• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
izq noticias  

10 PROXECTOS GALEGOS ENTRE OS FINALISTAS DA IX EDICIÓN DOS PREMIOS MIN

10 proxectos galegos entre os finalistas da IX edición dos Premios MIN
16 MARZO 2017

Un xurado popular composto por 118 personalidades do sector musical vén de elixir os 5 nomeados aos Premios da Música Independente en cada categoría de entre os 30 semifinalistas que previamente elixira o público. Entre os finalistas destacan Triángulo de Amor Bizarro e Kase.O con sete nominacións, Belako con cinco e Novedades Carminha con catro. E, en total, atopamos dez artistas e grupos galegos que optan aos premios nalgunha das súas categorías, unha mostra máis do gran momento creativo que vive a música que se fai en Galicia.

Os gañadores desta IX edición dos Premios MIN coñecerémolos o 28 de marzo na gala de entrega que se celebrará no Teatro Nuevo Apolo de Madrid e que se poderá seguir en streaming a través da plataforma Flooxer.

Estes son os dez proxectos galegos finalistas e as categorías ás que optan:

 

Triángulo de Amor Bizarro: Premio Flooxer ao Mellor Álbum do Ano por Salve discordia · Premio Radio 3 ao Mellor Artista · Premio Fundación SGAE á Canción del Año por Baila sumeria · Premio Gibson ao Mellor Álbum de Rock por Salve discordia · Premio Ticketea ao Mellor Directo por Xira Salve Discordia · Premio SAE Institute á Mellor Produción por Salve discordia · Mellor Deseño Gráfico por Salve discordia

Triángulo de Amor Bizarro é sen dúbida unha das bandas galegas de máis éxito e as súas 6 candidaturas nos MIN dan boa proba disto. O seu inconfundible son é froito das psicodélicas mesturas que fan entre música alternativa, indie e rock, o que lles dá esa personalidade que fixo que a revista Rolling Stone os incluíra na lista dos dez grupos máis influentes do rock español. En Salve discordia pode recoñecerse o son estrondoso e extravagante propio da banda, ademais das enigmáticas letras ás veces cargadas de crítica social.

 

Novedades Carminha: Premio Flooxer al Mellor Álbum do Ano por Campeones del mundo · Premio Radio 3 ao Mellor Artista · Mellor Álbum de Pop por Campeones del mundo · Mellor Deseño Gráfico por Campeones del mundo

Para gañar un combate de boxeo, non sempre hai que meter un golpe directo, e iso é o que fixeron os mozos de Novedades Carminha no seu cuarto asalto, Campeones del mundo. Este traballo chega ao punto máis experimental do trío mesturando estilos como hip-hop ou o funk dos 70. Ademais, eles mesmos defíneno como algo sexy e fresco, no que reformulan a súa liña musical por completo. Cancións como LentoQue dios reparta fuerte o Todo bajo el sol rompen cos canons do estilo ao que nos tiña afeitos Novedades Carminha.

 

 

Abe Rábade Trío. Mellor Álbum de Jazz por ONCE

Once (Nuba Records, 2016) non é o undécimo senón o decimosexto álbum de Abe Rábade Trío e, por decimosexta vez, un disco deste trío amósanos quen é o sheriff do condado de Ximonde no mundo do jazz instrumental galego. A súa música conta coa precisión métrica dun reloxo suízo sen perder a fluidez e o preciosismo que adornan as pinceladas sonoras que compoñen o seu microcosmos de poética pintada.

 

Malandrómeda. Mellor Álbum de Hip Hop e Músicas Urbanas por Que cada can lamba o seu carallo

A lenda do rap galego, e en galego, nace en SDC hai máis dunha década. Malandrómeda, composto por Hevi e O Master do Son, publicaron os seus dous últimos LP’s a principios do ano pasado, simultaneamente, da man de Matapadre: Os corenta e oito nomes do inimigo (Matapadre, 2016) e Cada can que lamba o seu carallo (Matapadre, 2016). O primeiro é vangarda e costumbrismo e o segundo, polo que están nomeados, é poesía e intimidade, máis intenso e máis bailable cun flow que os sitúa nos primeiros postos de calquera listado; toda unha representación colorista dunha Galicia global.

 

 

Natalia EnsembleMellor Álbum de Música Clásica por Malher V

A Quinta Sinfonía de Mahler, de Gustav Mahler, é unha obra composta para unha orquestra de máis de 100 músicos; os mozos de Natalia Ensemble, máxicamente, a arranxaron para 17 e, Mahler V (2016) é o resultado. No primeiro movemento destaca a delicadeza das cordas, mentres que os protagonistas no segundo son os solos de violonchelos, encargados de transmitir forza e enerxía. O CD, traballo transgresor e renovador da orixinal de Mahler grazas ao balance entre corda e vento, ven acompañado por un pequeno libro con fotografías dos músicos participantes do ensemble envoltos nunha estética retro, xunto con textos explicativos sobre o proxecto, o disco e as versións de cámara de Mahler.

 

Xoel López. Premio Ticketea ao Mellor Directo por Xira Paramales. La Riviera, 27. Outubro 2016

Máis dun ano levoulle a Xoel López presentar o seu último traballo de estudio Paramales (Esmerarte, 2015), entre concertos, festivais e algún que outro premio. En este trabajo, «rockeiro pero sin ser un disco de rock», segundo o propio artista, conviven sintetizadores ou guitarras eléctricas con melodías folclóricas; 13 cancións que reflicten os estados de ánimo de López bañados en creatividade. Foi tal o éxito desde xira, con despedida na Sala Pelícano (A Coruña), La Riviera (Madrid) e Sala Apolo (Barcelona), que Xoel López decidiu inmortalizar unha das súas actuacións máis emblemáticas. Así nace Xoel López en directo en Joy Eslava (Esmerarte, 2016), un disco publicado exclusivamente en formato dixital, só podedes escoitalo en Spotify, composto por 9 temas pertencentes aos seus dous álbums anteriores e gravados en directo na Joy Eslava de Madrid.

 

MELLOR ÁLBUM EN GALEGO

Canto á categoría que premia ao mellor álbum en lingua galega atopámonos de novo a Malandrómeda polo disco Que cada can lamba o seu carallo, e con eles a:

 

Caxade por E isto é o amor

E isto é o amor (Discos da Máquina, 2016) é o segundo disco de estudio e o terceiro da discografía de Caxade, composto por dez cancións que xogan continuamente co humor, facendo apelacións aos encantos do amor dende diferentes puntos de vista. O single de adianto foi o que da nome ao disco, E isto é o amor. No videoclip dese tema podiamos ver tres bonitas historias de amor entre as que destaca a do home bala e unha moza. Unha vez máis, como nos seus anteriores traballos, Alfonso Caxade e a súa banda conseguen mesturar con éxito o folk tradicional galego cun lado pop e indie.

 

Eladio y Los Seres Queridos por Cantares

Dunha forma ou doutra, toda débeda termina pagándose e Eladio y los Seres Queridos pagan en formato disco. Co seu novo traballo, Cantares (Esmerarte Industrias Creativas, 2016), saldan unha débeda que tiñan coas cancións da súa infancia, esas cancións tradicionais galegas que escoitaban os seus pais, escoitaron eles de cativos e queren que escoiten os seus fillos. Unha humilde e emotiva homenaxe composta por 11 versións das nosas cancións de sempre, desde “Quen puidera namorala” de Luis Emilio Batallán ata “Camariñas” de Anta Seoane, que gravaron ao longo deste ano, sen presas, nin obxectivos, nin orzamentos no seu estudio caseiro ou gravadora en man.

 

Guadi Galego por O mundo está parado

O mundo está parado (Fol Música, 2016) supón unha evolución dentro da carreira musical de Guadi Galego cara a un pop de instrumentación máis sofisticada onde corda e vento conforman un “muro de son” como diría o músico e produtor estadounidense Phil Spector. Ademais, os vídeos que acompañan algúns dos termas son máis conceptuais, alonxándose do videoclip tradicional e neles podemos observar a confrontación do eu vs. a comunidade.

 

Os Amigos dos Músicos por Os Amigos dos Músicos

Os Amigos dos Músicos volven á carga da man de Gran Derby Records cun álbum homónimo, gravado en Estudios A Ponte (Santiago de Compostela), de pop-folk alternativo arraigado na poética da música tradicional galega. O disco, que sucede ao sinxelo A banda (Gran Derby Records, 2016), reivindica unha vez máis a sua faceta como melodistas e creadores de sonoridades en xeral que toman a determinación de fuxir do exceso de estructuralismo musical cara a formas máis sinxelas de escoitar.

izq noticias