• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

INSCRICIÓNS ABERTAS PARA OS IV PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

Inscricións abertas para os IV Premios Martín Códax da Música
16 FEBREIRO 2017

Promovidos pola asociación de Músicos ao Vivo e co apoio da AGADIC, entre outras entidades, os IV Premios Martín Códax da Música abriron o prazo de inscrición para todos aqueles proxectos musicais galegos vixentes e en activo no ano 2017, léase «proxectos musicais» como grupos, solistas, espectáculos ou proxectos discográficos realizados en Galicia, ou fóra da comunidade por músicos galegos.

Los Martín Códax, recoñecementos á diversidade e calidade das producións musicais galegas, presentan dúas grandes novidades para esta cuarta edición. A primeira delas é que os proxectos gañadores na pasada edición 2016 non poderán volver presentarse. A segunda é a posta en marcha dun novo sistema de votación, que este ano inclúe un xurado profesional.

Deste xeito, nunha primeira fase, os socios de Músicos ao Vivo elixirán a tres finalistas de cada categoría, que se darán a coñecer o 6 de abril na Festa dos Nomeados nas adegas Martín Códax (Cambados). O xurado profesional, composto por sete profesionais do sector (1 xornalista, 1 representante de salas, 1 representante da industria musical, 1 representante da formación musical e 3 músicos), será o encargado de decidir que proxectos recibirán o Melómano o 3 de maio, día no que se celebra a gala no Pazo da Cultura de Pontevedra e cando se entregarán as estatuíñas, repartidas en 16 categorías, 3 Premios Organistrum e 1 Premio Honorífico.

As 16 categorías son: Pop e Indie • Rock • Blues, Funk e Soul • Metal • Canción de Autor • Hip Hop e Músicas Urbanas • Reggae, Ska e Mestizaxe • Electrónica • Música Clásica e Contemporánea • Jazz e Músicas Improvisadas • Música Tradicional Galega • Folque • Músicas do Mundo • Música Infantil • Orquestras, Grupos e Música de Verbena • Coros e Grupos Vocais. As 3 categorías que compiten polo Premio Organistrum son: Salas • Festivais • Espazos de Comunicación Musical. Por último, Músicos ao Vivo recoñecerá a traxectoria dun artista galego co Premio Honorífico Músicos ao Vivo.

O prazo de inscrición é libre e gratuíto e estará aberto ata o 5 de marzo en http://www.premiosmartincodaxdamusica.com/rexistro; lembrade que non fai falta ser socio de Músicos ao Vivo para presentarse, só para votar. Lede a convocatoria completa seguindo esta ligazón e, para máis información, ide ás FAQ.

 

  noticias