NEXO. UN IMPULSO ÁS LINGUAXES MUSICAIS DE RAÍZ DE EUROPA E LATINOAMÉRICA
A Xunta de Galicia forma parte do programa NeXo, impulsado polo British Council e Wales Arts International como laboratorio de creación musical colectiva para a interacción cultural entre Europa e América a través da posta en común de tradicións e linguaxes musicais de Galicia, Gales, Escocia, Arxentina e Uruguai.
Ademais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se integra no proxecto mediante a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), tamén colaboran nesta iniciativa Creative Scotland (Reino Unido) e Fundación SGAE.
A participación artística en NeXo está representada por nove músicos destes territorios, que traballarán xuntos na busca da conexión entre as músicas europeas de raíz atlántica e a música latinoamericana. Farano durante unha experiencia de convivencia creativa, que comezará esta fin de semana en Bos Aires (Arxentina), coa finalidade de inspirar novos camiños para o desenvolvemento, a visibilidade e a promoción das identidades das músicas dos dous continentes.
Os contidos e obxectivos de NeXo foron presentados o martes en Santiago de Compostela nunha rolda de prensa na que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o director da SGAE-Zona Noroeste, Juan Carlos F. Fasero; e os músicos galegos implicados no programa, Xabier Díaz e Fernando Barroso.
Espectáculo posterior en Glasgow e Cardiff
O programa de NeXo está deseñado como un encontro e residencia artística que se desenvolverá en Bos Aires entre os próximos 28 de novembro ao 1 de decembro. Durante estes catro días, nove músicos dos cinco países crearán un repertorio que dialogará coas diversas linguaxes musicais que conforman a identidade de cada territorio. O resultado deste traballo presentarase nun espectáculo o día 21 de xaneiro no marco do célebre festival Celtic Connections, que se celebrará en Glasgow (Escocia), e o día 23 na cidade de Cardiff (Gales).
A dirección artística deste programa corre a cargo de Donald Shaw (Reino Unido), Fer Isella (Latinoamérica) e Rómulo Sanjurjo (Galicia), recoñecidos músicos e produtores. A produción xeral de NeXo é de JAU, empresa galega con sedes na Coruña e Bos Aires.
Representación galega
Respecto dos músicos, Galicia está representada por Fernando Barroso e Xabier Díaz. Fernando Barroso (guitarra e bouzouki) participa en numerosos proxectos do panorama folk de Galicia. Foi membro de Os Cempés e Assembly Point. Forma parte das bandas de Budiño e Riobó e ten producido diferentes traballos, tanto en solitario como co portugués Luis Peixoto, como ‘Pop’ e ‘Trim’, moi recoñecidos pola crítica en España e Portugal. Actualmente ultima un novo disco en solitario.
Pola súa banda, Xabier Díaz (voz e percusión tradicional) compaxina a súa faceta de músico coa investigación do folclore galego. Foi cantante en Nova Galega de Danza e formou parte do grupo Berrogüeto, co que obtivo varios premios. Acaba de presentar ‘The Tambourine Man’, un proxecto moi ambicioso de fusión de tradición e vangarda, con doce cantoras e percusionistas e un set de acordeón e zanfona.
Variedade instrumental
Os músicos dos demais territorios son tamén destacados representantes da música tradicional e de fusión nos seus respectivos contornos culturais. Desde Arxentina participan Fabián Martin (baixo) e María Elía (voz e piano). Por parte de Escocia integran NeXo Finlay MacDonald (gaita e frautas) e Megan Henderson (voz e violín). Desde Uruguai incorporarase Fabián Miodownik (percusión) e representando a Gales, Jordan Williams (voz e frautas) e Gwilym Rhys (voz, guitarra e mandolina).
Ademais da calidade dos compositores e intérpretes que conforman o elenco de artistas, destaca a variedade de estilos e instrumentos, garantindo así a coordinación entre os músicos, a súa complementariedade e a máxima excelencia no resultado final.