Ouro e nove Premios da Música, Luar na Lubre celebra o seu 30 aniversario cun álbum conmemorativo, XXX Aniversario de Luar na Lubre (Warner Music Spain, 2016), que, sorprendentemente, se compón dunha selección especial de temas pouco habituais que desprenden a serenidade que aporta o paso do tempo. Así, escoitamos unha versión de “Fonte de Araño” de Emilio Cao cantada por Ismael Serrano, con Nani García nos teclados e a Coral de Ruada nos coros, ou unha interpretación máis actual do clásico irlandés “Morrison's Jig”.
Cantares · Eladio y Los Seres Queridos
Dunha forma ou doutra, toda débeda termina pagándose e Eladio y los Seres Queridos pagan en formato disco. Co seu novo traballo, Cantares (Esmerarte Industrias Creativas, 2016), saldan unha débeda que tiñan coas cancións da súa infancia, esas cancións tradicionais galegas que escoitaban os seus pais, escoitaron eles de cativos e queren que escoiten os seus fillos. Unha humilde e emotiva homenaxe composta por 11 versións das nosas cancións de sempre, desde “Quen puidera namorala” de Luis Emilio Batallán ata “Camariñas” de Anta Seoane, que gravaron ao longo deste ano, sen presas, nin obxectivos, nin orzamentos no seu estudio caseiro ou gravadora en man.
MJ Pérez reedita un dos temas do seu último disco, Guerrilleira (2016), o traballo que reflicte a súa transformación pola incorporación da banda e unha colaboración especial. O sinxelo A Peza Solta (2016), que comeza de forma pacífica, pero remata cun ritmo máis potente, relata a loita contra a memoria esquecida; unha canción que chama á esperanza mesturando música e poesía, con versos recitados pola poeta coruñesa Lidia Bao, intentando encaixar pezas soltas nun quebracabezas de cartas e fotografías. Neste percorrido, a artista está experimentando unha evolución a nivel musical e persoal, compoñendo como un xeito máis de facer ficción e cantando como unha maneira máis de expresión.
Dende a profundidade da Ría de Vigo pódese escoitar o novo berro de Cró! O cuarteto vigués de difícil clasificación (alternativo? psicodélico? progressive? vintage? Fáltannos hashtags...) asómase á superficie co seu quinto traballo de estudio, Mounstros (La Metamovida/Nooirax Producciones/La Choza de Doe, 2016). Gravado en directo en Estudio Brazil (Madrid) da man de Javier Ortiz, este disco é máis melódico cunha estrutura máis próxima ao pop-rock, aínda que segue a explorar ritmos e harmonías doutros estilos musicais, e co que Cró! pretende achegarse un chisquiño máis ao seu público; superposición de guitarras, sintetizadores e idiomas, xa que cantan en galego, español e inglés, conforman o seu particular berro.
Como broche de ouro a 2016, Sés publica o seu cuarto disco, Opoñerse á extinción (Fol Música, 2016). A cantautora coruñesa volve con máis forza, chea de enerxía e con ese espírito reivindicativo e de denuncia social que a caracteriza e que, inconfundiblemente, reflicten as súas letras. Aínda que neste traballo segue fiel á súa mestura de blues, rock e sons latinoamericanos, arríscase con novas sonoridades que lle dan máis protagonismo, se cabe, a súa voz. A través de once cancións, Sés amosa a súa madurez musical e personal nun disco que, como ela mismo define, “é un traballo humilde, sincero e profundamente namorado da cultura á que pertence. É un disco de amor”.
Paralaia · Budiño
O pasado 3 de decembro Budiño subíase ao escenario para presentar un novo disco, acontecemento que, coa traxectoria que leva ás súas costas o artista moañés, non parecería nada fóra do común. Pera desta volta foi especial. Atreveriámonos a dicir unhas 20 veces máis especial; 20 veces polos 20 anos de Paralaia (1997), o seu primeiro disco e traballo revolucionario por amosar o folk tradicional dende outro punto de vista. Con esta reedición masterizada de aniversario en formato libro-disco Paralaia (2016), Budiño contou coa colaboración da ilustradora Ana Zon para reflictir a súa infancia, o seus comezos, as lendas do Paralaia, o mar... un punto e aparte na súa traxectoria que pretende achegar o seu traballo a públicos máis novos.
Descatalogado · En Casa del Herrero
Coa adrenalina a flor de pel logo dun merecido triunfo no Festival de Jazz & Blues de Ribadeo, En Casa del Herrero entra en Estudios Mans (A Coruña) e, tres días de gravación e pouco máis dun mes despois, sae a luz o seu cuarto traballo, Descatalogado (2016). Neste novo álbum, Herrero dá un xiro a súa esencia clásica e mestura blues e folk-rock sureño, revivindo tres cancións da súa primeira maqueta e dous temas moi especiais: “Little Bird Sing”, que conta coa colaboración do gran Kevin Raymond Weatherill dos Immaculate Fools, e “Mis últimas fichas”, no que Weatherill lánzase a cantar en español e co que ECDH gañaron na categoría blues do Festival de Jazz & Blues. Unha vez máis, o grupo coruñés segue a súa particular filosofía de “non hai rock sen cancións, non hay cancións sen historias, non hay historias sen kilómetros...”.