11 GALIFORNIA MIX
O verán é a única estación onde podes escoitar cancións de estilos máis dispares sen que ninguén se atreva a xulgarte, pero tamén é a época de temazos novos e outros que nunca esqueceremos e que bailamos un verán tras outro. En GalicianTunes o noso verán soa así!
1. Parrillada de amor - Os da Ría
Amor de verán, esas cóxegas son as que nos lembra a “Parrillada de amor” de Os da Ría, pero non a mítica historia hollywoodiense, senón unha made in Galicia, porque, hai algo máis romántico que alguén che cante que «es o chimichurri do seu churrasco»? Bonus á gracia é ao ritmo cos que cociñan esta «parrillada», que non nos cansamos de bailar e cantar verán tras verán.
2. With My Hands - Furious Monkey House
Co single “With My Hands”, do seu álbum debut Run (Esmerarte, 2015), Furious Monkey House non só demostrou que o rock non entende de idades, tamén fixo que o pequeno gran grupo pontevedrés saltara de liana en liana polos festivais de toda a xeografía española, logrando que nenos e maiores fagan headbanging ao compás das súas guitarras e acadando que o tema se convertera nun dos imprescindibles do pasado verán.
3. Xeado de limón - Alex Casanova
Nunha lista de éxitos do verán tiña que estar o hit de Alex Casanova “Xeado de limón”, incluído en Antagonasia (Crispis, 2014) con vídeo parte do Ukelele Kit Project. O título xa suxire unha letra fresquiña para un día caloroso de verán, unha canción alegre que busca o baile a través do seu ritmo pegadizo. A máis de 30ºC, a quen non se lle antolla un xeado de limón?
4. Aves del paraíso – Estrambote
Quen non foi atacado por unha gaivota nas Illas Cíes? Non sabemos se os de Estrambote se refíren a elas nas súas “Aves de Paraíso”, pertencente ao seu último EP Del paraíso (Discos de Kirlian, 2017), pero o que si sabemos é que o pop-rock psicodélico do grupo vigués é imprescindible nesta listaxe. As súas letras estrambóticas —facendo honra ao seu nome— enganchan desde un principio e a cadencia frenética do temazo fará que peches as noites de verán bailando.
5. Te quiero igual – Novedades Carminha
Se unha coñecida revista nacional publicou un artículo cos 7 motivos polos que “Te quiero igual” ten que ser a canción do verán (e punto), nós non somos quen de levarlle a contraria. E é que non hai festival nin festa tropical que se lles resista ao grupo compostelán, e moito menos si se alían con Alba Galocha. Este verán nos deixaremos a voz gritando xa a súa icónica frase «aínda que che gusten Los Planetas como a todos os puretas...». Sen ofender!
6. Flores, tambores e ilusións – Espiño
Cun corte totalmente estival, o single “Flores, tambores e ilusións” de Espiño estréase cunha fe cega en que se converta en canción do verán, palabra do artista. O tema parte dunha sucesión de acordes propios de calquera tema ska, onde sobresae a combinación da harmonía vocal a tres voces xunto cos diversos efectos sonoros, case tres minutos de canción sobre os movementos sociais actuais cunha cadencia rítmica digna de estar na nosa listaxe.
7. Eres tú- Jeyson Sherlock
De 2014 rescatamos “Eres tú” de Jeyson Sherlock, tema que canta ao amor libre, á tolerancia e aos valores que deberían estar presentes neste verán... e todos! O artista colombiano afincado en Galicia hipnotízanos cos seus movementos de cadeiras, movementos que deixarían coa boca aberta ata a mesmísima Shakira. Ritmos latinos indispensables por aquí e que farán que as nosas cadeiras teñan vida propia.
8. Buscando a superfama – Heredeiros da Crus
América, Panorama, París de Noia, Sintonía, Gran Parada, Olympus... As mellores orquestras de Galicia son as protagonistas do temazo de Heredeiros da Crus, “Buscando a superfama”. Orquestras, verbenas, verán e demasiado rock and roll fan que bailemos ata que o corpo aguante... ou ata que a organización de festas apague as luces.
9. Guaguancó de los violentos – Orquesta Sonoridad
É innegable que «orquestra» e «verán» van xuntos da man. A nosa Orquesta Sonoridad co seu “Guaguancó de los violentos” consegue levarnos á época dourada da salsa cun repertorio de cancións eternas e inesquecibles para encher toda verbena estival que se prece.
10. Qué más da – Yhadira ft. Hugo Torreiro
Gafas de sol, calor, mojitos, baile, praia e electro-latino. Imprescindibles do verán e do tema “¡Qué más da!” de Yhadira e Hugo Torreiro, cheo de bo rollo, alegría e cun elemento que non pode faltar nunha canción do verán: pasos de baile propios para saber como moverte con cada estrofa. Iso si, o baile é facilito por se, como dice a canción, «non sabes bailar».
11. 1 Pokito Pa’ Ti - Boyanka Kostova ft. #PorkasCrew
“1 Pokito Pa’ Ti”, temazo de Boyanka Kostova coa colaboración estelar de #PorkasCrew, teno todo, ten flow, ten party e soborda sabrosura. O dúo de trap galego arríscase co reguetón, «dames», «papis» e twerking incluídos, nun corte que berra domingo estival: churrascada no monte, camisa aberta, peito ao descuberto e ouros, moitos ouros.