• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

A MÚSICA, DANZA E TEATRO GALEGOS VIAXAN POLOS CINCO CONTINENTES

A música, danza e teatro galegos viaxan polos cinco continentes
30 MAIO 2017

Maletas preparadas? Porque xa están publicadas as primeiras adxudicacións da convocatoria de subvencións que a Axencia Galega de Industriais Culturais (AGADIC) destina ás actividades de distribución nas industrias culturais. Grazas a estas axudas, se cofinancian os gastos que asumen os artistas á hora buscar unha maior proxección do seu traballo.

Deste xeito, máis de trescentas actuacións escénicas, concertos e accións de promoción cultural galega se levarán a cabo tanto en escenarios nacionais como internacionais (Alemaña, Alxeria, Australia, Canadá, China, Colombia, Costa Rica, España, EE.UU., Francia, Holanda, México, Noruega, Nova Zelandia, O Salvador, Perú, Polonia, Portugal e Reino Unido).

Entre os beneficiarios atópanse Carlos Núñez, que contou co apoio da AGADIC para a súa xira internacional (EE. UU., Canadá e Holanda), concertos en Madrid e Segovia e os próximos en Biscaia e Francia (Festival de Cornouaille). Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre son outros dos artistas beneficiados que, grazas a esta cofinanciación, xa levaron a súa música a Alxeria, Escocia e Noruega, e demais actuacións que están por vir en Cataluña, Francia (Festival de Lorient) e EE.UU. O violinista Alfonso Franco se presentará en México e Costa Rica; Lydia Botana levará a súa Bolboreta a Cataluña e Francia; Guadi Galego percorrerá Portugal, Cataluña e Madrid coa súa música de autor, e Leilía deleitará no LaborArte de Madrid.

Mercados musicais de referencia internacional, como o Circulart (Colombia), SXSW South by Southwest (EE.UU.), Sounds of the Xity (China) e o Jazzahead (Alemaña), tamén foron testemuña da arte da nosa terra, unha arte que chega ata as antípodas. Formacións escénicas como Pistacatro actuaron en festivais de Nova Zelandia, Australia e Reino Unido; CAIR, en Andalucía, Valencia e País Vasco; e Peter Punk, na Mostra de Pallasos de Xirivella (Valencia).

En danza, adxudicáronse as funcións de Nova Galega de Danza en Perú; de Sólodos en Costa Rica e Albacete; e trasPediante no Salvador e Costa Rica. Pola súa parte, no teatro apóiase a Baobab Teatro, CinemaSticado, Chévere, Galitoon, Ibuprofeno Teatro, Producións Teatráis Excéntricas e Voadora.

Dos 435.000 € cos que se dotou esta convocatoria para as catro categorías (distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia, representación de espectáculos de artes escénicas ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia, asistencia a feiras e mercados culturais fóra de Galicia, e distribución de espectáculos escénicos no territorio da comunidade autónoma), xa se repartiron a metade, aínda que o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 31 de agosto ou ata esgotar orzamento. Polo de agora, a única categoría co crédito esgotado é a destinada á distribución de espectáculos escénicos no territorio autonómico.

  noticias