• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XUÑO

Videoclip Club. Edición de xuño
9 XUÑO 2017


Cada mes os nosos editores escollen cinco novos vídeos de calidade para incorporar ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

Gigante - IGLOO

Cunhas velas de aniversario, así comeza o videoclip de “Gigante”. Igloo celebra 10 anos enriba dos escenarios (parabéns!) con esta obra audiovisual homenaxe aos seus fans e single presentación do seu vindeiro traballo discográfico, Aquellos maravillosos daños. Dirixido e editado por Fran X Rodríguez (I Do Visual) e gravado polo equipo de GlobalSetup e Europrosem, o entrañable vídeo está composto por máis de 200 vídeos. Doscentos vídeos de vivencias persoais que fans arredor do mundo (de Russia a EE.UU.) compartiron: un hyperlapse dun embarazo, un bico, unha festa, unha clase de baile... vídeos que encaixan con planos da banda tocando con sentimento e cariño cada unha das notas. Á celebración dos 10 anos, súmase o galardón do Premio do Público ao Mellor Videoclip na edición deste ano do Festival de Cans por “Restos de un naufragio” que, en marzo, xa gañara o Mestre Mateo.

 

 

 

¡No Puede Ser?Alex Casanova

Cunha estética moi persoal que nos transporta de cheo aos anos 80, Alex Casanova presenta a canción “¡No Puede Ser?”, pertencente ao seu disco Antagonasia (Crispis, 2014). Acompañada dun vídeo moi animado dirixido por Ángel Pardal, rebosando cor e ritmo que nos invita a bailar e no que, igual que nas súas letras, representa un choque. Neste caso o choque atopámolo entre o infatil e o sexual, entre un vídeo moi luminoso e colorido que contrasta cunha letra máis escura, que queda camuflada polo ritmo creado polos múltiples instrumentos que o cantante galego utiliza nas súas cancións, logrando que ninguén poida deixar de moverse.

 

 

 

Nos días do medoDas Kapital

Guerra e industrialización. O videoclip que ilustra “Nos días de medo”, incluído no primeiro álbum de Das Kapital, Ruído negro (Discos da Máquina, 2011), trasnpórtanos a finais dos anos 30, principios dos 40 con imaxes de arquivo. Pequenos clips que provocan unha sensación de desolación similar á dos documentais que resumen os anos da II Guerra Mundial son protagonistas, xunto coa mensaxe reivindicativa da letra e a música industrial, característicos do grupo compostelán. Toda unha banda sonora ao labor dos traballadores nas cadeas de produción propias da época.

 

 

 

Para qué discutir, si lo podemos arreglar a oxtias! - Tronka Jazz Quartet

Desde unha perspectiva moi diferente, Tronka Jazz Quartet presenta un videoclip 360º do temazo “Para qué discutir, si lo podemos arreglar a oxtias!”, gravado nunha sola toma por Willy Prada nunha illa mooooi mooooi lonxana AKA a Illa de Toralla (Vigo). Cun 2CV «descapotao» amarelo e unha cámara 360º, o cuarteto de rock irreverente sorpréndenos con esta obra mestra do audiovisual que só tardaron en gravar 5:04 minutos e sen cortes! Basta xa de razoar, sobra tanto argumento aquí, para que discutir...

 

 

 

Todo va a ir bien - Diarodeverano

En plano secuencia vese como Iago Gordillo, líder de Diariodeverano, vai na procura do resto da banda entre os corredores dunha casa, onde se atopa a varias personaxes en apuros. Dirixido por Lara Capeáns con guión de Gordillo e producido por Drum&Roll Studios, “Todo va a ir bien” é un canto ao máis que autóctono «malo será» que define, desde o principio dos tempos, a nosa idiosincrasia manobreira e adaptativa. O clip, que xa foi seleccionado nas pasadas edicións do Festival de Cans e Primavera do Cine, transmite moita enerxía e bo rollo co que non pararás de moverte.

 

  noticias